A Obama só lle falta un chapeu
XOSÉ M. SARILLE, ecg. 3-2-09
Nos medios de información van aparecendo cada vez máis especialistas que prevén o derrubamento do capitalismo. Din que convén distinguir entre as crises cíclicas, que se repiten, e os cambios extraordinarios, que suceden unha soa vez. Entre nós o economista e escritor José Luis Sampedro cre que se a poboación mundial se triplicou desde 1900 e a capacidade de rexeneración do planeta non o fixo, isto é imposíbel de soster e que estamos nun remate semellante ao do Imperio romano, no que a barbarie pode adoptar novas formas de autoritarismo.
Heinz Dieterich, o pai do socialismo do S. XXI di que o capitalismo chegou ao final despois de 250 anos. Agora o sistema vai intentar sosterse cunha maior intervención dos estados, que é o principio do final. Mais Dieterich, que propón buscar unha nova civilización, non confía tampouco nas alternativas que poida dar o Foro Social Mundial, controlado pola socialdemocracia e os cristiáns, di el, e que hoxe se configura como a alternativa a Davos, que é o foro dos que mandan no mundo. O FSM acepta un deal, unha reforma, que non resolverá nada, calcula o economista.
Immanuel Walllerstein, o único intelectual que predeciu o derrubamento do bloque soviético durante a Guerra fría, considera que as posibilidades de acumulución do sistema tocaron teito e dentro de trinta anos non viviremos baixo o capitalismo, algo do que podemos estar seguros. Pero non sabemos que nova articulación social e económica ocupará o seu lugar, porque dependerá da loita política que se está dirimindo xa agora.
Obama parece un mago que nos devolve a esperanza no Primeiro mundo. El quere exercer certa autoridade moral, por exemplo cando lles reñe aos tiburóns de Wall Street pola maneira de devorar un billón de dólares, mentres agardan cos dentes afiados por outro máis, ou dous. Pero son palabras. Tamén son palabras, máis inquietantes, as que pronunciou antonte, coas que advirte que saír da crise non levará meses senón anos. Obama cáenos ben a todos, como aqueloutro campión chamado Gorbachov, que cando chegou parecía o único home capaz de cambiar o destino. E cambiouno.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
1 comentario:
Pero o Gorbachov cáelle fatal ós soviéticos. Coñezo xente que tratou con el, en concreto unha intérprete de orixe Georgiana e coincide cos que dín que é absolutamente anodino.
A mín non mo parece, estou cos que o ensalzan, pero é todo moi superficial. Está empezando a parecerme que cando aparecen persoeiros deste calibre é que o sistema está xa moi tocado.
Se o sistema deriva hacia unha ruptura, serán os "organizados" os que tomen o relevo. Poden ser mafias, grandes corporacións, ou, aínda o pensaba onte, "a iglesia católica tridentina" porque a iglesia alternativa non triunfou.
Publicar un comentario