Mostrando entradas con la etiqueta Fernán Vello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fernán Vello. Mostrar todas las entradas

25 nov 2009

A verdadeira Rosa Díez
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 25.11.2009

O tempo, a realidade e as circunstancias van labrando, aos poucos, o verdadeiro perfil de Rosa Díez. Acaba de celebrar o seu persoal partido o seu primeiro Congreso e váiselle vendo cada vez máis o penacho a esta muller que proclama que non é "nin de dereitas nin de esquerdas". Eu teño dito -aínda ela a militar no PSOE e a cobrar como eurodeputada do partido- que habería que realizar un estudo sobre o perfil psicolóxico-político desta muller tan admirada pola Fundación para la Defensa de la Nación Española e tan valorada pola Falange Auténtica, organización esta última que non hai moito presentaba un libro titulado"La coreografía azul de Franco e que lle ofreceu no seu día a Rosa Díez, non sen entusiasmo, a súa integración como independente nas súas candidaturas. Xa ven vostedes. A que fora conselleira de Turismo e Comercio do Goberno vasco, con Ardanza de lendakari, propón agora, através do seu particular partido político, borrar da Constitución calquera referencia ás distintas "nacionalidades" que conforman o Estado español; e aínda vai máis alá esta Rosa de España Única, porque tamén pide eliminar a especial "protección e respecto" á pluralidade lingüística. Vexan senón o que di a Bárbara Señora e o seu partido ac hoc en bárbara expresión: "Una protección adicional de las lenguas minoritarias va en contra de los derechos de los hablantes, y es retrógrada". E velaquí unha nidia vocación etnocida, con pulsión destrutiva e salvaxe á vista, claramente regresiva e nostálxica da placidez franquista, en estado puro. Rosa Díez estase a manifestar, cada vez máis, como nacionalista española radical, aínda que ela no seu delirio político narcisista non teña a necesidade de definirse ou sentirse como tal. E podería aplicárselle perfectamente -ela tan soberba e vaidosa até a exasperación doentía, e tan exhibicionista de virtudes- aquilo que dicía Nietzsche: "O que nega a súa propia vaidade adoita posuíla en forma tan brutal, que debe pechar os ollos se non quere desprezarse a si mesmo".
Ilustración da revista Vida Gallega, anos 50.

16 jun 2009


Empobrecemento da linguaxe.
Galicia Hoxe, 16.06.2009
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO




Denuncia o escritor Mempo Giardinelli que no seu país, a Arxentina, a linguaxe sufriu nos últimos trinta anos un empobrecemento dramático e que duns 84 mil vocábulos dispoñíbeis só se empregan na actualidade arredor de mil. E, segundo datos da Real Academia Española, só entre os anos 1992 e 2001 foron suprimidos máis de 6.000 artigos do Diccionario oficial, palabras que simplemente desapareceron do uso falado e escrito e caeron no pozo do desuso. O empobrecemento xeneralizado da linguaxe é unha realidade que resulta hoxe máis que evidente na sociedade e detéctase particularmente nos adolescentes e nos profesionais en xeral, que, aínda tendo realizado estudos superiores, adoitan caer na inmediata vulgaridade e na conseguinte pobreza expresiva. ¿Acaso non sae da Universidade un alto número de licenciados que exhiben unha pésima desenvoltura ou manexo da lingua oral e escrita? Segundo diversos estudos realizados, se hai dez anos un universitario empregaba unha media de 1.200 palabras no seu vocabulario activo, hoxe só utiliza arredor de 600. Velaí a realidade. E resulta preocupante. O empobrecemento da linguaxe avanza como as areas do deserto sobre os fianchos verdes da herba. Xa dicía George Steiner hai corenta anos, baseado en estatísticas sobre o tema, que a capacidade de lectura de máis da metade da poboación adulta dos Estados Unidos se atopaba "ao nivel dun neno de doce anos". E como di, non sen ironía, o escritor e crítico literario Manuel Arranz, "xa sabemos que Estados Unidos é o futuro de Europa". Por ese camiño imos. E algo albiscou ou abesullou ao respecto o visionario George Orwell cando, na década dos corenta do pasado século, nos advertiu sobre a decadencia da civilización occidental e o inevitábel e triste destino compartido pola súa linguaxe, debido este sobretodo a causas económicas e políticas favorecedoras do empobrecemento da mesma. Como ben dixo o poeta italiano Giorgio Barberi Squarotti: "A pobreza da linguaxe debilítanos e pode facernos escravos das ideas doutros".

