Mostrando entradas con la etiqueta Blanco Amor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Blanco Amor. Mostrar todas las entradas

22 dic 2008



A MIRADA RETIDA
OS NENOS DE BLANCO AMOR
Marcos Valcárcel

A Eduardo Blanco Amor bastáballe con “A Esmorga” para pasar á historia da literatura galega, pero a súa extraordinaria sensibilidade e formación cultural amosouse como xenial en moitas outras facetas. Como novelista, como poeta, como xornalista, como dramaturgo, como polemista e loitador cultural, etc. Tamén foi un excepcional fotógrafo, como demostran os negativos que se conservan na Biblioteca da Deputación, moitos deles publicados xa en tres libros polo Clube Alexandre Bóveda ou por Galaxia. Nese tesouro hai moitas fotos de nenos, unha das pedras de forza da súa literatura: velaí “Os biosbardos”, “La catedral y el niño” ou “Xente ao lonxe”, entre outras. Fotografou ós nenos de Muros xogando cun carro, ós de Louro coas súas gorras debaixo dun cabaceiro, ó raparigo que tocaba o violín en Compostela co seu pai e tío, etc. Fotos todas inmortais como esta meniña galega retratada nos anos 30, que podería figurar en calquera escolma do retrato fotográfico, ou as monxas cos nenos das palmas (Madrid, finais dos 60) que tan ben define o nacionalcatolicismo da época, vivido con angustia no seu conto “Primeira Comuñón”.

20 dic 2008




Máis fotos do Roteiro A Esmorga

No roteiro da Esmorga do Liceo, o pasado venres, participaron os alumnos do Instituto da Carballeira, como conta a crónica de LVG (máis abaixo). Eu incorporeime ó remate, cunha breve intervención diante da estatua de EBA.
Engado algunhas das fotos que me mandou o amigo Trebolle. Estaban moitos alumnos meus de 2º Bacharelato Ciencias e Letras. Tamén algúns de 4º de ESO, que lles dei o ano pasado: estes tiveron o detalle emotivo de traerme un mural nunha cartulina cun retrato meu, feito por eles, e un texto case poético dedicado ó seu profesor, xesto que por suposto agradecín conmovido (nunha das fotos vese a Leontina, unha alumna, entregándome o mural, que se titula "Botámoste de menos").
Todo isto para concluír, por este e outros detalles, que teño uns alumnos/as que non mos merezo. Graciñas a todos eles.

11 dic 2008


As flores do mal
andoliña 11-12-08

Cando Eduardo Blanco Amor, aínda mozo, decide marchar a América, leva na maleta, contouno el mesmo varias veces case como autopoética, os exemplares da revista ourensá La Centuria e un volume de Les fleurs du mal, de Baudelaire. Naquela altura, ano 1919, o poeta francés era cita habitual na xeración de La Centuria e tamén o sería para os homes de Nós, sobre todo para Otero e Risco.
Conta Gonzalo Allegue na súa biografía do creador de A esmorga que era na casa de Primitivo Rodríguez Sanjurjo onde Risco comentaba os libros de Rubén Darío, Eugènio de Castro, Verlaine, Mallarmé, D"Anunzio, Maeterlinck e Baudelaire, como os sete grandes Risis da India, autores que o ourensán comentaba tamén nas súas columnas de El Miño. Con Blanco Amor escoitaban Xavier Bóveda, Eugenio Montes, Fernández Mazas e outros mozos modernistas.
O ano pasado, a cultura francesa celebrou o sesquicentenario da publicación do poemario de Baudelaire. Agora, a editorial Galaxia, que está a facer un grande esforzo na tradución dos clásicos ó galego, ofrécenos a versión galega e en edición anotada, da man de Gonzalo Navaza, unha auténtica xoia que prestixia e engrandece a nosa cultura.

13 jul 2008


Continente Blanco Amor.
A Mirada Retida, La Región 13-7-08.

Achegarse á obra de Eduardo Blanco Amor é penetrar nun continente esplendoroso: a súa narrativa, poesía, teatro, xornalismo, en galego e en castelán. Tamén puido ser un gran pintor. Porque foi un fotógrafo excepcional: quedou demostrado en 1993 cando no Clube Cultural Alexandre Bóveda publicamos un volume coas súas fotografías, que se gardan na Biblioteca de Autores da Deputación. Despois houbo máis libros e máis fotos recuperadas, como esta vista das Tres Pontes aurienses, reproducida en “A ollada do desexo” (Galaxia). Tres planos espaciais, tres luces contrastadas, coa Ponte Vella envolta en húmidas néboas, tres tempos dunha longa historia: dende o mundo romano á Idade Media, dende a Ponte Nova de comezos do XX ó Viaducto do ferrocarril de mediados desa centuria. Hai toda unha filosofía da ourensanidade implícita nesta fermosa imaxe, estantía, indeleble: se somos quen de concentrarnos e entrar nela, ata poderemos camiñar polas beiras do Miño en compaña do misterioso Bartomeu, loiro e ollos azuis, desaparecido nun conto de “Os Biosbardos”.

