4 ene 2009






Que fado é este que trago?
Por Apicultor

Dedicado ao Saavedra, gran amador do fado

Adoito acudir dúas veces ao ano a Chaves para subministrarme de cousas que por aquí non hai ou que, en todo caso, presta moito máis comprar alí. Unha desas veces cadra sempre polo Nadal. A vila portuguesa, cada día máis fermosa e arranxada, é un remanso de civilización, ou sexa, de comercio pausado. A ponte de Traxano está xa libre de automóbiles e a Torre da homenaxe fica no seu lugar.

Desta vez viñeron, amén doutras cousas, un subministro de deliciosas alhadas, viño do Douro, mel suave de rosmaninho e de laranjeira, dous elegantes e sólidos paraugas de señora e cabaleiro, e, sobre todo, catro cedés de fado.

Hai en Chaves unha pequena tenda de música na que me aprovisiono. O dono, de trato e gusto musical exquisito, xa me coñece e me ofrece as últimas novidades. Un é afeccionado ao fado, non un experto, e por iso agradece o asesoramento. Os dous últimos traballos de Mafalda Arnauth (“Flor de fado”, 2008) e Katia Guerreiro (“Fado”, 2008) son, de seu, valores seguros e non fixo falta nin petiscalos. As dúas cultivan un fado clásico, diría que cada vez máis depurado. A fermosa Mafalda, que desta vez non versonea a ningún chansonier (no disco anterior fixérao con Aznavour e “La Bohème”) adoita ser eficaz letrista das súas cancións. Katia acode a poetas contemporáneos. Voces portentosas, de sensibilidade extraordinaria, son do melloriño que hoxe se pode encontrar. Mariza aparte, claro está.

Mais desta vez quería tamén homes, cantantes masculinos, aparentemente máis infrecuentes na nova fornada de fadistas. Daquela, o dilema estaba entre dous irmáns: Camané e Helder Moutinho. Ao primeiro xa o coñecía, ao segundo non. Así que, como o presuposto xa ía un tanto minguado, decidinme polo segundo e deixei para outra oportunidade o primeiro. Voz profunda e sobria, eficaz sen afectación, instrumentación tamén contida, Helder Moutinho (“Que fado é este que trago?”, 2008) presenta quince temas divididos en tres partes: fados clásicos-tradicionais, fados descritivos e fados orixinais escritos na actualidade. Todo un descubrimento para min.
O cuarto disco, aínda non escoitado, é unha antoloxía (“Fado presente. A nova geração do Fado”, 2008) que ten a particularidade de mesturar homes e mulleres, moitos deles descoñecidos para min. De seguro que nel atoparei novas voces nese amplo espectro de fadistas que, alén do estereotipo do fadista chorrón e afectado, lles animo a descubrir. Portugal, tan preto e tan lonxe, di o acertado eslogan que coido verdadeiro.

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Graciñas polas recomendacións, señor apicultor.

Anónimo dijo...

Precísome: eran alheiras, que non alhadas.

Anónimo dijo...

Imaxino que quere decir "perto" e non "preto" que , como sabe, é outra cousa.

Anónimo dijo...

Imaxino que quere decir "perto" e non "preto" que , como sabe, é outra cousa.

Anónimo dijo...

Certo,xdc. Un saúdo









Certo xdc. Un saúdo trasmontano.

Anónimo dijo...

Certamente.

Anónimo dijo...

Canto se aprende de vostedes.

Anónimo dijo...

De verdá lles digo que vou mandar a un dos meus lugartenentes que vaia mercar eses discos de fado pra que amenicen as veladas dos internos dos gulags de Siberia a -40ºC.

Anónimo dijo...

A miña avoa, Concha Medela (q.e.p.d.), cando un servidor argallaba algunha, ou sexa, copar á misa, pintar un gato de verde ou mentir compulsivamente, tamén me chamaba, escueta e laconicamente, como correspondía acaidamente ao seu estilo de viúva de guerra, tamén me chamaba digo... 'Fadista.
E tamén, 'vadío.
Deus garde a sagrada memoria da miña avoa!!!!!!!!!!!!!

P.D.: Había delictos aínda ben peores, por exemplo, comer unha galleta nunha casa 'de fóra'.

Anónimo dijo...

Tómese un respiro de la siesta, conozca Portugal.......

Anónimo dijo...

Volto antonte do Porto, recollo hoxe a dedicatoria. Casualidade ou non tanto: eu tamén merquei Fado; coñecera a Katia Guerreiro nus disco que editara a plataforma Nunca Máis no seu día.

Por certo: o da fraternidade do Camané e mailo Moutinho, ¿é parental? Nin sabía nin sei.

Anónimo dijo...

Pois que Camané e Helder Moutinho son irmáns de sangue díxomo o dono da tenda de discos. De feito, fisicamente aseméllanse moito.

De Katia Guerreiro teño outros dous, aparte de "Fado" (2008). Son "Nas mãos do fado" (2003) e "Tudo ou Nada" (2005). Os tres son bos, pero eu case me quedo co de 2003, por luminoso.

Un día que tivese vagar, gravábaos e llos enviaba, amigo Saavedra. Mais xa sabe que estas "promesas" adoitan non cumprirse: hai que atopar o momento de facelo. E andamos sempre coma motos facendo de todo sen facermos realmente nada: peste de vida acelerada!

Que teña un ventureiro 2009.

Anónimo dijo...

Non se apure, Apicultor, xa se irán conseguindo. Retribúolle o desexo: que non pinte tanto basto como anuncian.

Balonga dijo...

Antes de mais, obriagado, apicultor pola información publicada. Non coñecía ren dos irmans Moutinho.De Mafalda soamente as dúas cantigas coas que colabora no derradeiro disco de Milladoiro. Non tocante a Katia Guerreiro son outro admirador máis. Ten tamén outro disco que saíu co nome de Fado Maior. En directo é extraordinaria.
Xa que logo, vai de música coido que no tango pasa a mesma actualización ca no fado. La Chicana (Tango agazapado,canción llorada* e lejos) e Liliana Herrero.

Anónimo dijo...

Teño tamén un grande interese polo novo tango, amigo Balonga. Pero aí as miñas lagoas son enormes, fóra dunha antoloxía que posúo. Grazas pola súa suxestión. Podería dicirme que casa os editou?

No novo fado hai voces femininas extraordinarias. Mafalda Arnauth, para min, é unha das mellores, se non a mellor despois da incomparable Mariza. Ademais do último disco citado no texto, teño "Esta voz que me atravessa" (2001), "Encantamento" (2003) e "Diario" (2005). Os catro son excelentes. Mais, se tivese que facer unha selección, quedariame co do 2001 e, en especial, co de 2003, e non só porque estea guapísima na foto de portada. Nel hai un dos máis fermosos e sentimentais (que non sentimetalista) fados que coñezo: "No teu poema".

Para non cansalos, noutra ocasión falareilles tamén doutras dúas grandes intérpretes: Ana Moura e Joana Amendoeira. Hai bastantes máis dignas de seren citadas, xaora.

Balonga dijo...

Pois amigo apicultor, tan acostumado estou ás lagoas que sempre vou de poldra en poldra e nun mergullo antano, atopara a La Chicana en http://www.galileo-mc.com/

Calquera copia ou información abonda con dicilo.
Boadanza