17 feb 2009





O SOL DO INVERNO

Pasamos o domingo, María e eu, aló por Noia e Portosín. Leváronos os amigos Eduardo Núñez (fotógrafo e autor destas imaxes) e Milagros e de paso acompañamos a Eire ó aeroporto de Santiago, que foi pasar uns días a Londres coa súa curmá Violeta Picouto e Brian, canadiano, compañeiro desta. Un saúdo e un bico dende aquí a Violeta, que está na lista de seguidores do blog.

Desta xornada, ben agradable, quedará, ademais do saboroso bacallau que comemos, a imaxe dunha tardiña ó sol do inverno. O sol quentando sentimentos, emocións, soños, arrombados os medos por unhas horas. Unhas cativiñas xogan na praia cos seus monecos, baixo a atenta mirada dos seus pais. As nenas poñen na empresa todas as forzas que posúen, case envexo os seus folgos que eu xa non teño. Non podo correr pola praia nin adentrarme nas ondas doutrora, só camiñar collido de alguén, tropezando unha e outra vez. Pero si teño o cariño dos amigos e seres queridos. E este sol que me quenta a cariña con tanto agarimo: hoxe por hoxe ninguén me pode quitar iso.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Ola Marcos. Hai tempo que non nos vemos anque paso con certa frecuencia pola túa solaina. A veces mesmo a utilizo para contemplar un mundo blogueiro cheo de creatividade e cousas bonitas. Parabéns pola edición do Galicia Hoxe das túas andoliñas. Unha aperta desde Valdeorras, onde tamén sentimos a mornura deste soliño de inverno que xa tardaba.

Marcos Valcárcel López dijo...

Saúdos e graciñas, Gustavo.
Un saúdo a todos os amigos/as de Valdeorras.

anxo dijo...

Oes, Marcos, se volves por Portosín, non deixes de chamar á nosa porta. Axiña de ver as fotos con que ilustras a túa narración sobre o domingo que pasáchedes en Noia e Portosín, adiviñei que estivéchedes na praia de Coira, con postas de sol que habería que pagar por velas. Estou seguro de que algún malandrín podería facer negocio. Cando volvas, digo, pregunta pola Casa de Poque, está a carón da Casa da Cultura, non ten perda, e o abrazo será grande. Estamos alí as fins de semana. Sempre coas túas Andoliñas. Unha aperta de Anxo Tarrío e Blanca Roig.

Anónimo dijo...

Unha calida aperta dende Londres e o agradecemento de Bryant e meu pola Historia de Ourense, Marcos. E cos nosos desexos de volver vervos con Maria Xose no veran.

Que o sol do inverno galego que tanto amamos vos agarime ata enton.