Mostrando entradas con la etiqueta Holocausto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Holocausto. Mostrar todas las entradas

17 feb 2009

Hitler lector
Montaxe de J.Heartfield, 1932.
andoliña 18-2-09

Segundo leo nunha reportaxe, seica Hitler foi lector habitual, mesmo compulsivo ás veces, e axuntou na súa biblioteca uns dezaseis mil exemplares. Pero din tamén que foi mal lector, asistemático; que, en realidade non lía por pracer nin lle gustaban as novelas, só lía para confirmar os seus propios prexuízos. E sábese polos subliñados que facía nos seus libros, sempre de carácter instrumental.
E que lía? Pois basicamente libros racistas e antisemitas, obras militares, enciclopedias e almanaques e libros de ocultismo. Tamén lle gustaban as novelas do Oeste de Karl May e ás veces usaba os seus heroes apaches como exemplos de estratexia militar diante dos seus xenerais. Leu pouco os clásicos do pensamento como Nietzsche, que se teñen relacionado coa súa propia cosmovisión; supoño que chegaría a eles por versións divulgativas de segunda fila.
En fin, en tempos, hai uns cantos anos e na televisión, había un anuncio un pouco cursi que afirmaba contundente que un libro axuda a triunfar. Daquela El Perich, un dos grandes humoristas gráficos do seu momento, fixera un chiste moi acaído coa caricatura do líder nazi co seu panfleto Mein Kampf. E non deixaba de ter certa razón.

14 feb 2009





Un fotograma.
PAN POR PAN domingo 15 febreiro

Vin onte a película “O neno do pixama a raias”, baseada no popular libro do mesmo nome do escritor irlandés John Boyne (está traducido ó galego, nunha versión mellorable). A historia entre o neno Bruno e o cativo xudeu Shmuel ten momentos memorables e ás veces arrepiantes: non direi máis para os que aínda non leron o libro nin viron a película. Pero o cine é imaxe e esta película ten un fotograma que nunca esqueceremos, porque encolle o corazón. Refírome a aquel en que se ve o fume negro erguéndose entre as nubes dende as chemineas dos campos. Hai tamén un cruce de miradas maxistral entre a nai de Bruno e un xove tenente alemán, cando este comenta: “Queimados, aínda cheiran máis”. Aínda hoxe os alemáns comparten a cara de consternación desa muller e se preguntan cómo foi posible chegar, dende a fría razón militarista, ata o Holocausto.

19 feb 2008


Imprescindible. Debería ser de visión obrigatoria nos institutos.
La solución final, de Frank Person, 2001.
Vina hai varios anos un par de veces e puiden mercala nestes días e volver vela. Imprescindible.

TITULO ORIXINAL. Conspiracy. 96 minutos.
Guión: Loring Mandel. FOTOGRAFÍA: Stephen Goldblatt
REPARTO: Stanley Tucci, Kenneth Branagh, Colin Firth, Barnaby Kay, Ben Daniels, David Threlfall, Jonathan Coy, Brendan Coyle, Ian McNeice
Coproducción USA-GB; HBO Films
O 20 de xaneiro de 1942, líderes do partido nazi e oficiais do goberno alemán mantiveron unha xuntanza segreda nas afóras de Berlín para planificar a chamada solución final ó problema dos xudeus. Esta película é unha recreación histórica da Conferencia de Wannsee, presidida por Reinhard Heydrich, xeneral das S.S. e máximo responsable da seguridade do Terceiro Reich. Alí planificouse o exterminio de seis millóns de persoas, o que se coñecería como Holocausto.

8 feb 2008


TORPEZA E CONTUMACIA
Pan por Pan venres 8 febr. (Imaxe do campo de Buchenwald)

Hai unhas semanas o BNG cometeu unha grave torpeza ó propoñer no Parlamento Galego un texto sobre o Holocausto que nin sequera menciona os xudeus, vítimas principais da barbarie racista nazi, e que ademais propugnaba mesturar esta condena cunha avaliación política do actual conflito palestino-israelí: isto é, allos con bugallos, por usar unha expresión suave. A cousa provocou xa algunha dimisión no BNG. E chove sobre mollado porque o debate vén de atrás.
O problema, como era de agardar, foi a máis. Provocou a reacción dos medios máis ultraconservadores do Estado contra o BNG e tamén protestas sensatas de personaxes como Pilar Rahola ou o embaixador de Israel. Eu teño claro que o nacionalismo galego está moi lonxe do horror nazi e por iso non entendo por qué non se aprobou unha moción de consenso como xa se fixera, segundo creo, o ano pasado. Alguén quixo forzar as marxes e impoñer as súas dogmáticas teses de política internacional? Por riba, Aymerich complicou onte as cousas, aludindo ó “ouro de Moscú” (agora sería de Israel) e a un conflito persoal cun militante. Unha linguaxe que non se corresponde co BNG que se quere presentar en público. E que pode custar votos.

5 feb 2008

EN POLEIRO ALLEO. Dimito porque non quero estar dominado pola extrema esquerda": Abel García López. O concelleiro nacionalista de Ferrolterra, "xudeu de corazón", abandona o seu partido ó crer que "o Bloque non lembra o Holocausto e ataca a Israel. "Están sempre a favor dos palestinos, pase o que pase", denuncia.

Lembranza do Aconcagua (Afonso Monxardín en Galicia Hoxe)

"El niño que huyó de Polonia" (Pilar Rahola en La Vanguardia)
"El BNG consiguió lo imposible: alinearse con la extrema derecha. Será que los extremos se tocan. Y será que, en nombre de una pretendida solidaridad con los palestinos, hay partidos de izquierdas que desprecian el horror nazi, que no sienten ninguna piedad por las víctimas judías y que son los culpables de la banalización actual del holocausto. Más allá de las simpatías de cada cual con los protagonistas de un sangrante conflicto que dura décadas, los millones de europeos asesinados son víctimas puras, y su desprecio es una vergüenza lacerante. En fin. Un motivo más para creer que determinada izquierda llega a tal nivel de dogmatismo que acaba siendo cómplice de los sectores más reaccionarios de la historia. Lo dijo un diputado del BNG: "Nuestros amigos son Irán, Libia y Venezuela". Todo queda dicho."

1 feb 2008

GALEGOS MORTOS NOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS
ULTIMA ACTUALIZACION DA LISTA: 4 de ABRIL del 2006
APELIDOS, nome, ano, mes e día da morte, campo, lugar de nacemento e data
(Enviado por Pedro Gómez Valadés)

Albedro Villaverde, José. 24-01-1943. Mauthausen. A Coruña,?
Alvite Miranda,Silvestre. 09-11-1941. Mauthausen. Olveira ,Ribeira,A Coruña?
Alonso Losada,Andres. 06-01-1942. Gusen,Comando 2. Peites-Ribas do Sil,Lugo,21-1-1908
Alvarez Bernardo,Abilio. 02-02-1942. Gusen,Comando 2.
Olelas,Entrimo,Ourense,24-6-1917
Araujo González, Antonio. 10-10-1941. Gusen,Comando 2. Ourense,15-10-1916
Arias López, Jesús. 06-01-1941. Gusen ,Comando 2. Sarría,Lugo,17-01-1910
Bailín Pérez, Liborio. 13-09-1944. Gusen ,Comando 2. As Nogais, Lugo,11-02-1916
(LISTA COMPLETA EN COMENTARIOS)

20 nov 2007

O principio sexto de Goebbels e a legal negación (Afonso Vázquez Monxardín en GH, 20 novembro)

