Mostrando las entradas con la etiqueta Fotografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Fotografía. Mostrar todas las entradas

24 ene 2009


Un premio da infancia
Miren con que xeito sabía recoller un premio cando a miña máis tenra infancia. Debía ser un premio de debuxo, da delegación de Xuventudes, e o que fai entrega é Ricardo Martín Esperanza, Caíto, unha das caras do poder da época.

Fotos antigas.
PAN POR PAN sábado 24 xaneiro
Imaxe: o meu avó materno, Benxamín López Fernández, camareiro en Cuba.

Pasáronme unha pequena colección de fotos antigas da miña familia. Entre elas hai xoias como retratos dos meus avós maternos, Benxamín en Cuba e Carme en Buenos Aires, posando estilo Hollywood, e moitas da miña infancia. Vexo a foto dun curso de Bacharelato en Maristas e o cerebro ponse en marcha: non recordo todos os nomes, pero si moitos acenos, anécdotas, impresións. Outras fotos son dunha excursión colexial a Madrid, con Cesta y Puntos. Retratámonos no Zoo e no Santiago Bernabeu: os das imaxes, algúns hoxe profesionais coñecidos, son neniños ben peiteados, coas súas chaquetiñas de punto ben colocadas, cunha expresión tan cándida como a dos anxiños barrocos das nosas igrexas. Noutras estamos na praia, eu posando cos brazos en xarras. Que queda daquel cativo despois de catro décadas? Quizais unha mirada, quizais unha ilusión, quizais só unha luz no recordo.

7 ene 2009


Dedicada a Pepe Trebolle

Como non! A quen íamos dedicar esta fermosa imaxe dunha Baiona das lembranzas, enviada polo amigo XGT., senón a Pepe Trebolle e á súa dona?

19 abr 2008

Casos e cousas (de Auria)

Monxardín reflexiona sobre as fotografías e o seu abuso, en Sobredose fotográfica (La Región 19 abril).

Por outra banda, o concurso de "políticas guapas" que propuña Moncho Conde Corbal esoutro día na súa sección seica non gustou ás agraciadas. Hoxe respóndenlle en La Región tres delas (Marta Arribas, María Quintas e Laura Seara), bastante indignadas (non encontro na web de LR este artigo). MCC puido ser máis astuto e comezar ó revés: cos "políticos guapos homes". Así, logo quizais non lle acusasen de machismo.

"Casos e Cousas" era unha sección fixa do xornal O Tío Marcos d´a Portela. Como outras veces, a nosa cabeceira é unha homenaxe ó xornalismo galego.

24 mar 2008


O ESPLENDOR DUNHA CIDADE
La Región 24 marzo (Imaxe: casa de Fermín García, de Daniel Vázquez- Gulías, 1909)

Como era a cidade de Ourense hai cen anos? Fágome a pregunta, unha vez máis, revisando unha colección de fotos antigas. Era unha época en que non se facían moitas fotos, só as necesarias, para as postais turísticas ou para os grandes acontecementos. E para cousas sempre positivas, como a apertura do Hospital Modelo (hoxe no campus de As Lagoas), a construción da Ponte Nova que prolongaba a rúa Curros Enríquez e nos uniría co barrio da Ponte Maior (a nova ponte de ferro foi inaugurada en 1918), os novos edificios do ensanche moderno da cidade dende a Alameda ata o Parque de San Lázaro, obra dos arquitectos máis destacados do momento (Vázquez-Gulías, Conde Fidalgo, etc.). Houbo sucesos tráxicos naqueles anos, lembro de memoria, xa nos trinta, a obra dun edificio na entrada do barrio do Couto que se veu abaixo morrendo algún dos obreiros que alí traballaba. Pero diso non hai fotos. Tampouco hai fotos da brutal represión iniciada en 1936.
Bo gusto, elegancia. A Auria que camiña do século XIX ó XX estivo marcada polo bo gusto e o saber facer das súas xentes populares e autoridades. Pensen na estatuaria monumental do XIX, o Padre Feijóo, Concepción Arenal. Aí seguen, coa mesma dignidade do primeiro día. Cantas das estatuas colocadas na cidade nos últimos 30 anos resistirán o paso do tempo coa mesma prestancia?
Estou a falar dos tempos do Instituto do Posío, do primeiro alumeado eléctrico, da chegada do telégrafo, o teléfono, o automóbil, as conducións de auga corrente, o esplendor da prensa local. E pouco despois a Praza de Abastos, o Banco de España, a Delegación de Facenda, a Casa del Pueblo (desaparecida), o Instituto de Hixiene, o grupo escolar Curros Enríquez cos cartos dos americanos, etc. E da poderosa iniciativa privada, burguesa, que dende finais do XIX erguía edificios tan valiosos como o actual Simeón, a Deputación, a casa e comercio de Fermín García na Praza Maior (hoxe sala de exposicións de Caixanova), o antigo Hotel Miño no Paseo ou a Casa Junquera na Avenida de Pontevedra (hoxe sede de Caixanova).
Clasismo. Probablemente era unha cidade tamén cun marcado clasismo nas súas redes sociais. Basta ver as fotos. Polos xeitos de vestir distinguimos as categorías do corpo social: mozos operarios ou aprendices coas súas puchas, señoras e señores de sombreiros e tocados do señorío urbano, criadas e camareiros, mociños a vender os xornais, etc. Garavatas e “pajaritas” marcan un grao de distinción social: velaí os señores nas terrazas dos Cafés, na Avenida de Pontevedra por exemplo, no Unión, o Victoria, o Iberia, o Regio, na Bilbaína na rúa do Paseo, etc. O ordenador amplía as vellas imaxes e recoñecemos acenos e ademáns que marcan unha certa posición social. Tamén nolo contan as fontes literarias que retratan esa época: Otero Pedrayo cando narra os paseos do señorío e a fidalguía pola rúa da Paz ata o Espolón da Praza Maior, Blanco Amor cando describe o paseo central da Alameda reservado ó señorío. Un Ourense que xa se foi, pero deixou fortes pegadas.

