Xeoloxía e Historia de Galicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 5-1-09
Nas raices profundas da palabra Historia está o verbo grego historein "narrar". Chamámoslle, pois, Historia ao relato cronolóxico dos acontecementos humanos do pasado, especialmente se se manifestan en fontes escritas. Logo ampliouse a noción e pasouse a falar de Historia Natural porque somos, obviamente, antropocéntricos. Fálase e escríbese de Historia da Terra ao ordenar diacrónicamente as súas mudanzas, e tamén de Historia do Universo. A palabra Historia inclúe matices semánticos diversos se nos referimos á sucesión dos acontecementos dos seres humanos, á evolución das especies ou ao transformacións da materia no Cosmos. A aparición da vida e a súa complicación sobre a Terra até chegar á nosa especie constitúe un clic mínimo no reloxio do Cronos cosmolóxico. Pro a Historia dos humanos ten como característica a de ser a única Historia que os humanos temos.
Juan Vidal Romaní, xeólogo, parece militar nas fileiras dos descontentes polo activación do exercicio da Memoria galega do 36. E escribe un artigo no que fai un reconto daqueles bens xeolóxicos e paleontolóxicos que posúe Galicia que nin se protexen nin se divulgan debidamente. Refírese aos xacementos do Caurel cuns restos fósiles gravemente ameazados. Fala do colosal conxunto do Ortegal, o Pindo, as Cies, o Galiñeiro que se erguen sobre o fenómeno, singular do Mundo, das rías. Bon coñecedor do Cuaternario, o doutor Vidal Romaní fainos acordantes dos vellos glaciares dos Ancares, Pena Trevinca, Manzaneda, o Xistral, o Xurés. Logo, cedendo á fatalidade do antropocentrismo, o profesor considera as centrais térmicas como verdadeiros Auschwitz dos lignitos e restos orgánicos fosilizados. E sinala co dedo ao decer, coma tal, que unha cementeira (compría o nome da compañía e os nomes do consello de administración: Historia) vai acabar coa Cova de Eirós e sos seus vestixios do urso cuaternario. E despois de mencionar Ézaro como emblema da destrucción da Natureza, o doutor Vidal Romaní continúa coa súa lista de agresións á Galicia xeolóxica engadíndolle unha simpática especie de bolboreta viva que conserva as súas características inalteradas desde os días glaciares. Sen dúbida, os entomólogos galegos poderían falar de insectos actuais con morfoloxía máis arcaizante aínda. O profesor Vidal ten razón ao esixir unha política científica, hoxe inexistente, que estimule e investigación, o estudo e a divulgación da xeoloxía de Galicia pro resulta inmoral e suxo que faga esta política incompatíbel co exercicio da Memoria Histórica dos sucesos de 1936 e seguintes.
Se o doutor Vidal se achegase á Historia humana non diría Auschwitz, senón San Simón ou Celanova. Sen a axuda desa Historia non saberiamos que Isidro Parga Pondal, pai da xeoloxía galega, foi condenado ao ostracismo académico polo fascismo. Tamén sen a axuda da Historia contemporánea, social económica, ignoraríamos o importante rol dos xeólogos postos ao servizo do lucro burgués universal na predación da Terra e conseguinte padecemento dos colonizados. Se non pensamos, e sentimos, a Historia dos humanos e a loita de clases podemos chegar a lamentar a icineración dun xacemento de trilobites nunha central térmica en canto permanecemos indiferentes ante a memoria de nove mozos mariñeiros asesinados polos franquistas en Baredo, Baiona, 1936.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
4 comentarios:
Falamos do xenocidio que está facendo Israel cos palestinos, ou seremos acusados de anti semitismo (ou de "antiamericanismo primario" se cadra)
Saquen conclusiós.
FERMÍN PAZ
Diante da crise, outras políticas
11:01 07/01/2009
Os/as que mandan (decididores, parafraseando a Mario Benedetti) moi a miúdo esquecen as suas loubanzas aos arquitectos da crise, mesmo o silencio cómplice, cando non, o seu colaboracionismo. Agora, cando a maioria padece as consecuencias da súa irresponsabilidade, chámannos de novo ao esforzo colectivo para socializar os seus erros na dirección política e coma sempre, volven construír as estratexias nos laboratorios do poder, dirixidas a convercernos para que sigamos a confiar, no seu papel de salvadores, na lexislación vixente e na orde establecida. Manda carallo cos que mandan!
