Mostrando entradas con la etiqueta Díaz Pardo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Díaz Pardo. Mostrar todas las entradas

21 dic 2007


A vidreira de Díaz Pardo
Andoliña 21 dec.

Ós seus 87 anos, Isaac Díaz Pardo está a vivir días difíciles, vítima evidente da ingratitude humana. Pero tamén recibe algunhas homenaxes, todas elas merecidas, e algunhas outras alegrías. Entre elas, debe estar esa vidreira que deseñou para presidir o salón de plenos do Parlamento de Galicia, que se presentaba onte. Reproduce dúas figuras humanas que sosteñen un escudo cun dolmen e a lenda ‘Gallaecia’.
Simboloxía de xinea galeguista a utilizada polo artista: é o mesmo dolmen que figuraba na portada da revista Nós ou nalgúns carteis deseñados por seu pai, Camilo Díaz Baliño. Lembro un que fixera Camilo Díaz para a Coral de Ruada onde o dolmen se convertía nunha especie de altar sagrado, nun alento entre místico e nacionalista.
Rodean esta vidreira unha fileira de paxaros que simbolizan a imaxinación: a liberdade, a esperanza, a ledicia, son de certo imaxes acaídas ás aves en moitas tradicións culturais. Sorprendeume, en cambio, o grupo de caracois da base: seica representan a lentitude con que camiña o progreso na realidade, di Díaz Pardo. Por sorte, nada teñen que ver coa simboloxía sexual que lles atribuía Cunqueiro e da que xa falei neste recuncho: mellor, para o sosego dos parlamentarios.