20 nov 2009

PROPOSTA INSTITUCIONAL
SOBRE A LINGUA GALEGA
AO PARLAMENTO DE GALICIA

1.
Segundo a Lei do Parlamento de Galicia que o creou, que pola súa vez desenvolve un mandato do Estatuto de Autonomía de Galicia (art. 32), o Consello da Cultura Galega é un organismo oficial da nosa comunidade autónoma que ten como finalidade principal a defensa e promoción dos valores culturais galegos (Lei 8/1983, do 8 de xullo, art. 1º). Entre as competencias que lle atribúe a dita lei cóntanse a de “fomentar a lingua e a cultura galegas” (art. 6º, a) e a de “elevar aos poderes da Comunidade autónoma informes e propostas a favor da defensa e promoción” dos devanditos valores culturais (art. 6º, e).
Ante o intenso debate social e político que se está a producir en Galicia arredor das políticas relacionadas coa lingua galega, en exercicio da responsabilidade e das atribucións que a Lei lle confire, o Consello da Cultura aproba o presente memorando para a súa consideración por parte do Parlamento de Galicia, da Xunta e da opinión pública galega.

2.
O debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo mesmo, ao noso entender, seriamente prexudicial para os intereses xerais do país. Sen dúbida, as discusións públicas son benvidas, como síntoma tanto da vitalidade da nosa democracia canto da preocupación, amplamente espallada na nosa sociedade, sobre os camiños máis acaídos para ordenar a nosa convivencia, procurando un estatus de normalidade á lingua propia de Galicia, sen mingua dos dereitos dos cidadáns e cidadás que teñen como lingua habitual o castelán.
O que resulta negativo e ata pernicioso para o clima social, e particularmente para o idioma galego, é que os ditos debates dexeneren en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego.En concreto, a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país.
Estamos cabalmente convencidos de que o obxectivo de arranxar unha organización equitativa da nosa convivencia lingüística, claramente sinalado na nosa lexislación, non só é compatible cun esforzo sostido a prol da promoción do idioma galego como lingua propia de Galicia (tal como sinala o Estatuto de Autonomía), senón que o esixe, pois esta (a lingua galega) precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do maltrato que recibiu no pasado. Aínda máis, temos a certeza de que a convivencia das dúas linguas oficiais de Galicia, galego e castelán, non é unha fonte de problemas e complicacións, senón un potencial de fortaleza e de riqueza da nosa sociedade.
O galego e o castelán son recursos valiosísimos para Galicia, e a igualdade plena entre eles constitúe un reto de futuro que debemos saber afrontar. Un reto inseparable da necesaria capacitación da poboación galega en linguas de difusión internacional, nomeadamente o inglés e o portugués, isto é, na difusión da competencia plurilingüe que vén esixida polas novas tendencias do mundo contemporáneo.

3.
O fomento dun clima de controversia social e de enfrontamento entre falantes dunha e outra lingua, o discurso da acusación e da sospeita constante contra o galego, deben ser substituídos por unha atmosfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos amplos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso históricos, como é o da recuperación do galego. Será imposible avanzar cara a este obxectivo a base de improvisación e da imposición, de medidas que non conten cun amplo consenso político, social e institucional.
Somos conscientes de que o problema da lingua non se esgota nas medidas das institucións públicas nin no ámbito dos programas e debates políticos, senón que é unha cuestión que atinxe á sociedade no seu conxunto. Resulta indiscutible que a responsabilidade sobre a recuperación da lingua debe ser partillada polo conxunto do país. Dito isto, non deixa de ser certo que, tal como establece a lexislación vixente, os poderes públicos están investidos dunha responsabilidade especial. En particular, á Xunta de Galicia corresponde exercer o liderado dese proceso de recuperación e dignificación do idioma galego, como está inequivocamente plasmado nas nosas leis.

