O misterio da pedra roxibranca
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 06-01-2009
Por suposto que eu creo que o AVE vai chegar a Ourense no 2012, aínda que non sei ben por onde, nin como, nin sequera en que mes. Pero logo de dar arranxado o noso Concello a baixada -ou subida, depende- ao Centro Comercial Ponte Vella en só sete anos, non vexo moito problema para que en vinte e catro meses se poda decidir un percorrido, poñer de acordo a tres ou catro administracións, facer proxecto de trazado enxeñeril e arquitectónico para a estación, executar expropiacións, deseñar, planificar, adxudicar obras e construír todo.
Como ben nos ensinou o Concello con esta realización e como seica dixera un convicto de asasinato no xulgado ante a pregunta retórica do xuíz de como matara a aquela persoa, todo é pórse. Porque si, a obra de rectificación do acceso a pé ao Centro Comercial quedou, ao meu ver, moi feituca e bonitiña. No centro, unha baixada en rampla para coches de nenos e sillas de rodas pero sen seren interferidos por automóbiles. Aos lados, dobre axuda de pasamáns para as persoas que queiran agarrarse e subiren por esas amplas e fáciles escaleiras.
A obra foi efectuada con suma dilixencia e incluso lograron que tivese menos pendente. Tamén me gustan os remates floridos que contribúen a humanizar o acceso. Señores responsables -deseñadores, planificadores, executores- felicidades e graciñas.
Así e todo hai unha cousa que me chamou a atención poderosamente e que me lembrou que no momento de matar ao touro se poden ter problemas que ensombrezan a faena. Falemos do misterio da pedra roxibranca. Saben vostedes, os que ata alí pasea ran, que para impedir a baixada de coches pola rampla central, puxeron un informe pedroulo residual de obra -deses que traen as improntas nas brocas con que se furan as pedras graníticas para que escachen na canteira- e o pintaron a modo de vello punto quilométrico das estradas, vermello por arriba e branco de lado. Certamente o efecto está conseguido. Destaca. Focaliza a atención. Así, ningún pasmarote tropezará e pegará un golpe nas canelas. Como vin ao obreiro dándolle con suma atención a pintura, como vin a estrutura cúbica provisional con que a tapou vinte e catro horas mentres secaba, podo asegurarlles que nin foi preciso que viñese Ibarrola pintala, nin foi necesario roubala no Rexo de Allariz. Case estou por asegurar que ese detalle algo kitch, oposto á estética do conxunto, non estaba no proxecto. En calquera caso, parece un remate provisional. Se cadra dentro doutros sete anos, colocan unha pedra puída, de formas moi suaves e redondeadas, sen pintar, e xa parece outra cousa.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
2 comentarios:
Carallo, hoxe mércores día 7 á tarde, ao día seguinte do artigo, chegou unha brigada e cambiou a pedra por un perindolo de metal. Xuro que é casualidade.
Eu tamén me fixéi na pedra, o outro día, e gostóume. Parecía un gardián do enxebrismo entre tanto horrible diseño arquitectónico "de botellón".
Publicar un comentario