Mostrando entradas con la etiqueta Os ollos da Memoria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Os ollos da Memoria. Mostrar todas las entradas

2 abr 2008


Memoria Histórica.
Pan por Pan mércores 2 abril
O elefante pariu un rato. A Lei da Memoria Histórica, aprobada hai meses nas Cortes, esixe cambiar o nome dos edificios públicos que exalten a sublevación militar, a guerra civil e a represión da dictadura. Pero vese moi pouco interese na Xunta en poñela en práctica. A Consellería de Educación disimula cos once colexios en Galicia que manteñen nomenclaturas franquistas e remite o problema ós Consellos Escolares, cando as leis son de obrigado cumprimento, non? E a de Sanidade di que non se tocará o do Hospital Juan Canalejo, líder falanxista local, co peregrino argumento de que iso afectaría á súa merecida reputación internacional. A min non se me ocorre mellor forma de afortalar o prestixio do hospital coruñés que mudarlle esa indigna adherencia fascista e belicista. E logo na Alemaña hai hospitais que ostenten o nome de Adolfo Hitler, por exemplo?
Hospital Juan Canalejo, de Miguel A. Fernán-Vello (Galicia Hoxe, 3 abril)
Din os máximos responsábeis da Consellería de Sanidade que non teñen intención de cambiar a denominación ‘Juan Canalejo’ do hospital coruñés que loce tal nome e apelido. E alegan que o recoñecemento da comunidade científico-médica do complexo sanitario coruñés non aconsella un cambio de denominación que o desvincule do prestixio acadado en vinte anos. ¿Será que a comunidade científico-médica é incapaz de entender o cambio da denominación contra-natura dun hospital sen que perda este o seu prestixio? Informada e ben informada a comunidade científico-médica, ¿será esta incapaz de entender que un hospital abandone o seu nome franquista e falanxista para dignificar a súa identidade como centro público de saúde? ¿Cando o Hospital Francisco Franco de Madrid pasou a chamarse Gregorio Marañón, perdeu o seu prestixio? ¿E no caso da Ciudad Sanitaria Francisco Franco de Barcelona, que pasou a ser denominada Hospital Universitari Vall d’Hebron, produciuse algún conflito? Sen dúbida, a comunidade científico-médica é intelixente dabondo, formada por profesionais de alta cualificación técnica e en moitos casos tamén intelectual, e saberá discernir sobre o particular, mesmo celebrando democraticamente que un hospital deixe de levar o nome dun ‘terrorista’ –si, do grupo falanxista clandestino e armado coruñés Primera Línea, que levou a cabo os seus primeiros actos violentos no ano 1934. E se a sociedade científico-médica saberá entender perfectamente o cambio de nome, da mesma maneira o entenderá a sociedade civil. Non teña medo a conselleira de Sanidade socialista, María José Rubio, e cumpra coa Lei da Memoria Histórica, aprobada por Zapatero, que esixe cambiar o nome aos edificios públicos que supoñan "exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura". En Lugo o Hospital Hermanos Pedrosa (coñecidos falanxistas) xa se chama Xeral Calde e en Vigo o Almirante Vierna leva o nome de Xeral Cíes. É preciso unha catarse. Unha purificación. Contra a vergoña.l

19 jun 2007

Trinta anos despois (Igrexa e franquismo)
Andoliña 19 xuño

O proceso de transición democrática que se abriu coas eleccións do 15 de xuño do 1977, hai agora trinta anos, non foi unívoco: houbo freadas e mesmo retrocesos. Hainos aínda hoxe. Por exemplo: os lectores/as lembrarán que un sector da Igrexa, mesmo da xerarquía, tivo problemas serios co franquismo. Monseñor Añoveros, bispo de Bilbao, estivo a punto de ser expulsado con Arias Navarro por unha homilía na que falaba dos dereitos non recoñecidos do pobo vasco. E o cardeal Tarancón acabou nas pintadas da ultradereita ("Tarancón ó paredón") por dicir cousas como que El-Rei debía ser o rei de "todos" os españois. Esta Igrexa do 77, cando menos en parte, estaba xa moi lonxe dos bispos que saudaban brazo en alto ó carón de Franco cando o ditador entraba nas catedrais: as fotos están en internet.
Hoxe a Igrexa está recuando e non se recoñece naquela imaxe de hai 30 anos. Antonio Cañizares, unha das máximas voces da xerarquía eclesiástica, desfacíase onte, nun xornal de Madrid, en gabanzas do xornalismo antisistema (Jimenez Losantos), afirmaba que en España só hai rexións e mesmo falaba das "Vascongadas": eu podo adiviñar o ton despectivo desa expresión tan dos tempos do ausente.

3 feb 2007

Os ollos da memoria
Traballaron arreo por un Estatuto de Autonomía que logo non foi. O que quedou nos libros de historia como o Estatuto dos 16. Puxéronse a traballar o 10 de xaneiro de 1979 no Pazo de Raxoi. Permítome, se lles apetece xogar contra o alzheimer, formular algunhas preguntas para remover os pousos da memoria (poden pulsar enriba da foto e ampliala para distinguilos mellor).
Que forzas políticas estaban representadas naquela comisión negociadora?
Entre elas había un partido que poucos meses antes se definía como "maoísta", quen era o seu secretario, presente na foto? (Por certo, despois militou en Esquerda Galega).
E o secretario do Partido Galeguista daquela (este ausente da foto)?
Un dos representantes da UCD de Lugo, este na foto, foi considerado moitas veces como o que posuía o mellor galego oral, na expresión verbal, de toda a cámara, quen era?
Dous dos que posaban na foto xa morreron hai varios anos, un era daquela conselleiro de cultura e o outro representaba a UCD de Pontevedra, quen eran?
Entre os presentes está tamén un coñecido filósofo galeguista, que daquela representaba o PG. Lembra o seu nome?
E lembra quen era o seu líder político naquela hora, o de cada un de vostedes e ó que votaría despois, nas Autonómicas de 1981, se é que está presente na foto?