* * *
4.
Ao entender do Consello da Cultura Galega, as liñas xerais da política lingüística en Galicia deben apoiarse nunhas bases firmes, que non son outras que un amplo consenso social e político –coma o que serviu de base para a aprobación no seu día da Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega–, e o respecto ao conxunto da nosa lexislación lingüística básica, en particular a devandita Lei de Normalización Lingüística. Nela queda asentado que o galego, como lingua propia de Galicia, é a que a representa politicamente. Será oportuno lembrar os artigos que constitúen o espiñazo desta Lei:
Art. 1.- “O galego é a lingua propia de Galicia.”
Art. 4.- “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.”
Art. 10.- “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.”
Art. 12.- “O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial en tódolos niveis educativos.”
Art. 18.- “O galego será a lingua usual das emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.”
Art. 20.- “Serán obrigas da Xunta de Galicia:
1. Fomentar a produción, dobraxe, a subtitulación e exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.
2. Estimular as manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega.
3. Contribuír ao fomento do libro en galego, con medidas que potencien a produción editorial e a súa difusión.”
En concreto, no ámbito do ensino, a Lei de Normalización Lingüística marca uns límites e uns obxectivos que necesariamente enmarcan a acción do goberno:
a) os rapaces e rapazas teñen recoñecido o dereito á primeira escolarización e alfabetización na súa lingua materna (art. 13, 1)
b) ao remataren os ciclos de ensino obrigatorio, os estudantes deben posuír unha competencia equiparable nos dous idiomas oficiais (art. 14,3)
c) o alumnado non pode ser separado en centros nin aulas diferentes por razóns de lingua (só se admite a separación por aulas con carácter excepcional) (art. 13, 3)
En relación co Plan Xeral de Normalización Lingüística, o seu valor como punto de referencia queda de vulto ao ter en conta que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 2004, gobernando o Partido Popular, e ratificado tamén por unanimidade en outubro de 2008, baixo un goberno de coalición PSdG-PSOE / BNG. Por tanto, foi aprobado en dúas ocasións por unanimidade, baixo gobernos de distinto signo político.

* * *
5.
En consecuencia, o Consello da Cultura Galega, que desde a súa fundación vén realizando sucesivos informes e traballos sobre esta cuestión, considera necesario trasladar ás institucións e á opinión pública as seguintes consideracións:
A) As liñas mestras da política lingüística en Galicia, e calquera modificación substantiva da normativa legal vixente, deben ser arroupadas por un amplo consenso político, social e institucional. Un consenso necesario porque a lingua é unha cuestión que forma parte esencial da autonomía galega, e debe permanecer a resgardo dos vaivéns políticos e dos cambios de goberno.
B) Calquera que sexa a orientación adoptada polos gobernos galegos no ámbito da política lingüística, en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán.
C) Os responsables políticos en xeral e o goberno galego en particular deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social. A coexistencia de dúas linguas oficiais en Galicia non é nin debe contemplarse como unha fonte de complicacións, senón como unha riqueza e unha oportunidade para o noso país, na medida en que a posesión dunha lingua propia reforza a nosa identidade, nos socializa arredor dun proxecto común e nos sitúa perante o escenario da globalización e dos novos tempos, co conseguinte valor económico, político e social.
D) Na procura dunha política equilibradora da posición e da consideración social do galego, e como garantía da capacitación nel das novas xeracións, o goberno galego debe dispor dos recursos necesarios (económicos, tecnolóxicos e humanos) para o seu eficaz desenvolvemento. Estas actuacións non deben reducirse ao ámbito educativo (a pesar da súa importancia capital), senón que deben ir dirixidas ao conxunto da sociedade, procurando concitar a colaboración activa dos axentes civís. O funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego, en función dos dereitos que os cidadáns (os galegofalantes igual ca os castelanfalantes) teñen recoñecidos.

6.
Á vista das consideracións devanditas, o Consello da Cultura Galega, en uso da facultade de asesoramento aos poderes públicos que a Lei da súa fundación lle atribúe, ACORDA, na súa sesión plenaria celebrada o día 17 de novembro de 2009, dirixirse ao Parlamento de Galicia, para propoñerlle que promova a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar (e se así o require, co asesoramento do propio Consello da Cultura Galega), elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que debera elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura.
Ao tempo, o Consello da Cultura Galega fai un chamamento á intelixencia e á xenerosidade das formacións políticas, tanto no goberno coma na oposición en diferentes institucións, para unir vontades arredor dun valor social, o idioma propio, que debe ser sempre causa común e integradora, nunca motivo de discordia e confrontación.

