6 dic 2008


A antoloxía de 1936

Andoliña 6-12-08

Co título Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada acaba de editarse, 72 anos despois, un proxecto encabezado por Filgueira Valverde, que recibiu a encomenda do Seminario de Estudos Galegos de facer unha ampla Escolma da Lírica Galega en seis volumes. Agora, Ana Acuña e Xesús Alonso Montero ofrécennos a edición do material recollido á altura de 1936, inédito en boa parte dende aquela. A guerra incivil impediu que aquel fermoso soño se fixese antes realidade.
O presente volume, publicado polo Museo de Pontevedra e a Deputación pontevedresa, é, en primeiro lugar, unha merecida homenaxe a Xosé Filgueira Valverde: Alonso Montero subliña o seu valioso labor como gran polígrafo, medievalista e autor desa xoia que en forma de Adral nos deixou en nove deliciosas entregas.
Esta Antoloxía é ademais un documento literario único no que un total de 32 poetas (os convocados foron máis) non só nos ofrecen unha escolma da súa obra, senón tamén datos moi valiosos da súa formación, poéticas e sensibilidades e opinións sobre a lingua, algúns de forma minuciosa como Otero Pedrayo. Noraboa, pois, ás institucións e personalidades que recuperaron este agasallo da palabra.

No hay comentarios: