25 feb 2009
Follas de limoeiro fritidas
POR ANXO TARRÍO VARELA, galicia hoxe 25-2-09
Adoitaba dicir Carlos Casares que para ter certo éxito ou suceso nisto de escribir columnas de xornalismo literario, á parte, naturalmente, de se manexar estilisticamente con algunha frescura e habelencia, cómpre non tocar nunca estes temas: política, relixión e sexo. A actualidade, no entanto, ponnos aos columnistas moi difícil driblar, quero dicir, canear por entre eses asuntos sen tocalos un chisco. Porque, imos ver, estamos no vórtice da campaña electoral e o cronista non pode pasar asubiando e mirar para outro lado, cando o certo é que a feira dos votos o tenta a cada intre a se pronunciar contra todo ese mercadeo onde do que menos se fala é das necesidades da cidadanía e moito das miserias dos políticos e das políticas, que deixan o campo de xogo cheo de detritos e inservíbel para o estabelecemento dun terreo de diálogo intelixente, dunha ágora civilizada, produtiva, creativa e lista para o progreso.
O da relixión tamén é asunto difícil de esquivar, pois entre outras intromisións das relixións na vida civil e laica, que tanto recordan o nacional-catolicismo dos corenta anos de marras, aparécennos agora os autobuses ateos e deístas disparándose anatemas e dogmas entre eles, cando o agnóstico cronista ten que se situar equidistante para poder manter unha certa coherencia, malia sospeitar que este negocio do universo pode estar rexido por un equipo de investigación ben cualificado e autofinanciado, quérese dicir sen subvencións de I+D+i nin pendente de índices de impacto, ao que decote se lle escapa o control das esferas parar amolarnos aos terráqueos e vai ti saber a cantos trillóns de seres intelixentes que andarán rolando a cen mil mi- llóns de anos luz procurando unha explicación a tanto misterio.
O do sexo sería quizais, a estas alturas, o máis doado de evitar, pero, claro, con Penélope Cruz a gañar un Oscar, algún pensamento se desvía sempre, quéirase ou non, e o cronista ten que disimular indiferenza diante da parroquia.
Polo tanto, o mellor, xa que estamos en pleno entroido, será falar de algo que, cando estaba a pensar na escritura desta columna, veu tocar o meu padal como unha epifanía. Trátase dunha fritura de sobremesa da que decote oín falar na contorna familiar pero que non recordo tela probado nunca até agora. Son as follas de limoeiro fritidas (case lle copio o título a Jon Avnet), consistentes nunha masa ou amoado semellante en todo ao das filloas ou das "flores" (que tamén teñen o seu aquel), co que se impregnan as follas de limoeiro para as meter a fritir en aceite ben quente. O resultado é excelente, e para este cronista, que non é nada lambón, foi todo un descubrimento, até o punto de que coloca esta arte de sobremesa no primeiro posto dos gustos de entroido, só por detrás do cocido e das filloas. Leo na arañeira que é un "postre típico murciano". Seica se chaman por alí paparajotes. Se as fan vostedes, que lles aproveiten! pero non lles coman as follas do limoeiro, só a fritura. De nada

Lembro ben a Carlos Casares pronunciando en Auria, nun acto de inauguración de curso da Universidade de Vigo, a conferencia Hemingway en Galicia. Era un dos seus escritores favoritos e un dos temas do que lle encantaba falar. De feito, repetiu esa charla en varios lugares de Galicia e foi ampliando datos ata publicar un libro ben gorentoso con esta temática na Editorial Galaxia. Agora ese libro é reeditado na colección Miradas Alleas, da Xunta de Galicia, cun texto complementario de Carlos G. Reigosa.
23 dic 2008