En Santiago de Compostela, a 17 de novembro de 2009

14 comentarios:

apicultor dijo...

Unha declaración impecable que dignifica á institución e aos seus integrantes. Vaian aquí os meus parabéns.

Fronte a aqueles que maliciosamente teimaban en que o CCG se ía abster de pronunciarse, velaí un memorando necesario, preciso, contudentemente elegante e propositivo.

O que si que me chama a atención é que non haxa, de momento, ningún comentario aquí sobre tan importante declaración.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Aquí van varios comentarios.

1. Xa tardaba.
2. Mira ti, para iso!
3. Maloserá.
4. Xa é tarde.
5. A ver que fan agora!
6. O parto dos montes.
7. Que facía alí fulano se blabla...
8. A palabra XXXX está mal empregada.
9. En galego non se di...
10. Por un lado non sei e polo outro que queres que che diga.

En previsión de.

Polo que a min respecta, e con todo respecto, estas solemnidades me abruman. Non deixo de recoñecerlle o mérito (sobre todo o único constructivo que eu destaco: a proposta de comisión parlamentaria), pero entendo a quen non llo vexa.
Eu apúntome ao 10. Pero é que cada vez son máis escéptico.
Non mo teñan en conta.

olga dijo...

Non sei se valerá de algo pero.... XA ERA HORAAAAAAA!!!

XDC dijo...

Arume: Está vostede mellorando moito ultimamente. Debe de andar namorado, que din que o amor activa a mosquita da intelixencia.
Nota: na miña aldea chamábanlle "mosquitas" ás "chispas".

XDC dijo...

O comentario de Olga enmárcase no punto 1 previsto por Arume.

Por certo. En inglés americano "xa era hora" dise "It´s about time". Dígollo para que non lles pase o que me pasóu a mín unha vez, por non coñecer esa expresión.Non lles podio contar o caso, que me da vergonza. Pero para que o saiban.

La pela és la pela dijo...

Xornal.com

"Caídas de escándalo"
Varapau para as contas do Consello da Cultura que se reducen un 6,29%, algo que BNG e PSOE atribúen a un intento de "limitar" a súa acción

O Consello da Cultura Galega (CGC) manexará en 2010 un orzamento de 2.951.000 euros, o que supón unha caída do 6,29% respecto dos recursos cos que contou en 2009, segundo expuxo onte na Comisión 3ª do Parlamento o presidente do organismo, Ramón Villares. A oposición censurou que a rebaixa sexa superior á que experimentan de forma global os orzamentos galegos (un 3,3 por cento en gasto) e atribuíuno a un escaso interese da Xunta pola cultura e a un intento de "limitar" a acción do Consello. Pola súa banda, o PPdeG falou de "sacrificio compartido".

Ramón Villares sinalou que a pesar da redución nos orzamentos, o Consello da Cultura manterá as súas liñas de traballo e porá en marcha novos proxectos de defensa, promoción e difusión da lingua e a cultura galegas. Detallou que o capítulo de persoal é o único que experimenta unha "lixeira subida" pola actualización dos salarios, mentres que outros experimentan importantes reducións, especialmente destacadas no capítulo 4 que cae un 20 por cento. Neste apartado inclúese a dotación para bolsas de investigación, que en 2010 serán dúas menos que este ano, quedando en 14.

Villares destacou que, a pesar dos orzamentos axustados, o Consello da Cultura vén realizando nos últimos anos un traballo "moi especializado e altamente profesionalizado" e unha "eficiente xestión" dos recursos, logrando unha execución orzamentaria de "arredor do 92 %". Declarouse "consciente" da situación económica que levou a que mingüen as achegas pero incidiu en que "para o futuro habería que contemplar a necesidade de ampliar o gasto en persoal" porque "estamos creando novos departamentos de traballo co mesmo persoal". Insistiu en que o Consello "podería gastar máis e de forma máis eficiente" polo que avogou por superar en próximos exercicios "a barreira dos tres millóns de euros".

