27 ene 2009

UNHA CARTA AMIGA
Sigo recibindo moitas cartas e mensaxes dos amigos/as. Algunhas son ben fermosas, como esta dun benquerido amigo que decidín compartir con vostedes:

Sabes que tes moitos amigos e amigas que desexamos que cada momento che introduza a enerxía para vivir. Na fraxilidade estamos ti, eu, a miña muller e todos: a omnipotencia humana, Marcos, é unha quimera moi volátil. Ninguén ten seguro de fraxilidade. Pero a nosa capacidade de soñar e de axeitarnos ó medio crea a historia porque é unha enerxía inesgotable: Homero compuxo, cego, a Ilíada e a Odisea. Beethoven, xordo, a súa última e xenial obra. Xesús, crucificado, pariu unha esperanza que é tamén a nai de tódalas esperanzas laicas de Occidente. Ti, e non só ti, estás agora na dimensión que Horacio reclamaba para os creadores auténticos: as túas palabras e os teus traballos poden ter agora unha perspectiva que os carga de verdade e que os protexe de banalidade.
Acabo de oí-la historia dun pai que, polo seu horario de traballo, só podía ve-lo seu fillo os domingos e chegara a un pacto con el: cando chegaba á noite e o neno durmía, para que este soubese que lle fora dar un bico, facíalle un nó na saba. E ese nó era o que o meniño buscaba cada mañá para saber que o seu pai, case invisible, o estaba querendo. Ningunha pexa impide seguir soñando e creando.
No mundo urbano temos un certo pudor de falar destas cousas e, aínda que non sei se fago ben ou mal, é o que che querería dicir, para animarte, se eu tivese a confianza de se-lo teu amigo máis próximo. Tes moito Ourense e moita Galicia que construír. Saúde.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Fermosíiiisimo texto, abofé.

Anónimo dijo...

Abofé que si. Vale moito dicir as cousas; custará, pero custa máis non dicilas.

Anónimo dijo...

Moi fermoso texto, si señor. Nótanse a sensibilidade e o cariño, o respecto e a admiración. Acaso hai algo máis honesto e fraternal que estar a carón dos amigos nos momentos difíciles que nos presenta a vida? Eu penso que non. Ademais, é neste tipo de situacións cando máis se agradecen as palabras sentidas; aquelas que nos animan a seguir adiante, que nos fan mellores parsoas. Parabéns ao seu autor.