Mostrando entradas con la etiqueta XOHÁN DA COBA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta XOHÁN DA COBA. Mostrar todas las entradas

15 jun 2009


(I) Dous solaineiros na Festa do Boi (Allariz, 14/06/2009)

por Xoán da Cova

Cheguéi ao Ziralla por volta das doce do mediodía, e dirixínme sen perder tempo á rúa onde se atopa a vivenda do Júlio Medela. Por un casual, nese preciso instante entraba pola rúa a procesión do Corpus, a pisar a tradicional alfombra vexetal de fiunchos, follas de palma e flores. A comitiva de devotos, que ocupaba todo o ancho da rúa, camiñaba moi de vagar, ao ritmo da música da banda. Vínme obrigado a desfilar eu tamén, convertido de repente no único devoto o suficientemente fervoroso como para soportar, sen paraguas, a chuvia que comezaba a caer, que se facía máis forte por momentos. Entre os simples espectadores que se apostaban nos altos, distinguín algúns coñecidos, que me saudaban con acenos de sorpresa ao verme nunha situación na que seguramente nin me imaxinaban.

Non lembraba o número da morada do Medela, e íame fixando nas fachadas para a recoñecer. Mais en todas colgaban, como é habitual, moreas de bandeiras de España, e algunhas de Galiza, o que, xunto co feito de que tiñan ventás e balcóns abertos e cheos de xente, facía difícil distinguilas. Os meus temores de non encontrar a casa do amigo disipáronse cando vin colgando, nun dos balcóns, a bandeira do Reino Suevo de Galiza, un león rampante pelexando con un dragón de rabo aguzado. Obviamente, só o Medela sería quen de facer iso.

O meu anfitrión invitoume a unha cervexa fresquiña. Disfruteina no balcón mentres observaba como, na rúa, os operarios municipais limpaban eficazmente a alfombra floral axudados por un "tractor escoba". Marca John Deere, tal e como ía matizar o Medela co seu inconfundible estilo. Limpaban a conciencia, probablemente para evitar o risco de que a xente esbarase nas carreiras diante do boi que se aveciñaban. Comparei a destreza daqueles traballadores no manexo de angazos e forquitas coa dos operarios do concello de Ourense, moitos dos cales deixan claro, polo modo en que as collen, que non viron nunca unha desas ferramentas na sua vida antes de aprobar a correspondente oposición.

