
Home e máquina.
PAN POR PAN sábado 28 xuño (Imaxe de "Blade Runner")
A relación entre Home e máquina é unha pertinente metáfora do gran debate dos límites da ciencia: por iso foi tan útil na literatura, nas artes plásticas e no cine. En clave satírica xogou con esas claves o “Tempos Modernos” de Charles Chaplin: o traballo impersoal, repetitivo, anulador, etc. E coas 60 horas, ou máis, das últimas directivas europeas. En clave fantástica, Frankestein é o gran mito a este respecto, se ben ten egrexios precedentes, dende Prometeo ata Pinocho. A ciencia-ficción sachou a eito este territorio e deunos pezas magníficas, algunhas arredor do mundo dos robots ou mesmo dos replicantes. “Blade Runner” constituíuse en película de culto e mesmo mito romántico na miña xeración. E vimos máquinas que cobran vida: en “Christine”, un automóbil capaz de asasinar por vontade propia. Imaxe simpática dado o simbolismo deste elemento na nosa sociedade.





