Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

4 ene 2009






Que fado é este que trago?
Por Apicultor

Dedicado ao Saavedra, gran amador do fado

Adoito acudir dúas veces ao ano a Chaves para subministrarme de cousas que por aquí non hai ou que, en todo caso, presta moito máis comprar alí. Unha desas veces cadra sempre polo Nadal. A vila portuguesa, cada día máis fermosa e arranxada, é un remanso de civilización, ou sexa, de comercio pausado. A ponte de Traxano está xa libre de automóbiles e a Torre da homenaxe fica no seu lugar.

Desta vez viñeron, amén doutras cousas, un subministro de deliciosas alhadas, viño do Douro, mel suave de rosmaninho e de laranjeira, dous elegantes e sólidos paraugas de señora e cabaleiro, e, sobre todo, catro cedés de fado.

Hai en Chaves unha pequena tenda de música na que me aprovisiono. O dono, de trato e gusto musical exquisito, xa me coñece e me ofrece as últimas novidades. Un é afeccionado ao fado, non un experto, e por iso agradece o asesoramento. Os dous últimos traballos de Mafalda Arnauth (“Flor de fado”, 2008) e Katia Guerreiro (“Fado”, 2008) son, de seu, valores seguros e non fixo falta nin petiscalos. As dúas cultivan un fado clásico, diría que cada vez máis depurado. A fermosa Mafalda, que desta vez non versonea a ningún chansonier (no disco anterior fixérao con Aznavour e “La Bohème”) adoita ser eficaz letrista das súas cancións. Katia acode a poetas contemporáneos. Voces portentosas, de sensibilidade extraordinaria, son do melloriño que hoxe se pode encontrar. Mariza aparte, claro está.

Mais desta vez quería tamén homes, cantantes masculinos, aparentemente máis infrecuentes na nova fornada de fadistas. Daquela, o dilema estaba entre dous irmáns: Camané e Helder Moutinho. Ao primeiro xa o coñecía, ao segundo non. Así que, como o presuposto xa ía un tanto minguado, decidinme polo segundo e deixei para outra oportunidade o primeiro. Voz profunda e sobria, eficaz sen afectación, instrumentación tamén contida, Helder Moutinho (“Que fado é este que trago?”, 2008) presenta quince temas divididos en tres partes: fados clásicos-tradicionais, fados descritivos e fados orixinais escritos na actualidade. Todo un descubrimento para min.
O cuarto disco, aínda non escoitado, é unha antoloxía (“Fado presente. A nova geração do Fado”, 2008) que ten a particularidade de mesturar homes e mulleres, moitos deles descoñecidos para min. De seguro que nel atoparei novas voces nese amplo espectro de fadistas que, alén do estereotipo do fadista chorrón e afectado, lles animo a descubrir. Portugal, tan preto e tan lonxe, di o acertado eslogan que coido verdadeiro.

12 dic 2008


MIRO CASABELLA
andoliña venres 12 de decembro de 2008

"O meu país"

Foron varios os actos que nos últimos meses conmemoraron o labor da xeración de 1968 en Compostela. Un labor asociado acotío, con xustiza, ó grupo musical Voces Ceibes. Neste contexto hai que situar o libro de Xan Fraga, Miro Casabella e a Nova Canción Galega, editado con moito xeito por Galaxia. Un libro reportaxe sobre un tema aínda con escasa bibliografía (agás o volume de Vicente Araguas, 1991), e do que cabe agradecer a recolleita dun fermoso patrimonio documental en forma de fotografías, carteis, portadas de discos, etc.
Xan Fraga esculca na historia de Voces Ceibes, coa pegada tan relevante das visitas de Raimon, e na biografía de Miro, xograr do noso tempo, con actuacións en Barcelona, Madrid, París e, por suposto, en toda Galicia. Achéganse datos sociopolíticos de interese, dende o papel da policía e da censura (argumento adiantado xa nun artigo de Grial) ata as dificultades legais para rexistrar unha das súas fillas co nome de Eusenda. Hai tamén espazo para outras voces en galego, tan diversas como Amancio Prada, Andrés Do Barro e Juan Pardo.
Aínda que só fose pola súa canción O meu país (1972), con letra de Xoán M. Casado, Miro Casabella merece este fermoso libro.

23 oct 2008


ETERNO RETORNO
PAN POR PAN mércores 22 outubro.
Foto, publiucada en GALICIA HOXE 15-10-08:
Miro Casabella (dereita) no concerto dos pobos ibéricos que se celebrou no 1976. Detrás del, conversan Benedicto (esquerda) e Raimon.

