Mostrando entradas con la etiqueta Discursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Discursos. Mostrar todas las entradas

3 dic 2008

O DISCURSO DO 29 (1)

GRACIÑAS (29-11-08)
Boas noites e grazas a todos e todas por estar hoxe aquí.
Hai pouco máis dun mes os meus amigos puxéronse a traballar nunha cea homenaxe a este humilde colega voso, con motivo da saída dun novo libro meu, unha Historia de Ourense que publica Xerais. Antes de nada sería moi inxusto non deixar aquí constancia expresa do meu agradecemento a Afonso Monxardín, Xosé Ramón Quintana, Benito Losada, Pepe Trebolle, César Ánsias, Manuel Ángel Candelas Colodrón, Xoán Fonseca, José Carlos Martínez-Pedrayo e Eustaquio Puga, que estiveron á cabeza desta iniciativa tan xenerosa pola súa banda.
Eu mesmo participei moitas veces, como organizador en actos semellantes e neste mesmo salón, con grandes personalidades culturais ourensás e galegas. Sei do traballo que dan estas cousas, pero sei tamén que, no caso de persoas como as citadas, non hai esforzo que as bote para atrás porque traballan sempre con ilusión e rigor. Tamén aproveito para dicirvos que é moito máis doado estar do outro lado, cos organizadores da homenaxe: da miña banda, só agardo poder enfiar unhas cantas liñas cun mínimo de harmonía e coherencia literaria, se a emoción mo permite.
Acepto este encontro de amizade e irmandade como un tributo á percura da felicidade. Permitídeme recobrar aquí unhas liñas dunha Andoliña (12-9-08) na que precisamente meditaba sobre isto:

“A felicidade: é o único realmente importante. Semella obvio, pero convén repetilo, mesmo con insistencia. E iso non ten outra faciana que o amor ós seres queridos e o que recibimos deles mesmos, a capacidade de convivir en harmonía, de compartir con amigos e amigas horas de alento e desalento. Levamos séculos de Historia vivida e escrita e sería moi doado encontrar centos de definicións de grandes personalidades sobre a felicidade. Todas as que gardan algo de verdade teñen que ver co que escribín antes e pouco conta niso, de certo nada, a acumulación de poder ou de riqueza ou de calquera outra falsa ilusión.
Da noite para a mañá o mundo tal como o coñecemos pode confundirse nos seus perfís, esvaecerse nos seus absolutos ou perder todos os adobíos que nós mesmos lle colocamos. E a vida mantén o mesmo sutil ritmo de inestabilidade, como un xogo entre infantil e absurdo repetido por inercia, sen coñecer ben as súas claves máis fondas. Por iso é necesario invocar, coa regularidade metódica dun mantra oriental, a forza das palabras primixenias: Amor, Amizade. Sen falso pudor a que nos acusen de cursilería estilística. Cando menos así o sinto hoxe, cando escribo nesta tardiña dun xoves solleiro de setembro.”
O universo de amigos e amigas, de compañeiros e compañeiras que hoxe nos axuntamos aquí, resume boa parte da miña biografía. Están aquí os meus familiares e varios amigos da miña infancia; os meus compañeiros do Instituto de A Carballeira, onde traballei os últimos 25 anos; colaboradores de mil e unha andainas do galeguismo e do nacionalismo de esquerda; persoas coas que compartían arelas e espazos nas A.C. Auriense e nas A.C. O Eixo e O Galo de Santiago; os amigos do Clube Cultural Alexandre Bóveda e do Liceo de Ourense; xornalistas de diferentes medios nos que colaborei nas tres últimas décadas; profesores das tres universidades galegas; amigos e colegas da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, das Fundacións Curros Enríquez, Carlos Casares, Otero Pedrayo e Premios da Crítica de Galicia; amigos e amigas tamén do Pen Clube e da AELG. Para rematar, por aquí andan ademais, a maioría dos contertulios habituais do meu blog As Uvas na Solaina, e a todos e todas lles agradezo por igual a súa xenerosidade. Outros amigos que por motivos de traballo están lonxe (en México, en California, en Berlín, etc.) escribíronme e chamáronme nestes días para acompañarnos en espírito.
É un auténtico privilexio compartir convosco este encontro, porque nesta sala está hoxe depositado o mellorciño do código xenético da Galicia de hoxe. Esta é unha ceremonia da irmandade, da que non creo ser merecente, pero que acepto gustoso como un irmandiño máis deste esplendoroso “contubernio” da Galicia cultural do século XXI. En días nos que o noso idioma é desprezado por algúns sectores cunha saña grotesca, é bo comprobar que existen moitos milleiros de galegos e galegas, como os que hoxe aquí nos axuntamos, que seguimos a crer no noso país, na dignidade da nosa lingua e da nosa cultura e na vitalidade das enerxías necesarias para que Galicia siga sendo ese soño que herdamos dos mestres de Nós: unha vella nación europea, unha moderna cultura do século XXI que quere achegar ó mundo a súa orixinalidade cultural.
O DISCURSO DO 29 (e 2)