29 ene 2008


Capa. Pan por Pan 29 xaneiro.

Escoito nun informativo que se descobren en México tres mil cincocentas fotos de Robert Capa, un dos máis grandes da fotografía mundial, que contou a nosa guerra civil dende a súa cámara. A realidade é así de caprichosa e arbitraria: especialistas que levan anos a estudar as fotos de Capa terán que reiniciar agora os seus estudos. Aínda andamos a esculcar cousas sobre a Gioconda (confírmase que era Lisa Gherardini, esposa de Francesco do Giocondo, mercador de Florencia) ou a estudar os aparellos científicos e tecnolóxicos que soñou e deseñou Leonardo: algúns ata poden chegar a funcionar. En cambio, a emoción dun poeta medieval ou dun artista renacentista segue tan viva como no momento en que naceu. Por exemplo, nestes versos de Pero Meogo: “Levou-s´a louçana, / levou-s´a velida;/ vai lavar cabelos/ na fontana fría,/ leda dos amores,/ dos amores leda”.

29 dic 2007















William Wegman.
Pan por Pan sábado 29 decembro. (Na foto superior, W.Wegman co seu can Fay Ray, nun retrato de Annie Leibovitz)

Onte colguei neste recuncho, falando dos animais e das súas emocións antes negadas, unha foto de William Wegman. Hoxe vai outra. Wegman é un fotógrafo norteamericano obsesionado cos cans, en concreto cos da raza weimaraners. En 1970 colleu un inexpresivo sabuxo que nacera no seu estudo e chamoulle Man Ray en honor ó gran fotógrafo do surrealismo. Logo veu o resto da familia: Fay Ray, Crooky, Chundo e a agarimosa e sexy Batty.

De todos eles fixo William Wegman múltiples fotos e tamén vídeos e ata performances: moitas desas mostras pódense encontrar na rede. Se un dos obxectivos de calquera artista é encontrar a súa propia voz, este fotógrafo atopouna con estes cans, disfrazados, envoltos en exóticas escenografías, humanizados sempre. Quen lles dera a moitos actores ter a expresividade dos canciños das imaxes de William Wegman !

25 dic 2007




As fotos de Carles Santos, censuradas en Lleida

Un novo caso de censura artística. De novo con temática relixiosa polo medio.

As fotos foron antes exhibidas, sen problemas, en Barcelona, Valencia e Berlín.

A decisión tomouna o concello de Lleida, gobernado por PSC e ERC, ó considerar que as imaxes "poderían ferir a sensibilidade dos cidadáns". O autor, que non participou na inauguración da mostra en protesta pola retirada obrigada de 5 fotos, alerta do arriscado que é "permitir que as autoridades decidan sobre qué debe e non debe ver a xente".

12 dic 2007

Fotos e espíritos.
Pan por Pan mércores 12 decembro. Foto enviada por Monxardín.

Falei o domingo aquí da fascinación que produce a morte: dos anuncios sensuais dunha funeraria italiana ou das campañas en Centroamérica con simulacros de mulleres asasinadas. Quizais sempre existiu esta fascinación. Velaí as fotos dos defuntos para lembrar a un ser querido, tan abundantes en Galicia mesmo con fotógrafos ambulantes que ían polos pobos. Ou as chamadas “spirit phtohraphy” nas que din que saen os nosos antepasados ó carón dos vivos. No blog dime un colega que no París de mediados do XIX a xente pagaba para visitar a morgue, onde se exhibían os cadáveres dos suicidas ou dos que sufrían morte violenta (contouno Dickens nun texto). Logo viñeron as fotografías forenses: o libro de Eugenia Parry, “Crime Album Stories!, dos arquivos policiais franceses de finais do XIX. E agora a serie C.S.I.: o mundo xira e xira. Cantas cousas volven!

12 nov 2007


A MALA SORTE DE GALICIA
La Región 12 novembro (Na foto, Otero Pedrayo, Carlos Maside e Cunqueiro)

Mala sorte. “Galicia ten mala sorte medioambiental” dicía esoutro día nunha entrevista Joaquín Araújo. E non se refería as condicións biolóxicas do país, un auténtico paraíso, como nos contou na súa conferencia: as súas rías, serras, fragas e illas. Referíase ó desmantelamento dese paraíso, ó urbanismo sen planificación, ós desastres ecolóxicos e a inoperancia de moitos políticos. Ante o desleixo de boa parte da poboación galega. Galicia perdeu nos 70 últimos anos un total de oitocentas mil familias que vivían no agro e do agro: con eles foise unha cultura milenaria que algúns alcumaron como atraso e miseria. Esa é unha das razóns, sen dúbida, dese desleixo: vivimos nun país desconcertado, sen referentes, que ignora as súas raíces, subsumido nunha realidade de ignorantes novos ricos.
25 anos. Vintecinco anos cumpren as viñetas de O Carrabouxo e vintecinco anos cumpre o Outono Fotográfico de Ourense. Noraboa a Xosé Lois e a Benito, dous dos esteos máis valiosos da vida cultural ourensá. Dúas mostras tamén do que se pode facer con intelixencia e boa vontade, sen precisar sequera de grandes infraestruturas. Nunha ocasión veu a Auria o responsable dunha das entidades culturais máis potentes de España, cunha Caixa por tras: cando coñeceu o labor do Outono Fotográfico, díxolle a Benito Losada: “Dende logo, debedes ter un gran equipo e bos orzamentos para facer todo isto”. Benito respondeulle cun sorriso, deixando que aquel home de acento catalán crese que detrás do Outono había unha gran infraestrutura que, na realidade, repousa case ó cen por cen no protagonista da anécdota.
40 anos. E corenta anos cumpriu a Auriense, fundada o 11 de novembro de 1967. Celebrouse cun sinxelo acto na Praza do Correxedor e coa participación de tres responsables de diferentes épocas: Nemesio Barxa, Xosé Lois González e Montse Gómez. Un acto sinxelo pero efectivo. Mágoa que non estivesen presentes moitos dos directivos da primeira época que viven en Ourense como Xosé Lino Vázquez Monxardín ou Carlos Guitián. Conta a Auriense cunha longa historia, aínda por estudar con detalle, na que houbo voces plurais. Entre as primeiras voces estiveron Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Blanco Amor. O acto rematou cunha ofrenda floral a don Ramón, na escultura de Buciños que preside a praza: eu poñería ós seus pés a bandeira galega, a que sempre respectou Otero, que envolveu o seu cadaleito, e non unha bandeira dun partido, creado nos últimos meses da vida do mestre.
Por fin. Ó Partido Popular parécelle cedo. Non había presa por eliminar os últimos nomes franquistas do rueiro,din. Pero, señores, levamos 30 anos de democracia! Teñen algún problemas cos nomes de Santa Eufemia, a Concordia e Ribeira de Canedo? Pois logo! Noraboa á maioría municipal do PSdG e do BNG na súa proposta, aprobada no último pleno. Tardía, pero chegou ó fin. Por recuperar o sentidiño.

9 nov 2007


VINTECINCO ANOS DESPOIS (1982-2007)
Texto meu que se inclúe no Catálogo do XXV Outono Fotográfico. A foto, titulada Salto, é de Raquel Castro. Nota: ademais do indicado no fío de comentarios, este catálogo pode consultarse íntegro, en PDF, en www.outonofotografico.com, nos apartados Textos e Catálogo.