24 may 2009



Dedos de Pedra (III).
Xoán da Cova para As Uvas na Solaina.
Acuarela de Dedos de Pedra.Foto Inferior.
(Localizada por indicación de Lobo Neghro no bar de Santiago Rguez.-Foto superior-.Cartelle.)
Dedos de Pedra tiña unha rara habilidade para conseguir traballos do difícil mercado da música da animación en directo . Esta que vos conto non é máis ca unha entre unha chea de outras similares. Pasaba eu unha noite diante dun de eses "pubs" con pantalla xigante , que tan de moda estaban a principios dos noventa. A música ambiente soábame extrañamente familiar, anque non coñecía o tema concreto, e decidín entrar. Cal é a miña sorpresa ao ver a Dedos de Pedra ,e o seu teclado, na pantalla xigante de video. De alí era onde proviña a música. Os clientes do pub, fundamentalmente parexas xóvenes que se amaban nos sofás, non prestaban ningunha atención ao feito de que o músico da pantalla non fora ningún coñecido ídolo de masas, nin que a realización do video estuvera lonxe de ser profesional. Dedos de Pedra falaba có propietario do local animadamente, con un "cubata" na man. No mostrador, os vasos vacios de dous ou tres que xa foran "escoados", por usar a su propia terminoloxía. Convencera ao hosteleiro de que aquel video podía supoñer unha "bomba" musical no seu local e conseguira venderllo. Por unha cantidade que non puden determinar, pero que, sospeitéi, podería estar na orde do precio das bebidas "escoadas". Eu "alucinaba" vendo cómo o propietario puña o video unha e outra vez ,mentras Dedos de Pedra lle facia ver detalles que se lle esqueceran comentar nos visionados anteriores. Toméi algo con eles, e Dedos de Pedra saéu logo conmigo á rua, pra seguir tomando algo noutro lado. Propúxenlle ir hasta Xinzo, hasta o pub "Cocos", de moda naquela altura. Non parecéu moi interesado, pero cando lle dixen que o propietario era amigo meu, aceptóu de inmediato. Arrancamos cara Xinzo. Non me preguntedes cómo, pero no tempo que tardéi en ir nun momento dado ao servizo, xa tiña convencido ao meu amigo de que o seu local era o máis axeitado que vira nunca para ter actuaciós en directo. Dedos de Pedra tocaría alí tres noites á semana, a partir da semana seguinte. Eu volvía a estar asombrado, vendo como charlaban animadamente, ultimando os detalles. Volvíamos cara Ourense cando, tras distinguir o enorme cartel luminoso de un coñecido hotel das aforas , díxome: "Vamos parar a tomar algo no bar de ese hotel, para celebrar que conseguín traballo no pub do teu amigo". Eu sabia que o hotel tiña un "piano bar". No quero facer moi largo o relato, e contaréi brevemente cómo foi o resto da noite. Dedos de Pedra pedíu permiso para tocar o piano e montóu un show alucinante, coa colaboración de moitos dos clientes que se atopaban alí tomando unhas copas. Un dos máis animados, que rematóu por cantar varias canciós en catalán, resultóu ser o propio director do hotel. Dedos de Pedra foi contratado para tocar todos os días, mellor dito, todas as noites, naquel piano bar. A oferta, tanto en número de días como na cantidade económica apalabrada, era mellor que a que acababan de facerlle en Xinzo. Tuvemos que volver ás terras do Limia, a última e hora e a toda velocidade, para que Dedos de Pedra poidera cancelar o compromiso previamente adquirido no pub. O propietario xa baixaba as persianas cando chegamos apresuradamente. Non lle parecéu moi ben, pero ao final aceptóu que a "competencia" lle levara ao músico, có que xa contaba para darlle un empuxón definitivo ao seu local. Cando chegamos a Ourense, xa á deshora, propúxome que foramos tomarlle a última a algún outro lado, pero eu xa non aceptéi. Eran demasiadas emociós para unha soa noite. Dedos de Pedra tocóu no piano bar do hotel Auriense unha larga tempada, protagonizando unha chea de situaciós alucinantes, algunha das cales podería ser obxeto de relato nunha próxima entrega.

18 may 2009

HISTORIA DUNHA GUITARRA CON ANTONIO VEGA AO FONDO

por Xoán da Cova
Almas en pena.Vázquez Ribada.
No bar de Santiago Rodríguez en Cartelle.

Eu tiña hai anos unha guitarra española, normaliña, das de toda a vida. Xa tiña acumuladas algunhas historias ela mesma, pero non as detallarei. Limitarei a historia a outras que tiven despois, como consecuencia de sucesivos cambios.

Estaba tocando con esa guitarra na compaña de un rapaz que tiña nas mans outra, tamén tipo española, de cordas de nylon, pero moito mellor: Electrificada, con entradas de jack e balanceada, con "cutaway", cunha caixa máis grosa do habitual. Compráranlla seus pais, emigrantes en Suiza, quen lle mandaban tamén desde alá cartos cada mes para vivir.

Varias persoas xa me dixeran que ese rapaz tiña problemas coas drogas, aínda que o seu aspecto non o daba a entender. Propúxome que as cambiaramos. Que eu quedara coa súa e el coa miña. Cando lle dixen que a súa era moito mellor, contestou que non lle importaba, que o feito de que a miña guitarra fose miña tiña para el moito valor. Aínda hoxe non sei como interpretar ese comentario. O caso é que as cambiamos. Desde logo, saín gañando eu. Existen varias fotos de prensa nas que esa guitarra aparece tocada por diferentes persoas ás que lla emprestei en diferentes actuacións en diversos locais d´Ourense.