Seguramente coñecen o nome de Joseph Goebbels e o de August Friedrich Kellner non lles di nada. E son dous alemáns para lembrar. O primeiro, sábeno, é un preparadísimo dirixente nazi, sensible coas artes, creador da manipulación política moderna e un abominable monstro que non dubidou en matar os seus seis fillos antes de se suicidar na caída de Berlín. O segundo, Kellner, un modesto inspector de xustiza, socialdemócrata, escribiu durante a segunda guerra mundial un diario titulado A miña oposición desde a consciencia de que a súa loita interna na Alemaña daqueles momentos era imposible. A propósito escribiu: "Non podería combater os nazis hoxe porque teñen o poder de calar a miña voz, por iso, decidín loitar contra eles no futuro. Dareilles ás xeracións vindeiras unha arma contra o rexurdir de tal demo: a miña testemuña dará fe dos actos bárbaros e amosará como paralos". E escribiu un diario de 800 páxinas que paseou medio mundo.
Pero hoxe imos lembrar o sexto dos dez mandamentos da teoría da propaganda elaborados polo sabio e criminal comunicólogo alemán (o principio da orquestración) aquel que en síntese di que unha mentira repetida continuamente pasa por verdade. Precisamente porque é así, nos países avanzados de occidente é delito a negación do holocausto xudeu. Porque o pobo hebreo xa padeceu varias veces na historia a infamia da mentira: desde as acusacións de asasinatos rituais de nenos na España medieval, aos protocolos de Sión, difundidos por verdade, aínda hoxe, nos medios islamitas, a dicir, que non houbo xudeus nas Torres Xemelgas. Contra a mentira criminal, é bo lexislar para impedir sequera a posibilidade de que a unión orquestrada de moitos medios poderosos puidese chegar a relativizar, arrecunchar, ocultar e acabar negando a verdade.
Por iso, a decisión do Constitucional Español amparando na liberdade de expresión o dereito dos neonazis españois de Cedade á negación do holocausto énchenos de tanta vergoña como a Ahmadineyad de satisfacción. Non me estrañaría que quixese subvencionar un próximo congreso de negación neste Madrid, capital dunha ridícula tolerancia. Mentres o bo de August Friedrich Kellner se ha de revolver na súa tumba alemá baixo a ollada triste de millóns de xudeus que chegaron ao ceo, directamente, desde as chemineas do inferno.

22 may 2007



As grandes preguntas.

Andoliña 23 maio

Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu?

Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas.

Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como O pianista, de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón.

15 abr 2007


Primo Levi (Pan por Pan 13 abril)

Cumpríronse 20 anos da morte de Primo Levi, vítima do nazismo, testemuña indeleble do alegato contra o Holocausto. Na súa lembranza, estes seus versos:
Se isto é un home/ os que vivides seguros / nas vosas casas caldeadas/ os que vos topades, ao volver pola tarde,/ o xantar quente e os rostros amigos: / considerade se é un home/ quen traballa na lama/ quen non coñece a paz/ quen loita pola metade dun panciño/ quen morre por un si ou por un non. / Considerade se é unha muller/ quen non ten cabelos nin nome/ nin forzas para lembralo/ baleira a mirada e frío o colo/ como unha ra invernal. / Pensade que isto aconteceu: / Encoméndovos estas palabras. / Gravádeas nos vosos corazóns/ ó estar na casa, ó ir pola rúa,/ ó deitarvos, ao erguervos;/ repetídeas aos vosos fillos. / Ou que a vosa casa se derrube,/ a enfermidade vos imposibilite,/ os vosos descendentes vos volvan o rostro.

27 ene 2007



POLO RESPECTO ÁS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO
(Andoliña, Galicia Hoxe, 27-I-07)

Celébrase hoxe o Día Mundial en lembranza das vítimas do Holocausto, cando se cumpren 62 anos da liberación do campo de exterminio de Auschwitz polo Exército Vermello, o 27 de xaneiro de 1945. O Parlamento catalán celebrou un acto conmemorativo coa presenza de Jorge Semprun e de varios superviventes do gueto de Budapest e antigos deportados a Buchenwald (http://www.galiza-israel.blogspot.com) e tamén o Parlamento español fixo algo similar. Ante o horror do xenocidio perpetrado polo réxime nazi contra o pobo xudeu, temos a obriga moral de non esquecer as vítimas, seis millóns de mortos, dun dos episodios máis execrables da historia da humanidade.
As institucións europeas planean estender a toda Europa as leis que condenan o revisionismo negacionista a favor dos nazis: oxalá este tipo de leis non fosen necesarias, pero calquera prevención é pouca cando falamos de crimes tan monstruosos como os que protagonizou o réxime de Hitler: "É un horror tan grande que nunca se debería comparar con nada por evitar o risco da banalización", dixo con acerto Carod Rovira no Parlamento catalán. Só desde ese respecto poderemos de verdade construír unha cultura de democracia, liberdade e paz.