Como dixo Marx, dende sempre existen os explotados e os explotadores. As propias condicións do dominio e do enriquecemento dunha clase sobre outra, duns países sobre outros, fanse mediante procesos de expropiación, expoliación, imposición e degradación que situan a quen queremos enfrontar estas situacións, no anti-sistema.
Pero tamén existen os heterodoxos, disidentes, resistentes, rebeldes e revolucionarios que denuncian e loitan contra a orde establecida e propoñen relacións sociais e políticas diferentes. O combate a calquer sistema social e político que negue a condición de humanidade ou a unha parte da mesma, que negue os dereitos dun pobo (liberdade de todas as patrias) a exercer como tal, situa aos combatentes no antisistema, no antiimperialismo, por iso e só por iso, eu son antisistema e antiimperialista.
Nas leis que Marx enunciou, poucas foron tan controvertidas como aquela chamada dialéctica, segundo a cal, toda situación de poder, todo sistema, xenera mais tarde ou cedo o seu contrario, de onde xorde unha relación antitética, de confronto, cuxo resultado é a superación de ambas, da tese e da antítese, pola síntese. O capitalismo hoxe como sistema hexemónico vive sen antagonismos, xa non existe a URSS, polo tanto o neoliberalismo non pode ser analisado coma un mal menor, senón como o que é en realidade, un sistema negador dos valores e principios. Un sistema que produce pobreza igual que mercadorias polo que cada vez hai mais desigualdade.
Razóns que eu miro para combatir ao sistema capitalista:
- Frustración social pois a caída dos sistemas do leste, non permitiu un medre económico coma a ideoloxia triunfante prometera. Nin se puxo freo á pobreza extrema, nin á relativa.
- As economias son cada vez menos nacionais, co que se perde a posibilidade do control sobre o propio benestar e incrementa a frustración pois a gobernación cada dia é mais dependente das vontades alleas. Asemade os dereitos nacionais son negados ou violentados pola forza do imperio.
- A falla da soberania alimentar, enerxética, etc., son a consecuencia da dependencia colonial.
- O paro coxuntural pasou ser de longa duración cun fenómeno asociado, como é a precariedade que na actualidade conforma o núcleo para a apropiación do excedente da forza de traballo.
- Incumprimento sistemático dos programas electorais dos partidos pro-sistema que intercambian cada certo tempo a parcela do poder. As campañas electorais cada dia, mais parecen unha liorta comercial, onde as ideas transformadoras van deixando paso a discursos de mercadotécnia, onde as ideas forza son ir votar para que o sistema teña lexitimación e que os outros, os competidores, o farán pior.
Todas istas razóns teñen que ser tidas en conta no tempo de dimensionar a acción política, pois que queiran ou non, é posíbel facer outras políticas. Non é novidoso que cando está a fallar o mecanismo da ritualización da democracia formal, onde a conclusión é: votar non amaña os problemas, non é de estrañar a abstención, a baixada da militancia (non confundir coa listaxe dos e das asociadas que son imprescindíbeis para votar “á búlgara” e para traballos inconfesábeis, como pasar información aos decididores, mesmo das conferencias de prensa do Movemento pola Base e prescindíbeis para case que todo o demais) ou mesmo o voto de castigo e logo a desesperación.
Son tempos de falar destas cuestións na política e non son tempos de voltar ás prácticas envolventes, onde os que están no poleiro crian un inimigo interior ou exterior, tratando de facelo críbel, con calquer método. Son tempos de aceptar que a cohesión interna só será posíbel fuxindo do endeusamento dos gobernantes, da verticalización da organización, do acercamento ao sistema, das desconfianzas internas, de non escoitar á militancia antes de tomar as decisións, da moderación, da acomodación ao que é posíbel, do enraizamento do localismo, do individualismo en definitiva. Son tempos dun proxecto político erguido sobre a base de dous obxectivos irrenunciábeis:
- LOITA NACIONAL dende o compromiso que Galiza é unha Nazón, con expresión na forma de República e que polo tanto pode exercer o seu dereito de Autodeterminación e non coma un recoñecemento sen consecuencias xurídico-políticas. Quén queira reconciliarse tanto co "piñeirismo", coma co "autonomismo" que o faga honestamente, pero sen prefabricar un discurso subsidiario do socialismo español para gobernar, reorientando a liña estratéxica co recurso sistemático á invocación do galeguismo autonomista ou do partido galeguista, indo mais alá dunha evocación histórica, situándose nunha teimosia electoralista pura e dura, na percura dos nichos dos votantes a calquera prezo;
- LOITA CONTRA O NEOLIBERALISMO en todas as suas expresións (crise provocada, desemprego, precariedade, dependencia enérxetica e alimentar, destrución ou afectación dos recursos naturais, redución do benestar, desigualdade social, pobreza, etc.). Os causantes globalizan a desfeita e a parcializan para a sua presentación, para aillar o conflito.