Xa saben do meu interese polas teorías do Eterno Retorno. O Tempo, nesta concepción antropolóxica, tería un principio e un fin, que pola súa banda xera un novo principio. Na teoría máis estrita do ER, os acontecementos volven a repetirse na mesma orde que xa sucederon, sen variación ningunha. Nietzsche ata planeou a tese dunha repetición infinita das ideas, pensamentos e sentimentos. Penso eu no Eterno Retorno lendo os xornais: volven con éxito Fuxan os Ventos e Miro Casabella e Raimon con concertos en Compostela e na Coruña. Volve o querido Antón Pulido, agora Fillo Predilecto de Amoeiro. Ata volve, nas pantallas dos cines, o mito Che Guevara. Tería eu 14 ou 15 anos cando vin os primeiros cadros de Pulido no Museo Arqueolóxico. Naquelas datas unha man agarimosa e intelixente deume a ler os textos do Che: volverá tamén a súa idea do Home Novo?

9 oct 2008

Música, de Bieito Iglesias (ECG.9-10-08)

O domingo pasado reuníronse os delegados do Bloque en Asamblea Nacional. Seica marchou todo como a seda, o feito de que boa parte dos participantes desempeñen cargos na Xunta ou nos concellos axudou sen dúbida ao relax, porque non hai mellor estuporante que unha nómina crecida. Sosego non significa atonía, e paga a pena apuntar certos contributos ideolóxicos de primeiro nivel achegados polo congreso. Anxo Quintana defendeu un nacionalismo de proximidade (este lema non é moi feliz, pois lembra a policía de proximidade) oposto ao nacionalismo elitista de salón. Non fala por falar, no BNG pasaron á acción substituíndo profesores melómanos e enxeñeiros europeístas por celadores de hospital e descargadores de peixe. Así se agudizan as contradicións de clase e o demais son contos da gauche divine. Con tales providencias, os bloquistas sitúanse na avangarda da revolución planetaria en curso que está a piques de deixarlle os mandos a unha analfabeta de Alasca.
Pero máis interesante que a película do congreso é a súa banda sonora: de la musique avant toute chose. No conclave defendeuse a necesidade de bailar coa terceira idade, porque o baile agarrado aconchega os candidatos aos electores e proxecta unha imaxe divertida dun partido tradicionalmente adusto. Por se fose pouco, coincidindo coa Asamblea compareceu nun xornal o deputado Bieito Lobeira para declararse "esencialmente hortera" e seareiro de Abba. Como resulta que, tempo atrás, o ex deputado Francisco Rodríguez confesou admiración por Marujita Díaz, conclúese que o BNG se arrima de vez ao bo pobo, superando a etapa do Beiras pianista engolfado en partituras clásicas, que por toda concesión á música lixeira celebraba as cantigas de Leo Ferré. A foto do Consello Nacional (con algúns membros puño en alto) entoando o himno pondaliano non asustará a "imbéciles e escuros", pois saben que os conselleiros cantaban coa boca pequena: "Chiquitita, dímelo tú..."

29 sept 2008


Os Beatles, alto segredo
O Goberno británico seguiu durante anos os pasos da banda de Liverpool

Informes desclasificados tachan a Lennon de obsceno e drogadicto

ANDOLIÑA martes 30 setembro.
OS BEATLES VIXIADOS.
Perto de Londres, nos arquivos de Kew Gardens, consérvanse unha chea de informes reservados sobre a actividade dos Beatles entre 1964 e 1972. Acollen dende documentación diplomática sobre as súas xiras ata esculcas da Policía ou de funcionarios de Facenda. Con temas do máis diverso: dende unha moza fan que lle cortou con tesoiras unhas guedellas do pelo a Ringo ata denuncias do consumo de drogas e unhas litografías eróticas (pornográficas, se o prefiren) de John Lennon e Yoko Ono, requisadas en 1970.
Un investigador, Mario J. Cereghino, recuperou esta material e descubriu que os guedelludos da banda de Liverpool foron vixiados polo goberno británico durante anos. Estas novas xa non me sorprenden: hai anos sóubose tamén que a CIA pagou campañas a favor da arte abstracta. Pero si imaxino a cara dalgún funcionario gris que durante anos gozou en solitario posuíndo a chave secreta destes chismes duns mozos dos que quizais detestaba a súa música e estilo.
Velaí o soño do Gran Irmán. Está acochado, supoño, en todos os seres humanos, pero con máis xeito en certas profesións. Pero, cando fai falla, iso non quere dicir que a policía sexa eficaz. Nin moito menos.