14 may 2009


A Academia.
Miguel Anxo Fernán Vello.Galicia Hoxe 14.05.2009.
Mané Boan.Celanova.A fraga.

...E a Academia tamén deixa ben claro na súa exposición que resulta preocupante que as primeiras decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta "sexan todas desprotectoras da lingua galega". ¿Como un Goberno responsábel pode chegar a atentar contra o idioma propio do territorio que goberna, cando, ademais, este idioma, ferido de morte, vive a ameaza da desaparición? Agardemos que se impoña finalmente a cordura.

6 mar 2009

Cousas veremos, M.A. Fernán Vello, g.h. 6-3-09

Na pell de brau -"a terra ancha de España", tal como entendía Maria Aurèlia Capmany o emblemático título de Salvador Espriu- o acontecer diario reserva sempre sorpresas de toda caste e condición, dende o vulgar ao grotesco, dende o desvairado ao prodixioso. ¿Que opinan vostedes, por exemplo, do caso do ex ministro de Xustiza, señor Bermejo, expedientado e multado pola Junta de Andalucía por cazar -furtivo el- sen licenza? Mais sigamos. Porque a pel de touro dá para moito e o pasmo é un río que non deixa de levar auga. Como saben vostedes, o alcalde de Zaragoza, o socialista Juan Alberto Belloch -ministro que foi de Xustiza no sétimo Goberno de Felipe González-, aprobou a creación dunha rúa dedicada a José María Escrivá de Balaguer, santo católico que foi fundador do Opus Dei. O Concello de Zaragoza ten aínda pendente a retirada de 43 nomes de rúas relacionados co franquismo -eis a Lei de Memoria Histórica-, mais o socialista Belloch -¿lembran vostedes o de Bono coa monxiña Maravillas?- quixo premiar, segundo as súas propias palabras, un dos aragoneses "máis coñecidos no mundo, creador de trece universidades e máis de cen centros escolares de formación". Xa ven vostedes. Pura lóxica escolástica.
E pasemos ao País Vasco. Resulta altamente curioso que Patxi López, candidato a lehendakari do PSE-PSOE, fale e actúe con toda naturalidade nestes últimos días -vese o home investido lehendakari-, como se xa tivese o apoio do Partido Popular de Basagoiti, co cal, por certo, aínda non falou, cando menos oficialmente. Tendo o PSE 24 escanos e o PNV 30, chama a atención que, fronte a un contundente triunfo dos nacionalistas vascos, ande o socialista Patxi López celebrando, por adiantado, un pacto contra natura entre o PSE, Partido Popular e o tamén triunfal UPyD de Rosa Díez. ¿U-la ética política neste caso? ¿Trátase de gobernar como for, chegando a acordos con quen sexa, e contra a maioría social de Euskadi? Cousas veremos. Mais no ruedo ibérico, outra boa definición, pode pasar, e pasa, de todo.

27 feb 2009

Realismo suxo de campaña
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, galicia hoxe 27-2-09

Xa saben vostedes que o realismo suxo é un movemento de creación literaria que propón nos seus textos unha certa sobriedade e parquidade no relativo sobretodo ao elemento descritivo, véndose a linguaxe enfiada dun xeito moi directo e descarnado, coloquial, rozando mesmo ás veces, como un efecto de expresividade artística, o indecente, o violento e o badoco ou indelicado. E velaí, por exemplo, o escritor cubano Pedro J. Gutiérrez, que non dubida en titular un dos seus contos Yo, revolcador de mierda, ou o mestre Charles Bukowski, autor de obras tituladas Fuck Machine ou Erections, Ejaculations, Exhibitions and general tales of ordinary madness. Pois ben, salvándomos adecuadamente as distancias e sobretodo por parte dalgúns dos seus protagonistas, a campaña electoral que hoxe remata moi ben poderiamos situala dentro da estética do realismo suxo. E do realismo suxo, por suposto, de baixa ou ínfima calidade; con expresións directas, si, mais ateigado dunha violencia expresiva baseada no infundio, na patraña, na argallada, no engano e na mentira. Con razón dixo Quintana, sen irmos máis lonxe, que o líder do PPdeG "está a facer a campaña máis suxa e rastreira que se recorda na historia política deste país". E até o presidente Touriño, que cualificou ao aspirante do PPdeG de "aprendiz de brujo", acaba de pedirlles aos cidadáns galegos que lle dean as costas a Feijóo pola súa "campaña suxa", xa que "quen non pode facer unha campaña limpa non pode gobernar de forma limpa Galicia". Xulguen vostedes mesmos. Porque o certo é que esta campaña electoral que hoxe remata pasará á historia, sen dúbida, polo seu realismo suxo de trazos extraordinariamente túzaros e grotescos, onde se baixou mesmo á difamación e onde os insultos á intelixencia dos electores brillaron coma nunca. E pobres os cidadáns galegos, que se ven sometidos a visitas de políticos de fóra, que falan dos problemas de fóra e que só pensan en si mesmos -mercaderes do voto- condenando a Galicia a ser unha simple e ás veces vulgar anécdota.