Cómpre artellar unha resistencia política e sindical, a nivel nacional, contra todos istos efectos da crise que respete ás bases políticas, sindicais e do conxunto do movemento social, que teña masa crítica, identidade e alternativas.
Méndez hoxe no Faro.
O ano pasado Galicia tivo a boa fortuna de que dous escritores en lingua galega, Agustín Fernández Paz e Justo G. Beramendi, recibisen senllos premios nacionais de literatura dos que concede o ministerio de cultura de España.
A obra de Beramendi que resultou premiada é unha voluminosa historia do nacionalismo galego que, co título de De provincia a nación, editou Xerais, Vigo. Que en pleno delirio anti-nacionalista vasco, castelán e galego (por esta orde) no que se achan sumidos os máis dos medios de comunicación se produza a atribución na capital de España dun premio tan importante a un libro titulado como se titula o de Justo G. Beramendi constitúe un feito sorprendente e desde logo insólito. Eu estou en desacordo con algúns enfoques e puntos de vista expostos en De provincia a nación e, ao mesmo tempo, aprezo moito a obra polo que ten de marco xeral no que se pode inscribir todo un debate sobre a historia do nacionalismo galego que é o mesmo que decer sobre a historia de Galicia dos séculos XVIII, XIX, XX e o que levamos de XXI. Se cadra, noutro lugar (no Fondo dos Espellos, n´ A Trabe de Ouro ou allur) teñamos ocasión de comentar De provincia a nación en todo ou en parte. Eu non son un historiador, pro desde Marx sabemos que a historia é algo demasiado importante para a deixar exclusivamente nas mans dos historiadores.
Esoutro día lin unha entrevista de xornal a Justo G. Beramendi. O entrevistador preguntáballe ao ensaísta e historiador sobre o goberno autonómico que se vai formar como resultado das próximas eleccións autonómicas en Galicia. Beramendi, como a xeneralidade das persoas, opinaba que a coalición actualmente gobernante coñecería unha segunda edición. O xornalista, entón, pregountoulle ao noso historiador premiado se sería posíbel que un partido nacionalista de centro ou de dereita acadase representación parlamentaria.
-E por que non un partido nacionalista á esquerda do BNG dada a deriva centrista desta formación?, coido que respondeu Beramendi (cito de memoria).
Non podo estar máis de acordo con Beramendi, aínda que a deriva do BNG sexa, do meu punto de vista, non ao centro senón a un neo-rexionalismo e a unha dereita neo-liberal, entendendo por neo-liberalismo o que entende Xavier Vence nun libro fundamental para comprender as políticas do mundo e a política de Xunta de Fraga Iribarme e a de Touriño/Quintana. O atraso político de Galicia revélase no feito de que no parlamento autonómico non existen máis ca tres partidos representados. Nas cámaras de Euskadi ou de Cataluña hai polo menos cinco partidos políticos presentes, pro no Hórreo so hai tres. Dous no goberno (PSOE-BNG) e un na oposición: un PP en proceso de liquidación e desmoralizado. De xeito que, se se repiten os resultados electorais, a oposición será exercida unicamente desde un partido de dereita confisional e de pensamento e práctica ultra-españolista.
Será posíbel que das próximas eleccións resulte o parlamento galego arrequecido (uns deputados de esquerda e independentistas que estimulen o goberno triste e gris de Touriño/Quintana nunha dirección oposta á do PP? Este cronista está moi interesado en que así sexa.
Publicar un comentario