E quero rematar estas palabras de agradecemento cunha lembranza dos meus anos de infancia e formación. Quizais os meus intereses intelectuais se definiron xa de moi novo: lector entusiasta de canto caía nas miñas mans –tebeos, revistas, libros, etc.-, da miña infancia lembro en casa varias coleccións sobre fauna e natureza e moitos libros de mitoloxía, cos que me agasallaban os meus pais. Entre eles estaba un amplo volume de “Mitología clásica ilustrada”, de Otto Seeman, que publicara Vergara en Barcelona: teño a quinta edición, de 1968, e debín lela ós 14 ou 15 anos. Aquilo me abriu outra dimensión da realidade e me descubriu o enorme potencial da fantasía e a riqueza humana para contar historias e comprender o mundo a través delas. Logo viñeron a Ilíada, a Odisea, moitos clásicos gregos, e tamén a Divina Comedia, de Dante: cando se len tales libros a esas idades queda un marcado para sempre, a miña vida, inevitablemente, estaría rodeada de libros, xornais e revistas.
Houbo, entre elas, nos anos do franquismo final algunhas que deixaron unha pegada especial. Falo de “Triunfo” e da revista mensual “Tiempo de Historia”, dúas aventuras nacidas da man de Eduardo Haro Tecglen que foron, cando menos para a miña xeración (tamén para outras), unha auténtica escola cívica, de formación dun espírito ético de liberdades, moi arredado da Formación del Espíritu Nacional que estudiabamos nos manuais escolares.
Aproveito a ocasión para render contas dunha débeda persoal que teño, hai moitos anos, con Haro Tecglen, a quen logo tiven a honra de presentar no Liceo ourensán: eu era aínda moi novo cando chegaron á miña man os primeiros exemplares que vín de “Tiempo de Historia”, trouxéraos o meu irmán Fiz cando estudaba en Madrid. Lembro aínda os seus contidos e argumentos, as súas fotos de portada: un grupo de republicanos a fuxir de Xixón nunha barcaza cando a cidade era tomada polas “tropas nacionales”; un cartel coa cruz, o globo terráqueo e a bandeira rojigualda baixo o lema “Catecismo Patriótico Español”; un retrato en escorzo de Lenin convocando ao soño revolucionario. Nas súas páxinas aprendimos moitos mozos a deletrear con paixón nomes ata entón ignorados e prohibidos: Trotsky e Bertolt Brecht, Ricardo Mella e Besteiro, Machado e Araquistáin, entre tantos outros. Descubrimos alí a existencia dunha outra historia, reveladora e transformadora: a antítese do que nos ofrecía, co mesmo nome, a escola nacional-católica que padecíamos. Alí escribían tamén, de cando en vez, autores galegos como Blanco Amor, Xesús Alonso Montero, Ramón Chao, Javier Alfaya ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. De xeito consciente aquela revista abría os seus brazos para contarnos a historia dunha Galiza cultural negada e exiliada: Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro..., eran cita habitual nas súas páxinas. E tamén o eran os novos artistas galegos, desde a mirada crítica de Moreno Galván, e o noso nacente teatro galego arredor de Abrente e Ribadavia, ben atendido nas crónicas de José Monleón, ou a música de Voces Ceibes e a Nova Canción Galega.
“Eu penso sempre en alguén vivo cando escribo. Esa vida trasmítese ao fluído diálogo, cheo de creatividade, que establezo co seu pensamento, sen autocensuras”: velaí o segredo de Haro Tecglen, a quen evoco agora con agarimo.
