12 sept 2006


Superpiñeiro (Pan por Pan martes 12 setembro)
Hai uns anos un coñecido escritor galego recomendáballe aos políticos e intelectuais galegos que viran máis o programa “Luar”. Algúns entendérono como unha “boutade”: os mesmos que din sempre Telegaita (non din, en cambio, telePantoja para outros contextos) e que os mesmos se toman a broma a personaxes mediáticos como Gayoso ou Xosé Manuel Piñeiro. A Piñeiro coñézoo dende neno e, aínda que non teñamos agora moito contacto, sígolle a pista. Estes días escoitei o seu programa matinal en Punto Radio e segue tendo ese carisma e ese xeito de conectar coas xentes que xa naceu con el. É un showman per se e ademais un bo rapaz, coas ideas moi claras sobre moitas cousas. Dende a atalaia do seu contacto diario cos seus fans, que o adoran, coñece moi ben este país. Quizais mellor que algúns que asinan ensaios inintelixibles...

11 sept 2006

Comportamento impresentable
Por Chuza entérome da nova que está a difundir a SER da Coruña sobre as estratexias do PP galego antes da crise dos incendios. Un comportamento impresentable, indigno dun partido democrático, que cambia totalmente a perspectiva desta crise. Contra quen ou contra qué se van manifestar o día 17? Velaí:
Novedades sobre los incendios forestales que les cuenta la SER
Marcos Sanluis11 Sep 2006 1:58 pm
Novedades sobre los incendios forestales que les cuenta la SER. La dirección provincial del PP estableció antes de la oleada de fuegos una estrategia para dilatar la firma de convenios con la Xunta para la contratación de las brigadas encargadas de la extinción de los fuegos. En un documento al que ha tenido acceso la SER, fechado el 22 de junio de este año, la dirección del PP reconoce que los convenios que propone la Consellería de Medio Rural no son sustancialmente diferentes a los de la Xunta anterior, pero aconseja una estrategia basada en la dilación, no en la negativa a firmarlos. Señala que no hay razones para no aceptar el convenio. Se trata, dice textualmente la circular del PP, de transmitir a la opinión pública que los ayuntamientos gobernados por el Partido Popular están dispuestos a colaborar en la lucha contra los incendios forestales, pero que la lentitud de la Xunta y las variaciones introducidas en los convenios alargan los procedimientos y provocan retrasos de más de dos meses en el funcionamiento de las cuadrillas. En un apartado que denomina Proposta de actuación, el documento detalla hasta cuatro recomendaciones para retrasar por vía administrativa la creación de las brigadas.
O alcalde de Ourense anuncia a súa retirada no próximo xaneiro

En conversa con varios xornalistas ourensáns, o alcalde da cidade, Manuel Cabezas, no goberno durante 12 anos, anunciou a súa retirada no próximo mes de xaneiro.
Sen dúbida, era unha decisión esperada despois dos sucesos dos últimos tempos. Á marxe do que se opine do seu mandato, o seu ciclo político estaba esgotado. Para o PP queda todo, pois, nas mans de "Poli Nóvoa", o futuro candidato e alcalde por poucos meses, que, contra o que cren algúns, non é mal candidato. Hai un tempo dábase por segura a perda desta alcaldía polo PP: hoxe eu xa non o teño tan claro. Que pensan vostedes?

10 sept 2006


Lamas Carvajal
O poeta e amigo Salvador García Bodaño escribe hoxe en El Correo Gallego sobre Lamas Carvajal e ademais cítanos (a Monxardín e a min mesmo) polos artigos publicados nestes días arredor do vello poeta cego. (Por certo, na web do xornal hai tamén un post estúpido dun tal Eduardito que nin sequera merece ser respostado. Ah!, salvando todas as distancias, Antonio Machado tamén foi profesor de Instituto. E Otero, e Casares, e Ferrín...).