Un amigo, posuídor de unha tenda de instrumentos, cando ma viu díxo que tiña un cliente que andaba buscando unha coma esa, e que ma cambiaba por outra calquera das que tiña na tenda até unha marxe de precio. Eu non tiña especial interés, mais engadiu que podía seleccionar tamén libros de música até certo prezo, e engadilos coa oferta. O caso é que saín da tenda cunha "Jasmine" de Takamine e con unha chea de libros de partituras. Tamén esa guitarra saiu fotografada en diversas ocasións na prensa ourensá, aínda que case nunca tocada por mín.

Un día visitoume o pintor ourensán P***, e preguntoume se lle podía prestar unha guitarra a un amigo seu madrileño, que estaba en Ourense por unha tempada e non trouxera ningunha canda el. Ao parecer, era un rapaz ao que lle gustaba moito tocar, e tiña "mono" de guitarra. Eu amoseille tres ou catro que descansaban nos seus respectivos soportes, dicíndolle que escollerse unha. Quedou uns intres mirando para elas e, non sabendo por cal decidirse, dixo que volvería máis tarde con ese amigo para que él mesmo a escollese.

Apareceu ás poucas horas co tal. O chaval era máis baixo ca min e agachaba a cabeza como avergoñándose de algo. Non ía moi ben vestido. A súa longa melena ocultáballe o rostro. Naquelo, o meu amigo P*** díxome: - "Preséntoche a Antonio Vega".

Eu non estaba moi seguro de estar desperto, observando como Antonio Vega probaba as guitarras unha por unha. abrazándoas como se as amase, como se fosen a táboa á que se aferra un náufrago para non se afogar. Ao final decidiuse pola "Jasmine". P*** xa marchara, non lembro por que causa, e acompañei a Antonio Vega polas xa case solitarias rúas de Ourense até o lugar no que dixo que ía durmir aquela noite, moi pertiño de onde naceu Alexandre Bóveda.

Non conto máis cousas de Antonio, porque as protagonistas desta historia son as guitarras. Debeu ser por aquela época cando lin no periódico unha triste noticia. Un rapaz aparecera morto, con todos os indicios de se ter suicidado na sua vivenda, pola zona da estrada vella de Celanova. As iniciais e o enderezo coincidían coas do rapaz que tanto valorara unha guitarra polo simple feito de ter sido miña.
Penso agora que vidas internas tan similares poderían ter vivido un músico famoso e un anónimo afeccionado, ambos mortos moito antes do momento que a natureza lles tiña asignado, e como unha historia de guitarras ligou as súas vidas dun xeito que até agora só eu coñecía.

A Jasmine seguíu despois a dar tumbos polo mundo. Se non mudou de dono, anda agora por Madrid nas mans dun músico de orixe colombiana. Pero esa é xa outra historia.
Como tiveramos algunha charla interesante, Antonio Vega deixárame o seu número de telemóbel. Apunteino coidadosamente nunha axenda e non acordei del durante un tempo.

Un día, ao abrir esa axenda, vin o seu número, loxicamente escrito na páxina da letra "A", a primeira. Decidín chamalo para lle preguntar como lle ía a vida. Non debía lembrar que lle tivese dado o número a ninguén e, ao ver na pantalla o prefixo 988 de Ourense, debeu de pensar que era a súa moza quen o chamaba. Descolgou susurrándome fermosas palabras de amor, sen me dar tempo a que eu lle dixese nada. Cando, totalmente azorado, lle dixen que non era quen pensaba, quedou tan cortado que, improvisando unha desculpa, colgou. Loxicamente, nunca máis o volvín chamar.

(Non é literatura: Foi totalmente certo).