23 feb 2009

Votar ou non votar, M.A. FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 23-2-09

Debo confesar que nos últimos días foron varios os amigos -residentes todos eles en países de Europa e con dereito a voto en Galicia- que, dunha maneira ou doutra, en conversa directa ou a través do correo electrónico, me interpelaron sobre o acaído do voto e das opcións existentes, unhas e outras, pois é ben certo que a distancia -e non é tanta esta, nestes casos- crea certos problemas de "axuste fino", digámolo así, á hora de exercer o voto en circunstancias como as presentes. Eu, que penso votar, por suposto, faleilles a todos eles coa máxima claridade e convencemento. Teño ben decidido o meu voto -madia leva- e tratei de argumentar, aínda dende certa decepción política que me afecta, sobre a conveniencia de levar a cabo a acción de votar, e de votar aínda por unha determinada opción en concreto. Mais vaiamos por partes. En primeiro lugar, sen ningún xénero de dúbidas, é fundamental a participación. O abstencionismo, chamémoslle "consciente", de raíz política esquerdista na súa posición, supón abrirlle as portas de novo ás forzas políticas retardatarias -así se expresaría o amigo Isaac Díaz Pardo- que durante tantos anos ostentaron o poder. Por iso resulta fundamental votarmos, superándomos calquera decepción puntual, por un país que avance e que progrese, por unha perspectiva de esperanza en todas as ordes sociais, por un futuro de construción democrática e nacional da nosa Terra. Aínda que a cabeza pensante e fría -expresáballe eu isto aos meus amigos- teña en conta o peso dunha desilusión creada e dunha certa descrenza nos foros políticos actuais, debe imporse aquí a sabedoría -polo menos nesta convocatoria- do corazón de sempre, o que sinala a liña dun porvir anceiado no tempo. Non votar, ou votar nulo, é un exercicio profundo de desamor a unha causa política que debe estar por riba do nocivo e estéril individualismo que medra, aos poucos, aquí e acolá. Por sorte, algúns dos meus amigos indecisos decidiron, finalmente, votar. E todos clarificaron o seu voto. O futuro construímolo nós.

16 feb 2009

As ‘andoliñas’ de Marcos Valcárcel
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 16-2-09

As andolas, ben o saben vostedes, son unha caste de bolboretas miúdas que gustan de revoar arredor dunha luz, e andoliñas –a súa forma en diminutivo– foi o título que Marcos Valcárcel quixo que figurase á fronte da súa colaboración xornalística e literaria en Galicia Hoxe. E acertou o escritor con esta fórmula, con esta poética comunicacional. Porque os artigos de Marcos Valcárcel, que agora ven a luz no libro Dende a palabra, dende o corazón. Primeiras Andoliñas –unha escolma das aparecidas entre outubro do 2003 e outubro do 2004–, son un paradigma de precisión prosística, sometidos os textos a unha esixencia, natural no autor, de sonoridade e ritmo e, ao mesmo tempo, tinxidos dun culturalismo de vea asequíbel e intelixente, sen se esquecer en ningún momento da visión directa da realidade e da pura reflexión de carácter cultural e aínda social e político. Así son as andoliñas de Marcos Valcárcel. Lixeiras na súa arquitectura e densas no seu poder comunicante. Formas literarias de intervención directa e ánimo de crónica a fixar nomes, lugares e feitos. Os dicionarios galegos do futuro terán que incluír, sen dúbida, a voz andoliña, á par do seu significado xa coñecido de bolboreta, como "columna xornalística de definido alento literario, breve na extensión e intensa no seu voo de ideas, concrecións e matices". Ou algo así. E ten toda a razón Afonso Vázquez-Monxardín, prologuista deste primeiro libro das andoliñas de Marcos Valcárcel, cando di que que estas folerpiñas –así as denomina tamén Monxardín– "establecen connosco unha comunicación tranquila e fluída, pousan sobre nós suavemente e imos quedando engaiolados coas reflexións de Marcos sobre o mundo cotián ou extraordinario, coas súas lecturas, películas e músicas preferidas, coas evocacións de historias e reflexións diversas". A andoliña xa é, pois, unha marca, un estilo, un selo da casa. Marcos Valcárcel soubo crear e manter un xénero que xa forma parte da historia máis brillante do xornalismo literario galego do noso tempo.