17 sept 2008

24 jul 2008



Roupa interior,
de Bieito Iglesias
(ECG 24-7-08.
Imaxe: Caetano Veloso)

Por aproveitar papel e atenuar a deforestación do mato amazónico, acostumo escribir a man no envés de folios mecanografados. Este artigo redáctoo nunha folla que, pola volta, ten impresas as notas dunha partitura e quizais sexa esa notación musical subxacente a que me impulse a pór en solfa o concerto dos Ten Tenors, ofrecido o sábado á noite no Obradoiro. Tamén inflúe o feito de que ceamos na terraza (dá ás Hortas e ata ela chega calquera ruído orquestrado no casco vello), abouxados por un potpurrí de temas dos Bee Gees, Abba e Beatles mesturados con arias de Verdi ou Bizet.
A falar verdade, apenas identifiquei as cantigas, se dou aquí a relación de grupos ou compositores parodiados é grazas ás crónicas xornalísticas do domingo, que informaron do repertorio e de que "o grupo fixo as delicias de popeiros e amigos non puristas do bel canto". Aseguran os cronistas que os dez tenores australianos enriqueceron a lista canora habitual cunha escolma de cantigas populares españolas (as notas de Granada rebotaron na catedral e susurraron nas pólas das árbores de detrás do pazo de Raxoi, ata penetrar nos meus oídos como eses insectos ortópteros chamados cadelas-de-frade, que segundo a superstición do pobo teñen a cisma de furgar nas orellas). Non se descarta que en vindeiras actuacións en Vigo, Pontevedra ou Coruña interpreten A Rianxeira.
The Ten Tenors seica son novos e bonitos, adornos que convidan ás féminas a guindar bragas ao palco, asimilando os seus concertos coas touradas de Jesulín de Ubrique. As fans compostelás abstivéronse así e todo de tales expansións, talvez porque o nordés que sopra estas noites desaconsella quedar co cu á recacha.
O luns tocoulle actuar a Caetano Veloso e o cantor quentou o ambiente cunha entrevista na que declarou: "A lingua (no seu caso a portuguesa) marca toda a cultura!" Proferidas na Galiza, esas palabras son case revolucionarias. Por que? Porque moitos galegos falamos case brasileiro.

7 jul 2008


Morbo.
pan por pan martes 8 xullo

Din os sociólogos que os grandes centros comerciais das aforas das cidades son as catedrais de hoxe: lugar de peregrinación central da fin de semana. Non menos alento relixioso teñen as masivas concentracións nos grandes concertos da música pop e rock, como o Rock in Río en Madrid. Seguín por TVE algunhas actuacións: Sting e Police, brillantes sempre; a furia latina de Shakira; os escoceses de Franz Ferdinand. Dende o sofá gáñase en comodidade o que se perde en adrenalina. Tamén vin uns minutos do espectáculo de Amy Winehouse e o que eu contemplei non se corresponde con algunhas crónicas do festival. A súa imaxe, de escasa mobilidade e algo absorta, ofrecía máis patetismo que outra cousa. Seica os seus fans, atentos ós seus escándalos, aprecian o toque morboso das súas postas en escena. Como en tempos as xentes se extasiaban ante as chagas dun Cristo gótico.

30 may 2008




Faltriqueira no Campus (onte)

Eu non puiden asistir, pero seica foi un éxito a actuación de Faltriqueira, cun cento de persoas escoitando. Trebolle dá conta do suceso cultural.

29 may 2008


Unlla e carne
Hoxe presenta en Compostela Bieito Iglesias o seu último libro (Fundación Torrente Ballester, 20,30 h.).
Bieito Iglesias recrea en "Pan e coitelo" os últimos anos do fraguismo desde un ollar satírico que incide no cinismo e nos rituais do mundo da política, sen omitir o seu lado máis humano .
Xenial tamén o seu artigo de hoxe, de Bieito Iglesias, en ECG:

28 may 2008


Documento histórico-visual ourensán (graciñas, Xabimusic)

