25 ene 2009

Espazos do poder
A Mirada Retida 25-1-09. Marcos Valcárcel

O Pazo Provincial de Ourense construíuse a finais do século XIX para unha fábrica de afiaduras e por iniciativa dos Pérez Bobo, nome egrexio na burguesía da época. A Deputación mercou o edificio en 1895 e en 1912 reformouno Vázquez-Gulías engadíndolle o corpo central. Durante moitos anos albergou no seu seo a todos os poderes da cidade: ata 1936 estiveron alí a Audiencia, o Goberno Civil, a Biblioteca e ata a Caixa Recruta. Non semella esaxerado chamarlle a casa do poder con tan egrexios antergos e o que hoxe significan estas pedras na pro vincia. No seu baixo, noutrora sede da Biblioteca Pública, descansaron ata hai pouco os fondos da Biblioteca de Autores da Deputación: Blanco Amor, Alberto Vilanova, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey e Benito Fernández Alonso, entre outros. Na foto de hoxe vemos a imaxe dunha manifestación nos anos 50, que daquela se chamaban ‘actos de afirmación patriótica’, de seguro con discurso dalgunha autoridade daquela negra época. En primeira fila, dous cregos (manteo e tella), xunto con numerosos ‘grises’ (policía armada). Daquela estaba o Goberno Civil no primeiro andar e no segundo a Deputación.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Medela, vaia outlet podíamos montar nese pazo, eh amigo. Xa, xa, non íamos ocupa-lo todo, so a planta baixa para tendas, os sochantres para almacén, e a primeira planta restaurantes e delicatesem.
Na segunda, bibliotecas e arquivos e no desván, as bibliotecarias e arquiveiras.
Moi machista me saiu esto, pero é como me saiu, perdoen ( Ana Bande vaime matar)