Marcos Valcárcel, A NOSA TERRA decembro 2008
O escritor catalán Joan Perucho era como da familia. ¿De que familia? Refírome a unha gran familia literaria, a dos autores de literatura fantástica ou marabillosa nas diferentes linguas peninsulares. Isto é, sen dúbida, a familia de Álvaro Cunqueiro, co “Merlín e familia” á cabeza, pero tamén de Pere Calders, de quen Xerais traduciu, en 1985 e da man de Xavier Rodríguez Baixeras, as súas deliciosas “Crónicas da verdade oculta”. Unha longa familia que nas literaturas europeas enseñora Italo Calvino e na que poderían formar autores galegos como o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou o Xosé Miranda de “As mans do medo”. Tamén, a longa descendencia literaria de Borges e Cortázar e de todos os que cren, con Hölderlin, que o home é un deus cando soña e un mendigo cando pensa. A mesma familia de Marcovaldo e do Barón Rampante, do cabaleiro Kosmas e da dama Exeria, do xudeo Xacobe, do alquimista Caaveiro e das sereas do señor literario de Mondoñedo. Perucho foi tamén amigo de Casares, creo que estiveron xuntos de viaxe en Rusia e o catalán dedicoulle un fermoso artigo elexíaco cando a morte do escritor ourensán.
Os especialistas consideran que a literatura fantástica en España ten un momento fascinante en 1957, ano auroral en que saen “Las crónicas de Sochantre” de Cunqueiro e o “Libro de caballerías” de Perucho. Ambos autores entenderon a literatura como gozo e paixón pola vida, por unha vida capaz de superar as marxes estreitas e anodinas da realidade. E ámbolos dous tamén chantaron as súas raíces no amor apaixonado ós libros: de Perucho, que xa non podía ler nos seus últimos tempos, contan os seus amigos que seguía a mercar libros só para poder acaricialos e ulilos.
Creadores de vidas apócrifas, de mitos e mundos surreais (“o fermoso das cousas é que sexan inexplicables”, dicía Perucho) é un gracioso paradoxo que o escritor catalán, falecido en outubro do 2003, fose xuíz na súa vida oficial: nin sequera un emprego tan a ras de chan lle impediu voar ata os horizontes infinitos da mellor literatura.
30 jul 2008
Dende hai unha semana o xornal La Región, de Ourense, está a publicar algúns dos microrrelatos presentados neste 2008 ó concurso Carlos Casares do Liceo de Ourense. Publícanse cuns interesantes debuxos de Xoán Baltar (fillo de XLG, O Carrabouxo).
Por suposto, pedímoslle permiso previamente a todos os escolmados e algúns preferiron manter o carácter inédito do seu relato e non publicalo. Eu mesmo fixen a escolma dos que sairán en LR.
Como mostra, deixo aquí, en COMENTARIOS, algúns exemplos dos xa publicados. Estes:
VUELA LIBRE, por LIDIA GREGORIO SELAS, de VIGO (accésit)
EL OTRO, por GUILLERMO MASCARÓ LLINÁS, de PALMA DE MALLORCA
ADEUS, BOLBORETA!, por RAFAEL LASO LORENZO, de VIGO
Novo ensaio sobre a cegueira, por JORGE EMILIO BÓVEDA ÁLVAREZ, de OURENSE
Histórica cuántica de Röos, de Mariña Pérez Rei. por MARIÑA PÉREZ REI, de SANTIAGO
22 may 2008
18 may 2008
Cen anos de historia cultural2002: Casares, Freixanes, Ferreiro
(Pola esquerda, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Rosa Aneiros)
Foi un ano fecundo nas letras. Na narrativa, empezo por Xosé Fernández Ferreiro coas novelas Millo verde (Xerais), pesadelo da tortura interior dun profesor acusado de violar a unha alumna, e O último paraíso (Espiral Maior), novela curta e descrición dunha utopía que serve de réplica a O minotauro. O premio Xerais de novela era para Concubinas, historia de amor e soidades, de Inma López Silva. Xerais publicaba As chamadas perdidas, 24 relatos realistas, de Manuel Rivas; Longa Lingua, libro colectivo de relatos coordinado pola Mesa de Normalización Lingüística; Sentinela, alerta!, dez contos de temática social e antifranquista, de María Xosé Queizán; Ganga, de Antón Lopo, procura da identidade e a salvación dende as experiencias psicotrópicas; O ladrón de esperma, de Xavier Queipo, prosas experimentais premiadas no Café Dublín da Coruña; Santos e defuntos, relatos cheos de humor e ironía de Gonzalo Navaza; Escáner, de R. Caride; Un baile de moscas, de Kiko Neves; e O baile da mariolas, de Rosa Vidal.
A pita está orientada xusto cara a casa de Vilariño e unha á, seica mira directamente ao cemiterio de Nigrán, onde Cristina, en privado, levou as flo
A banda de música déulle o toque popular.
Primeiro as lecturas de textos de Casares, logo Cristina leu un poema de Alvarez Blazquez... Logo actuou a banda de Vincios, logo Cristina descorreu a placa do paseo qeu vai ao río desde o Concello de Gondomar. No fondo do paseo, a escultura da pita. Os nenos protagonistas –enredando polo medio- e no discurso de Cristina a eles dirixidos. Que lean. Despois todos a ver a pita. Logo as palabras do alcalde, logo saque de plásticos dos ovos e da pita e, finalmente, o himno gallego (por sorte só a priemira parte). Logo bocadillo de Xamón na Cañiza.
16 may 2008
Amigos e amigas do Instituto de Estudos Miñoranos.
DIA DAS LETRAS GALEGAS 2008 GONDOMAR.
Actos do sábado 17 Maio. Na Praza do Concello
* 19:00 > Lectura pública de textos de Xosé María Álvarez Blázquez
* 19:30 > Concerto da Banda de Música de Vincios
* 20:00 > Inauguración da escultura A Galiña azul e o Paseo Carlos Casares. A escultura da Galiña Azul é obra do noso compañeiro Alfonso SoliñoTroncoso e será inaugurada ese día coa presenza da familia de Carlos Casares e da Fundación.
2 may 2008