Velaí a esplendorosa estrea do coro de alumnos-profesores do IES A Carballeira de Ourense, luns 26 de maio. Imaxe tan relevante merece ser ben documentada para a posteridade. Velaí:
Fila masculina, superior (estabamos sobre uns pequenos taburetes): de dereita a esquerda, os profes Rafael González (Ciencias), Xabier López (Historia), Felipe Iglesias (Informática), M.V. (Liter. Galega), José Manuel Fidalgo (Francés), Xoaquín Fernández (Inglés, pero non se ve na foto) e Gonzalo, alumno do ciclo de Sanitaria.
Fila feminina, primeiro plano, tamén de dereita a esquerda: profesora Uxía Méndez (Lingua Española), alumnas Laura Blanco e Paula Campos (2º e 1º Bacharelato Ciencias), profesora Minerva Outeiriño (Matemáticas), alumna Francisca Losada (1ª Bach. Ciencias), alumna Sandra Campos (2º Bac. Ciencias), a miña alumna romanesa Nicoletta Ghiban (3º ESO) e a súa compañeira húngara Andrea Toth; a profesora de inglés Marina Cortizo (non se ve na foto), e Esther Justo (Liter. Española), que nese momento le un poema en galego, mentres os demais lle facemos un coro melodioso de fondo. Tampouco se ven na foto, pero estaban cantando, as alumnas Jessica de Araújo, Noelia López Pérez, Samanta e Aurora Gómez Yahia (alumnas de ESO e Ciclo Sanitaria).
Non puido estar na estrea a compañeira de galego Milagros Roca, por un desgrazado accidente na súa familia, pero acordámonos moito dela e dedicámoslle unha canción con todo o agarimo. Dirixe o director do coro, Xabier Álvarez.
"Aún aprendo". PAN POR PAN mercores 28 maio

O pasado luns fixemos no Instituto de A Carballeira o acto solemne de despedida de curso de 2º de Bacharelato. E foi ocasión axeitada para a estrea dun coro do Instituto, formado por alumnos de todas as idades e profesores, con catro cancións: en galego, inglés e latín. O argallante de todo é Xabier Álvarez, mestre de música e de moitas cousas máis, que nos puxo as pilas e nos converteu en “chicos do coro” a algúns que somos, para a nosa desgraza, analfabetos musicais. Pero o coro gustou e moito. No meu discurso de despedida ós alumnos e alumnas faleilles do famoso debuxo de Goya no que se pintou a si mesmo, xa moi velliño, camiñando apoiado en dous caxatos e por baixo o lema: “Aún aprendo”. Canta verdade! Non pasa un día nas nosas vidas que non teñamos a oportunidade de aprender algo: quen me ía dicir a min que, cumpridos xa os 50, ía eu cantar nun coro?

12 may 2008


Fama, de Bieito Iglesias (ECG. sábado 10.5.08)

Esoutro día fun botar a quiniela a un dispensario da sorte da Porta Faxeira e tiven que agardar na bicha a que acabase de selar non sei cantos boletos unha muller tan morocha como faladoriña. Vista por tras, en vaqueiros e camisola, parecía paticorta (leve arco de abeacas nas extremidades inferiores) e atlética. Cando virou, ensinoume un cadro de Romero de Torres: un rostro moldurado por manela escura e unha boca apertada que denotaba certa amarga e mundana experiencia. Viña sendo Lolita Flores e non puden menos que agradecerlle a Gayoso e ao seu Luar a beizón de traer a esta negra provincia tales luminarias da cultura e arte españolas.
Na miña infancia en Ourense -antes da chuvia de estrelas propiciada polo Festival do Miño- semellaba impensable que nos visitasen as marabillosas criaturas expostas no fanal do televisor. Que Raphael se deixase caír pola cidade das Burgas era un bo milagre equivalente a tropezar na rúa do Paseo co Virxiniano. Nin sequera Julio Iglesias, cun pai nado no Souto de Vilarrubín, asomaba por alí despois de triunfar en Benidorm (antes de ser coñecido acudía ás festas do San Xinés). Había que contentarse con astros de segunda grandeza, da categoría do Paquito Jerez, que cantaban ás veces baixo un toldo circense no Couto ou nos Remedios. Tampouco sufrimos tanto coa ausencia de cantores famosos, gobernabámonos perfectamente coas versións de Los Sírex que facían os roqueiros locais (os fillos dun panadeiro da Ponte), cos pallasos asturianos (irmáns Tonetti) e cos ciganos húngaros que traían títeres á esplanada que había onda o bar Rapela.
Cando Encarnita Polo, antano faro do flamengo-pop, acabou actuando en furanchos dos arredores de Compostela, soubemos que o star-system sufría un big crush, unha implosión como a que algún día comprimirá o Universo pulsante. Un duro golpe para os deuses olímpicos que criamos a salvo da condición mortal, moradores dun ceo decorado como set de programas que se titulaban Galas del Sábado ou Pasaporte a Dublín.

