28 nov 2008

A censura franquista de libros
X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 28-11-08)


Despois de botarlle unha ollada á exposición "Editar en galego baixo a censura franquista" que, organizada por Xosé Manuel Dasilva, foi inaugurada na Casa Galega da Cultura de Vigo (Fundación Penzol), penso no moito que hai aínda por investigar e divulgar neste material. Seguindo a liña aberta por Abellán, floreceu unha interesante corrente histórica e de crítica literaria centrada no fenómeno da censura franquista e nos efectos ocasionados na literatura castelá e na literatura catalá (non sei se tamén na vasca).
A censura franquista de libros (segundo teño entendido e tamén padecido), divídese en dous períodos. No primeiro, as obras presentadas á censura (na calle Génova de Madrid, que parece ter unha especial vocación inquisitorial) eran examinadas por tres "lectores" que corrixían, tachaban e emitían os respectivos informes. Logo un xefe redactaba a resolución final na que se prohibía a totalidade, se autorizaba ou se suprimían partes da obra. Parece ser que os "lectores" eran anónimos e non se coñecían entre si. O secreto era tal que hoxe ignoramos o nome dos que foron censores ou "lectores" dedicados á vixilancia das letras galegas. A segunda etapa da censura franquista de libros ábrese coa posta en vigor da Lei de Prensa de Fraga Iribarne, que, para algúns, foi aperturista. Cousa, como veremos agora mesmo, completamente falsa.
O Ministerio de Información de Fraga Iribarne abriu un libro de rexistro editorial no que se relataban as editoriais máis de confianza política do Réxime. As editoriais rexistradas e numeradas segundo decisión personal de Fraga Iribarne podían publicar libros sen se someteren á "consulta previa". Ora si, se o libro publicado e distribuído contivese proposicións contrarias aos intereses do goberno e do Réxime podía ser secuestrado, retirado da circulación e os editores e autores procesados.
En canto ás editoriais que non gozaban do privilexio de figuraren no rexistro, seguían obrigadas a pasar os trámites da censura igual ca sempre. Fraga Iribarne non permitiu que Galaxia e as restantes editoriais galegas, a excepción da Val Lemos de Monforte, figurasen no grupo selecto das acollidas no "rexistro editorial". O cal quer decer que para Fraga Iribarne a cuase totalidade das editoriais galegas eran sospeitosas de desafección ao réxime franquista. E penso que non se equivocaba nada, a excepción da Val de Lemos que era inequivocamente antifascista e nacionalista galega.
E aínda había outras censuras. As conferencias culturais tiñan que ser aprobadas, previa presentación do texto ou dun guión pormenorizado, polos Gobernos Civís. Se resultaban desautorizadas non podían celebrarse e se algunha asociaciación se atrevía a facelo, recibía unha boa multa gobernativa ou mesmo era obxecto dun procesamento por parte do Xuzgado de Orde Pública. Aínda me lembro das 50.000 pesetas de multa que lle caíron á Asociación Cultural de Vigo por un coloquio informal e matutino protagonizado por J.L. Aranguren sobre 1968 ¡E da sanción a Manuel María! Determinados oradores nunca ou case nunca eran autorizados a falar en público. Houbo un período no que o mesmo Rector da Universidade de Santiago, García Garrido, prohibía as conferencias dos profesores de Instituto que figuraban na súa propia lista negra.
Naturalmente, nesta ínfima nota non se esgota a historia negra da censura exercida contra a cultura galega. Dos libros que eu publiquei co meu nome, o derradeiro que pasou a censura franquista foi o titulado Con Pólvora e Magnolias e fíxoo en 1976.

8 comentarios:

Mario dijo...

Eu lembro dalgún dos moitos libros que lin sobre a época que había fundadas sospeitas que un dos censores fose un longamente coñecido ex-reitor dunha universidade galega. En calquera caso, sabíase que un dos censores era galegofalante, porque non lle daban colado unha.

O anecdotario da censura dá para unha enciclopedia. Dende o conto "Elipsis" de Ferrín "elidido" da primeira edición (apesar de darlle nome ao libro), até como se deixou pasar o libro "Chile no corazón", en repulsa evidente do golpe de Pinochet, con poemas nas 4 linguas do estado, pero suprimíndolle un par de versos dun poeta galego que dicían algo así como (cito de memoria): cos meus vinte anos/cumpridos no 36.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Que haxa un anecdotario amplísimo implica que non hai un criterio único de intervención censora. Hai numerosos factores (a importancia do autor ou do xénero, a condición relixiosa do censor, a relación estreita entre autor e censor, as enemistades literarias, as vendette) que contribúen a facer complexa a historia da censura no franquismo.

Anónimo dijo...

A min tenme contado Fole mil anécdotas sobor da censura e dos censores de prensa diaria
Como que tomaba café tódolos días con eles.

Anónimo dijo...

Todo isto que conta Ferrín sobre a intervención censora que facía o ministerio de Fraga (amigo, por certo, de Cunqueiro, un dos publicados en Galaxia) non o sabe moita xente que aínda pensa que este paxaro xa era demócrata antes de Franco.
Creo que lin nalgures que era Ben Cho Sei o que en Madrid conspiraba para que determinados libros conseguiran pasar a censura.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Estaban obsesionados co sexo (entendan: algo máis do habitual) máis que con outras cousas. O criterio para eliminar un pasaxe era a resposta fisiolóxica aos estímulos verbais.

Anónimo dijo...

Segun contan, a censura foi brutal porque en a responsabilide última do publicado recaía no censor, que se curaba en saude meténdolle a tixeira a todo aquelo que que cheirara de lonxe a subversivo.
As cousas cambearon, ao parecer, cando a resposabilidade do escrito pasóu a recaer no escritor, mesmo despois de ter pasado o filtro da censura.
Falo de memoria, corríxanme si procede.

Anónimo dijo...

Marcos, non vou poder estar en Ourense o sábado, así que che mando unha aperta por esta vía.
Gonzalo Navaza

Anónimo dijo...

Pois eu si estarei.


Zavana Lozango