A familia do escritor recupera algúns filmes en Súper 8 que él mesmo guionizaba e montaba (ALFONSO PATO en El País-Luzes 2.5.08)
8 abr 2008

Seica este ano despiden esta xeira de homenaxes e acordaron celebrar unha lembranza dos artistiñas do bar Tucho, rebautizado como Volter por Vicente Risco, ese núcleo admirable formado por pintores e escultores como Xosé Luís de Dios, Acisclo Manzano, Xaime Quessada, Manuel García Buciños, Xavier Pousa, Arturo Baltar e Virxilio. Entre as múltiples actividades programadas está previsto un Roteiro polo casco vello, conducido por Ánxeles Cuña, con 12 lugares vinculados ós artistiñas onde haberá diversos tipos de accións musicais, poéticas e teatrais. O Volter, desaparecido nos 70 pola desidia ourensá, insírese na tradición dos faladoiros da cidade nos anos 50 e 60 e reflicte, unha vez máis, o papel de maxisterio de Risco en tantas tarefas intelectuais: o creador de “O porco de pé” xa en 1960 facía crítica artística sobre a considerada primeira exposición de arte abstracta na cidade e de seguro abriu moitas mentes ás novas ideas: Carlos Casares, asiduo a outras das súas tertulias, teno contado moitas veces. Discípulo daquela xeira foi tamén o xa falecido Xaime Quessada quen definiu nunha ocasión a Risco como “O Gran Bruxo Hiperbóreo”, subliñando a súa admiración sincera pola súa figura, símbolo, na creación artística, de antidogmatismo e modernidade intelectual. (Máis fotos en Ourensanía)
7 ene 2008

29 dic 2007
Fototeca: Casares e CondeOutra foto de hai uns cantos anos, arredor de 1982 (enviada por Monxardín). En Trasalba, na festa dos Premios, pero aínda sen carpas. Carlos Casares, a súa dona Cristina e Alfredo Conde en primeiro plano. En fronte debe estar Sixto Seco. O que toca as maracas podería ser, ten un aire, o Segade, profesor da Facultade de Dereito, pero quizais só sexa un paisano que se lle parece.
Actualización (30 dec.): como confirma nunha mensaxe X.L. Carrión, o paisano das maracas non é Segade, senón o señor Juan, que formaba parte da charanga do Cuco de Velle. Engadimos unha carátula deste grupo festivo musical: o señor Juan está no centro do grupo, por baixo do Cuco de Velle, alma mater do grupo.