9 may 2009


DEDOS DE PEDRA (1)
por Xoán da Cova
A imAXE, afiche dos ourensans, "Los Tamara".
Nunca esquecerei o día en que coñecín a Dedos de Pedra, hai xa tantos anos. Un domingo cedo, intempestivamente, chamoume á porta un amigo. Era un "representante" musical que me pedía que fose urxentemente, coa miña guitarra, a amenizar unha "sesión vermú" a algún lugar da comarca do Carballiño. A formación inicialmente prevista non podería asistir, non lembro por que razóns. Obxectei que non tiña xeito de localizar a ningún teclista que me puidera acompañar. Tras matinar uns instantes, pedíume que o acompañase a levantar da cama a un que coñecía. Con todo, non entendía ben como podería ir eu tocar cun descoñecido sen poñérmonos previamente de acordo nos temas, sen telos ensaiados, mais deixeme levar.

Recén chegado ao "panorama musical" ourensán , todo me chamaba a atención nese "novo mundo". Ávido como estaba de novas experiencias, non me importaba que non foran de todo agradables. Aprender, aprender: esa era a consigna. Souben tempo despois que había anos que ninguén quería tocar con Dedos de Pedra. Quizais foi por iso polo que a súa nai me mirou con tanta curiosidade cando chegamos á súa casa, buscándoo. Imaxino agora que, de non ser pola súa axuda non o teriamos convencido de que se erguera e que viñera connosco. Uns cartiños a gañar non lle veñen mal a ninguén, pero Dedos de Pedra, como souben máis tarde, tiña outras motivacións na vida. Desde o primeiro momento sorprendeume a súa xerga persoal e intransferible. O seu utilitario, no que cargamos os instrumentos, era a súa "nave espacial". O soporte do teclado, a súa "metralleta". Tardaría eu bastante tempo en poder manteñer con el unha conversa fluída, sen preguntar a cada momento o particular significado que lle daba a tantas palabras.

Non vou contar moito máis daquela gloriosa primeira xornada na que tocamos xuntos. Decidimos as cancións sobre a marcha, moitas delas pedidas pola xente, que pronto se deu conta da esmorga que nos traiamos entre nós, polo que nos invitaban a beber para que tocaramos máis tempo do acordado. A expresión "invitación a beber" parecía exercer unha fascinación especial sobre o meu compañeiro. Os seus movementos e acenos faciais eran un espectáculo de seu. Para uns era un "Jimi Hendrix" das teclas, un xenio. Para outros, un "pasado de voltas". O caso é que cobramos o "bolo".

Pensaba eu que aquelo fora un episodio illado, pero días máis tarde chamoume o mesmo representante para me decir que, en vista do "éxito" obtido na primeira saída, tiñanos xa contratado todo aquel verán como dúo. Poderíase escribir un relato con cada unha daquelas actuacións. Dedos de Pedra era unha auténtica fábrica de historias, non todas agradables. Contarei unha máis agora, deixando outras para vindeiras entregas.

Íamos amenizar unha importante voda nunha catedral, vestidos con traxes serios, oscuros, tal como a ocasión requería. De súpeto, fixeime en que levaba posta na lapela da chaqueta unha flor de plástico parcialmente rota, de deseño infantil, como se tivese formado parte dalgún xoguete. Eu pregunteille: "Como pretendes levar iso co traxe?". Non houbo maneira de o convencer de que a quitase. Só un tempo despóis souben a historia daquela flor.

Había un tempo viaxara a Londres para ver un importante partido de fútbol do seu equipo favorito. Só se preocupara de conseguir os cartos para o viaxe de ida e para a entrada ao campo. Cando rematou o partido, deuse conta de que non tiña máis cartos. Entre os diferentes modos que artellou para "buscarse a vida", pintou nuns cartóns uns cadros abstractos e tentou de vendelos. Sen moito éxito. A punto de tirar a toalla, mellor dito, de tirar os cadros ao Támesis, pediulle a Deus, ollando cara o ceo, que o axudase (estudara no seminario e mantiña unha certa relixiosidade). Fixouse daquela nunha flor de plástico que caía paseniñamente, xirando sobre sí mesma como as hélices dun helicóptero, desde algún edificio, até os seus pés. Estaba a colocala coidadosamente no peto da camisa cando un viandante se interesou polos seus cadros, comprándollos todos. Desde ese momento, a flor de plástico era o seu talismán.