Pola súa banda, a representante do BNG, Ana Pontón, censurou que o recorte orzamentario para o CGC "é moi superior" á caída global dos orzamentos autonómicos (que a nacionalista cifrou nun 0,9 por cento, atendendo ó orzamento consolidado).

Pontón viu nesta redución a "determinación" do Goberno galego de "limitar de maneira moi importante os fondos" da institución e un "intento de limitar a capacidade de acción do Consello da Cultura". Indicou que esta "decisión política" reflicte unha das "políticas angulares da Xunta do PP, baseada no ataque á lingua e á cultura galegas". Sinalou que o BNG intentará, durante o debate parlamentario sobre os orzamentos, que a redución de orzamento do CGC "se equipare á xeral dos orzamentos".

Pola súa banda, a deputada socialista Concepción Burgo sinalou que o seu grupo fai unha valoración "extremadamente negativa" do orzamento asignado ó CGC, ó considerar que hai "caídas de escándalo" en partidas destinadas a financiar cuestións como as axudas á investigación, conferencias ou cursos. Sinalou que, dado que o peso dos recursos do Consello no total dos orzamentos autonómicos "é moi pequeno", as reducións que sofre "non son xustificables".

Para Burgo, estas cifras, xunto co "recorte espectacular do 15 por cento" en materia de cultura na Consellería de Cultura, levan á "dedución lóxica" de que "a cultura non é en absoluto un sector prioritario para o goberno de Núñez Feijóo". A socialista considerou que isto supón un "erro moi grave, tamén dende o punto de vista económico" e resaltou que investir en cultura non é "improdutivo, como a está a ver o PP, senón que pode axudar a saír da crise".
ORZAMENTOS REDUCIDOS

Desde o grupo popular, o deputado popular Ignacio López-Chaves apuntou que a redución nos orzamentos do CGC se enmarca nun "sacrificio compartido" co resto de departamentos da Xunta, que tamén ven minguados os seus recursos. Pola contra, sinalou que o ano pasado, os recursos do Consello da Cultura caeron (un tres por cento) "mentres o orzamento da Xunta medraba".

Mágoa de mesquindades dijo...

Que intención máis mesquiña a de quen asina La pela es la pela. Onde está o problema, señor?

o mesmo, pero disimulando dijo...

Pois eu estoulles pasando un momento algo fodido. Non sei se en vez de momento debera poñer intre. Espero que en realidade sexa iso, un espazo de tempo entre outros dous, ou sexa, algo pasaxeiro. Interim. Digo eu, vaia. É un momento fodido, si. Caéronseme as ás do pensamento, e agora no son quen de elevalo. Só consigo artellar discursos rastreiros, igual que o Sol de outono, tan prexudicial para as cabezas descubertas.
E padezo alucinacións ou penso que as padezo. Hai un anaco, sen ir máis lonxe, penso que me deu unha. Vinme deitado nun banco da rúa da Raíña, en Lugo, unha rúa moi fermosa, pero que na miña alucinación aparecía pintada dunhas cores indefinibles, cores sintetizadas a partir do pantone que utilizan impresores e decoradores de interiores, atacado de narcolepsia. Na casa non mo cren, o da narcolepsia, e insisten en que bebo demasiado. ¡Unha cousa! Eu quero ser inocente, pero non me deixan. ¡Cago en sos! Ben, pois alí deitado nun banco coloreado dun xeito incualificable, achábame eu, cando de repente materializouse un home ignoro se dentro ou fóra dos meus órganos perceptivos ou sensoriais. Non o sei, de verdade. Foi unha presenza cuase hectoplasmática, pero nada desacougante. Non veño con retesías, díxome. Así que non se me alporice. ¿Logo a que vén, carállolas?, retruqueille eu lixeiramente mosqueado. ¿A que ven producindo unha manifestación de semellante fasquía que un non é quen de determinar a realidade obxectibable ou virtual da inmaterialidade aparente da súa presenza extraordinaria, se permite que o diga? Veño entregarlle isto. De parte do Apicultor. E entregoume un libro metido nunha bolsa de papel cun somier debuxado por fóra. E isto vai da miña conta. E meteu na bolsa unha botella dun rioxa de putísima nai. (Case mellor é madre, ¿ou?, putísima madre. Eu creo que si).
A alucinación ser seríaa, pero a bolsa está aquí comigo e dentro dela o libro e mais a botella. Así que, non sei.

