Mostrando entradas con la etiqueta Progreso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Progreso. Mostrar todas las entradas

6 jul 2008


Máquinas, de Bieito Iglesias (ECG 4.7.08)
Imaxe de Manet, "A estación do tren", 1872-1873.

No capítulo XV da Historia da beleza, Umberto Eco repasa a sucesión das máquinas belidas, desde os autómatos prodixiosos mencionados por Herón de Alexandría no século I endeica as máquinas célibes inventadas por Raymond Roussel nas súas Impresións de África por volta de 1910. Nun tranquelexante parágrafo, o escritor piamontés comenta o impacto producido polos camiños de ferro no dezanove: "Coa invención da máquina de vapor afírmase o entusiasmo estético polo maquinismo, mesmo por parte dos poetas. Como testemuña é suficiente o Himno a Satán de Giosuè Carducci, no que a locomotiva, monstro fermoso e terrible, se converte no símbolo do triunfo da razón fronte ao escurantismo do pasado". Por certo que o poema citado por Eco, publicado en 1863, empeza así: "Un belo e horrible monstro avanta: como os volcáns, os montes supera, devora as chairas...". Paréceme que Carducci ecoa en Curros Enríquez, nos versos que celebraban a chegada a Ourense da primeira locomotora: "Velaí vén, velaí vén avantando cómaros e corgas e vales e cerros".
Os comboios chegaron tarde á Galiza, por máis que os reclamase o pobo destas partes e aínda que os poetas glosasen o acontecemento. E non foi porque os indios incomodados co Cabalo de Ferro que chamoscaba os prados de Manitú sabotasen as obras arrincando as travesas, nin por causa dos asaltos do bandido Jesse James (...)

24 jun 2008


Prediccións.
Pan por Pan martes 24 xuño

Seica esoutro día, nunha tertulia, Carrillo falou dos horrores do século XX: dúas guerras mundiais, o nazismo, os totalitarismos, etc. Segundo me contan, mesmo se atreveu a entrar no campo dos futurólogos, pois anunciou o seu temor de que o século XXI no que vivimos sexa moito peor. Pode ser. Pero, no campo da política, facer de adiviño é un risco xigantesco: quen lembra, por exemplo, a Fukuyama e a súa tese sobre o fin da Historia?
Warren Wagar, historiador norteamericano, avanzou nun seu libro un holocausto nuclear para o 2044, que destruiría Norteamérica, Europa e o subcontinente indio, así como o 70 por cento da poboación do mundo. Oxalá se equivoque, claro: eu preferiría non velo. No canto XX da Divina Comedia, Dante mandou ós adiviños ó inferno: alí estarían co pescozo e cabeza retortos cara atrás, pola falsidade das súas visións. E Dante era un tipo moi listo.