Contei isto como unha páxina posible do meu Arredor de si, porque penso que é unha experiencia semellante á de moitos mozos e mozas da mesma xeración. E hai outras moitas páxinas por escribir. Por exemplo, a pegada que me deixou o crego Digno González na necesidade de ter unha visión aberta, solidaria e crítica do mundo. Ou a redescuberta de noso que significaron para min as clases da Auriense, onde tivemos o privilexio de contar con profesores como Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Carlos Casares ou Francisco Rodríguez, entre moitos outros. Habería páxinas nesa miña glosa oteriana que falarían da misa en galego na Capela do Santo Cristo e da Coral de Ruada de Manuel de Dios e do mestre Vide (eu neno escoitei a misa máis dunha vez ó seu carón, no órgano do Santo Cristo, entre xigantescos anxos e columnas salomónicas). E debería falar do Cine Clube Padre Feijoo, con Pepe Paz, Bobillo, Álvarez Pousa, que nos ensinou a ver bo cine italiano e a Bergman e Dersu Uzala, e tantas xoias; e dos debates no Ateneo, de Histrión 70 e os versos de Celso Emilio (Tempo de chorar) e da última páxina de La Región, con artigos a diario de Otero, Ben-Cho-Shey, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Luís Trabazo, Carlos Casares, etc. Todo un luxo na formación dunha persoa amiga das letras! Cando os estudantes do Instituto saímos á rúa contra as pestilentes celulosas que querían instalar no val ourensán, don Ramón escribía coa súa lírica melancólica contra ese pesadelo e en defensa do Pai Miño.
Todo isto sucedía entre 1972 e 1974, anos da miña adolescencia e de reencontro co meu país e a cultura de noso. Foi decisivo o meu salto ó Instituto Masculino e o encontro con xentes coimo Bieito Iglesias, Benito Alonso “Roi”, Manuel Guede, Paco García, Carballude, etc., todos nun mesmo COU de letras. Íamos para filólogos porque tal nos aconsellaba Paco Rodríguez na Auriense. Pero encontrámonos cun ser encantador, unha profesora leonesa, recén saída da Universidade, que nos daba clases de Historia, unas clases didácticas e rigorosas. E que, sobre todo, nos deixaba debater nas clases sobre os Irmandiños ou sobre o Sempre en Galiza, de Castelao. Moitos dos seus alumnos acabamos na Facultade de Historia; tamén é certo que nunca deixamos o mundo das letras e varios rematarían por facer carreira literaria.
Eran tempos difíciles e para montar un simple posto de libros no Día das Letras Galegas tiñamos que pelexar co xefe de estudos e co director do Instituto. Pero as cousas ían avanzando, de vagariño, co esforzo e sacrificio de moitos. Penso agora que naqueles días empecei un camiño do que nunca me arredei nos últimos 35 anos. Tiven ó meu favor moitas plataformas para expresarme: nos libros, na prensa, no labor cultural. Sempre en plena liberdade: podo ler os meus artigos de hai anos sen avergoñarme de nada. Ese camiño fíxeno con todos vós, os amigos que hoxe me acompañades, e de novo reitero as miñas grazas a todos e todas: por estar aí, por darme folgos, por quererme, en suma, querenza que procurarei devolvervos sempre na medida das miñas posibilidades.

