6 mar 2009

Cousas veremos, M.A. Fernán Vello, g.h. 6-3-09

Na pell de brau -"a terra ancha de España", tal como entendía Maria Aurèlia Capmany o emblemático título de Salvador Espriu- o acontecer diario reserva sempre sorpresas de toda caste e condición, dende o vulgar ao grotesco, dende o desvairado ao prodixioso. ¿Que opinan vostedes, por exemplo, do caso do ex ministro de Xustiza, señor Bermejo, expedientado e multado pola Junta de Andalucía por cazar -furtivo el- sen licenza? Mais sigamos. Porque a pel de touro dá para moito e o pasmo é un río que non deixa de levar auga. Como saben vostedes, o alcalde de Zaragoza, o socialista Juan Alberto Belloch -ministro que foi de Xustiza no sétimo Goberno de Felipe González-, aprobou a creación dunha rúa dedicada a José María Escrivá de Balaguer, santo católico que foi fundador do Opus Dei. O Concello de Zaragoza ten aínda pendente a retirada de 43 nomes de rúas relacionados co franquismo -eis a Lei de Memoria Histórica-, mais o socialista Belloch -¿lembran vostedes o de Bono coa monxiña Maravillas?- quixo premiar, segundo as súas propias palabras, un dos aragoneses "máis coñecidos no mundo, creador de trece universidades e máis de cen centros escolares de formación". Xa ven vostedes. Pura lóxica escolástica.
E pasemos ao País Vasco. Resulta altamente curioso que Patxi López, candidato a lehendakari do PSE-PSOE, fale e actúe con toda naturalidade nestes últimos días -vese o home investido lehendakari-, como se xa tivese o apoio do Partido Popular de Basagoiti, co cal, por certo, aínda non falou, cando menos oficialmente. Tendo o PSE 24 escanos e o PNV 30, chama a atención que, fronte a un contundente triunfo dos nacionalistas vascos, ande o socialista Patxi López celebrando, por adiantado, un pacto contra natura entre o PSE, Partido Popular e o tamén triunfal UPyD de Rosa Díez. ¿U-la ética política neste caso? ¿Trátase de gobernar como for, chegando a acordos con quen sexa, e contra a maioría social de Euskadi? Cousas veremos. Mais no ruedo ibérico, outra boa definición, pode pasar, e pasa, de todo.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

É certo o que anda na rede de que Feijóo recibiu un coche de Citröen polo que non pagou impostos?

Anónimo dijo...

Podes lelo eiqui tamén
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=472&idNoticia=403346

Anónimo dijo...

Se Aymerich é sucesor, apaga e vámonos.

Anónimo dijo...

Segundo Fernán Vello no seu escrito "Cousas veremos", en Galicia, nas anteriores eleccións,o PSdeG debería ter feito coalición co PP, partido máis votado, e non co BNG, partido escasamente votado. Eso é o que F. Vello di con respecto ao País Vasco nestas últimas eleccións.
Fíxase este escritor somentes no partido socialista, e ¿que me di de todas as falcatruadas do BNG? Coido que con respecto a este partido xa están vistas todas as cousas. Así rematou o bipartito: partito por todas partes.

Anónimo dijo...

Paco Rodríguez
Xornal

Para o nacionalismo galego os resultados das recén celebradas eleccións autonómicas foron negativos. Ao revés do que se dicía, a maior participación (a máis grande en todos os procesos desta caste) posibilitou un cambio a favor do Partido Popular. Había varios factores potenciais para provocar unha onda de fondo social para o cambio de Goberno na Galiza. Perante a crise económica existe unha tendencia a crer que o PP pode actuar mellor. A fórmula dun Goberno bipartito BNG-PSOE non parecía tampouco a máis adecuada para enfrontala e mesmo se considerou inapropiada en si, preferíndose unha maioría monocor. Esta foi a visión hexemónica socialmente. Os electores do PP, unha parte importante dos do PSOE e os desafectos ao BNG promoveron esta onda de cambio.

Naturalmente non abonda co contexto potencial. A forma como se percibiu a actuación do bipartito resultou decisiva. Limitareime ao BNG, sen dúbida o único que tivo intención de realizar políticas diferentes ás do pasado. Non se pode negar que iniciou a aplicación de importantes medidas de carácter estratéxico (Banco de terras, Lei de Montes, Seaga, reorientación da política enerxética...). Os efectos só se podían visualizar a medio ou longo prazo. Tamén comezou a sentar as bases dun sistema de benestar (Consorcio), contando co uso da lingua nacional (Galescolas). A hostilidade manifesta dos medios de comunicación hexemónicos de dentro e fóra de Galiza foi visceral, dentro da súa liña manipuladora sobre os "excesos identitarios" e a suposta imposición do galego. Non faltou tampouco o colaboracionismo do sindicalismo estatal no balbordo. Sen dúbida houbo intención, manifestada en normativa, de mellorar a calidade das vivendas e de potenciar a de iniciativa pública, contestada polo sector da construción. Son un pequeno botón de mostra. En definitiva, houbo moitas medidas positivas, que debemos defender, pero de incidencia social escasa durante a lexislatura. Sen embargo, unha cuestión tan importante como a aplicación da Lei da Dependencia, fundamentalmente por falla de medios atribuíbel ao Goberno do Estado, deixou que desexar, contrastando a propaganda oficial do inicio coa súa aplicación en relación coas expectativas creadas... O BNG, empeñado en executar alternativas de calado, recibiu ataques nos que se mesturaban dúas acusacións: a práctica clientelar e a orientación ideolóxica nacionalista. A acción do BNG no Goberno tiña unha incidencia contraditoria: o moito que se fixo de positivo era aínda de incidencia social limitada, e mesmo resultaba conflitivo. O negativo agrandouse mediaticamente de forma intensiva e manipuladora ou con destino a sectores especialmente sensíbeis. Desde logo, tampouco o noso socio de goberno, que controlaba o aparato xurídico-administrativo e contábel, favoreceu a axilidade da nosa acción nen as nosas iniciativas.