22 may 2008

Noxo. (Pan por Pan 22 maio)
Imaxe: "Angustia", de Siqueiros.

“O noxo” é un excepcional conto de Blanco Amor, do libro “Os biosbardos”. E noxo sentimos tamén ó ler certas novas no xornal: por exemplo, ese xuízo contra un individuo que abusou dunha rapaza de dez anos, a cal quedou logo embarazada. É fácil imaxinar polo que tivo que pasar esa rapaza e a súa nai, chegadas dende fóra. Pero, á marxe da sentenza, que non podo valorar en termos xurídicos, é indignante a estratexia da defensa do acusado neste caso: afirmando que o adulto foi seducido pola nena (por unha nena de dez anos ?) e que a cousa non ten maior importancia porque é habitual no seu país de orixe. O acusado, colombiano, afirma que tal cousa, ter relacións cunha nena, é case o normal no seu país, que é tamén a terra de orixe da nena vítima e da súa nai. Se hai asociacións de inmigrantes colombianos ou suramericanos, xa deberían estar xa denunciando tal agravio. Digo eu.

19 may 2008

axenda: Antón Tovar
Peche do VI ciclo Visións de Galicia no Liceo
(Esta foto de A. Tovar en Castro de Beiro é, como todo o mundo sabe, da autoría de Blanco Amor)

Conferencia de Marcos Valcárcel sobre a personalidade poética e vital de Antón Tovar, o gran poeta e diarista (20,15 h.)

Ó tempo, teño pensado facer unha pequena síntese de toda a poesía de posguerra galega (para dar unha visión de conxunto, no remate do ciclo) e, se hai tempo, tamén un pequeno percorrido visual por ese momento histórico das nosas letras.

3 abr 2008


Facendo memoria...
(Foto Pepe Trebolle)

Facendo memoria, reconstrúo os nomes dos que colaboraron na xénese do Roteiro A Esmorga de Blanco Amor, a mediados dos 90 (excusas se esquecín a alguén, aínda se pode corrixir).
A minihistoria do Roteiro xa está na Ourensanía, na súa imaxe e entrada 120. Concello de Ourense e Deputación colaboraron tamén nesa andaina.

31 mar 2008

O amor desactiva a rexión do cerebro encargada de criticar o ser querido
Unha investigación revela que se para a zona do cerebro encargada do xuízo social e da avaliación das persoas (Vía Tacho. Texto completo en Comentarios).

10 feb 2008


De putas e de letras, de Luís González Tosar (ECG 10-2-08) Na imaxe, a Nana, de Manet.

Nesa impresionante arquitectura literaria que é A esmorga, elevada a obra de arte por un escritor do xenio e da valía de Eduardo Blanco-Amor, aparecen personaxes da marxinalidade social que anteriormente nin existían para o sistema literario de noso. Non me refiro á tan levada e traída homosexualidade de Eladio Vilarchao, O Milhomes, falo da inclusión das prostitutas, as churrianas "de a peso e de a peseta" das casas de lenocinio de Auria. Velaí como un asunto tan novelesco, lembremos Naná de Emile Zola, as aventuras dunha puta no París do XIX, que tamén trataron Alexandre Dumas, Arthur Golden, Nagib Mahfuz e outros moitos e que reclamou a atención de grandes escritores e poetas; desde Tolstoi, quen con máis de oitenta anos dicía que non estaba disposto a deixar os burdeis, a autores que sabían moito de putería, como Fernando de Rojas, autor de La Celestina, no XVI, Cervantes, Baudelaire e unha longa lista que chega a García Márquez, Vargas Llosa, José Donoso, Bioy Casares, Onetti, Gálvez, Augusto D'Halmar, e aos galego-cubanos Carlos Montenegro e Lino Novás Calvo.
Tense dito nalgures que non hai no mundo ningún prostíbulo que xunte a tantas "mulleres da vida" coma unha boa biblioteca. Europeas, orientais, americanas do sur e do norte, africanas, todas elas grandes señoras, vilmente explotadas, que inspiraron, ao longo da historia da humanidade, novas palabras; abonda coa súa propia designación: putas, chicas fáciles, visitadoras, geishas, meretrices, mulleres da rúa, cortesanas, jineteras, rameiras, furcias, pelandruscas, fulanas, busconas... Así até encher páxinas; libros enteiros.