6 feb 2009

O arraiano Martin Sheen e o poeta cimarrón,
Manuel Rivas

Ferrinianos e ferrinistas
O autor de 'Con pólvora e magnolias' recibe unha homenaxe no seu 70º aniversario
XOSÉ MANUEL PEREIRO 06/02/2009

Homenaxe a Méndez Ferrín, de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Méndez Ferrín, por ANTÓN BAAMONDE
Ferro. Pan por pan 7-2-09
Foi onte o día de Xosé Luís Méndez Ferrín, homenaxeado en Vigo cunha cea e un libro de homenaxe, ‘A semente da nación soñada’.Estiven alí co corazón, non coa presenza física. Ferrín, a quen os amigos máis ferrinianos chaman o Ferro, é hoxe símbolo de moitas cousas. Antón Baamonde, que nunca foi ferriniano, comenta nun blog o impacto (perdón, don Vicente) que supuxo na nosa cultura a aparición de libros como Con pólvora e magnolias ou ‘Crónica de nós’: eu podería dicir onde estaba e con quen o día que lin por vez primeira eses libros.E o mesmo cabe dicir de obras mestras como ‘Arraianos’ ou ‘Estirpe’. Co tempo tiven a honra de presentarlle en Auria algunha novela e de ter con el certo trato de amizade, con citas periódicas en Celanova ou en actos da Academia. Hoxe teño outra imaxe do Ferro que en nada diminuíu a súa valía literaria, ó tempo que agrandaba a súa calidade humana.

3 feb 2009

O galego dos políticos
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. Galicia Hoxe 3-2-09

Sexamos xustos, non todos os políticos galegos, porque existen notorias excepcións, falan mal o idioma propio de Galiza. Mais é ben certo que unha ampla maioría dos principais representantes das organizacións políticas galegas -velaí as 3 presentes no Parlamento- maltratan, non sen contumacia ou teimosía, cousa que sorprende, a "fala dos avós que temos mortos", como diría Celso Emilio Ferreiro. E, agora que estamos a piques de nos mergullar nunha nova campaña electoral, teremos ocasión de comprobalo. Os candidatos á presidencia da Xunta polos tres partidos con representación parlamentar deixan moito que desexar á hora de mexeren os beizos para dicir unha ou outra cousa. É ben certo que entre eles -velaí Anxo Quintana- hai quen se goberna con máis despexo ou desenleo; mais tamén este, candidato nacionalista, é quen de ferir, aínda que sexa levemente, a pel e o corazón do noso vello e nobre idioma cada dúas por tres. Un fillo dun meu amigo que estuda galego no colexio con máxima atención e proveito, todo cerebro e sensibilidade aplicado á causa, leva un caderno no cal levanta acta dos erros, moitos deles de vulto, nos que incorren nas súas comparecencias televisivas os políticos galegos máis coñecidos. Se un analiza o que alí figura, con data, nomes e apelidos, o menos que pode sentir, ben aos poucos, é unha cadea de roibéns a lle queimar as meixelas. ¿Non existe algunha alma caridosa -algún asesor asisado ou autente- que lle diga algo ao político maltratador da lingua? ¿Custa tanto corrixirmos erros de utilización do galego tan garrafais que fan enrubescer mesmo ao máis pintado? ¿Non ven que son milleiros os cidadáns galegofalantes -e moitos deles estudantes que se interesan polo idioma- que fican pampos diante da chafallada expresiva que adoitan exhibir os políticos? ¿U-la súa responsabilidade aos efectos? O fillo do meu amigo, non máis comece a campaña electoral, vai afiar o lapis vermello e inaugurar un caderniño novo. Ten moito traballo por diante. E logo podemos enrubescer xuntos.