28 may 2008


Onte, hoxe, mañá (DESPEDIDA 2º BACHARELATO, 26 maio 2008).
Deixo aquí (está íntegro en Comentarios) o meu discurso do luns no IES A Carballeira, en nome dos profesores do centro. De seguido, algunhas frases soltas para convidarvos á súa lectura.
Falo dunha Galicia moi diferente desta, cando non había televisión nin internet nin xogos de consola. Eu aínda acordo a chegada das televisións ás cidades, na miña infancia, e dos primeiros baños de aseo nas casas das aldeas. Pois antes non os había. O primeiro edificio con calefacción na nosa cidade foi o Hotel Miño, na rúa do Paseo, e inaugurouse con todo o esplendor, no ano 1936. (...)
A barbarie quixo evitalo nin máis nin menos que cunha guerra civil: lograron parar o reloxo da historia uns corenta anos, pero nada máis. Os ideais e ilusións de outrora renaceron nas xeracións que aboiaban ó mundo nos anos 60 e 70: as que puxeron as bases da Galicia que hoxe vivimos. (...)
Porque esas son as nosas raíces. Porque somos fillos desas xentes e deses tempos. Deses nosos avós que marcharon a América, ou logo a Europa, cunha maleta mal atada e as catro regras: Galicia non pode ser ingrata coa realidade inmigrante de hoxe, sería un sacrilexio. Os nosos avós son tamén os marroquís, romaneses e colombianos que chegan agora ás nosas aulas. Que teñen dereito a un mellor destino integrados nesta Galicia aberta a todos/as. (...)
Non é o mesmo a Divina Comedia de Dante que o Chickiliquatre. Non é o mesmo Umberto Eco que María Patiño. Non é o mesmo o xornalismo que o habitual espectáculo de mentiras, desinformación e manipulación que padecemos a cotío. Non perdamos o norte. Lin de moi novo e releo moitas veces a Divina Comedia e sei que aínda nos meus últimos días encontrarei algo valioso en libros como ese; en cambio, dentro duns meses e por sorte, digo eu, xa non lembraremos quen representou a España no 2008 en Eurovisión. Chámase a isto xerarquía cultural. E é necesaria para situarnos no mundo. (...)
E houbo persoas que se ergueron e convocaron á loita contra a escravitude, contra a discriminación racial ou contra a explotación das mulleres. Todos eles, e elas, foron adiantados ó seu tempo: o primeiro que tiveron que facer foi convencer ós seus contemporáneos que unha sociedade de escravos non era o máis xusto, que a discriminación dos negros non era a vontade de Deus ou que as mulleres eran algo máis que bestas de carga e seres sen dereitos. Non lles foi doado, seguro, porque sempre é máis fácil deixarse levar polo pensamento dominante. (...)
Lembrade a Goya, o xenial pintor, cando realiza, xa no remate da súa vida, un fermoso debuxiño dun vello de longas barbas brancas camiñando, apoiado en dous caxatos. O debuxo leva un pequeno texto debaixo que é toda unha filosofía da vida: “Aún aprendo”. Con ese optimismo, con esa esperanza, con ese entusiasmo, calquera reto que vós decidades afrontar nos novos capítulos da vosa novela vital pode ter éxito. Que teñades tamén toda a sorte necesaria para facer esa viaxe salvando todas as treboadas ata a ben amada Ítaca.

8 jun 2007

A lingua de todos (na estación de ferrocarril de Ourense)
O mes pasado convidáronme a facer un breve discurso para a saída do Tren da Lingua da estación de Ourense, en actividade que organiza, como sabedes, Caixanova (xa fun tamén o ano pasado). Preparei unhas notas a man pensando que ían ser lidas diante de nenos de primaria, de menos de doce anos. Chegado alí, nesa xornada que os nenos están tan contentos porque van de festa (con pallasos e todo iso), senteime no chan, á altura dos seus ollos, e conteilles o que vai aquí embaixo (o texto completo remata en comentarios).