ESTOU FARTO...
(Pan por Pan, La Región, domingo 10 setembro)
Estou farto dos badocos que ocupan as estradas da cidade conducindo os seus quads no medio dun barullo infernal.
Estou farto dos aprendices de psicópatas que perseguen ao máis débil, como eses menores de Burgos xogando á lapidación dunha compañeira.
Estou farto de energúmenos como o etarra Iñaqui Bilbao que coa súa chulería e linguaxe procaz non fan máis que lembrarnos o peor no que pode derivar un ser humano.
Estou farto dalgúns xornais de Madrid que cada día inventan unha falsa guerra lingüistica.
Estou farto do trato de favor que os programas do corazón dan a personaxes como Farruquito que pode bailar moi ben e ser moi guapo, pero como persoa non dá a talla.
Estou farto de que as industrias contaminantes sigan a usar como vertedoiros os nosos ríos (aínda que a Xunta reaccionou con eficacia neste caso, menos mal).

(Gustaríame saber tamén, amigos/as, dos vosos "Estou farto...". Por que non posteades 4-5 cada un?. Imaxe de Vladimir Clavijo, fotógrafo moscovita).

9 sept 2006


Jimmy Massey na guerra de Iraq
Andoliña 8 setembro
Jimmy Massey é un mozo de 34 anos, nacido en Carolina do Norte, que estivo doce anos nos marines do seu país. Agora fundou a organización Veteranos de Iraq contra a Guerra e escribiu un libro titulado Cowboys del Infierno (Edicións Apóstrofe). No mesmo narra a súa experiencia desta guerra desde unha perspectiva máis que crítica: estivo en Basora protexendo os xacementos de petróleo. El mesmo foi recrutador de marines e conta como o seu exército demonizaba o pobo iraquí convertendo cada cidadán nun terrorista en potencia, para logo xustificar todo tipo de abusos contra os civís: "Os iraquís eran presentados como seres desprezables, deixas de ter remorsos por matar esta xente, as mulleres e os nenos, e ademais tes carta branca para facelo", di Massey nunha entrevista publicada en La Vanguardia.
Os marines tiñan orde de disparar contra os coches se non paraban facéndolle un sinal co puño en aire, que significa para os iraquís solidariedade. A segunda advertencia era disparar ao aire. Os iraquís, que fan este xesto nas súas cerimonias, pensaban que eran saudados como amigos. Logo eran metrallados. O libro non se puido publicar nos Estados Unidos e Massey está ameazado de morte.
(Imaxe: Cabalos árabes nas cortes, de Delacroix. O pintor francés foi un dos máis interesados en ofrecer unha mirada, exótica e romántica á vez, do mundo árabe e das culturas do norte de África).

8 sept 2006


Andoliña venres 8 setembro
Chámanlle virtudes militares
Emitiron por TV Cold Mountain, a película de Anthony Minghella. Non a vin na súa estrea (2003) e aproveitei a ocasión: sorprendeume a crueza dalgunhas imaxes e a violencia explícita ou implícita deste melodrama sobre a guerra de Secesión norteamericana que é, de certo, un digno alegato antibélico: todas as guerras aseméllanse entre si por riba das fronteiras do tempo e do espazo.
Nos inicios da cinta vese un soldado mozo agonizando, levado nunhas angarellas entre borbollóns de sangue. Pregúntalle ao seu compañeiro: morrerei? Este, sabendo a fin próxima, dille: "Os teus pais estarán moi orgullosos de ti". Pensei entón nos atentados suicidas de integristas islámicos en Oriente Medio e no orgullo que si representa para moitas das súas familias inmolarse na yihad. Ou nos premios que os pais reciben deses movementos polo sacrificio do seu fillo.
Non cambiaron tanto os tempos, é certo. E hoxe case ninguén sabe por que se mataban os do sur e os do norte naquelas terras conquistadas aos indios hai máis de cen anos. Confeso a miña incapacidade para entender o que chaman virtudes militares: tivéronme retido para iso un ano longo en Andalucía e nin así logrei entendelo.
(Na imaxe, a miña musa -miña en persoa e creo que tamén dos lectores deste blog- Nicole Kidman na película citada).