27 dic 2007

A outra foto mandouma un amigo hai uns minutos: é Margaret Trudeau no baño. E, se hai que xustificar aquí a súa presenza, é porque se falou dela e da súa beleza estes días noutro post.
16 dic 2007
Este é o Roteiro Casares, tal como o propuxen no Simposio e como se desenvolveu onte. Queda sobre a mesa a súa posible oficialización (agardemos que o Concello sexa receptivo).
1. Liceo Recreo Ourensán
A súa segunda casa en Ourense. Encontros do Liceo. Os faladoiros e os amigos.
Espazo clave do Ourense do século XIX estudado por Casares: Curros Enríquez, Xoán da Coba. Estatua pendente de XDC, empeño persoal de CC que o concello rematou por non facer.
2. Antigo Pazo do Bispo (hoxe Museo Arqueolóxico)
Na Praza Maior.
Escenario posible de Ilustrísima.
3. Rúa da Paz / Lepanto / Praza do Ferro
Dende o Museo ata a moi achegada Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros). Casas de Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo. Biografías casarianas de Otero e Risco. Deus sentado nun sillón azul.
Moi perto, na rúa Lepanto, casa natal Eduardo Blanco Amor e en fronte, redacción O Tío Marcos d´a Portela, a quen Casares dedicou algún estudo.
Na Praza do Ferro, casa de Florentino Cuevillas, a quen CC admiraba como escritor e investigador.
4. A Revista Nós (antiga casa, hoxe só placa, na rúa de Santo Domingo)
Antiga redacción de Nós e despacho Vicente Risco, que coñeceu CC. Estudos sobre a revista Nós e a súa época.
5. Ubicación da casa natal
Antiga casa, xa derruída, á altura de Cardenal Quevedo, 10 (hoxe Mobles González). Primeiros anos. Casa grande, con oratorio incluído e horta por detrás (ata a actual Valle Inclán), segundo nos contou Javier Casares. Alí estivo os primeiros catro anos de vida.
6. Café Parque
Núcleo de faladoiros ó carón de Risco e grupos intelectuais de Ourense, tantas veces recreado nos seus artigos dos xornais.
7. Antiga sede da Libraría Tanco
Paseo fronte Goberno Militar. Libraría progresista e galeguista da posguerra (Carlos Vázquez). Lugar de traballo do poeta Antón Tovar: o modelo, triste, dun escritor para o primeiro Casares. Moi perto, fixemos mención á placa que marca o local da antiga Sala Auria, memoria sentimental da cidade (aínda que Carlos non era moi bailón, seica) e case enfronte a casa do escritor José Luís López Cid, con quen tamén tivo amizade.
8. Café Miño e La Región.
Núcleo de faladoiros ó carón de Risco e grupos intelectuais de Ourense. Vicente e Antón Risco, Xocas, Trabazo, Gimeno, Manuel Luís Acuña, etc.
Moi perto, máis abaixo, a antiga sede do xornal e libraría de La Región, onde empeza a publicar Casares xa nos anos 60. Tamén traballaron alí, como redactores, Fernández Ferreiro e Arturo Lezcano, e o que foi editor e o seu amigo, Luís Mariño.
9. Cardenal Quiroga (e regreso final ó Liceo)
Restaurante San Miguel (unha das súas entradas): núcleo de homenaxes ó propio Carlos Casares (organizada polo Clube Cultural Alexandre Bóveda) e doutros a figuras da cultura ourensá nas que el participou como os irmáns Quesada, o poeta e compositor Manuel de Dios e ó escultor Buciños.
Moi perto, na mesma rúa, o café restaurante La Mejicana: José Suárez e Antón Risco.
Tamén nesta rúa estivo o cine Mary: Xornadas de Cine das Nacionalidades e Rexións, nas que participou CC.
Outros espazos posibles. Seminario de Ourense. Os cines. Radio Ourense (rúa das Tendas). O derruído Volter do Tucho na praza do Eirociño (Risco e os artistiñas).
Nas fotos de Trebolle pódese recoñecer, entre outros, a Cristina Berg, Javier Casares, Xoán Fonseca, Ana Carballal, Xoán Fonseca, Iago Martínez, Miguel A. Murado (Fundación Casares) e Fernando Román.

