17 may 2009


O blogomillo literario.
Mar Mato.Faro de Vigo 17.05.2009
Os blogs galegos adicados á literatura gañan lexitimidade na galaxia dixital e real cos premios dos escritores.
Na imaxe superior, foto dos premiados 2009 pola A.E.G.L.
Abaixo debuxo de Vázquez Ribada, no bar de Santi Rodríguez en Cartelle. Ourense.


O blogomillo (blogs en galego) acaba de adquirir con solemnidade o estatuto de soporte literario. Foi durante a última Cea das Letras na que a Asociación de Escritores en Lingua Galega galardonou a Marcos Valcárcel e o seu blog "Uvas na solaina" como mellor bitácora literaria. Sen dúbida, trátase dun recoñecemento que lexitima o pulo da literatura e a lingua galega na Rede onde xa se contabilizan 7.000 blogs en galego, dos cales máis dun cento ofrecen poesía, relatos e artigos literarios da casta de escritores dixitais. Velaquí a homenaxe polo Día das Letras Galegas e de Internet.


Anda a blogosfera galega revolucionada con apenas medio mes dunha revitalizada blogaliza (unha plataforma de bitácoras galega) na que a web 2.0 vai alén das bitácoras para conectarse coas redes sociais. Como engado, unha xanela dixital á literatura en galego con nome de letras.blogaliza.org onde podemos saber dos blogs adicados ás letras de noso.A etiqueta é necesaria. Cada vez tórnase máis difícil atopar novas bitácoras sobre un tema concreto. A marabunta en toda a internet ten unha cifra: 7.000 blogs en galego, segundo o estudo que están a realizar desde Blogaliza –con datos aportados polo seu fundador e comandante, Pedro Silva, enumerando os desta plataforma así como doutras diferentes como wordpress ou blogoteca–. E destas 7.000 bitácoras, (1.000 delas actualizáronse nos últimos sete días) localizáronse 110 adicadas á literatura, ás que se suman 120 de bibliotecas, e máis ou menos 32 relacionadas coa lingua galega. No caso dos blogs literarios, estes acaban de obter o recoñecemento da crítica como se dunha obra escrita se tratase. Desde este ano, a Asociación de Escritores de Lingua Galega (AELG) premiará o mellor blog de literatura.Para Arturo Casas (nominado ao mellor blog literario) o galardón é "interesante por ser unha maneira de chamar a atención sobre un formato novo que cómpre lexitimar. Que unha institución como a AELG poña os ollos neste tipo de intervencións supón dicirlle á sociedade que existen novas formas de expresión literaria que hai que atender".Alfredo Ferreiro (outro finalista ao premio) asegura que os blogs "son un caldo de cultivo moi importante para a creatividade. O importante é xerar ideas que se concreten despois en convocatorias, obras. É o pouso que esa vida cultural debe deixar".Para outros blogueiros-compositores, como Leo (de Arremecághona e Hai cu –Xerais–) a bitácora serviu de "escenario novo e distinto para superar problemas como o da distribución e publicación de libros e falta de público. Supón un salto cualitativo importante para os poetas", explica en alusión ás penurias de moitos á hora de atopar unha editorial que lles publique os seus poemarios.Non obstante, advirte Leo que, ao seu xuízo, o blogomillo está xa presentando síntomas de debilitamento. "Xa foi máis do que é. A xente estase trasladando a Facebook, Twitter que se poden aproveitar tamén para a expresión litearia gañando en velocidade de resposta nun tempo real".Pedro Silva, desde Blogaliza, sen embargo, discrepa en parte. "O que está pasando é que se están trasladando os comentarios a eses outros espazos (Facebook...) para conversas frívolas mentres que o de escribir artigos con pensamento, con creatividade queda para os blogs".Trátase pois dun diálogo máis pausado na blogosfera, cunha xanela á expresión coidada da que Arturo Casas destaca "o diálogo intercultural, como unha ponte para falar do propio e do alleo con perspectiva de interrelación". Isto último dáse na súa bitácora "Lándoa" pero tamén na doutro nominado ao mellor blog literario pola AELG, o poeta e ensaísta brasileiro Henrique Marques Samyn quen como non, na súa bitácora confésase "sorprendido e agradecido" por ser finalista. Explica que o seu interese polas letras galegas (das que fala no blog, en seminarios e artigos) "está motivada unicamente por unha admiración por unha vigorosa tradición literaria que, ao meu ver, merece ser moito máis divulgada e investigada". O non ser descendente de galegos e non ter vido non lle impide "apreciar a singular beleza da literatura producida nesas terras".Ademais de ponte intercultural, os blogs literarios serven tamén para lograr oco para un xornalismo literario en galego ferido de liñas e para facer visible un país que parece transparente. "O blogomillo constitúe algo moi parecido á Galiza coa que soño. Hai –sinala Arturo Casas– máis manifestación nos blogs que na esfera da vida cultural e política con discrepancias con cortesía e argumentación. Paréceme extraordinario. A sociedad civil e política galega ten moito que aprender. A prensa ten que ter moito que aprender do blogomillo pero esa é unha decisión empresarial máis ca dos xornalistas. Hai que facer unha prensa que se pareza máis á realidade actual na cuestión da lingua e non delimitada a un recuncho de muros do máis rancio porque nin no mundo real nin nos blogs é así".

5 comentarios:

Roque Soto dijo...

Parabéns Marcos polo galardón, que como todos os que che concederon responden ao teu traballo comprometido con Galicia e as súas xentes.

Unha aperta

Anónimo dijo...

Grazas polo apuntamento hermano Lobo. Obxetivo cumprido, conseguimos o deseño para a seguinte entrega do finde que ven, de Dacova para de Dedos de Pedra. Fermosísimo.
Se houbese tempo, cabería crónica da viaxe ata Cartelle.

marcel swann dijo...

Os blogs en galego, literarios ou non, teñen que estar aí, termando do tinglado da cultura galega, e moito máis nos tempos que veñen. A idea de Núñez Feijóo non é, como cren algúns, facer seguidismo de GB, senón poñerlle unha vela a uns e a outros, facer que fan cousas polo galego, mentres o cadáver apodrece. Vai ser unha nova versión daquela pax fraguiana.

Por cada libraría que relega os libros en galego á sección "gallego" do fondo do local, mil blogs. Por cada xornal galego que fai cultura española e en español, outros mil blogs. E por cada institución cultural galega inoperante, outros mil blogs que revitalicen a creación.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

No suplemento Luces de EL PAÍS de onte ningunha palabra sobre blogs.

Chousa da Alcandra dijo...

Sentinme ledo onte cando lin no Faro a noticia. E incluso me permitín o luxo de facerme (un poquechiño) partícipe dese recoñecemento.

Parabéns