7 sept 2006


Páxina catro dun documento
Andoliña sete setembro
O 23 de xullo do 2005 Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana asinaban en Compostela un documento titulado Acordo sobre Bases Programáticas para a acción de Goberno que sintetizaba, en 26 páxinas, as liñas estratéxicas do goberno de coalición PSdeG-BNG. Na cuarta páxina había un interesante apartado baixo o epígrafe "Parlamento máis achegado á cidadanía" que insistía en reafirmar o papel do Parlamento como centro da vida democrática do país. Como lembraba onte en EL CORREO GALLEGO o comentarista Luís Pérez, figuraba nese mesmo parágrafo unha expresa indicación de "facilitar a constitución e o funcionamento das comisións de investigación" na cámara galega, algo que aplaudiría sen reparos calquera demócrata.
Por iso sorprende que o Goberno se negue agora a facilitar esa comisión de investigación e opte por unha fórmula menor, á vista da gravidade que todo o mundo, sen excepcións, confire á crise dos incendios. Se hai tantas cousas que saber aínda, incluída unha posible trama política, que se investigue a fondo. Do contrario vai ter razón o Josep Pla que escribía en 1931: "Nada hai que cambie máis a un home que o exercicio da responsabilidade e a proximidade do poder".
(Imaxe: fotografía de Alberto García Alix).

6 sept 2006


Xaque mate en Auria
Andoliña 6 setembro
Mal ano está a resultar este 2006 para o nacionalismo en Ourense, que perdeu algúns nomes relevantes da súa historia recente: hai tres meses falecía Fernando Pérez López, un dos impulsores da Aula Castelao de Filosofía, que aquí lembramos como o Fernando de Sarria: fora profesor en Ourense e un dos responsables aurienses da UTEG e a AN-PG nos 70. Estivo entre os fundadores da desaparecida Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e foi peza clave naqueles anos multifuncionais: un día había que montar un sindicato e outro formar a estudantes nacionalistas, así eran as cousas daquela.

Agora, este agosto caloroso levou tamén a Xosé Henrique Rodríguez Peña, con presenza no galeguismo político dende os inicios da democracia e unha das figuras políticas que máis loitou por abrir o nacionalismo do Bloque á sociedade, dende o seu liderado no PNG. A entrada de Peña no BNG, logo de ser conselleiro da Xunta tripartita, foi un fito na andaina frontista. Era tamén un home moi querido na cidade e no mundo cultural e un gran xogador de xadrez (compartiu moitas partidas co meu irmán Óscar). Tristemente, a vida semella ser máis traidora que os taboleiros do Ateneo: sempre remata en xaque mate.

5 sept 2006


ANDOLIÑA martes 5 setembro
Os grandes problemas pendentes
Recibiu o pintor Virxilio o moi merecido premio Casa dos Poetas que a Fundación Curros Enríquez lle outorgou o domingo pasado en Celanova. Alí estiven, entre outras cousas para gozar da compaña dos amigos e do espírito de agradable conversa que impregna estas xuntanzas. No xantar, na miña mesa, houbo un acalorado faladoi-ro sobre os grandes problemas do país e do mundo. Abrino eu, case sen querer, ao afirmar que eu non quero que nas escolas galegas e españolas haxa mestres integristas dando clases de relixión islámica, pagados polo Estado. Foi como abrir a caixa dos tronos.
Alí había xentes da cultura, da Universidade e da medicina, outras con experiencia no mundo da empresa. Persoas cuns valores comúns compartidos, pero incapaces de impoñer certezas absolutas. Nese estado estamos hoxe case todos. Quero dicir que moi logo constatamos que ninguén ten a variña dos milagres para solucionar os grandes problemas: por exemplo, a integración en Europa de millóns de inmigrantes doutra relixión e cultura. Ou a crise demográfica, catastrófica, do noso país. Ou mesmo, se me apuran, os incendios forestais que asolan o noso país como un andazo fatal.
(Foto: cadro de Joan Miró no Museo de Arte Contemporánea de Mallorca)