Chea de intervencións de interese estivo a última xornada do Simposio Carlos Casares: o luns falarei dalgunhas delas. Inauguramos un roteiro dedicado ó escritor na súa cidade natal e centro de boa parte da súa obra de ficción e dos seus estudos. Rematou o encontro o poeta Luís González Tosar, que evocou as súas viaxes de amizade con Casares, sempre cheas de anécdotas asolagadas en humor. Relembrou cando visitaran en Coimbra ó poeta portugués Miguel Torga, que se ergueu da sesta para recibilos e foi moi amable con eles (aínda que non era ese o seu carácter habitual). O mesmo Miguel Torga veu noutra ocasión a un acto en Vigo e don Paco del Riego tentou convencelo de que escribise sobre Galicia: “escriba algo sobre esta terra tan fermosa, cunha paisaxe tan verde...”. Pero o xenial autor dos “Diarios” só acertou a dicir: “Si, é unha terra ben verde. Pero eu non son unha vaca”.
15 dic 2007

O galeguismo de Casares tivo outras fontes arredadas de Risco. Pero, ademais, o autor de Ilustrísima rendíalle culto á amizade, moi por riba desas diferenzas.
14 dic 2007

Contou a anécdota onte Xavier Carro no I Simposio sobre Carlos Casares e contou tamén o ambiente do faladoiro daqueles mozos que sempre estaban a falar de libros, ademais do seu compromiso político: fixos eran Casares e Carro, e Luís Mariño e Fernández Ferreiro (“Pepiño de Ramuín”). Ás veces andaban por alí tamén os artistas Xulio Maside e Ventura Cores e o profesor Benito Varela Jácome. Os do PCE facían faladoiro aparte, detrás deles.
Todo ese mundo está no substrato de “Xoguetes pra un tempo prohibido” e do mesmo fixo o profesor Carro, que tamén formou parte del, unha magnífica análise. E dos libros que lían: ademais dos sempre citados (Kafka, Proust, etc.), autores dende o Juan Goytisolo de “Señas de identidad” ata “La edad prohibida” de Torcuato Luca de Tena.
13 dic 2007
Estes días, co Simposio Carlos Casares e outras cousas, non creo que poida escribir moito. Só dicirvos, a todos/as, que na primeira sesión, de mañá, xa se contaron moitas cousas de interese. Sobre todo na intervención de Xavier Carro que conviviu con el na etapa que Casares retrata en "Xoguetes pra un tempo prohibido" e que mesmo lle pasou moitos dos libros que puideron influír nel naquel momento.
Tomei bastantes notas: en canto teña un pouco de tempo, seguro que esas notas acaban por aquí.
Por exemplo, só como avance: entre os libros que lían os mozos da NNG, ademais dos que se citan sempre (Joyce, Proust, Kafka, Faulkner, etc.), había outros que puideron deixar unha forte pegada no Casares dos "Xoguetes". Por exemplo, "Señas de identidad", de Juan Goytisolo (na primeira edición mexicana). E "Tiempo de silencio", de Martín Santos. E "Encerrados con un sólo juguete", de Juan Marsé. E mesmo un de Torcuato de Lena, "La edad prohibida": obsérvese que palabras como XOGUETES e PROHIBIDO estaban xa nesas referencias.

