ROSEBUD 4º parte
Marcos Valcárcel
Tocoume o servizo militar nas Andalucías, no ano do Tejero, coincidindo cos amigos Federico Cocho de Juan e Eduardo Núñez. Destinado en Capitanía de Sevilla, en Auditoría, alí puiden ver a cara máis tráxica da cuestión: os soldados da UDS nos calabozos por negarse a cear, suicidios en Ceuta e Melilla, etc.
De volta a Ourense, casei con MARIA no verán de 1983.
Chamáronme para facer unhas substitucións de profesor de galego en Santiago e A Coruña. Preparei as oposicións e presenteime en Lugo, acobillado na casa de Sarille. Eu dubidaba das miñas posibilidades, pero saquei o número 1 do meu grupo.
Días de felicidade.
Para empezar, no meu traballo como ensinante que sempre me gustou, agás no de corrixir exames, e que me permitiu seguir en contacto coa mocidade.
Días felices. No Padre Feijoo e no cineclubismo galego con Pepe Paz, Segismundo Bobillo, Carrión, César Silva, Llorente e o godardiano Aian.
Felicidade en Fisterra. Un camareiro moi noviño fálanos con entusiasmo de Neruda e de Miguel Hernández: el tamén era poeta, Modesto Fraga, amigo incondicional desde aquela. Modesto e Palmira, os amigos do Lestón, Miro Villar e Alexandre Nerium, excelentes poetas.
Nese tempo percórremos boa parte de España e Portugal. Visitamos un cento de pobos históricos e cidades, recuncando nas que máis nos gustaron: Salamanca, Xixón, Donostia, Barcelona, Coimbra, Nazaré e Lisboa. E a marabilla dos Lagos de Sanabria, tan preto de Galicia.
No ano 1982 estiven na Coruña na refundación do BNG, cando integrou a Beiras e a moitos pesegos. Eu estaba como independente, pero o responsable do grupo de Ourense non nos convocou nunca.
Dous anos despois afilieime ó PSG-EG atraído polo nacionalismo sensato de Camilo Nogueira. Estiven na executiva e fun secretario político de Ourense durante varios anos. O PSG-EG foi a estrutura política máis democrática que eu coñecín, cunha alta talla intelectual (Manolo Barreiro, irmáns Facal, etc.)
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
1 comentario:
Irmán da alma: non sabes canto te queremos!!!Estamos contigo día a día, minuto a minuto, segundo a segundo...Con María e con Eire, todos xuntos. Vivindo a Costa da Morte, con paixón e ledicia, sempre contigo, capitán, contigo SEMPRE, SEMPRE. Adiante, Marcos, adiante!!!
Modesto Fraga
Publicar un comentario