(Continuará).

4 may 2009




Un día na vida dun solaineiro: promesa cumprida

por Xoán da Cova
Imaxe: Muller en ferro. Arturo Andrade.
(1)

Nin de lonxe son un James Joyce como para poder contar maxistralmente un día calquera da miña vida, mais a escaseza de recursos vese compensado en parte se ese día ven cargado de anécdotas como as que pasaron o pasado sábado.
Enviaran un correo pedíndome que amenizara unha voda relixiosa na igrexa de "Sexo", ao parecer lugar do concello ourensán de Verea. E alá fun seguindo as indicacións orientativas que se adxuntaban co escrito. Tiven que deter o coche un par de veces para preguntar polo lugar, escoitando ao arrincar algunhas risas burlonas que non souben interpretar ao momento: a aldea chámase en realidade "Cexo". A persoa que tomara nota incurrira no erro debido ao "ceceo" do contratante, que obviamente non era galego.
Os amigos e familiares da noiva viñan de Valencia, e trouxeron unha morea de petardos e tracas das fallas. Esparexéronas polo adro, facéndoas estourar cun ruído do demo. Unhas velliñas da localidade dicían, todas serias, que ían espertar os mortos. Chamoume a atención unha das lápidas, escrita en inglés. Sabía que nesa zona houbera moita emigración a Norteamérica, e foi así como lle busquei explicación. Lembrei as continuas comparacións que fai o amigo Medela entre as vilas galegas e as cidades dos Estados Unidos.
Observei tamén que en moitas leiras do entorno sustituíranse as tradicionais cancelas de madeira por somieres metálicos usados. Dubidei entre clasificar o fenómeno de "feísmo" ou de "reciclaxe", e botei de menos ao Xulio Outomuro para que mo aclarase.
Aínda pasaron un par de cousas curiosas que non debo contar por afectar á privacidade de terceiros.

(2)


Á noite, estabamos a miña dona e máis eu citados para cear en Allariz co Medela e señora. Despois de tomar uns viños no Fandiño, achegámonos ao restaurante do "Centro Social", no que xa agardaba, encargada, unha enorme cazola de arroz con bogavante.
Cando levabamos un tempo ceando achegouse a camareira e dixo: -No comedor contiguo hai un señor que di que mañá ten que aparecer nas Uvas da Solaina os detalles desta cea.
O Medela ergueuse para saudar supoñendo que era un coñecido. No entanto, volveu estrañado de non coñecer a ningún dos comensais. Cando, instantes máis tarde, o cabaleiro se achegou a falar connosco, dicindo que era un habitual seguidor do blog de Marcos Valcárcel, ficamos todos pampos. Especialmente as nosas donas, que non imaxinaban que o que escribiamos durante horas no "maldito trebello" tivese tal proxección social.
Como lle pasaba ao Sabina de "Pacto entre caballeros", non poido deixar de lle cumprir o gusto a quen, desde Baños de Molgas se non entendín mal, sigue o blog con tanto fervor. E, de paso, mandarlle un saúdo. Imaxino que tanto el como o Medela engadirán detalles do encontro nos comentarios.

Longa vida ás Uvas Na Solaina!

16 may 2008


FÍO MUSICAL (14), DE XOHÁN DA COBA (foto H. Ritts)
Desta vez o asunto das canciós vai ser máis "pelegrín".
Búsquenme canciós pra anuncios publicitarios de:
-Penso pra cas.
-Fomento do cumprimento de obrigas fiscais.
-Fomento da urbanidade ao volante.
-Promoción do galego (non importa que o título ou a letra estea noutra língua, tradúcese).
Admítense suxerencias serias e "de risas".