18 may 2009

HISTORIA DUNHA GUITARRA CON ANTONIO VEGA AO FONDO

por Xoán da Cova
Almas en pena.Vázquez Ribada.
No bar de Santiago Rodríguez en Cartelle.

Eu tiña hai anos unha guitarra española, normaliña, das de toda a vida. Xa tiña acumuladas algunhas historias ela mesma, pero non as detallarei. Limitarei a historia a outras que tiven despois, como consecuencia de sucesivos cambios.

Estaba tocando con esa guitarra na compaña de un rapaz que tiña nas mans outra, tamén tipo española, de cordas de nylon, pero moito mellor: Electrificada, con entradas de jack e balanceada, con "cutaway", cunha caixa máis grosa do habitual. Compráranlla seus pais, emigrantes en Suiza, quen lle mandaban tamén desde alá cartos cada mes para vivir.

Varias persoas xa me dixeran que ese rapaz tiña problemas coas drogas, aínda que o seu aspecto non o daba a entender. Propúxome que as cambiaramos. Que eu quedara coa súa e el coa miña. Cando lle dixen que a súa era moito mellor, contestou que non lle importaba, que o feito de que a miña guitarra fose miña tiña para el moito valor. Aínda hoxe non sei como interpretar ese comentario. O caso é que as cambiamos. Desde logo, saín gañando eu. Existen varias fotos de prensa nas que esa guitarra aparece tocada por diferentes persoas ás que lla emprestei en diferentes actuacións en diversos locais d´Ourense.

Un amigo, posuídor de unha tenda de instrumentos, cando ma viu díxo que tiña un cliente que andaba buscando unha coma esa, e que ma cambiaba por outra calquera das que tiña na tenda até unha marxe de precio. Eu non tiña especial interés, mais engadiu que podía seleccionar tamén libros de música até certo prezo, e engadilos coa oferta. O caso é que saín da tenda cunha "Jasmine" de Takamine e con unha chea de libros de partituras. Tamén esa guitarra saiu fotografada en diversas ocasións na prensa ourensá, aínda que case nunca tocada por mín.

Un día visitoume o pintor ourensán P***, e preguntoume se lle podía prestar unha guitarra a un amigo seu madrileño, que estaba en Ourense por unha tempada e non trouxera ningunha canda el. Ao parecer, era un rapaz ao que lle gustaba moito tocar, e tiña "mono" de guitarra. Eu amoseille tres ou catro que descansaban nos seus respectivos soportes, dicíndolle que escollerse unha. Quedou uns intres mirando para elas e, non sabendo por cal decidirse, dixo que volvería máis tarde con ese amigo para que él mesmo a escollese.

Apareceu ás poucas horas co tal. O chaval era máis baixo ca min e agachaba a cabeza como avergoñándose de algo. Non ía moi ben vestido. A súa longa melena ocultáballe o rostro. Naquelo, o meu amigo P*** díxome: - "Preséntoche a Antonio Vega".

Eu non estaba moi seguro de estar desperto, observando como Antonio Vega probaba as guitarras unha por unha. abrazándoas como se as amase, como se fosen a táboa á que se aferra un náufrago para non se afogar. Ao final decidiuse pola "Jasmine". P*** xa marchara, non lembro por que causa, e acompañei a Antonio Vega polas xa case solitarias rúas de Ourense até o lugar no que dixo que ía durmir aquela noite, moi pertiño de onde naceu Alexandre Bóveda.

Non conto máis cousas de Antonio, porque as protagonistas desta historia son as guitarras. Debeu ser por aquela época cando lin no periódico unha triste noticia. Un rapaz aparecera morto, con todos os indicios de se ter suicidado na sua vivenda, pola zona da estrada vella de Celanova. As iniciais e o enderezo coincidían coas do rapaz que tanto valorara unha guitarra polo simple feito de ter sido miña.
Penso agora que vidas internas tan similares poderían ter vivido un músico famoso e un anónimo afeccionado, ambos mortos moito antes do momento que a natureza lles tiña asignado, e como unha historia de guitarras ligou as súas vidas dun xeito que até agora só eu coñecía.

