Mostrando entradas con la etiqueta simbolismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta simbolismo. Mostrar todas las entradas

12 nov 2008


O cabalo e a morte
andoliña 12-11-08

Poucos animais tan unidos ó ser humano, dende tempos moi antigos, como o cabalo. Dende vello simboliza o poder, a velocidade, a nobreza. No mundo cristián, tamén o valor, mentres en Oriente se asocia ó lume e ó ceo. O cabalo negro é a cotío símbolo da morte.Hai varias lendas galegas que recollen este último sentido e cítaas Vítor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica.

Se un cabalo tropeza cunha pedra, conta Mandianes, interprétase como petición de axuda dunha ánima, para que se rece por ela. En terras de Nogueira de Ramuín cita Afonso Monxardín o Camiño da Ponte, onde se aparece un cabaliño lanzal de gran brancura, que se achega a un valado para que as xentes o cabalguen, pero non o fan por medo. Unha historia semellante recolleu Risco en Congostro-Rairiz de Veiga, onde se aparece un pequeno cabalo moi fermoso diante dunha muller. Esta négase a falar con el e o cabalo retírase detrás duns amieiros, botándose a rir e desaparecendo: os campesiños pensan que se trata do demo.

Nos traballos de X.Cuba, X. Miranda e A. Reigosa son máis vizosos aínda os acenos simbólicos do animal: cabalos de mouros, cabalos acuáticos, cabalo da fiaña, cabalo do vento e un longo etcétera.

11 nov 2008


ANDOLIÑA martes 11 novembro
FESTA DO LUME

Dende bastante cedo, soben os mozos coas súas mochilas polos montes dos arredores. Luciu o sol onte en Auria, día de festa, coma hoxe, polos magostos. E velaí tedes un modelo de encontro ben enxebre, que en case nada variou dende os días remotos da nosa infancia: castañas, viño, chourizos, etc. Si, quizais hoxe a variación de bebidas alcohólicas sexa moito maior, pegada dos botellóns xuvenís. A cantos magostos iría eu dende neno? Sería difícil calculalo: no Montealegre, no Ervedelo dos avós, na Derrasa cando xa había algún coche para desprazarse, en lugares que xa nin podo lembrar.
Festa do lume: todas as culturas teñen mitos e ritos fillos desta tradición. Dende o Prometeo clásico que rouba o lume ós deuses ata a Ave Fénix que arde cada cen anos e renace das súas cinzas, símbolo da resurrección e a inmortalidade. En medio do lume represéntase tamén o deus hindú Agni, cabalgando un carneiro, e o corpo dos vellos xefes viquingos era cremado nunha lancha: seica entendían que o fume que se erguía simbolizaba o retorno do espírito ó sol, o dador da vida. Os nenos esculcan fascinados as lapas antes de se apagaren: quizais ata sexan quen de ver todo isto na súa fogueira.

3 nov 2008


O MISTERIO DAS AUGAS

O misterio das augas (artigo completo, LR. 4-11-08)
Marcos Valcárcel
Augas salvadoras. Un home de letras escribiu no século XVI que ningunha muller debía lavarse, nin sequera nas súas partes íntimas. Disque a raíña Isabel, chamada a Católica, presumía de terse bañado só dúas veces ó longo de toda a súa vida. Eran outros tempos, con outros valores e códigos de conduta, sen dúbida. ( ...)

4 oct 2008

O HOME LOBO
PAN POR PAN sábado 4 outubro.

Como vostedes saben, hai unha moi ampla bibliografía sobre o Lobishome: en Galicia, escritores e estudosos como Vicente Risco, Carlos Martínez Barbeito, Alfredo Conde ou Xosé Miranda achegáronse a este mundo. Hai moitos aspectos atractivos neste mito: para empezar, a metamorfose de home (ou muller) en animal e a dualidade Ben/Mal, tan eficaz en calquera historia. A posible intervención do Maligno, como achegan algunhas lendas, sempre é sedutora nun plano narrativo. Din que afectaba sobre todo ó sétimo descendente dunha familia e era un mal provisorio, ás veces tamén intermitente. E segundo conta Víctor Vaqueiro (“Guía da Galiza Máxica”), os primeiros síntomas desta doenza presentábanse en forma dunha fonda melancolía: velaí a raíz intensamente humana deste mito, a tristura como ponte dende a condición humana cara a besta cruel e asasina.