4 sept 2006

Centenario da morte de Lamas Carvajal
Os xornais Galicia Hoxe e La Región adican páxinas e artigos a esta conmemoración, de Afonso V. Monxardín e meus, ademais de textos do propio Lamas. Trasncribo aquí o meu)
Celébrase hoxe o centenario da morte do poeta Valentín Lamas Carvajal, falecido o 4 de setembro de 1906 en Ourense. Entre os amantes do feito literario, a obra de Lamas segue moi viva: aínda recentemente se publicou a súa poesía galega completa, preparada pola profesora Pilar García Negro (Ed.do Castro), e o volume Gallegada e outras prosas editado polo Centro Ramón Piñeiro e da man de Rafal Adán Rodríguez. Menor atención ten Lamas no curriculum escolar e quizais no público non especialista, situación que moitos autores cremos que é inxusta porque se trata en realidade do cuarto pé do Rexurdimento, á par de Rosalía, Curros e Pondal, e, sen dúbida, a súa obra como prosista e xornalista (fundador do xornalismo en galego con O Tío Marcos d’ a Portela) é inmensa e de gran calidade.
Lamas foi, ademais de poeta e narrador, xornalista de oficio toda a súa vida e esa foi a súa gran plataforma para actuar sobre a cultura galega do seu tempo: os xornais El Heraldo Gallego e El Eco de Orense foron as dúas voces públicas das que se serviu para facerse presente no mundo cultural, a cotío padecendo polémicas e afrontas de boa parte do status cultural daquela hora, como ben historiou José Fernández Gallego (velaí as súas polémicas con Murguía, Curros, Pérez Placver ou García Ferreiro, entre outras).
Por outra banda, Lamas, que será relembrado en datas próximas polo Centro de Cultura Popular Xoaquín Lourenzo en Ourense, foi o autor dunha das obras máis lidas da historia das nosas letras: o Catecismo do labrego, por primeira vez na prensa, en 1888, no seu semanario O Tío Marcos d´a Portela, creador dun novo xénero de xornalismo galego. Despois editouno en volume independente en 1899, na imprenta de El Eco de Orense, co título de Catecismo da Doutrina Labrega. Composto polo R.P.M. Fr. Marcos da Portela, doutor en Tioloxía campestre, mantendo este heterónimo do poeta como asinante en todas as edicións feitas en vida do mesmo.
Sería un dos libros máis editados, lidos, escoitados e recitados da nosa historia cultural, que mesmo deu pé a imitacións posteriores noutras linguas (por exemplo, en bable, nunha edición secuestrada polas autoridades). As razóns do seu inmenso éxito popular son contundnetes: en primeiro lugar, Lamas soubo retratar, con fidelidade, humorismo e ironía, un mundo campesiño galego, sometido a unha realidade semifeudal (foros, trabucos, usura, emigración, etc.), e poñerlles rostro, por primeira vez, ós enemigos dos labregos (o caciquismo e o poder político). Esas foron tamén as armas que ergueron anos despois un poderoso movemento agrario antiforal que ten a Lamas como precedente inmediato. E fíxoo tamén cos mellores medios: a utilización dun estilo paródico do Catecismo do Padre Astete, creando unha sonoridade recoñecida ós oídos dos labregos, e a recuperación dunha lingua popular, en rexistro dialectal ourensán.
O Catecismo devólvelle a voz ó pobo, como fixera Rosalía en Cantares Gallegos e comparte tamén unha común mirada dignificadora do noso mundo campesiño co Álbum Nós de Castelao e cos grandes narradores do século XX: por iso o pobo se recoñeceu neste espello.
Noraboa á poeta Yolanda López
Benvida tamén e sobre todo noraboa á poeta e amiga Yolanda López (e seguidora fiel desta bitácora), que gañou recentemente o primeiro premio Antón Tovar, instituído polo concello de Rairiz de Veiga (acabo de enterarme agora mesmo). A nova completa, que nos enche de ledcia, no Galicia Hoxe do 10 de agosto.