A Jasmine seguíu despois a dar tumbos polo mundo. Se non mudou de dono, anda agora por Madrid nas mans dun músico de orixe colombiana. Pero esa é xa outra historia.
Como tiveramos algunha charla interesante, Antonio Vega deixárame o seu número de telemóbel. Apunteino coidadosamente nunha axenda e non acordei del durante un tempo.

Un día, ao abrir esa axenda, vin o seu número, loxicamente escrito na páxina da letra "A", a primeira. Decidín chamalo para lle preguntar como lle ía a vida. Non debía lembrar que lle tivese dado o número a ninguén e, ao ver na pantalla o prefixo 988 de Ourense, debeu de pensar que era a súa moza quen o chamaba. Descolgou susurrándome fermosas palabras de amor, sen me dar tempo a que eu lle dixese nada. Cando, totalmente azorado, lle dixen que non era quen pensaba, quedou tan cortado que, improvisando unha desculpa, colgou. Loxicamente, nunca máis o volvín chamar.

(Non é literatura: Foi totalmente certo).

13 comentarios:

ms dijo...

Moi boa a súa historia, xdc, como toda as súas. Ten vostede o don de saber contalas.

Ana Bande dijo...

É unha historia preciosa, non só pola presenza de Antonio Vega, que aínda te choramos, nin polo insoportable bruido desa porta que semella pecharse para sempre, e tampouco pola presenza de dúas guitarras que ensarillan dúas vidas que se cruzaron diante túa. Dicíalle ao noso amigo M. que a historia que emociona é a que está nos marxes, a historia de seres capaz de deter a ollada e o tempo para gardar coma un tesouro eses fios que che procurou o azar e que xenerosamente gardaches e deixaches voar para contárnolo. Grazas XdC.

lobo neghro dijo...

O dacova ten que contar ben porque é "sensible" ó conto, ó feito que acontece. Repara nas marxes.

Como foi capaz de ir nun plis plas ó bar de Santiaghu Rodriguez se está a 30 km?. Máis veloz que o vento, como os cabalos árabes.

Que tal as hibridacións de galaico-minhoto con árabe?. Cecais sexan esos os cabalos dos conquistadores, os que se volveron "mesteños"-mustang no far-west.

XDC dijo...

Non fun eu o que marchéi no cabalo de Mahoma a Cartelle, Lobo. Non me volte a culpa de todo.
Por certo, si quixera ir rápido a Cartelle iría por os castros, creo que son menos dos 30 km.Sabe vostede por onde é?

XDC dijo...

Fe de erratas:
Onde di volte, debe decir bote (non bôte, o dos mariñeiros metidos nun)

medela en vías de redención dijo...

Polos Castros son 17 quilómetros.
Ouviu, Dacova, quen publica algo despois disto??
Miña madriña!!!

lobo feraz dijo...

Polos castros, non é por onde hai moitas e interminables curvaturas?.

O dos trinta km. é como no meu pueblo, todo relativo, e ademáis unha licencia para ghanar tensión na presunta carreira.

Tanto ten.

EStamos a falar en ciencia ou en literatura?. Lobos feraces!. Que non se vos pode deixar soios.

xdc dijo...

Non Lobo . Por os castros é case liña recta por o alto dos outeiros que unen Ourense con Cartelle. É o seu hábitat natural.

xdc dijo...

Ten razón, Lobo. O dos 30 Km, depende da velocidade á que se fagan. NON o tempo que se tarde. DISTANCIA depende da velocidade. Pero esa distorsión do espacio sólo se daría a cabalo de algo que se movera case como a luz, como o cabalo de Mahoma.
Mahoma viaxaba nun fotón.

Etxe dijo...

Sr. Xoan da Coba:
Escriba, por favor. É favor a todos nós. Chapeau.

Etxe dijo...

Sr. Xoan da Coba:
Escriba, por favor. É favor a todos nós. Chapeau.

Anónimo dijo...

Nin os lobos coñecíamos a ruta dos castros, por o alto do monte, furtiva e estreita. Manda truque.

Anónimo dijo...

Vázquez Ribada, gran pintor, nadie fai nada por ti nen ti mesmo