11 dic 2008


As flores do mal
andoliña 11-12-08

Cando Eduardo Blanco Amor, aínda mozo, decide marchar a América, leva na maleta, contouno el mesmo varias veces case como autopoética, os exemplares da revista ourensá La Centuria e un volume de Les fleurs du mal, de Baudelaire. Naquela altura, ano 1919, o poeta francés era cita habitual na xeración de La Centuria e tamén o sería para os homes de Nós, sobre todo para Otero e Risco.
Conta Gonzalo Allegue na súa biografía do creador de A esmorga que era na casa de Primitivo Rodríguez Sanjurjo onde Risco comentaba os libros de Rubén Darío, Eugènio de Castro, Verlaine, Mallarmé, D"Anunzio, Maeterlinck e Baudelaire, como os sete grandes Risis da India, autores que o ourensán comentaba tamén nas súas columnas de El Miño. Con Blanco Amor escoitaban Xavier Bóveda, Eugenio Montes, Fernández Mazas e outros mozos modernistas.
O ano pasado, a cultura francesa celebrou o sesquicentenario da publicación do poemario de Baudelaire. Agora, a editorial Galaxia, que está a facer un grande esforzo na tradución dos clásicos ó galego, ofrécenos a versión galega e en edición anotada, da man de Gonzalo Navaza, unha auténtica xoia que prestixia e engrandece a nosa cultura.

No hay comentarios: