A MIRADA RETIDA
UN BANQUETE GALEGUISTA
UN BANQUETE GALEGUISTA
Como lembraba esoutro día Afonso Vázquez Monxardín nun artigo sobre a Gastronocracia galega, a maioría dos actos importantes neste país, políticos ou culturais, fixéronse arredor dunha mesa con viandas. Velaí un bo exemplo: o banquete que lle dan os galeguistas ourensáns a Emilia Docet, Miss España, o 16 de xuño de 1933 no Hotel Miño, no mesmo acto no que o poeta Manuel Luís Acuña recibía o premio literario Manuel Murguía. Rexistramos os presentes, de esquerda a dereita e de atrás cara adiante: Vicente Risco; o propietario da reloxería ourensá “El Cronómetro”; Ramiro Illa Couto; Leuter González Salgado; Ánxeles Otero (a “Zoqueira”, esposa de Adolfo Otero, o dono dos almacenes “Populares”); Álvaro Cunqueiro; Emilia Docet; Manuel Luís Acuña; Ramón Otero Pedrayo; Mª Luz Morales; Ricardo Fernández Morais; Mª Xosefa Bustamante Muñoz (“Fita”, esposa de Otero Pedrayo); Eduardo Blanco Amor; Xoán Luis Ramos Colemán; Miguel Valencia Fernández; J. Villagarcía; Roberto Vázquez Monxardín; Elina Carballo; Esther Peña Bouzas; Alfonso Vázquez Monxardín; Manuel Peña Rei; Emilia Blanco Maneiro; Xosé Goyanes e Daniel Piñeiro.
7 comentarios:
A mediados de novembro fun a Vigo ao enterro da tía Elina. A Elina Carballo que está na foto. A muller de Roberto Vázquez Monjardín. Tiña ela 99 anos e oito meses. Conservouse lúcida e feliz ata a fin dos seus días. Era boa xente. Ata onde eu sei, creo que debía ser a última viva da foto.
Decatáronse da bandeira?.
Fixeime. A banda azul está mal colocada ou ben puxeron a bandeira ó revés.
Era Risco zurdo ou fumaba coa man esquerda? Esa pode ser a clave para sabermos o da bandeira.
Non era o río Miño atravesando Galiza?.
Esa diagonal está asociada á "imparidad", no Álxebra Lineal dos determinantes. Ten connotaciós de "esquerda", de desequilibrio, de evoluir cara algo.
A outra, asociada á "paridad", evoca equilibrio, estabilidade, conservadurismo.
O de colgar a bandeira "ó revés", quere decir có de diante para atrás, claro, non có de arriba para abaixo. A figura é invariante respecto a unha rotación de 180 graus. En termos técnicos, presenta "simetría central" (non "axial").
A mín fáiseme moi raro que lles pasara inadvertido o detalle. A bandeira era así.Non erro no positivado da foto. As solapas dos traxes masculinos e femeninos abrochan correctamente.
Polo que eu sei, antigamente a bandeira galega era asi, representaba o percorrido do río Miño por Galiza.
Logo lle deron a volta,non sei por que.
Elina e mais Roberto eran os meus bisavós.
Alégrome moito de atopar esta foto, moitas grazas por subila.
Publicar un comentario