Eloxio da infidelidade
Afonso Vázquez-Monxardín
la región 24-02-2009
Non me volvín tolo nin quero que me deixe a muller, non crean. O que pasa é que lles estou plenamente convencido dos prexuízos que causa a fidelidade excesiva. Ao principio pode ter un remordementos e pensar que todos o miran cando vai pola rúa e nin se atreve a comentar o seu desexo de infidelidade nin cos íntimos. Pero claro, se un non dá opción non coñecerá algo que pode abrir portas ou acabar só en aventura ocasional. Tranquilícese e abandone o desacougo e os prexuízos. Sexa infiel, xa verá como ninguén se dá conta e como goza. Os infieis -políticos, dos que falo, claro-, créanme, somos a esencia do sistema democrático. Somos os que permitimos que as cousas cambien e evolucionen. Por iso os partidos, en realidade, diríxense case en exclusiva a nós e non ás mesnadas de piñón fixo -2que enchen de bandeiras, aplausos e berros os seus mitins. Por esa atención excesiva habemos de padecer constantemente o alcume de ‘indecisos’, e non é iso; simplemente nós pensamos o voto ata o último día, que para iso nos esmagan coa propaganda.Imaxinen que todo o mundo votase sempre o mesmo. Chegaría facer unhas eleccións cada vinte ou trinta anos. Cada xeración, cando o acúmulo de incorporacións de mozos de 18 anos fose relevante, e non serían precisas estas abouxantes campañas de cada catro anos. Pero, menos mal, existimos nós, os infieis.Señor e señora potencialmente infiel, o mundo ferve e vostede sabe que tamén pode cambiar. E como vostedes son os importantes de verdade eu quero pedirlles o voto. Se votou nas anteriores PP, pero está satisfeito de como se están facendo as cousas, pois vote a unha das gallas do Goberno e non se faga mal sangue, xa verá como se sinte máis libre. Se vostede botou ao PSOE e cre que a xestión da crise se está facendo de forma improvisada e cre no dos gastos supérfulos en despachos e coches, pois déalle o voto aos de antes ou á outra póla do goberno. Se votou BNG e cre que existe un escándalo na contratación de xente para Vicepresidencia e pensaba que ían facer cousas distintas, non se corte, aí están o PSOE e o PP desexosos de que se fixe neles. Se votou a algún dos grandes partidos estatais e cre que a Galicia precisa unha voz nacionalista e ten envexa da presión que exercen os nacionalistas vascos e cataláns, pois vote ao BNG. Se pola contra, é da idea de que hai que reforzar o estado central, meter caras novas en política e deixarse de tanta autonomía, pois vote á UPyD. Se está cheo dos tres grandes e quere facer un voto ético e inútil, como de ONG cristiá, pois vote ao PUM+J, que a pesar de parecer sigla terrorista relacionada co estourido de bombas é o entrañable Por un mundo más justo. Se está contento con como o están facendo ‘os seus’ -ao góberno cómprelle máis tempo, ou a oposición debe converterse de novo en goberno-, pois claro, déalles de novo o voto. Se quere dicir que tanto lle ten, bote en branco. Se é que ningún o convence, pois vote nulo. En fin, se o que quere é só botar son unhas risas, aí está a simpática, inútil e atolada ‘Democracia Ourensana’. Para que a liberdade non sexa só unha palabra do mundo político, non debe sentirse atado. Vostede é libre. Pénseo ben e vote o que lle pete. E benditos sexan os infieis (electorais) porque deles depende a democracia.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
9 comentarios:
Pois ten moita razón, Don Monxardín. O único poder que temos é o do voto. É tontería deixar que nolo "interveñan" mediante "lavado de cerebro" para sempre...
Vostedes saben que "los tres tenores" tiñan o seu mercado copado, e asegurábanse corporativamente de que ningún outro teor saíra adiante e lles pudera facer sombra. Haberá que informarse de cales eran concretamente as suas técnicas, para comprobar si llas copiaron "os tres partidos".
Antes, nas aldeas, si había duas tendas, os paisanos fidelizábanse cara unha ou cara outra. Cada un dos propietarios pensaba que os seus clientes era "seus". Mesmo chegaban a levarse mal entre eles, os veciños, por esa causa. Si por calquera causa extraordinaria, un veciño tiña que ir comprar á tenda non habitual, facíao ás agachadas.
Cós partidos, hoxe, debe de pasar algo así, tamén...
Un bó día, chegóu á aldea un tendeiro que "pasóu" da "movida" que se traían os outros dous. Montóu unha tenda moderna, pensando nos clientes e non nos competidores. Ignoróu as críticas dos outros dous, que razonaban como si os clientes foran "seus". Algús veciños foron ofrecerlle fidelidade ao novo "tendeiro", para foder aos outros, pero éste ríuse. Díxolles que non tiñan ningunha obriga de serlle fiéis, que foran compran onde lles dera a gana...
Tardaron en entendelo. A sua razón de ser era a fidelidade aos seus respectivos tendeiros, os seus "líderes". Nunca pensaran neles mesmos...
Ten que rematar o Medela o conto.
Non cre, xdc, que é ben triste que nunha democracia o único poder que teñamos sexa o do voto?
Pois claro que sí, amigo MS. Precisamente, a democracia debería ser moito máis que eso. Ao dereito ao voto chámaselle, simplemente, "sufraxio universal",non "democracia". Pero a clase política pon ben cuidado en que identifiquemos unha cousa coa outra. A sociedade tiña que ser activa máis alá de "jalear" ao partido do que se "namoróu" aos 16 anos.
Efectivamente. A democracia non consiste só no sufraxio universal.
Os galegos somos moi gregarios, como ben se pode apreciar no noso xeito de ocupar o espazo construtivo, tanto o do agro como os barrios das cidades. En moitos países, cando os veciños teñen unha reivindicación ou unha arela, asócianse. Crean entidades independentes do erario público, pois a meirande parte delas non recibe subvencións, e iso é unha forma de facer política, de participar activamente na política.
En Galicia os cidadáns asociánse pouco. As asociacións que hai adoitan recibir axudas dos gobernos de turno (o que as fai dependentes e/ou acomodaticias) ou ben son as propias administracións as que encarreiran o que elas consideran arelas dos cidadáns formando "observatorios", "comisións","consellos de...", etc.
Ese si que é un déficit democrático que temos, difícil de erradicar a curto prazo.
É que a meirande parte de esas "asociaciós" fanse precisamente para "chupar" subvenciós. Non son asosciaciós nacidas da "vontade xeral" para o "interés xeral" sinón da vontade particular de alguén que moi frecuentemente non é que de "buscarse a vida" de outro xeito.
Publicar un comentario