3 sept 2006

Cen anos de historia cultural
1933: Esplendor dos poetas
02.09.2006 (Galicia Hoxe)
Se o ano 1932 foi o gran ano das revistas culturais (nacían Cristal, Yunque, Resol), o de 1933 foi sen dúbida excepcional na produción lírica. Novos poetas, todos moi mozos, dábanse a coñecer nesas datas con libros fundamentais na historia da nosa literatura, moitos deles enmarcados no movemento das vangardas galegas. Por exemplo, Álvaro Cunqueiro, que no mesmo ano daba a coñecer os Poemas de sí e non e máis Cantiga nova que se chama riveira, este na estética neotrobadoresca. Ao mesmo tempo publicaba os seus primeiros poemas na revista Nós e noutras culturais como Resol. Torrente Ballester contaba que o de Mondoñedo escribiu Cantiga nova... nunha taberna de Compostela, retirado do grupo de amigos, en tres ou catro horas: tal era a súa xenialidade. Tamén son de 1933 os poemarios Corazón ao vento, de Aquilino Iglesia Alvariño; Codeseira, de Xesús Crecente Vega; Nao senlleira, de Fermín Bouza Brey e Fírgoas, de Manuel Luís Acuña, o único libro editado en vida deste autor, reivindicado nos últimos anos como unha peza imprescindible da poesía do tempo das vangardas. A esta floración esplendorosa aínda hai que engadir a aparición da revista poética Papel de Color, en Mondoñedo e da man de Álvaro Cunqueiro, e de poemarios como Con prisma azul, do militante ourensán das mocidades galeguistas Xosé Luís Parente; e O poema da Cruña, de Xosé Rubinos (Ed. Nós).Tamén se publican en 1933 obras como o Vocabulario castellano-gallego das Irmandades da Fala; El negrero, de Lino Novás; Ribadeo antigo, de Francisco Lanza; o fundamental Ensayo histórico sobre la cultura gallega (Ed. Nós), de Otero Pedrayo; Los hermanos Eans Mariño, poetas gallegos del siglo XIII, de Armando Cotarelo Valledor; o ensaio A prol do Estatuto, de Manuel Banet Fontenla, candidato do Partido Galeguista nas eleccións a deputados dese ano; Breviario de autonomía, de Ramón Villar Ponte, folleto divulgativo da posición oficial do PG ao respecto; Indice cultural e artístico do Renacemento galego, de Fernández del Riego; Regionalismo, nacionalismo y separatismo, de Xoán Xesús González, ou o breve ensaio de Vicente Risco na revista Nós, “Nós, os inadaptados” e o colectivo Terra de Melide, das xeiras do Seminario de Estudos Galegos. Pola súa banda, Castelao deseña, con Bartolozzi e Lazano, os decorados das Divinas Palabras, de Valle-Inclán. Como se pode observar abundan as obras de propaganda galeguista, pois 1933 foi un ano de intensa propaganda do Comité Central pola Autonomía Galega (logo a derrota das esquerdas e os galeguistas nas eleccións de novembro de 1933 atrasou o plebiscito do Estatuto ata xuño de 1936). Alexandre Bóveda falaba en múltiples foros, como na Cámara Patronal de Vigo, a favor do Estatuto. O PG intensificaba os seus labores políticos, creando grupos de mozos (a Federación de Mocidades Galeguistas, con sección propia en A Nosa Terra) e de mulleres. Plácido Castro asistía, en nome do Partido Galeguista, ao IX Congreso das Nacionalidades Europeas en Berna, o que significaba case o recoñecemento internacional da nación galega. Nacían tamén novos grupos galeguistas como a Vangarda Nazonalista Galega, de Álvaro das Casas, que mesmo se definía como arredista (separatista) e publicaba o seu voceiro Máis: ao seu promotor e fundador, que deixara o PG un ano antes cun chamado ao radicalismo, dedícalle un duro alegato Alexandre Bóveda en A Nosa Terra: entre outras cousas Bóveda pregúntase qué tipo de arredismo se pode facer publicando o seu voceiro oficial na lingua asimilista, en castelán.
Universidade Galega
Tamén foi en 1933 cando se aprobou o Manifesto en pro da Galeguización da Universidade, tras a conferencia de Álvaro das Casas Verbas aos mozos galegos, dita no paraninfo o 9 de marzo. A algún dos seus asinantes, como ao propio Xoaquín Lorenzo Fernández, aquel manifesto, moi cedo atacado polos sectores conservadores da universidade, tróuxolles moitos problemas. Este manifesto fora redactado por Carballo Calero e impulsado polos mozos da FUE en Compostela no curso 1932-1933 (véxanse as cartas de Carballo Calero a Del Riego, publicadas recentemente por Galaxia, p.36). Na cidade herculina comeza a emitir Radio Coruña (23 de xuño) e o Seminario de Estudos Galegos aproba a súa normativa, divulgada no