O Goberno (BNG) gozou dunha autonomía sen límite respeito do BNG organización. Paseniña e tardiamente foi habendo maior ósmose para rectificar erros, tanto no que afectaba á base social nacionalista organizada como en relación con temas de grande importancia. Debo recoñecer que a nosa actuación foi errática e absurda en relación coa RTVG. É claro que mesmo os informativos eran dun total sectarismo pro-PSOE e a programación non estaba á altura dos cambios mínimos que se esperaban. Non se elaborou sequera a lei para o Parlamento elixir o seu director, malia figurar no pacto de goberno. En relación cos medios privados seguiuse unha política incoherente, sen calibrar que tipo de empresas ideolóxicas estaban detrás.

Resulta inquietante o papel desempeñado dentro do país por La Voz de Galicia. Foi o xornal que máis diñeiro público recibiu do Goberno galego e da RTVG por programas externalizados. O seu anti-nacionalismo, xa tradicional, foi increscendo sen límite e reparo de ningún tipo. Participou activamente no deseño para levar o PP ao goberno. Promoveu aquí as campañas anti-nacionalistas, de xestación inicial madrileña, como a referida á imposición do galego. A teimosía obsesiva contra o Plano Eólico evidenciou o seu servizo a intereses materiais concretos. A perda dun deputado por A Coruña é inexplicábel sen a incidencia negativa do xornal coruñés: o 77% dos votos perdidos polo BNG está nesta circunscrición electoral.

Cecais cómpre cavilar no rubicón moral que se atravesou nestas eleccións. Os dirixentes do PP deben calibrar cal pode ser o resultado se todos nos adicamos a enlamar as campañas con mentiras, medias verdades ou mesmo verdades enteiras sobre a vida persoal e íntima dos candidatos e candidatas.

Os resultados foron así por esta interacción de factores. Certamente existía unha imaxe do BNG distorsionada que afectou aos sectores desafectos ou descontentos coa nosa política no goberno. Foi quen retirou o apoio. Sen afán de auto-xustificar nada, sería tamén necio non ver que o debate ideolóxico produciu unha españolización política, ideolóxica e cultural (incluída a lingua), que ten especial incidencia nas cidades. Como parece evidente, dentro da onda xeralizada na Europa, que esta crise está a provocar máis confusión e individualismo en amplas campas sociais. A reacción perante estes resultados ten que ser crítica pero serea e activa, quer no plano político, quer no plano organizativo. A nova situación vainos posibilitar eliminar distorsións do noso perfil político. Realizaremos unha oposición útil ao servizo dos intereses do pobo galego. Non son momentos para o desánimo.

Benvida sexa a crítica, a auto-crítica, os cambios necesarios no BNG. Porén non resulta pedagóxico nen construtivo nen leal que desacrediten o BNG aqueles que, ocupando postos de responsabilidade na organización, e mesmo nas institucións, nunca abriron a boca nos organismos para facer valoracións concretas da actuación no goberno galego. Mesmo practicaron o absentismo máis irresponsábel e anti-democrático. Como resulta tamén chamativo que algúns comentaristas, incluso de profesión académica, antes aduladores, resulten agora os primeiros en desacreditar o bipartito. O rigor intelectual e moral esixe certa coherencia.

O nacionalismo é unha necesidade para Galiza. Non é indiferente a forma de encarar procesos difíceis e mesmo críticos. Non somos unha fanquicia dunha grande empresa exterior. Colectivamente enfrontaremos a situación. O BNG segue a ser o principal instrumento de defensa do pobo galego. O labor do BNG na Xunta, malia as deficiencias e eivas, ten significado acertos, dos que non imos renegar. Estase xa a comprobar como o PP está disposto a destruír ou cambiar a orientación do que o BNG ergueu. Hai mellor proba de que algún cambio houbo?

Anónimo dijo...

Autocrítica en serio, cero. O inferno sempre son os outros.

Anónimo dijo...

Eu tamén vexo neste texto de PR pouca ou ningunha autocrítica, sobre todo do funcionamento real do BNG-organización.

Semella que, segundo el, todo é consecuencia de factores externos e de erros de goberno, pero nunca da forza política que está detrás do goberno (capacidade de integración de tendencias, conformación das listas, coordinación, ...).

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Como resulta tamén chamativo que algúns comentaristas, incluso de profesión académica, antes aduladores, resulten agora os primeiros en desacreditar o bipartito.

De quen fala??

Anónimo dijo...

Unhas reflexións moi graciosas que atopei nun artigo de Miguel Anxo Murado (LVG):


Sempre me chamou a atención o feito de que moitas das persoas que din que «o inglés é imprescindible» non saben inglés. Pero máis abraiante resulta cando parecen opoñer o inglés ao galego, como se un fose a alternativa do outro. Foi este o caso de Alberto Núñez Feijoo quen, preguntado polo galego no ensino, respondeu misteriosamente que o que lle preocupaba era o inglés. Ben está que se preocupe Núñez Feijoo do inglés, mais terá que recoñecer que a el, en concreto, o inglés non lle serviu nesta vida tanto como o galego, que foi clave na súa carreira...

HA! HA! HA!!!!!