3 feb 2008




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1993: O ANO DE BLANCO AMOR

Dedicóuselle a Eduardo Blanco Amor o Día das Letras Galegas no 1993 e pódese dicir que foi o ano do autor ourensán polo relevo dos actos celebrados e a bibliografía aparecida. Entre os libros, imprescindibles a excelente biografía de Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz ausente (Nigra), e o magnífico estudo de Xavier Carro, A obra literaria de EBA (Galaxia). Ademais recuperáronse os textos A escadeira de Jacob, editado por Anxo Tarrío e este mesmo crítico preparou Primeiras experiencias narrativas de EBA. Tamén se editaron algúns dos seus artigos (Luís Pérez) e parte do seu labor fotográfico (EBA fotógrafo, Clube Cultural Alexandre Bóveda, Ourense). A engadir unha boa Fotobiografía, preparada por Allegue e V. Freixanes; o volume colectivo Sempre en Auria (Xerais), outro da Universidade de Santiago e o monográfico de A Nosa Terra Letra, terra e liberdade. Publicáronse tamén traballos de Francisco Rodríguez, Fernández del Riego, Antón Capelán, Manuel Forcadela, Maximino Cacheiro, Andrés Pociña, Xosé M. Sasilva, María Carme Ares, Xosé M. Enríquez e Xosé María Dobarro, entre outros (tamén deste cronista).

No campo da narrativa, subliñemos a recuperación en Galaxia de dous textos de Otero Pedrayo, Xelmírez (preparado por R. Mariño) e Narrativa breve (por X.Mª Gómez Clemente), ademais da triloxía Charamuscas, de Neira Vilas, que abrangue as novelas Lar, Nai e Pan, con debuxos de Siro, X. Balboa e X.L. de Dios. Víctor Freixanes sacaba outra das súas grandes novelas, A cidade dos Césares, ambientada na colonización da Patagonia do século XVIII, e Suso de Toro, Tic-Tac (Ed. B), unha das súas obras máis relevantes e un punto de inflexión na súa carreira literaria. No rexistro da novela de iniciación podería enmarcarse Os leopardos da lúa (Galaxia), de Ramiro Fonte.A narrativa negra estaba de moda. Vexan. En Sotelo Blanco, Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar. En Xerais, Tránsito dos gramáticos, de Marilar Aleixandre, finalista do premio Xerais. Ou Un lugar tranquilo (Nigra), de Benito Leiro Conde, ambientada no mundo da droga e o contrabando nas Rías Baixas. César Cunqueiro estreábase na narrativa con Beatum corpus (Ir Indo), retorno ó paraíso da infancia, e tamén facía a súa incursión na narrativa Miguel Vázquez Freire con Galería de esquecidos. Manuel Rivas publicaba En salvaxe compaña e tamén en Xerais aparecían a primeira novela de Carlos Mella, Bieito, Bieito; a segunda novela de Fernández Naval, Tempo de crepúsculo, e a do xornalista portugués Jose Viale Moutinho, Camiñando sobre as augas. Do mesmo ano son Xente de mala morte, de Afonso Álvarez Cáccamo; Pleno ordinario, de E. Valadé del Río; Outros heroes (Positivas), de Xavier López Rodríguez; e Corpo canso (Ir Indo), de M. Riveiro Loureiro. Na narrativa xuvenil, As viaxes do príncipe Azul, de Darío Xoán Cabana; Os Mornias, de Lola González; a reedición de As laranxas de Casares e traducións de O. Wilde, A. Andersch, Kenneth. Grahame e o bestseller nos colexios que foi Eu tamén son maniática, de A.Macpherson e A. Macfarlane.

10 dic 2007


BLANCO AMOR E A MEMORIA DA CIDADE (e 2)
Continuación do artigo do 3-XII. La Región. Imaxe: El Orense Perdurable, Conde Corbal.
A mesma realidade urbana que vimos en A esmorga aparece reflectida en La catedral y el niño, Os Biosbardos ou Xente ao lonxe. Ás veces a definición dos espazos urbanos sérvelle ó autor para marcar o perfil dunha cidade que gardaba aínda fortes xerarquías no seu plano físico, como manifestacións dun clasismo que viña de moi vello; así no inicio do conto A arrasadeira, cando nos lembra que os mozos do pobo non entraban no paseo do medio, porque “era o do señorío”.
Véxase o papel simbólico da igrexa de Santa Eufemia no conto Primeira Comunión ou o retrato dun día de Corpus en Auria arredor da Praza Maior, a rúa da Paz, a Praza da Verdura e a Fonte Nova, rúa de Alba, a Travesía, Progreso, para rematar nos espazos sagrados das igrexas de Santa María Madre, a Trinidade e Santa Eufemia ou no cemiterio de San Francisco (O estreno). Tamén son identificables os lugares da liberdade e da transgresión, recunchos que escapaban o peso abafante das xerarquías dominantes na cidade; velaí no remate do conto O estreno o papel do Campo dos Remedios, territorio da ilusión do rapaz namorado, ou a fuga dos mozos de A arrasadeira polas terras de Oira, Peliquín, Cudeiro, realidade transustanciada desde o mundo onírico do protagonista.
O mesmo simbolismo encerra o Campo dos Remedios como lugar de concentración das organizacións agrarias e sindicatos obreiros no remate de Xente ao lonxe. As mobilizacións obreiras permitían vivir a ilusión, sequera por un día, da posesión real da cidade polos obreiros e campesiños, cando as clases fidalgas e o Bispo marchaban para os seus aposentos extraurbanos, á espera de que pasase a marea popular. No resto dos días os obreiros retirábanse “pra os arrabaldos de casas de pallabarros onde vivían os máis dos traballadores”. Entre os territorios propios figuran tamén a Escola Laica e as asembleas obreiras en casas particulares (a Casa del Pueblo non se inauguraría ata maio de 1929).
Téñase en conta, ademais, que EBA escribe sobre o pasado, mesmo un pasado arredado, pero sen esquecer nunca un presente que en paralelo empezaba a debuxar posibilidades reais de democracia e liberdade. Como sinalan Mª Victoria Moreno e Xesús Rábade, os sucesos de Oseira, contados en 1973, facían relembrar necesariamente as loitas labregas aínda recentes en Castrelo de Miño e, aínda de forma máis evidente, a apoteose obreira de Xente ao lonxe ten moito que ver tamén coas loitas obreiras e a organización sindical galegas de fin do franquismo e particularmente co pulo das grandes folgas obreiras en Vigo e Ferrol no ano 1972, moi pouco antes da publicación da novela.
Moitos outros espazos simbólicos aparecen nos contos e novelas de EBA: O Posío, a Praza de Abastos, a Praza do Trigo, o río Barbaña, o camiño de Seixalbo e as proximidades do Cumial, etc.. Realmente ningún lugar significativo da cidade daquela época está ausente do microcosmos blancoamoriano. Existe outro Ourense desde que Eduardo Blanco Amor pisou as pedras de Auria e, sobre todo, desde que, moitas décadas despois, desde América, recreou na súa memoria un espazo literario novo, que xa é tan ou máis auténtico que o Ourense histórico daqueles días.

7 dic 2007


Clotilde Iglesias lembra a Blanco Amor (Ourense, 4 decembro 2007)
Dedico este texto, que me pasou Monxardín, a Déborah Campos e a Ana Miranda.

Señoras e señores; dignísimas autoridades, mestres e alumnos do Instituto Eduardo Blanco Amor e dos outros da cidade, amigos e amigas todos.
Agradezo a deferencia que me fai o Pen Clube de Galicia a través de Don Luís González Tosar, que coñece a miña amizade co noso ben querido Eduardo Blanco Amor, e confía en min a responsabilidade de falar neste acto en lembranza do pasamento –xa van 28 anos- de Eduardo Blanco Amor.

Voulles falar sobre todo aos mozos e mozas que non tiveron a sorte, por cuestións xeracionais e cronolóxicas, de telo como conferenciante, como mestre o simplemente como conversador de extrarodinario voo.
Era eu moi cativa -12 ou 13 anos tiña daquela- cando lle preguntei a meu pai ¿Qué é un autodidata? E constestoume: Pois un autodidacta é aquel no que os seus coñecemento foron feitos sen axuda de ninguén. ¿Sabes quen é autodidacta? , Pois EBA.

Coñecíanse de moito tempo atrás, dende que Eduardo estivo na Arxentina na década do 30, cando era Vicecónsul Xeral de España, na Segunda República. Foi logo colaborador do diario La Nación de Buenos Aires, era máis que notable orador, dotado dunha fina ironía, cun extraordinario sentido do humor que en calquera reunión social acaparaba a atención de todos os presentes, era en definitiva, unha persoa dunha cultura e coñecementos extraordinarios.

Levábase moi ben coa miña nai, pois dicía que ela era a muller indicada para un artista como meu pai, que foi o actor máis importante na emigracion e era coñecido como “Tacholas” e que fixo estrea mundial en Bos Aires, xa que foi elixido polo autor, o esgrevio Castelao, para facer os papeis de A morte e Ramonciño na súa obra “Os vellos non deben de namorarse”.

Desde moi peqeuna lembro a Eduardo connosco, pois houbo datas en que fixemos os veraneos xuntos nas praias de Piriápolis, no Uruguai. De alí gardo unha foto moi graciosa, pois no intre de quitala, fíxenlle pi-pi na perna dereita e ambas expresións –a sua e a miña- ficaron para sempre na foto. Eu daquela tiña ano e medio… Logo cos anos, xocosamente mo botou en cara...

Cando un é mozo -e nisto é no quero facer fincapé nas miñas palabras- deixa pasar diante un intres dos que logo te arrepintes; pois as xentes maiores sobre todo os profesores, sempre teñen cousas para ensinarvos, non por seren máis ca os mozos senón simplemente, por teren máis anos vividos.
Isto pasou, certamente, coa miña xeración na Arxentina. Alí tiñamos nomes tan esgrevios ao noso lado que non lles dabamos a importancia que tiñan e logo, cos anos, cando xa non os tiñamos preto de nós, sentiamos saudades deles e daqueles días. Algún deses nomes, como o que hoxe nos convoca, son para vós, nomes de rúas ou institutos, ou lecturas obrigatorias na escola…

Pero daquela, na miña mocidade porteña, eran algo máis. Como Eduardo Blanco Amor, do que eramos discípulos das súas clases de lingua e literatura galegas… lembro o primeiro ano das clases –debía ser 1960- en que nos deu para traballar o libro “Merlín e familia” de Alvaro Cunqueiro. As clases eran organizadas pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos –onde estaba tamén connosco Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas- e dabamos recitais de poesía… Sempre lembro aquelas tardiñas dos ensaios en que levabamos para o intre do descanso todo tipo de pasteis e bebidas ao punto de que a Blanco Amor lle gustaba chamarlle a estas xuntanzas, “reuniones lírico-gastronómicas”.
Unha vez estando aquí en Auria –por usar o seu nome blancoamoriano- no ano 1963, díxome que lle tiraran as cartas do tarot e que voltaría definitivamente á terra; e así foi, dous anos despois…
Tiña anceios moi fondos para que isto, a volta a Galicia, se convertise en realidade… Pero non chegou a vivir plenamente satisfeito no regreso. Se cadra esperaba máis do que era posible ou se cadra o país, os seus intelectuais, non foron con el o xenerosos que debían… en calquera caso, merecer mereceu moito, polo seu traballo incansable e ilusionado xunto cos outros emigrantes e exiliados na diáspora para manter ergueito o facho da cultura galega e da lingua no lugar que non debeu perder endexamais.

En moitas tarefas participou: na fundación da AGUEA –Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas-, na direccion das revistas Galicia do Centro Galego e do xornal do mesmo nome da Federación de Sociedades Galegas… e ben antes xa na fundación da revista “Terra” a semellanza do Nós de Ourense e baixo o maxisterio de Vicente Risco… Pero como home moderno, tivo audicións de radio desde a época dos anos trinta e foi padriño inaugural do programa La Voz de Galicia que dirixia meu pai e cuxo discurso de apertura, está no Arquivo Sonoro de Galicia, grazas ás xestións que o amigo Afonso Monxardín fixo para a tal fin, ata convencerme, hai xa ben de anos, en Bos Aires.
Xa sabedes que Blanco Amor dedicou unha parte moi importante da súa obra a escribir sobre o tema de Ourense, con novelas en galego e castelán. Unha delas, case descoñecida do grande público, La Catedral y el niño, é unha xoia e sería boa eleccion para vós, pois fai unhas acaidas descricións do Ourense antigo... Ou a Esmorga, ese húmido deambular marxinal pola cidade vella e arredores... ou A Xente ao Lonxe, nese agormar da sociedade contemporanea e da conciencia social nos inicios do XX... Ao mellor, entre os personaxes reais que cita, se pode atopar o nome dalgún dos vosos avós...

O seu talento era ilimitado para describir situacións e relatalas cunha prosa fascinante. Era creador con palabras e de palabras.
Cando ergueu da nada o Teatro Popular Galego, soubo que a filla do seu amigo Tacholas, ou sexa eu, estudaba na Escola de Belas Artes, e pediume que fixera a escenografía para as obras.... Eu tiña medo, pois sempre foi moi esixente... e un pouco rabudo. A pesar de todo, non podía negarme. E aceptou as miñas propostas e a montou de acordo ao proxecto, o que para min foi unha grande ledicia.

Unha tardiña do ano 1965, no Centro Galego de Bos Aires, atopeino especialmente ledo. Pergunteille e díxomo. Voltaba á terra para quedar. Despedímonos cun bico e apertas tensas. Non o vin nunca máis. Nunca estiven tan perto del como agora.
Eduardo, para ti esta lembranza da túa Clota, como gustabas de me chamar, coas saudades da Galicia de máis alá do mar e, se cadra, de máis alá do tempo.

Na homenaxe a Blanco Amor, no cimiterio de San Francisco (texto de Gabriel Gavela, do IES As Lagoas)
Imaxe de V. Brauner, 1945.

E a cidade abríase aos ollos dos novos poboadores. Afillados dunha metrópole enfastiada de novas tendencias, non son máis que homes e mulleres sen outra pretensión que unha pequena reforma nas súas angueiras máis intrínsecas. A urbe porfíllaos debido a esa inercia estúpida de comprensión e solidariedade característica de pobos afeitos a migracións eternas. Pero esa aceptación trastórnase no intre mesmo da manifestación da identidade. Eis o porqué da exclusión do foráneo. Todo depende do teu devir como un elemento máis da cidade. Se aceptas os acordos xa supostos e argumentados, converxes xunto co resto dos habitantes sen problema ningún. Mais, de teres un espírito desbotado e unha actitude de rebeldía, escusas cismar en reflexións creativas e innovadoras, porque a cidade non permite excesos.

Dicía Blanco Amor: “Ourense apértame como un zapato ás xaponesas.” “É unha cidade con virtudes, pero están dispersas.” E non serven para nada, porque “Ourense non se propuxo facer positivas esas virtudes.” “Ourense non ten destino”.

Algo semellante comentaban os neoprovistas. Falaban da importancia da conciencia clara e esperta. Conciencia esperta. Afirmaba Blanco Amor, cal Sócrates en Atenas, que os deuses puxérano sobre Auria como un tabán sobre un nobre cabalo: para picala e mantela esperta. E morrendo o escritor, morría o espertar.

Dez átomos de carbono e oito de hidróxeno conforman a molécula de naftalina, veleno de couza presente en todas as asociacións culturais, en todas as honras a seres inexistentes. A política aprópiase da cultura, e a cultura colle forma de boneca inchable á que todo insigne persoeiro gostaría deleitar, mais remata desdeñada no silencio colectivo.

Falaba Blanco Amor nun seu artigo do ano 69, dun debuxo de Castelao no que aparecían dous homes conversando nunha rúa.
- Quen é ise? - dicíalle un ao outro.
- Non sei.
- Entón vámoslle a botar un homenaxe.

As homenaxes son actos da época feudal, que naceron das relacións de vasalaxe, mais quedaron embutidos como ritual das tribos máis selectas para gorentar aos homenaxeados que, normalmente, xa teñen sido relados polos bichocos da terra.

Ría Aaylah Assumpta, muller sahariana ideóloga do neoprovismo, das nosas estúpidas neuroses occidentais, das nosas bágoas superficiais, da nosa intelligentsia local rifándose a xenialidade, dos persoeiros que aproveitan a opacidade da cidade e propulsan a súa actitude prepotente.

“Unha tarefa intelectual non é unicamente monólogo e soidade”, sentenciou o Blanco Amor. E laiábase, asemade, da súa cidade. “Ourense e para min o que para os gregos a moira, a fatalidade, que persegue aos heroes ata acabar con eles”.

E aínda non morreu o conto, nin morrerá mentres as mentes sexan esféricas e cortadas en imperfectos cuarteiróns que os homes que gobernan a cidade comen gostosos canda un iogur un pouco de pan de Cea.

6 dic 2007


BLANCO AMOR, ENGAIOLADO
Andoliña xoves 6 decembro

O martes pasado, no programa da cuarta homenaxe a Blanco Amor, organizados polo PEN Club en Auria, tiñamos un acto previsto diante da súa estatua na praza do Bispo Cesáreo (si, o mesmo bispo que denunciou a Curros). Cando chegamos aló, quedamos todos abraiados, organizadores e estudantes: o Eduardo estaba encadeado, engaiolado entre cables de luces de colores e estreliñas de nadal.
O escultor Xosé Cid, autor do monumento, xa quería escapar de alí avergoñado pola falta de respecto ó patrimonio monumental. Por sorte, a concelleira de cultura, a nacionalista Isabel Pérez, reaccionou enérxica e en menos dunha hora localizou ós culpables daquela trangallada e mandou desmontar aquela estrutura impertinente: non era o lugar, dende logo. Só lle faltaba un Papa Noel bailando ó seu carón.
A cousa deu que falar. Dalgún xeito, o Eduardo segue a protagonizar anécdotas e brincadeiras despois de morto. Un meu amigo, Xohán da Coba, vendo en positivo a cousa, di que o Blanco Amor parecía asolagado nunha esfera armilar, no centro do mundo: o ónfalos. Pero o escritor xa é centro per se, sen luceciñas decorativas. Os adobíos comerciais, se queren, mellor na fachada do Corte Inglés.

5 dic 2007


Eduardo, homenaxe e desagravio
Andoliña mércores 5 decembro. Na imaxe, a portada de Díaz Pardo para unha das súas grandes novelas.

Hai xa moitos anos, o Luís González Tosar, amigo de vello, faloume da necesidade de que Ourense lle fixese un recoñecemento relevante a Eduardo Blanco Amor como desagravio ó desprezo e indiferenza con que foi tratado en vida por certos sectores. O PEN Club galego que el preside púxose en marcha e levamos xa catro anos celebrando unha fermosa homenaxe, que comeza no cemiterio de San Francisco, coa colaboración dos institutos da cidade, empezando polo que leva o seu nome, tal como lle gustaría ó Eduardo. Onte contamos ademais coa participación nestes actos de Clotilde Iglesias, filla de Tacholas e discípula de Blanco Amor en Buenos Aires.O balance do realizado non é malo: unha edición escolar de A Esmorga, un monumento a Blanco Amor no centro da cidade, a recuperación da súa poesía amatoria en castelán en Ars Amandi, coa colaboración da Deputación ourensá nos tres casos. Onte, o Concello anunciou un premio de investigación e outro de relatos da mocidade na súa lembranza. Todo iso non é pouca cousa. Pero a mellor homenaxe é axuntar máis dun cento de rapaces arredor da figura de Blanco Amor. É de xustiza: porque Blanco Amor merece todo iso e moito máis.
Blanco Amor encadeado (Foto José Luís Troitiña)

Así nos tiñan hoxe a Blanco Amor na Alameda, na praza bispo Cesáreo, encadeado, engaiolado entre un sarillo de cables e luces. O responsable: unha empresa de iluminación do nadal contratado polos comerciantes (a mesma empresa que lle levou o ano pasado un balcón ó Liceo cuns cables e este ano aplastou un coche en Sto. Domingo coas mesmas).