Hai moitos anos, antes que os vosos avós e que os vosos bisavós e quizais antes que os vosos tataravós, celebrábase aquí en Ourense unha gran festa, á que asistían todas as autoridades da época para celebrar un dos grandes acontecementos daquela época: a chegada do ferrocarril a Ourense. Foi no ano 1881 e chegaba aquí, ó barrio de Ponte-Canedo, a primeira máquina locomotora que viña dende Vigo. Fixéronlle unha gran festa e alí leu Curros o seu famoso poema:
Velaí ven, velaí ven avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudaina, rapaces e vellos!

E sabedes por qué os ourensáns facían unha gran festa. Porque pensaban que a chegada do ferrocarril era a chegada do progreso e que dende entón a súa sorte ía cambiar. E que melloraría o comercio, a economía e as súas condicións de vida. Hoxe vós ides coller o camiño de ferro, quizais algúns por primeira vez, e para vós este encontro vai ser tamén unha festa. Debedes estar tan contentos/as como os ourensáns que se xuntaron arredor da locomotora hai máis de 120 anos. Vós estades aquí tamén para celebrar a vosa festa que, felizmente, acolle dúas ideas: o ferrocarril e a nosa lingua. Porque ides coller o Tren da Lingua e iso é unha forma de recoñecer a importancia do noso idioma e o moito que debemos traballar para afortalar o seu recoñecemento e facer del unha lingua normal, útil para todos os usos sociais. E iso vai depender sobre todo de vós: se dentro de 30 ou 40 anos o galego é unha lingua normalizada, ben instalada na sociedade, será co esforzo e co entusiasmo dos milleiros de nenos/as galegos que estes días collen o Tren da Lingua en diferentes localidades do país. Fixaivos cal é a vosa responsabilidade e a vosa importancia: seredes vós os queides decidir cómo será a Galicia do futuro. (...) (...)

30 may 2007

O DIVINO ROTEIRO
(Feira do Libro de Ourense, 30 maio 2007. En rigorosa exclusiva, ofrézolles o inicio do meu Pregón de hoxe na Feira do Libro, dividido en sete partes. O conxunto do discurso está completo abaixo, en comentarios).

Chaman á porta. Érgome para abrir, aínda medio adurmiñado, porque hoxe non durmín demasiado ben. Deiteime onte pensando que tiña que dar o pregón da Feira do Libro en Ourense e aínda non sei moi ben como enfocalo. Pero, ben, abro a porta e encóntrome cunha faciana coñecida: un home baixiño, de ollos moi firmes e nariz prominente, que bocexa un lixeiro sorriso:
- Ola, Marcos, non te preocupes. Vístete rápido que temos cousas que facer Ourense adiante. (Co mesmo aspecto que gastaba hai cinco anos, quizais un chisquiño máis delgado, teño diante miña a Carlos Casares).
Un pouco bastante apampado, arránxome ordenando as ideas, e baixo con Carlos Casares ata a rúa.
- Imos ata o Liceo, que alí empezaremos O Divino Roteiro. Se Dante tivo o seu Virxilio e Curros o seu Añón, ti non vas ser menos. Eu vouche facer de guieiro polos escenarios dos nosos egrexios nas letras, eles tamén queren saber de vós, dos que seguides no mundo dos vivos, e agora terás ocasión de recoñecelos, supoño que che gustará.
- Si, por suposto. Respondín abraiado, non sabía moi ben qué era o que sucedía, pero si sabía que indo con Carlos nada malo me podía suceder.