Digamos grazas, pois ó Apicultor. A botella baixareina á saúde dos ilustres membros destes foros. Mal non me ha facer e pode coadxuvar á cabal comprensión da miña dubidosa narcolepsia.

o mesmo, pero disimulando dijo...

Cometín un erro imperdonable. Esquecín dicir que a aparición hectoplasmática, extra ou intra sensorial, non era outra que a gratísima presenza de don Iacobus von der Stein. Que conste.

Farto de timoratos dijo...

Dous comentarios á Proposta Institucional (sic) do Consello da Cultura Galega.

- "sen mingua dos dereitos dos cidadáns e cidadás que teñen como lingua habitual o castelán"

Como se chegou a esta situación? Que progresos se fixeron para recuperar o uso do galego nas cidades desde o ano 1985 en que se aprobou o Decreto de Normalización Lingüística? Por que non fan autocrítica os do Consello da Cultura?

- "O galego e o castelán son recursos valiosísimos para Galicia, e a igualdade plena entre eles constitúe un reto de futuro que debemos saber afrontar."

Velaquí os verdadeiros bilingües e non os de Galicia Bilingüe. O galego está a esmorecer e aos só se lles ocorre saír con esta chorrada sen poñerlle cara á evidencia: o catalán e o éuscaro sobrevivirán nas súas comunidades porque alí todos os partidos excepto o PP seguen políticas activas de recuperación da lingua propia fronte ao asoballamento do español. Aquí só aspiran á "igualdade". Non saben ou non queren saber que nunha situación de suposta igualdade ("bilingüísmo harmónico" lle chamaba Fraga) o galego está condenado a morte.

o mesmo, pero disimulando dijo...

Eu de timorato non lles teño nada. Cagón si. Cagón son cando procede. Por exemplo agora mesmo, que, logo de invocar os hectoplasmas encóntrome cun fío que cambia de número de posts segundo te poñas dentro ou fóra. E non se me poñan farrucos. Os meus hectoplasmas levan o hache porque se nón non se me materializan e, tamén, para que sexan bilingües. O hache xa sabemos que non sirve para nada, mais aparenta moito. Sobre todo agora que un rapaz arxentino vai representar a España no campionato do mundo de ortografía.

¡Carallo, se me pillan a min ós nove anos, cando andaba a preparar o exame de ingreso! O meu irmán máis vello, que era quen me preparaba, quitoume as faltas de ortografía a hostias.

Precisador dijo...

O problema que ten moita xente -e o caso de Farto de timoratos é paradigmático neste sentido- é que confunden planos, quer por malicia deliberada, quer por ignorancia, quer polas dúas cousas xuntas.

Imos ver. O CCG non é unha simple asociación cultural, nin tampouco unha platagorma reivindicativa. Non. O CCG é un organismo oficial cunhas competencias concretas (léase con atención o punto 1).

Daquela, o CCG ten que limitarse a facer uso das súas funcións e non debe suplantar a ningunha plataforma, asociación ou partido.

E dentro das súas atribucións, o que se salienta na Declaración é consecuencia da utilización ao máximo as súas competencias do CCG.

Aínda no improbable caso que así quixera facelo, non é a súa misión propoñer ningún unilingüísmo galego. Daquela, está fóra de lugar a torpe acusación de "verdadeiros bilingües".

Ah, por certo, que grupo ou partido político propón explicitamente o unilingüísmo en galego? Pois ningún dos que representan aos galegos na súa inmensísima maioría.

Gústelle ou non ao señor Farto de timoratos, isto é así. Todo o demais son lerias.

Curriño dijo...

Non digan que aqui non somos mandadiños.

Anónimo dijo...

Si, si... aquí somos mandadiños como en Cataluña, onde toda a prensa catalá publica hoxe un editorial conxunto en defensa do novo Estatut, e onde o catalán é a lingua vehicular no 90% das asignaturas das escolas, antes con CIU e agora co PSC.

Aquí, mentres tanto, seguimos perseguindo o tan arelado bilingüísmo harmónico

País de almas rendidas!