11 may 2008


A ACADEMIA EN CELANOVA.
Dereito a ser rebeldes. Pasaron 57 anos desde a última xuntanza da Real Academia Galega en Celanova. Daquela, 1951, o motivo era o centenario do nacemento de Curros e a inauguración do busto de Asorey. O pobo de Celanova encheu as rúas, testemuñan as fotos. Naquela sesión entraron na RAG Xoaquín Lourenzo e Xesús Ferro Couselo. O pasado sábado, co concurso da Fundación Curros Enríquez, a Academia quixo renovar ese compromiso coa vila de Curros e Celso Emilio, nos cen anos da morte do primeiro. E aló se desprazaron case todos os académicos nun denso programa cheo de contidos e emoción. Só hai agora espazo para subliñar algúns trazos. Como o magnífico discurso de Méndez Ferrín diante do busto de Curros, que empezou lembrando a data de 1951: daquela o neno de trece anos Xosé Luís viu aquel suceso dende a súa bicicleta, camiño de Vilanova. Agora, Ferrín invocaba toda a potencia do verso currosiano e a forza estética da efixie do poeta que mira como revirado cara o mosteiro: agora, así son as cousas, en realidade mira a inmensa cabeza do seu discípulo Celso Emilio, esculpida en pedra alí preto por Acisclo.
Tamén estivo brillante Xosé R. Barreiro Fernández nas súas dúas intervencións da xornada: apelou ó poder das vilas na defensa da galeguidade do país, por riba das cidades cada vez máis castelanizadas, e, pola tarde e na Casa dos Poetas, invocou o dereito a ser rebeldes e mesmo a necesidade desa rebeldía no ronsel do exemplo ético do poeta republicano e progresista: “non se pode comprender a Curros sen afrontar a súa ideoloxía”, dixo o presidente da Academia. Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, centrouse na identificación co pobo de Curros, o poeta coroado en 1904 entre o aplauso e a aclamación dos coruñeses e do mundo intelectual galego, como demostra a exposición que se inaugurou tamén o sábado na propia Casa dos Poetas. María do Ceo. A música foi fundamental en toda a xornada: Celanova é vila literaria e musical. Sonou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e tamén a Marcha procesional de Tui, interpretadas pola Banda de Celanova, unha das máis antigas de Galicia (fundada antes de nacer Curros). A Coral Solpor tamén participou con varias das pezas máis recoñecidas do poeta. E María do Ceo, con ese aquel de acenos musicais portugueses, encheu de emoción o Mosteiro cantando, acompañada de músicos lisboetas e de Aveiro, os poemas “Ai!”, “Unha estrela me namora” e “A Rosalía”, os tres do creador de “Aires da miña terra”, ademais de “Terra de proseguir e non dar nada”, de Méndez Ferrín, un auténtico himno e epopea da nosa identidade telúrica e colectiva. Ten moito mérito cantar tan ben como o fai María do Ceo e soster, sen grandes apoios exteriores, unha sólida carreira profesional que xa está a dar os seus mellores froitos.

10 may 2008




FÍO MUSICAL (7)
Era difícil gorentar a arte de vangarda... (Xosé M. González)
...aos vinte e tres anos. Pintura abstracta, diciamos, e talvez se esperaba algún cromatismo amable para recompensar o intento de comprender. Non se comprendía, quizá o artista nunca tal quixera, pero a obra era para a consciencia ou iso quizá tentaran inculcarnos. Quizá non todos.

Que a arte fose puro xogo, por ende, si que era concibible, mais hábito afastado por urxencias militantes. E veu quen nos dixo que pólvora non quita magnolia, pero aquela palabra difícil non foi moi percibida. Tivo que ser a música, semántica inmediata ou adobío do pinchacarneiro verbal. E foi el,
que tamén militaba, naquel disco do cão Gastão, Nefretite, paz, poeta e pombas. Pillou volume a palabra, asubiou roda da vida.

Seguramente é proba cordial que uns pais de alumnos, logo de morrer,
canten o que ti cantaches. Ou que outros sigan chamando polo amigo.