Por sorte a concelleira de cultura, Isabel Pérez, foi enérxica e resolveu o desaguisado mandando desmontar todo ( a concelleira "da liberación de EBA" chamaríalle logo o Luís Tosar). Alí fixemos o segundo acto da homenaxe a EBA con lectura de textos de alumnos do IES Blanco Amor e unha intervención de Xosé Luís Díaz Leyes, director do centro, que relembrou como coñeceu ó escritor a través de María do Carmo Enríquez Salido. Tocoume rematar a faena e optei por improvisar, nuns dez ou doce minutos, un breve discurso sobre o Blanco Amor home, escritor (en todos os xéneros) e cidadán, deixando caer algunha anécdota inédita ata hoxe. Non debeu estar mal pois chovéronme as felicitacións e a tardiña xa entraba no lusco fusco. Coa desmontaxe rematamos case ás sete. Tamén andaban por alí Xosé Cid, o escultor autor da peza; Xosé C. Caneiro e a concelleira de educación, a socialista Ana Garrido; o poeta Víctor Campio; Pepe Trebolle, etc., entre un grupo de 30-40 persoas.

O eterno exilio de EBA

Nesta reportaxe de El País, a xornalista Cristina Huete recolle con acerto unha parte das miñas declaracións e mesmo o espírito da miña intervención onte pola tarde, diante do EBA xa liberado das estreliñas do nadal. Todo o que segue está sacado das miñas declaracións a C.H.:

Como glosaría después el historiador Marcos Valcárcel, "fue un hombre que tuvo a gala su libertad y el consecuente precio de soledad que hay que pagar por ella". Y fue también un polemista, un hombre de carácter que se enfrentó a los poderes fácticos del tardofranquismo orensano, al mundo cultural oficial representado entonces por Otero Pedrayo y hasta a los comerciantes "que venden libros como si fueran chorizos". (...) Sus tonalidades las desveló Valcárcel quien, sin embargo, apenas le trató. Sobre su perfil, dejó claro que Blanco Amor "estaba completamente seguro de su valía; sabía que era uno de los grandes, era consciente de que A Esmorga iba a pasar a la historia de la Literatura como una de las cuatro piezas maestras del siglo XX".

Pero el acto de ayer intentó recuperar al Blanco Amor poeta "de una calidad enorme aunque oscurecida por su prosa", al dramaturgo empeñado en un papel didáctico "con los campesinos prácticamente analfabetos de Argentina" y al ciudadano comprometido, galleguista y republicano que participaba de los actos del Partido Comunista. Y, junto a ellos, al homosexual igualmente comprometido que en la última entrevista, concedida a Maribel Outeiriño en La Región, contestó a la pregunta de "¿por qué vale la pena salir a la calle ahora?" con un rotundo: "Por el estatuto de autonomía y por la abolición de la ley de peligrosidad social", saliendo del armario en una época en la que aún mandaba el riguroso blanco y negro.

4 dic 2007







No cemiterio de San Francisco, con EBA

Noraboa a todos os alumnos e alumnas dos Institutos Blanco Amor, As Lagoas e A Carballeira que participaron neste acto.
Noraboa ás dúas alumnas do IES Blanco Amor (non teño aquí os nomes), que acudiron coa súa profesora Soedade, polo texto que leron sobre o "cabaleiro medieval" Eduardo Blanco Amor.
Noraboa a Sandra Campos e Laura Blanco, do IES A Carballeira, polo seu traballo sobre os espazos ourensáns de Blanco Amor.
Noraboa a Gabriel Gavela (fillo de dous amigos, Antón e Rita), do IES As Lagoas (que acudiron co seu profesor, Carlos Varela), polo fermoso texto, tan literario e tan crítico (coa cultura oficial), que preparou para este acto: mágoa que se escaquease e llo mandase ler a un compañeiro (despois apareceu el por alí).
E grazas a Pepe Trebolle pola súa rapidez e xenerosidade de pasarnos estas fotos (clicando nelas pódense ampliar).
Nas imaxes, da abaixo enriba: 1.A bufanda de EBA, inmortalizada en bronce por Acisclo Manzano. 2. Grupo de 2º Bacharelato IES A Carballeira, co seu profesor. 3. Intervención de Clotilde Iglesias na homenaxe. 4. De novo o grupo de A Carballeira.