9 ene 2009

caderno aberto, GALICIA HOXE 9-1-09
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Exotismo histórico
José María Aznar, sempre tan expresivo e membro de honor da confraría O Falar non ten Cancelas, cualificou a vitoria electoral de Obama, en declaracións á revista Vanity Fair, como un "exotismo histórico". Como vostedes saben, o termo "exotismo" provén do grego "exotikós", que significa estranxeiro, "o que vén de fóra", e seguramente o ex presidente español, tan informado e diplomático el, ve a Obama como chegado do corazón profundo da África negra. ¿Racismo? ¡Quiá! "Exotismo histórico", simplemente. Mais é certo que o ex presidente español ten certa querencia pola, chamémoslle, crítica racial. En máis dunha ocasión, fagamos memoria, tense mostrado contrario ao que el chama "indigenismo radical" en Latinoamérica, en clara alusión, neste caso, ao presidente de Bolivia, Evo Morales, fillo dunha familia de etnia aimara. Para Aznar, está claro, os movementos indíxenas son "inimigos de Occidente" e non dubida en meter todo o indixenismo con expresión política no mesmo saco: populismo e militarismo. Mais volvamos ao caso Obama e á aznariana definición de "exotismo histórico" aplicada ao futuro presidente dos Estados Unidos. Nun ensaio titulado Historia antropológica del racismo en España, o seu autor, José María del Olmo, define a "racioloxía" (antropoloxía física) como o intento de clasificación dos homes segundo as diferenzas somáticas colectivas que neles se observan. E velaquí a Aznar convertido nun experto raciólogo, vendo a Barack Obama como un ser exótico, o que "vén de fóra", e apóndolle a calidade de "histórico", talvez porque os descubrimentos máis importantes sobre xenética poboacional datan de setenta anos atrás. E, chegados a este punto, mágoa é que o ex presidente -"Yo soy el milagro", que dixo no seu día- non sexa coherente tamén co expresado por el mesmo na súa prodixiosa carreira verbal: "Me encanta inspirarme en el silencio, como Leonardo da Vinci. Leonardo amaba el silencio, y los resultados de su silencio fueron marabillosos". Os seus, señor Aznar, son patéticos.

3 ene 2009

Idiomas irreais.
M.A. FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 2 de enero de 2009
Felipe de Borbón e Letizia Ortiz, máis coñecidos como Príncipes de Asturias, felicitaron o Nadal cunha tarxeta escrita en castelán e en inglés. Xoán Carlos I e Sofía de Grecia utilizaron exclusivamente o castelán nas súas felicitacións e Elena de Borbón, máis afrancesada, incluíu tamén a lingua de Molière. Finalmente, Cristina de Borbón, duquesa de Palma de Mallorca e residente en Barcelona, utilizou só o castelán na súa postal de felicitación, esquecendo o idioma propio da nacionalidade histórica na que decidiu vivir. A Casa Real española, como se ve, ignora os idiomas oficiais do Estado, e non lles ten sequera ese típico e mínimo aprezo sentimental que se exhibe en datas tan sinaladas. O certo é que está ben fixada en España, resulta máis que obvio, unha forma de exclusividade impositiva do español, tanto no plano simbólico como no real, e os outros idiomas non se consideran, non se recoñecen, non existen. Se no conxunto de España se falan catro idiomas oficiais, sendo un deles o idioma maioritario do Estado, ¿por que se despreza a riqueza, o gran patrimonio histórico, cultural e social que representan os outros tres? Octavio Paz, premio Nobel de Literatura, definiu a poesía medieval galega como unha das xoias da Humanidade. E en galego escribiu o rei de Castela Alfonso X o Sabio. Chama poderosamente a atención a falta de sensibilidade lingüística e a falta de cultura humanística da Casa Real borbónica. Viven noutro mundo e o galego, o catalán e o euskera son, para eles, idiomas irreais.

3 dic 2008


O tesouro da amizade, de Miguel Anxo Fernán Vello (GALICIA HOXE, 3-12-08)
Imaxe: Alice, de Modigliani, 1915-

O tesouro da amizade brillou como nunca estoutro día en Ourense na homenaxe que os amigos lle realizaron ao escritor e historiador Marcos Valcárcel. E tal realidade mostrada fainos, sen dúbida, reflexionar, pois a min resúltame de suma importancia o que aconteceu na cidade das Burgas. Vaiamos ás palabras e ao sentido. Amicitas e amicus son entrañábeis voces latinas que proceden á súa vez de amare; velaí o sentido profundo da amizade: a máis nobre modalidade do amor. A amizade, pois, como "centro da vida" -que así era para o gran filósofo-, como valor ético; e, por outra banda, a amizade que duplica a ledicia e divide a angustia pola metade (Francis Bacon). Non hai dúbida de que a amizade era para Aristóteles un tema fulcral, e non en van dedícalle o filósofo os libros oitavo e noveno da Ética para Nicómaco, asegurando, entre outras cousas, que non se pode vivir sen amigos. No caso de Marcos Valcárcel, e despois da multitudinaria homenaxe nacional recibida, un ten que ir forzosamente -para mellor entender o fenómeno amical do ourensán- ao Libro Oitavo, capítulo VI, da Ética para Nicómaco, onde se pode ler que "a verdadeira amizade é unha especie de exceso no seu xénero; é unha afección que supera a todas as demais, e diríxese pola súa mesma natureza a un só individuo; porque non é moi doado que moitas persoas agraden á vez tan vivamente". Palabras certeiras. Está ben claro que, no caso de Marcos Valcárcel, existe un gran poder de atracción e ao mesmo tempo de proxección da amizade, como se a súa figura fose un centro que todos celebramos. E é este tipo de amizade unha forma de admiración e unha forma de identificación, non contaminada en ningún momento por calquera caste diso que se entende por "política da amizade", que diría Jacques Derrida. A amizade que se mostra como unha forma de enerxía arredor de Marcos Valcárcel é, en definitiva, a vella e nova materia galeguista da fraternidade, e o noso amigo está no centro desa materia: un tesouro que debemos gardar no centro de todos.

15 oct 2008

Lectores/as?

"Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto -coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da sociedade -e sobretodo no plano estético- á que inicialmente vai dirixida. E mesmo moi por riba de sectores sociais cultos e galeguistas, e nacionalistas, que simplemente non len. "

Hoxe, en Galicia Hoxe, no artigo de Fernán Vello, "Literatura e sociedade".

4 sept 2008

Empresarios contra o idioma galego
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO (Galicia Hoxe, 4-9-08)


Creada no ano 1993, a partir duns primeiros contactos levados a cabo pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, a Fundación Galicia Empresa naceu para, entre outros fins, teimar na cristalización dunha idea central: establecer un maior compromiso social das empresas coa cultura, concretando este máis particularmente "na recomendación de usar a lingua galega como símbolo dese compromiso e como marca de identidade e da calidade dos seus produtos, sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial". O primeiro presidente da Fundación Galicia Empresa foi Ramón Castromil e forman parte actualmente da institución -cito case de memoria- empresas e entidades tan importantes como Caixanova, Coren, Feiraco, Finsa, Gadisa, Otero Pombo, Pescanova, R Cable, Rodman, San Luis e Televés, entre outras. En definitiva, toda unha lección dada á sociedade galega por parte dun número altamente significativo de empresarios, todos eles punteiros e de gran calidade nas súas creacións e ofertas. Sinxelamente extraordinario. Como extraordinaria foi tamén a recente decisión do estaleiro vigués Barreras, unha empresa recoñecida mundialmente, que pasa a adoptar de xeito progresivo o galego como a súa lingua vehicular. Mais esta realidade normal e natural, intelixente, acaba de sufrir un golpe ben escuro, sen dúbida de carácter reaccionario e retardatario (como diría Díaz Pardo). O Club Financiero de Vigo -unha asociación empresarial- acaba de posicionarse, en coincidencia coa dereita extrema, en contra do emprego do galego no sistema educativo. Empresarios -altamente politizados- metidos a sociolingüistas. Empresarios contra o idioma galego, empresarios que falsean e manipulan os datos da realidade no que atinxe á lingua, empresarios que critican o Goberno Bipartito da Xunta dicindo (Jesús Bahillo) que hoxe "en Galicia es prácticamente imposible educar a un niño en castellano". Alguén (a Universidade) debería pór algo de racionalidade en todo isto.

15 jul 2008

A intelixencia de Barreras (Miguel Anxo Fernán Vello, 14-7-08): graciñas de novo, Miguel Anxo.

Copio o título deste artigo dun outro artigo escrito por Manuel Bragado no seu "Brétemas", unha das "bitácoras electrónicas" máis interesantes ­­(e debo citar aquí tamén "As uvas na solaina", de Marcos Valcárcel: excelente) de todas cantas se escriben en galego: por diversidade de contidos culturais, literarios e informativos e polo estilo e a forma que a define. Fala Bragado da admiración que sente polo proxecto empresarial de Barreras, o primeiro esteleiro privado galego, empresa punteira pola súa capacidade construtiva e de aplicacións tecnolóxicas, e informa o editor da progresiva adopción do idioma galego na documentación interna, na rotulación e nas relacións laborais e comerciais que realiza o esteleiro vigués.

(o artigo completo)

11 jul 2008


Tres Poetas.
Pan por Pan venres 11 xullo. Imaxe: Venus de Brassempouy.


Teño enriba da mesa tres poemarios de voces amigas pendentes de lectura. Comparto os seus títulos para que chegue a nova da saída destes libros a outras persoas. Dous deles son antoloxías dun longo período: “Lugar do canto”, publicado por Hipocampo Amigo, recolle unha ampla escolma bilingüe de Xesús Rábade Paredes entre os anos 1969 e 2007, presentado por Darío Xohán Cabana: nos primeiros poemas o Suso Rábade era aínda un mozo de vinte anos. Tamén recolle a súa obra lírica entre 1984 e o 2007 Miguel Anxo Fernán Vello, no volume “Astro interior”, publicado na colección Arte de Trobar do PEN Clube. E o presidente desa casa, o ourensán Luís González Tosar publica en Galaxia o seu último libro, “Estúrdiga materia”, en fermosa edición ilustrada por Quintana Martelo e con limiar de Ferrín: é de xustiza agradecerlle ó amigo Tosar a dedicatoria dun dos seus intensos poemas.

15 may 2008


Manuel María (2).
Pan por pan xoves 15 maio

O Frente Cultural da AN-PG publicou en abril de 1977 o libro “Poemas para construír unha patria”, de Manuel María. Eu mesmo, que militaba na FC., axudei a distribuír e difundir o poemario. Fernán Vello falou del na súa charla. É un volume de poesía política, firmemente axeitada á liña estratéxica que marcaban a AN-PG e a UPG. Hai poemas dedicados ó sindicato nacionalista, ós patriotas galegos presos e un simpático canto a Margarita Ledo Andión. Ata hai unha composición lembrándolle ós hippies que eles tamén teñen, aínda que non queiran, patria. O libro foi polémico. Fóra do nacionalismo popular, pareceu panfletario. E dentro non foi demasiado ben entendido porque o chairego apostou por unha renovación formal –tipografías, xogos cos versos, maiúsculas, barras e guións, etc.- pouco acaída cos gustos máis convencionais do nacionalismo popular naquela hora.

26 ene 2008

Miguel Anxo Fernán Vello
CADERNO ABERTO 21-24 XANEIRO 2008 (Galicia Hoxe)

O amigo Fernán Vello fixo durante esa semana unha xeira de artigos sobre a realidade da literatura galega hoxe, na poesía e noutros xéneros. Axunto agora os seus cinco artigos (en COMENTARIOS) para dar a oportunidade de lelos completos e con máis coherencia. Non abondan demasiado estes achegamentos de conxunto, por iso pensei que pagaba a pena traelo aquí.

Letras galegas do noso tempo (I).

Coincido eu plenamente con Avelino Abuín de Tembra: "Nunca se produciu en Galicia tanta e tan magnífica literatura desde a Guerra Civil. Unha promesa de lingua forte, digna e decorosa. ¡Aval e garantía de supervivencia!". A literatura galega que se produce hoxe, no seu conxunto, é unha aposta polo noso futuro como país –nación con cultura propia e idioma propio– e constitúe unha realidade de gran transcendencia artística e estética. E todo isto é demostrábel. Existe, por exemplo, unha pléiade de poetas novos –e as mulleres aí son máis visíbeis, aínda que hai nomes masculinos de indubidábel calidade– que non ten parangón, na súa diversidade e valores poéticos per se, non só na Península Ibérica senón no conxunto das poéticas europeas. E esa xeración nova –poetas que andan agora arredor dos 30 anos–, unida á xeración anterior –a chamada Xeración dos 80–, son talvez o momento da poesía galega máis importante –xunto co período medieval e o rexurdimento do XIX– de toda a nosa historia. A poesía galega actual, señores destrutores do país, é unha realidade luminosa que percorre Europa.

(O artigo completo en comentarios)