3 oct 2008

LOBOS, CANS, RAPOSOS ...
PAN POR PAN venres 3 outubro
Tres animais da mesma familia con simboloxías ben diferentes. Os lobos no mundo cristián simbolizan a crueldade, devoradores das ovellas que rexeitan a protección do Bo Pastor. Pero, noutra dirección, foi unha loba quen aleitou a Rómulo e Remo, fundadores de Roma, onde simboliza o coidado materno. O raposo representa o engano e a astucia: pensen nos contos populares; tamén a sabedoría instintiva para os indíxenas de Norteamérica. E os cans? A lealdade, a vixilancia, o valor, o coidado da casa, o vento e o lume, a masculinidade e o sol; nas tradicións celtas tamén o poder da curación. A fidelidade é o seu paradigma e os exipcios e gregos pensaban que compartían a vida de ultratumba dos seus amos e con eles os enterraban. E un chacal simbolizaba en Exipto o gardián dos mortos: Anubis, encargado de levalos ata Osiris, gran xuíz e señor dos ceos e do inframundo.

1 jul 2008


en poleiro alleo
Amiga vaca, de Afonso Vázquez-Monxardín (LR. 1-7-08). Imaxe: Chagall.

A excepción do ornitorrinco, que ten unha vida discreta, afastada e neutra, o resto dos animais teñen para nós connotacións culturais. O oso panda e koala, peluches vivintes, despertan instintos de amabilidade e calma; a cobra, dá grima, noxo e representa o mal; o burro, a pesar de Platero e o partido demócrata estadounidense, representa o que di o seu nome, a burremia ou burrería; o cabalo é a elegancia e o poderío. Así, claro, cando falamos das persoas apómolles denominacións animais de seguido: Un, pode ser burro, mulo, víbora, avutre, lince, aguia, foca, bubela, porco, cabra, cabrón, galiña, ou incluso un bo peixe que ande de can pola vida.E a pomba é indiscutiblemente o símbolo da paz. Creada por Picasso ao abeiro do movemento comunista francés en época do estalinismo -a través do chamado Consello Mundial da Paz en 1949-, non sei se será unha recreación insconsciente do mesmísimo Espíritu Santo. O caso é que a pomba foi, pouco e pouco, asumida polos pacifistas e hippies de todo o mundo e obtivo a lectura actual: simplemente a paz.
(O artigo completo)

18 jun 2008















Simboloxía galeguista (3)
A UPG e o PCG usaron moitas veces a estrela vermella. Logo, a AN-PG, xa no medio da bandeira, dende 1976. Pero nos 70 e primeiros 80 tamén o fixeron outros partidos nacionalistas. Velaí tres exemplos: o PSG (coa folla de carballo), o PGP e ata a mocidades de Esquerda Galega. (As tres pegatas son do libro "En Transición", Univ. Coruña, da colección de Bernardo Valdez).

Simboloxía galeguista (2)

Coa estrela branca do PG histórico. Dous carteis da campaña do Estatuto do 36. Os dous son de Isaac Díaz Pardo. O texto do cartel inferior, o que ten tamén unha estrela vermella, supoño que se refire ó apoio dos chamados entón "partidos obreiros" (PCE, PSOE) ó Estatuto, dentro da Fronte Popular.



Simboloxía galeguista (1)

Como estes días falamos moito nesta casa dos símbolos de Galicia e do galeguismo, imos recuperar algunhas imaxes e carteis históricos. Tamén algúns do PG coa estrela branca.
Empezo con estas dúas imaxes: unha de Camilo Díaz Baliño, artista mártir do galeguismo e pai de Isaac Díaz Pardo, do ano 1926 (creo que realizada para un Congreso Teosófico ou Teolóxico, teño que consultalo). Sobre un contexto de acenos modernistas, o centro da imaxe está ocupado polo caliz e a hostia, sobre un dolmen a xeito de altar: celtismo e catolicismo en perfecta sintonía.
Creo que é evidente a pegada destes conceptos na popular portada de Castelao para a revista "Nós": persiste o caliz, a guirlanda de estrelas pasa a ser agora de cruces e, na parte inferior, de novo o dolmen celtista, cun sol alborexando ó fondo (un sol que pode ser tamén a hostia do novo renacer de Galicia, non?).

16 jun 2008


en poleiro alleo
Da Fouce e da Estrela, Méndez Ferrín en Faro de Vigo.

