
"ós galegos expropiáronnos cincocentos anos de desenvolvemento e memoria" (Ferro Ruibal)
Magnífica, como sempre, a intervención de Xesús Ferro Ruibal onte, na presentación dos novos libros de texto en galego da Academia Postal.
Pagaba a pena gravar o seu discurso de onte, breve, pero cheo de significados. Fixo unha fermosa parábola arredor da ruína do mosteiro de Xunqueira de Ambía e do traspaso das súas rendas a Valladolid, como símbolo da decadencia de Galicia e da súa entrega ó analfabetismo máis brutal. Pasou logo a destacar o papel normalizador (en castelán) dos Reis Católicos e outras autoridades. Leu algúns documentos de Nebrija e doutros autores nos que expuñan a imposibilidade de levar ó castelán (a nova gramática, por exemplo) a riqueza de léxico e de contidos da lingua latina, tal dicían daquela. "Os Reis Católicos eran normalizadores, coma nós. E nós temos que derrubar tamén eses prexuízos".
Fixo ademais outra fermosa parábola sobre o poder da Palabra a xeito de apéndice dun remate do Xénese aínda non escrito (este texto teno publicado, pero non sei onde, xa llo preguntarei).
E rematou coa interesante imaxe dun carballo que cortan e cae ó chan facendo moito, moito ruído. "Pero o resto do bosque segue a medrar en silencio e medran todos os outros carballos sen que nos deamos conta": era unha resposta ó que vostedes están pensando, os propagandistas antigalego de GB. A eles tamén se referiron, sempre sen citalos, outros participantes no acto como X.C. Sierra ou Marisol López (DXPL). Falaron tamén no mesmo acto, masivo en canto a asistencia, Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, e Francisco Nóvoa, director da Academia Postal.
Ó longo da presentación houbo varias intervencións musicais, tamén magníficas, do grupo Stradivarius.