Aparcamos baixo da Alameda e en dous minutos estabamos entrando no Liceo, movendo as portas xiratorias que dan achego ó patio de columnas. Había moita xente tomando café e charlando animosamente.
- Xa ves que o Liceo tamén está moi concurrido na nosa dimensión, dixo Carlos. E logo como non ía haber un Liceo no noso Parnaso? Mira, fíxate naquel daquel recuncho, coas súas coidadas barbas e lentes de escritor romántico. Agora xa fixo as paces co Bispo Cesáreo, que ten praza aquí á beira, pero non perdeu o seu carácter enérxico e teimudo: agora non fai máis que compoñer versos contra Bush e a guerra de Iraq. Debeulle quedar unha certa teima contra os ianquis dos seus anos da guerra de Cuba, xa sabes, nunca porfiou neles, lembra os seus versos do poema “En corso”: Un cargamento de yankees,/ valvos...¡unha inmortalidá!.
Senta con el o vello poeta cego, son bos amigos agora Curros e Lamas Carvajal, esquecidas as liortas do pasado, e o Valentín está a gozar da “vida”, perdón pola palabra tan impropia, pero aquí non hai cegos e o Valentín aproveita para gozar daquilo que no seu tempo lle negou a natureza. Ponse moi contento cando vos acordades del e veu hai uns días ver a placa que lle puxestes na casa que foi redacción de O Tío Marcos d´a Portela.
- Ben merecida, dende logo, engadín eu. Temos a Lamas Carvajal polo pai do xornalismo en galego.
- Así foi e así é. Tanto que agora anda enleado coas novas tecnoloxías e ten un blog propio no outro mundo, porque, si, tamén hai unha Rede de redes na nosa dimensión e imaxínate a riqueza dos debates: podes discutir con xentes de todos os tempos e falar cun Afonso X ou cun Paio Gomes Charinho. É unha virtualidade ben enriquecedora, sen dúbida. E Lamas é o máis constante, nunca deixa o seu portátil e está empeñado en deixar constancia de todo o que ocorre no mundo dos mortos: o noso gran cronista oficial do Trasmundo, sen dúbida.
- Mira o grupo agrándase, seguro que os coñeces de vista a case todos, engadiu Carlos. E fixeime que se achegaban a aquela mesa Arturo Vázquez Núñez, Alberto García Fereiro, Castor Elices, José García Mosquera, Juan A.Saco y Arce, Benito Fernández Alonso e moitos outros, os homes de El Trabajo e de El Miño, dos faladoiros de finais do século XIX e de tantas aventuras culturais.
Almorzamos no Liceo, Carlos pediu algúns pasteis (sempre tan goloso) e vin como se emocionaba arredor dos espazos que el enriqueceu tantas veces coa súa palabra. Buscaba os vellos amigos das tertulias e sorría ó encontralos sen que lle puidesen saudar nin dirixir a palabra. Subimos un momentiño ó segundo piso, porque eu lle quería ensinar algunhas coleccións de vellos xornais encadernados e alí encontramos unha nova tertulia na que compartían inquedanzas Heraclio Pérez Placer, Marcelo Macías e Francisco Álvarez de Nóvoa. Falaban das cousas do seu tempo, das que daba conta La Ilustración Gallega y Asturiana, co mesmo entusiasmo que cando vivos ou máis: debatían sobre a infalibilidade do Papa ou sobre as virtudes do anunciado ferrocarril, cando chegase por fin a estas perdidas terras galegas.
Antes de marchar do Liceo, o autor de Ilustrísima fíxome un novo aceno: aló no fondo, arrimado á barra da cafetería, pousaba un home de vestimenta un pouco estrafalaria.
- É el, de verdade? Preguntei.
- Si, e fixémonos moi amigos, xa podes imaxinar que foi polo primeiro que preguntei ó chegar aló. E quedou encantado porque eu sabía máis cousa del que ninguén, de feito moitas xa as esquecera: velaí o mesmo Xoán da Cova, cos seus inventos, embustes e disparates, que ademais segue igual de simpático que noutrora: perfeccionou o seu trampitán e quere reclamar o seu ensino como segunda lingua oficial naqueles lares. Cando saia do Liceo hache de ir tomar unha copa ó Trampitán, á Praza Maior, que boa gracia lle fai ter unha taberna co nome da súa lingua; para el é como unha vinganza contra tantas burlas que recibiu de vivo. Venceu, finalmente, máis de cen anos do seu paso polo mundo.