Farruco Sesto Novás titulou así, fillo como é da cultura política galeguista, un seu libro de poemas, non sei se o primeiro. El sabía, supoño que tamén Anxo Quintana e Mario López Rico, que Castelao ideara en pleno fragor bélico, 1937, o escudo republicano de Galicia (si: como Atila en Galicia). Neste escudo elimínase o elemento contrarreformista do copón e o Santísimo Sacramento, e o mesmo se fai coas sete cruces das sete provincias representativas do Antigo Réxime. Igualmente, a coroa real desaparece como é regra en réxime de República. No escudo de Castelao hai unha fouce de ouro, que acumula no seu simbolismo a herdanza céltica e a rebeldía dos agrarios e dos irmandiños. No chefe da fouce de ouro campa unha estrela vermella de cinco puntas (nada que ver coa de David). É a estrela da Liberdade e do Socialismo. O escudo é abrazado por un tenente que é serea de longa cabeleira que, polo baixo, ensina, atrevida e algo bulrista, o rabo de pixota. O escudo da serea, da fouce e da estrela leva, no deseño de Castelao, unha lexenda: DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS. Coido que algún día este será o escudo oficial de Galicia.

14 jun 2008

En transición. (Pan por Pan sábado 14 xuño)

Editados pola Universidade da Coruña e da man de Federico Cocho, xornalista ourensán, chéganme dous libros de interese e fermosa presenza. Un deles, “Poesías. Iris. Número 8”, é a reprodución facsímile dun caderno de poemas manuscrito de Xosé María Álvarez Blázquez, datado entre 1934 e 1938. hai versos en galego e en castelán, escritos cunha letra moi pulcra, dunha claridade case transparente, e contén tamén traducións ó galego de Víctor Hugo e Virxilio.
O outro, titulado “En transición”, é un amplo catálogo dos adhesivos que marcaron as ultimas décadas: as pegatas que difundimos e transmitimos entre todos creando unha orixinal iconografía da Transición democrática. Un paseo en imaxes por unha historia non tan afastada no tempo, pero da que se van perdendo moitos referentes: ben, quizais queden só como argumentos para algunhas series de televisión.

7 jun 2008


A estrela e as cores. Andoliña 7 xuño.

(Na imaxe, un dos últimos carteis do BNPG, creo que o derradeiro, 25-7-1982. Por certo, aínda se reivindicaban as Bases Constitucionais...)

O Bloque presentou antonte a súa campaña do Día da Patria Galega e así como quen non quere a cousa, anunciou o cambio máis radical da súa historia nas tres últimas décadas. E indico, para evitar suspicacias, que non falo dende a ironía. Porque o equipo de Quintana presentou uns carteis onde a histórica estrela vermella se converte agora nunha estrela azul. Feito non casual nin anecdótico: calquera que coñeza a importancia dos símbolos no nacionalismo albiscará a relevancia deste aceno. E a moitos militantes tampouco lles gustará.
Cando menos dende os inicios de 1976, coa fundación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), o nacionalismo de esquerdas usou sempre a bandeira coa estrela vermella no medio. Antes a mesma icona estivo en moitos deseños da UPG ou do PSG: identidade nidia de esquerda e dos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo, do anticolonialismo que se espalla dende os 60.
Supoño que o tema provocará debate. Agora soamente quero subliñar a transcendencia do cambio. O azul está na bandeira da Galicia e sempre foi, pois, símbolo identitario. Podíase engadir aínda que é a color do mar, nun país mariñeiro, e a color da Terra dos mil ríos.

6 jun 2008


Símbolos e nacionalismo.
O Bloque colorea de azul a súa estrela vermella.

Segundo conta hoxe LVG o BNG de Quintana afronta o cambio máis radical da historia do nacionalismo de esquerdas: eliminar a estrela vermella, símbolo revolucionario utilizado cando menos dende os inicios do 76 (nas orixes da AN-PG). E o dito vai sen ningunha ironía: a polémica está servida. Calquera que saiba o significado que teñen os símbolos entre as bases nacionalistas, pódese decatar do arriscado desta decisión.

22 dic 2007


O Himno. Pan por Pan sábado 22 decembro
O xoves pasado, cando se cumpría o centenario do Himno Galego, os tres partidos con representación no Parlamento Galego celebraron esa data. Fixérono en Ourense e en Santiago. Este titular é certo, tal como está, pero non di toda a realidade: os tres partidos (PSdG, PPG, BNG) celebraron a data, pero cada un polo seu lado. Por separado. Era tan difícil dende as institucións promover unha celebración conxunta? Suponse que calquera comunidade ten uns valores propios e uns símbolos nos que se reflicten os mesmos: himno, bandeira, escudo. Pero, se para recoñecernos neles, temos que facelo por separado, algo non funciona. Será a proximidade das eleccións, pero permítome dicirlles que os tres se equivocan. Que é todo un esperpento esta dinámica de confrontación que xa non se salva nin no terreo simbólico ou cultural. E que diría Pondal de todo isto?

21 dic 2007


A vidreira de Díaz Pardo
Andoliña 21 dec.