Vinte anos non é nada, rezaba un tango famoso. Nada na historia da Humanidade e menos aínda, imperceptible, na historia da Vida. O mesmo cabe dicir para un período de 25 anos. Pero 25anos son moitos nunha sinxela vida humana e bastantes na vida dun país que chega á democracia, e tamén abondo importantes nun mundo que cambia a unha velocidade quizais demasiado acelerada. Hai vintecinco anos estabamos a saír aínda dun golpe militar esperpéntico, pero non por iso menos sobrecolledor (o terror colle a cotío forma do esperpento), e abríase unha etapa de cambios, coa chegada do PSOE ó poder, outubro de 1982, que naquel momento víase por moitos como unha fundada esperanza dunha democracia máis completa e consolidada. Galicia, pola súa banda, estaba aínda nos inicios da súa autonomía (tralas primeiras eleccións do outono de 1981, o referendo do Estatuto fora en decembro de 1980, con taxas abraiantes de abstención: “nunca vin pobo como o galego que dimite do seu destino”, seica dixera Cunqueiro) e o nacionalismo iniciaba, naquel outono de 1982, un longo proceso de adaptación, lento pero eficaz, ante a nova situación política (o papel de Esquerda Galega, creada dous anos antes, e a fundación naqueles días do novo Bloque Nacionalista Galego, con Xosé Manuel Beiras á fronte). Todos sabemos ben qué pasou desde aquela, que cambios se produciron e cales outros (na provincia ourensá) non quixeron chegar aínda.
Lembran vostedes os anos 80, que na memoria xa están a converterse en mitoloxía do pasado? Despois do “tejerazo” España estaba a consolidar o seu sistema democrático e gobernaba Felipe González e os socialistas. España firmaba a súa adhesión á CEE, integrándose definitivamente en Europa, mira ti, 20 anos despois votaríamos a Constitución Europea (nonnata aínda). Era elixido Ardanza como lehendakari, Carrillo expulsado do PCE e despenalizado o aborto (o divorcio xa era legal desde 1981). ETA negociaba en Arxel co goberno socialista e aparecía afogado o etarra Mikel Zabaltza, detido pola garda civil. No mundo, un tal Gorbachov chegaba ao máximo liderado na URSS (aínda existía) e impulsaba a “perestroika”: algúns que antes non quixeran saber, xa non podían negar certas calamidades do “socialismo real”, abríanse os arquivos do KGB. En Galicia consolidábase a autonomía e os 80, sobre todo na súa segunda parte, marcan o momento de máximo esplendor de Coalición Galega, mentres o BNG e o PSG-EG libraban unha encabuxada disputa pola hexemonía no campo da esquerda nacionalista. A crise do goberno Albor, dous anos despois, traería un goberno tripartito, o goberno Laxe, cos socialistas, Coalición Galega e o PNG: está por facer aínda un xuízo obxectivo dos seus resultados e das súas eivas. Xosé Luis Barreiro Rivas pagou daquela todos os pratos rotos. Estreábase en Madrid “Eu saúdote, María” de Godard e o escándalo era axitado polo integrismo católico: en Ourense non se puido exhibir naquela ocasión, tentouno o Cineclube Padre Feijóo pero presións moi poderosas o impediron.
(Segue... O texto completo en Comentarios)

3 jun 2007

Kim Phuc, o poder dunha foto.
Andoliña 5 xuño


Unha nena espida corre por unha estrada cos brazos abertos, algo caídos, chorando e berrando de desesperación. Ó seu arredor, corren outros nenos e nenas. Tras deles camiñan tranquilos un grupo de soldados: ó fondo a inmensa fumareda dos bombardeos. Esta foto marcounos a todos os que eramos nenos en 1972, cando foi tomada polo fotógrafo Nick Uth. Esta foto e máis aqueloutra na que un home, un xeneral survietnamita, apunta á cabeza a un soldado en plena rúa que logo caerá asasinado. Daquela guerra arredada que un neno non podía entender, queda Vietnam, ese nome, e estas dúas fotos, que simbolizan para nós a dor de centos de miles de persoas e un país arrasado por unha guerra imperialista, a mesma contra a que cantaron nos seus versos Uxío Novoneyra e Celso Emilio Ferreiro.
Hoxe aquela nena de nove anos, que se chama Kim Phuc e sobreviviu á catástrofe, percorre o mundo convertendo esa foto nunha icona contra a guerra e pola paz: diso fala o corpo queimado daquela cativa. Salvouse porque o napalm non lle queimou os pés e puido correr. A foto serve tamén para lembrarnos que hoxe segue habendo, mundo adiante, outros Vietnam e tamén moitos Kim Phuc.

18 mar 2007


Debe haber límites para a liberdade de expresión? Cales son estes? (Tema para debate)
O PP de Estremadura desenterrou, con claros fins electorais, unha polémica de hai anos (2003) a propósito duns catálogos editados por unha editorial da Consellería de Cultura da Junta de Extremadura con fotografías do estremeño J. A. Montoya.
Aquí teñen noticia da polémica; tamén poden coñecer as opinións ó respecto do fotógrafo, que di que non quixo ofender ós católicos de verdade; e mesmo a web do artista, onde están colgadas todas as súas fotos.
Hai uns meses discutimos neste foro sobre as polémicas caricaturas de Mahoma. Neste caso trátase dunhas imaxes que representan elementos típicos, manipulados, das iconas da Igrexa católica, consideradas blasfemas polo PP.
E o debate é o que enriba está anunciado: Debe haber límites na liberdade de expresión? Como e quen os fixa? Cal é o papel do artista ante a censura deste ou de calquera outro poder?