6 may 2008



FÍO MUSICAL (6). LA PIEDRA IMÁN. Música, por CARLOS MARZAL (El Mundo, Campus, 30.4.08)

A dónde nos conduce la música cuando la escuchamos? ¿Dónde nos hace estar? Estar, sí: porque la música, más que transportar, más que representar un trayecto, significa un estado, un lugar en el que hallarse, aunque sea de forma sucesiva, con el discurrir de la misma música. Un encadenamiento de tierras de acogida. Con la música nos encontramos en alguna parte, que es parte alguna: el lugar de la música. Es un territorio paradójico: no es ningún lugar concreto, y, sin embargo, es un concreto lugar. No podemos asignarle nombre, no sabemos asignárselo. Y, además, no hace falta. Conviene que quede innominado, entre nieblas, con su nimbo de misterio. Ese país de la música se halla en nuestra interioridad y fuera de nosotros, que hemos sido depuestos de nuestro yo, sin dejar de ser nosotros mismos. (...)

Nota: seguen sen chegar os Fíos Musicais de moitos dos contertulios: Arume, Apicultor, Leituga, X.M. Gzez., Jim Morrison, Monxardín, J. Medela, etc. etc. Xa saben que o blog segue aberto ás súas propostas. (Imaxe: Concerto campestre, de Giorgione)

5 may 2008


Onte en Auria (foto Trebolle)

Tivemos onte en Auria un festival folclórico internacional con grupos de mozos/as moi novos, case nenos, chegados de diversas xeografías. Velaí unha mostra, chegada dende Ucraína.
Organizaba o festival o colectivo Queixumes dos Piñeiros (algún lector ourensán pensaba que por aí andaba o noso contertulio Arume, pero non; é só coincidencia).

Máis fotos da xornada, que foi día dos Maios e logo celebración madridista, no novo blogue do amigo Trebolle.

2 may 2008

Fío Musical (5)
MÚSICA E LITERATURA (Xabier Álvarez Iglesias)

Nunha recente entrevista o escritor francés Pascal Quignard afirmaba: "Un bo libro, pola súa entoación, polo seu ritmo, é música. Cando se le, escoitase". Coñecía o escritor e músico por un par de obras xa antigas: "La lección de música" e "Tous les matins du monde", por certo levada ó cine baixo a dirección de Alain Corneau, na que Gérad Depardieu da vida ó músico barroco Marin Marais.
As reflexións de Quignard recordáronme o vello debate entre música e palabra para reafirmarme na idea de que a música xa está nas palabras ata tal punto que a linguaxe se pode considerar como unha das fontes naturais da música.É por iso que encontro na música vocal e coral (palabra e música) o maior exponente da simbiose de ámbalas dúas artes. Sirva de exemplo o sexteto finés RAJATON.

19 abr 2008


FÍO MUSICAL PERMANENTE

Gústame a idea que deixaron algúns contertulios de ter un xeito de Fío Musical Permanente no blog.
E teño unha idea ó respecto. Podería abrirse cada sábado un fío de tema musical, para opinar e desenvolvelo ó longo de toda a semana.
E propoño que o faga cada semana un contertulio diferente. Vostedes teñen o meu correo persoal (está no Perfil do blog). Preparan un texto breve (10-15 liñas) como entrada e nel fagan as súas suxestións musicais, coas ligazóns a Youtube que queiran. Creo que estaría ben recomendar en cada post entre 3 e 5 temas ou cantantes ou grupos musicais. Despois só terían que enviarme ese texto e eu colgaríao, por exemplo, cada sábado (como fixemos no seu día coas entregas de Xosé M. González).
Eu publicaría os post por orde de chegada. E emprazo, para empezar, ós contertulios máis habituais: Xoán da Coba, Apicultor, Jimmy de Rairo, Xabimusic, Julio Medela, Arumes, Trebi, Leituga, Xosé M. González, Jim Morrison, Monxardín, Lourixe, M. Swan, David Paz, Xulio Outumuro, G. Peaguda, M. Fraga, etc., e escusas polos que esquezo neste momento. Se se animan, xa saben. (Isto non impide, por suposto, que deixen cancións ou agasallos musicais noutros fíos, cando queiran).

E, como hoxe non temos aínda redactor do Fío Musical, déixolles un videoclip dunha das miñas cancións favoritas.
Entereime tamén por Miraxes (TVG), que vai cantar na Coruña a marabillosa Elephteria Arvanitakis.