Ós seus 87 anos, Isaac Díaz Pardo está a vivir días difíciles, vítima evidente da ingratitude humana. Pero tamén recibe algunhas homenaxes, todas elas merecidas, e algunhas outras alegrías. Entre elas, debe estar esa vidreira que deseñou para presidir o salón de plenos do Parlamento de Galicia, que se presentaba onte. Reproduce dúas figuras humanas que sosteñen un escudo cun dolmen e a lenda ‘Gallaecia’.
Simboloxía de xinea galeguista a utilizada polo artista: é o mesmo dolmen que figuraba na portada da revista Nós ou nalgúns carteis deseñados por seu pai, Camilo Díaz Baliño. Lembro un que fixera Camilo Díaz para a Coral de Ruada onde o dolmen se convertía nunha especie de altar sagrado, nun alento entre místico e nacionalista.
Rodean esta vidreira unha fileira de paxaros que simbolizan a imaxinación: a liberdade, a esperanza, a ledicia, son de certo imaxes acaídas ás aves en moitas tradicións culturais. Sorprendeume, en cambio, o grupo de caracois da base: seica representan a lentitude con que camiña o progreso na realidade, di Díaz Pardo. Por sorte, nada teñen que ver coa simboloxía sexual que lles atribuía Cunqueiro e da que xa falei neste recuncho: mellor, para o sosego dos parlamentarios.

30 jul 2007


VERMEER E O SIMBOLISMO DA PERLA
La Región 30 xullo

A moza da perla. Podería ser unha película muda, como as dos mestres primixenios do cine, que nos ensinaon unha nova linguaxe: todo está dito nos planos, nos movementos da cámara, na mirada dos actores; os textos son secundarios e a historia podería ser perfectamente intelíxibel só coas imaxes. Falo de “A moza da perla” (2003), a magnífica película de Peter Webber baseada na novela do mesmo título da norteamericana Tracy Chevalier, un dos éxitos literarios dos últimos tempos. Importa moi pouco que a historia sexa imaxinaria: o xenio e o misterio do mundo de Jan Vermeer respira por cada poro dos fotogramas, un mundo de amarelos, azuis e ocres cunha impresionante riqueza de matices e suxestións. A fotografia do portugués Eduardo Serra fai o miragre de introducirnos na sociedade holandesa do barroco, nese Delft do século XVI tan preciosista nos interiores e tan descarnado nos exteriores, mentres que a música de Alexandre Desplat conduce o cachón de sentimentos que as imaxes traducen. O labor do director, neste caso, pasa desapercibido, pero iso non é un demérito, como se ten dito: non se pode competir coa sensualidade e o erotismo que se desprenden as telas de Vermeer. Todo estaba xa no cadro...

Identidade oculta. Aínda hoxe non se sabe quen é a moza da perla que retratou o holandés. Unha cativa de doce ou trece anos que podería ser a filla maior do artista, aínda que as datas non cadran. O que si é evidente é que hai moito amor e moito misterio nesa mirada, unha das obras mestras da arte de todos os tempos. Hai un momento de especial tensión dramática na película de Peter Webber: aquel no que, tras negarse repetidas veces a rapaza, ó cabo accede a colocarse, cando está a posar para a coñecida táboa, as perlas da propia esposa do pintor, un fulxente punto de luz no medio do cadro, pero tamén moito máis, un símbolo da sutil relación que entre pintor e modelo se establece, chea de múltiples matices de sensualidade, fascinación e misterio.

Simbolismo. A perla na orella da moza era, segundo Norbert Schneider, un símbolo da castidade. Foi un motivo moi presente na pintura do Renacemento e no Barroco: o propio Vermeer insistiu nel, pois o citado autor recolle este elemento ata en en doce retratos femininos da man do artista (“Vermeer. Sentimientos furtivos”, Taschen). Para demostralo o crítico acode ó místico Francisco de Sales que escribiu no século XVII que era un costume habitual nas mulleres pendurarse perlas das orellas polo pracer causado cando aquelas tocaban a pel ao moverse. Pero, na súa “Introducción á vida devota” (1608, oito anos despois publicado en Holanda), engade Francisco de Sales: “Dado que eu sei que Isaac, gran amigo de Deus, enviou pendentes á pura Rebeca como sinal do seu amor, penso que esta xoia significa en sentido espiritual que a orella é a primeira parte que un home quere ter da súa muller e que a muller debe conservar máis fielmente, de tal xeito que non debe traspasala ningún discurso ou tono que non sexa o doce son das palabras castas, que son as perlas orientais do Evanxeo”.