(... segue en comentarios)

25 may 2007

COMPRENDERÁS QUÉ SIGNIFICAN AS ITACAS...
(Discurso no IES A Carballeira, 25 maio)

Nos catro ou cinco últimos anos facemos no meu Instituto a tradicional ceremonia de despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. Na mesma hai espazo para discursos dos alumnos/as, do director e dos profesores que lles imparten clase: ata agora tocoume a min sempre e aceptei gustoso. Transcribo agora aquí o que onte mesmo dei lectura e que agradou bastante ós meus compañeiros: quizais non sexa o discurso convencional para a ocasión, tomeime o encargo con bastante liberdade. Como é longo, vai en portada só o inicio: se lles gusta, o resto está accesible nos comentarios.

Onte pola tarde estiven a ver, nese aparato tan marabilloso como prostituído que chamamos televisión, un documental sobre a natureza nos tempos da conquista do Oeste. Nunha das súas primeiras imaxes contemplamos un xigantesco bisonte americano, tombado no chan, a bafexar con toda a súa forza como se estivese asistindo a un dos momentos cruciais do seu existir. E así era, pero non era a súa agonía, senón o nacemento da vida: aos poucos segundos viamos caer daquela tonelada de músculos e peles unha bolsa chea de sangue da que, case de inmediato, saía unha forma viscosa pero recoñecible que, ao pouco, tentaba xa poñerse de pé e empezar a súa andaina polas grandes chairas norteamericanas. Así se inicia a vida, de certo, e non é moi diferente o xeito de nacer de calquera dos bichos que nos movemos por riba do planeta, máis ou menos racionais...
Aínda que, cómpre matizar. Un bisontiño, unha cría dun cervo, un bebé león pode xa, en canto ve alborexar a inmensa luz do sol, poñerse de pé e gozar de certa autonomía por si mesmo. Moitas especies en poucas semanas abandonan mesmo o ubre da nai e dedícanse de inmediato á loita na eterna, cíclica, constante, conquista pola vida. Os seres humanos do noso tempo nacemos rodeados de lámpadas, batas brancas, tecnoloxía avanzada, aparatos de medición de todo tipo: nada debe fallar. Pero facémolo así, porque somos inmensamente febles, sen dúbida, cando nacemos, máis inseguros, máis incertos, máis vulnerables, que a maioría dos nosos compañeiros do mundo animal. E iso tamén debe querer dicir algo: iniciamos unha viaxe, pero non será en solitario. Será unha viaxe acompañada desde os comezos, na que sempre teremos alguén sobre quen reclamar un apoio, un brazo solidario, unha palabra de alento. Vivir, para a especie humana, é inevitablemente un Convivir. Non pagaría a pena se así non fose: ao “último home vivo”, así se titulaba unha vella película de ciencia-ficción apocalíptica, só lle quedaría suicidarse para burlar a anguria do sensentido.

Nacemos, pois, non por propia vontade, pero si cun roteiro camiñado antes por outros, se queredes cun certo destino se a palabra non vos parece moi pretensiosa. O psiquiatra Víctor Frankl, que coñeceu os infernos de Auschwitz e Dachau, dicía que, como no xadrez, na vida non existe a xogada perfecta: “non deberíamos buscar un sentido abstracto á vida, pois cada un ten nela a súa propia misión que cumprir; cada un debe levar a cabo un cometido concreto. Xa que logo nin pode ser reemprazado na súa función, nin a súa vida pode repetirse; a súa tarefa é única como única é a súa oportunidade para instrumentala”. Debería, pois, defenderse unha auténtica biodiversidade (ese concepto que de seguro ben vos explicou Emilia Otero) a favor das persoas; como dicía o gran Antonio Machado, por boca de Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén, porque, por moito que valla un home (ou unha muller, podemos engadir), nunca terá valor máis alto que ser un home”, isto é, un ser único, irrepetible, dotado da vontade para facer o máis marabilloso ou o máis execrable. Por iso é tan importante saber cara onde imos: “quen ten algo por qué vivir é capaz de soportar calquera cómo”, de novo en palabras de Víctor Frankl.
(Segue... ... )