17 dic 2006


1947: Parladoiro, de Otero Pedrayo
Cen anos de Historia Cultural

Unha das novas culturais do ano foi a aparición no xornal compostelán La Noche (nacido un ano antes) da popular sección Parladoiro, de Ramón Otero Pedrayo, polo que supón a recuperación regular do novelista ourensán como columnista en galego na posguerra: antes desa data só publicara algún artigo en galego de xeito esporádico (por exemplo, en Sonata Gallega de Pontevedra). Os artigos de Otero Pedrayo en La Noche están aínda pendentes de reedición en libro: Carlos Baliñas ten apuntado que tal recuperación estaba prevista para o tomo I das Obras Selectas de Galaxia, que nunca chegou a saír (publicáronse os tomos II e III cunha escolma de ensaios e a novela Os camiños da vida).
Tamén foi 1947 o ano dalgúns libros de interese. Sobre todo, Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, un poeta con obra destacada xa nos anos 30 (Señardá; Corazón ao vento), que marca con este novo título a reaparición da literatura en lingua galega na Galicia interior da posguerra. Libro de madureza, Cómaros verdes (Vilagarcía, Editorial Celta) recolle todos os rexistros líricos do autor, dende versos dun coidado clasicismo formal, ata outros de ritmos populares e hilozoístas, xunto con versos que dialogan co neotrobadorismo ou que fan da paisaxe e da natureza o centro de atención lírica. Pero tamén das Baladas, cantigas e donaires, que Celso Emilio Ferreiro publica en Céltiga (Pontevedra) ou de Terra liñar, de Ánxel Sevillano, con ilustracións de Laxeiro, o terceiro libro deste autor tras a súa estrea poética en 1935 e O amor, o mar, o vento e outros gozos, editado este en plena Guerra Civil (1938). Outros volumes desa hora foron Debezos, do poeta emigrado a Arxentina Avelino Díaz, que ese mesmo ano publica tamén o poemario en castelán Flor de retama; os versos do libro Soaces dun abade, do crego copleiro Mariano Piñeiro Groba (editado en Ponteareas); Nuevos estudos crítico-históricos sobre Galicia (Madrid, CSIC-I.Padre Sarmiento), do P. Atanasio López Ordóñez, e o álbum Pontevedra é boa vila, con debuxos do artista Agustín Portela Paz e textos de escritores galegos.
En París aparecía o xornal ‘Galiza’, Órgano do Bloque Repubricán Nazonal Galego, publicado polos exiliados en Francia, con moita información sobre a represión en Galicia, que contou con colaboradores como Castelao, Enrique Líster, Johán J. Pla, Ramiro López, César Alvajar, Antonio Núñez ou Ramón Cabanillas, ademais de reproducir textos de Curros.
E en Londres iniciábanse as emisións en galego do programa ‘Galicia desde Londres’, que coordinaban dende a Galicia interior Fernández del Riego e Alexandre Reimúndez: os textos daquel programa, que lanzou ás ondas a BBC londiniense entre 1947 e 1956, están recollidos nun libro preparado por Antonio Raúl de Toro Santos, con debuxos de Conde Corbal (Ed. Tambre, 1994). Tamén en Cuba empezaba outro programa radical conducido por galegos, ‘Páginas de España’, a cargo de Ángel Lázaro e Manuel Villares Vázquez. O profesor exiliado Manuel García Gerpe, que fora alcalde de Ordes de izquierda Republicana, publicaba o libro ‘Alambradas’, con portada de Luís Seoane, narrando a súa experiencia nos campos de concentración franceses.
Na Galicia interior a antiga Federación de Guerrilleiros de Galicia e León, conducida por socialistas, anarquistas e comunistas, transformábase en 1947 no Exército Guerilleiro de Galicia. Dende América vén a Galicia Rodolfo Prada, home de confianza de Castelao, para entrevistarse con Ramón Piñeiro e cos dirixentes do Partido Galeguista no interior e aclarar algúns malentendidos políticos entre ámbolos dous sectores do galeguismo.
(O artigo completo, aquí)

5 comentarios:

Anónimo dijo...

É posible que moitos saiban desta páxina. Pido, pois, disculpas, pero aquí pode atoparse a prensa galega como La Noche en formato dixital.
http://www.csbg.org/prensagalega/index.asp#
Un saúdo

Anónimo dijo...

Eu coido de moito mais interese pro publico a recompilación de artigos de Otero Pedrayo en ¨La Noche¨ ou na ¨Región¨ cas cartas a súa nai. Eu algunhas cousas non chas entendo!!!

Anónimo dijo...

De "La Noche" só lles chegou o presuposto para dixitalizar un ano. Deben de andar enterrando (perdón, gastando) os cartos no monte Gaiás.
Interesante a lectura de "EL Compostelano" (o precedente de "La Noche") os días anteriores ao 18 de xullo do 36. Nese día aparece a noticia dunha excursión dalgúns membros do Seminario de Estudos Galegos á Costa da Morte. A partir de entón, deixa de haber números atá o día 25, dedicado case integramente á festividade do Apóstolo, e que inclúe un artigo de Paulino Pedret Casado en defensa da catolicidade de Rosalía e de paso do idioma galego. Os números posteriores son de contido mái políticos, aínda que é normal atopar algún poema en galego.

Marcos Valcárcel López dijo...

De acordo con Roi Queimado: sería moito máis útil publicar os artigos de OTERO en La Noche e en La Región (os da Región moitos xa os temos recollidos, pero non vexo moito interese en sacalos, cando menos en Ourense e polo xornal).
Grazas tamén pola referencia de Arume: eu tiña entrado algunhas veces, pero o certo é que as páxinas de La Noche de 1946 vense bastante mal.

Anónimo dijo...

Don Paulino Pedret Casado, buena persona