3 dic 2007


Blanco Amor e a memoria da cidade (I)



Foto: EBA en Santiago de Chile (1952)
IV Xornada de Homenaxe a Eduardo Blanco Amor
Programa, Auria 4 decembro 2007
12 h. Cemiterio de San Francisco. Participan Luís González Tosar (presidente PEN Galicia), Clotilde Iglesias (discípula de EBA, da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos) e de alumnos/as de catro institutos da cidade. A seguir haberá outras intervencións de cargos políticos (Deputación, concellería de cultura, tenencia de alcaldía).
17 h. Homenaxe do IES Eduardo Blanco Amor diante da estatua do escritor, nos xardíns da Alameda. Participarán o director deste centro, Xosé Luís Díaz Leyes, e Marcos Valcárcel.
19,30. Presentación no Liceo do libro ARS AMANDI, de EBA. Intervirán os críticos e profesores Luciano Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez e José Luís García Martín, poeta, crítico e profesor da Univ. de Oviedo.

22 sept 2007

Tecendo fíos invisibles con palabras...
(Foto: EBA en Mar del Plata, Arxentina, 1927)

Hai uns meses recibín un convite de Fíos Invisibles para subliñar as obras máis representativas da literatura galega para un grupo de novos lectores, que ata entón descoñecían ese mundo. Envieille a miña proposta razoada e aberta a calquera tipo de debates. Agora a encantadora tecedora de Fíos Invisibles infórmame de que ese grupo de lectores/as está en marcha e mesmo de que chegaron aló novas do Roteiro de A Esmorga, do que xa temos falado aquí. E dos libros que están a ler agora e no futuro inmediato. Como mostra do seu entusiasmo e intelixencia, transcribo aquí os seus correos de onte (co seu permiso) como mostra de que a cultura galega está plenamente viva alí onde hai unha alma ilusionada capaz de afrontar todas as dificultades:

21 setembro (4,47 pm)
Ola Marcos!
levo dende o sábado pasado con gañas, pero sen tempo, de contarche unha pequena historia. Ese día, pola tarde, xuntámonos os integrantes das tertulias literarias en galego no Café Tortoni como facemos unha vez ao mes. A novela desa xornada era O bosque das antas, de Francisco Fernandez Naval e, como non podía ser doutro xeito, Ourense e o Miño levaron o seu tempo e dedicación. Había lembranzas e referencias que xurdían dos homes e mulleres alí reunidos, cando pediu a palabra María Rosa Iglesias, unha compostelá que emigrou cos pais aos 5 anos e que chegaba nestes días dunha viaxe de dous meses por Galiza. Eses retornos, aínda sen ser os primeiros, merecen un traballo que algunha vez chegará. Este ven ao fío porque María Rosa contou ilusionada e agradecida que a cidade de Ourense tivera uns carteis nos que se lembraba a Eduardo Blanco Amor. Deume moito orgullo e ledicia falar do Roteiro Blanco Amor (eses eran os carteis que vira a nosa compañeira, sen coñecer o traballo completo no que se engarzaban) e falar dos seus ideólogos. O noso percorrido deste ano non inclúe novelas ou contos de EBA porque o asunto é a nova narrativa galega (co matiz que iso de "nova" pode ter aquí). Pero xa chegará o tempo para voltar ao maxistral don Eduardo. Mentres, o roteiro foi unha bonita descuberta e tamén estiveches presente no material de axuda que compendiamos para colaborar coa lectura da novela de Fernandez Naval. Maneiras da presenza ao lonxe.
Apertas moitas, Débora Campos

21 setembro (5,25 pm)
Benquerida amiga:
Sempre quedo sorprendido da túa cordialidade e do entusiasmo coa nosa cultura. Canto me alegra que o Roteiro Blanco Amor empece a ser coñecido, mesmo en Buenos Aires. Noraboa por todo o que facedes por aló con tanta ilusión e intelixencia.
Unha aperta, Marcos Valcárcel
P.S.: permitiríasme reproducir no blog, se che parece pertinente, parte da túa carta, precisamente para informar dese voso traballo?

21 setembro (8,45 pm)
Graciñas Marcos pola túa agarimosa resposta e nin falta fai que me preguntes: sempre é unha honra que nos teñas presentes. En verdade, mais có meu entusiasmo é merecente de subliñar o esforzo e compromiso deses lectores que dedican tempo e sobre todo enerxía para percorrer novelas non sempre doadas (para outubro analizaremos Pensa nao, de Anxo Angueira e no mes de setembro foi No ventre do silencio, de Ferrín). Por riba, fano nunha lingua que non empregan a cotío (moitos direi que nunha lingua na que nunca antes liran). Tanto Andrea Cobas coma min -aínda a risco de ser algo pretensiosas- sentímonos plenamente orgullosas de ter aberto ese recuncho de cultura galega no Tortoni. E como todos son fíos invisibles que achegan o aquí e o alí, xa ves que en poucos meses e por azar, chegou ata aquí a nova do Roteiro Blanco Amor, traído na alma dunha galega lectora, que pouco sabía do asunto pero que nese momento non necesitaba saber máis. Como refire hoxe Manuel Rivas no xornal El País, dalgunha maneira estamos arxentinos e galegos conectados aínda cando pensamos que non o estamos. E engado eu, por sorte! Apertas moitas e coma sempre (e nunca vai ser abondo dito) grazas transatlánticas!Débora