folleto Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Castelao e Bóveda son elixidos membros numerarios da Academia Nacional de Belas Artes de Lisboa. Nacen novos xornais como o semanario de esquerdas Claridad; La Razón, en Lalín, ou Raza Celta en Montevideo. Nesta cidade uruguaia nace o Comité Autonomista Gallego, a iniciativa de Constantino Sánchez Mosquera. Na Coruña créase unha Agrupación Femenina Republicana. Nas comarcas ourensás da Limia e Valdeorras, rematan as Misións Pedagóxicas, nas que participaron Otero Espasandín, Cándido Fernández Mazas e Ramón Gaya; tamén Rafael Dieste e a súa dona Carme Muñoz estiveron vencellados a este movemento. En 1933 rodáronse dúas películas de ficción en Galicia: o melodrama Odio, de Richard Harlan, en terras de Betanzos, Oza dos Ríos, Combarro e Cambados, e Alalá (Los nietos de los celtas), de Adolph Trotz,en exteriores de Pontevedra, Vigo e Rianxo. Baseada na novela do mesmo nome de Rafael López de Haro, conta a historia dun emigrado que volve á busca das súas orixes. Na liña da defensa do Estatuto de Autonomía, Ramón Barreiro roda a película Por unha Galicia nova, que se estrea o 4 de marzo no Coliseum de Pontevedra.
Morre Hildegart
No ano 1933 nace en Vigo o pintor Xulio Maside e na cidade de Lugo o escultor Francisco Otero Besteiro. Tamén o pintor Jorge Castillo, natural de Pontevedra, é da mesma quinta. E, sen saír do campo das artes, nas mesmas datas morría en Brasil o pintor e gravador Modesto Brocos Gómez, un nome a cabalo entre o realismo e o impresionismo, clave na nosa historia artística.En Compostela pola súa banda vía as primeiras luces do día o futuro arquitecto Rafael Baltar Tojo e na mesma cidade nacía o produtor de cine Jaime Fernández Cid. En Rábade, en terras luguesas, facíao o guionista e director de cine Horacio Valcárcel e na Coruña o actor Héctor Quiroga. Na Coruña nacía Carlos Díaz, “O Xestal”, un home relevante na historia do humor galego da posguerra, identificado coas causas progresistas e nacionalistas na última andaina da súa vida. No Carballiño facíao Bautista Álvarez, que co tempo pertencería en Madrid ao grupo Brais Pinto e sería un dos nomes históricos da Unión do Pobo Galego (UPG) dende os seus inicios. En Bos Aires nacía a poeta Elsa Fernández, filla de emigrantes ourensáns, e en Santiago, o crego e sociólogo Juan José Cebrián Franco. En Folgoso, Cerdedo, vía o mundo o futuro cóengo da Real Colexiata da Coruña e profesor da Escola de Maxisterio, ademais de escritor galeguista, Manuel Espiña Gamallo. No capítulo das despedidas, hai que subliñar os nomes do escritor coruñés Manuel Amor Meilán, falecido en Lugo, e autor en galego de obras poéticas, narrativas e teatrais como Treboadas; Romances; El último hidalgo ou Men Rodríguez Tenorio. Tamén falecía en 1933, en Compostela e na súa plena madureza intelectual, o médico Roberto Nóvoa Santos, intelectual republicano e humanista, e falecía traxicamente en Madrid Hildegart, filla da ferrolá Aurora R. Carballeira, destacada socialista pese á súa mocidade, que co tempo sería protagonista de varias novelas e películas biográficas.

2 sept 2006


andoliña 2 setembro
Causas, responsables, futuro

As causas dos grandes lumes do mes de agosto son estruturais: voces moito máis autorizadas, técnicos forestais e grupos ecoloxistas entre outros, xa o manifestaron na prensa e no blogomillo. Necesitamos outra ordenación territorial, outra política forestal e outra cultura do monte, outras formas de responsabilidade sobre as terras abandonadas, outras formas de prevención e outros xeitos de investigación e de persecución dos pirómanos, sexan eles quen sexan.
A crise incendiaria revelou, na súa faciana máis positiva, que o Goberno reaccionou axeitadamente no plano informativo (houbo máis información oficial que nunca) e na xestión da solidariedade amosada polo Estado e por outras comunidades: Galicia non podería afrontar soa esta crise, dixo Pérez Touriño. Na parte negativa cabe sinalar a imprevisión da crise nas súas dimensións reais, que nalgún momento pareceu desbordar o Goberno, e os erros de coordinación dos medios de extinción. O presidente da Xunta anunciaba onte mesmo o cambio do modelo actual de loita contra os incendios, que definiu como “xa esgotado”. Un Goberno progresista pode afianzarse dende a autocrítica; de certo, ese é o acento que hoxe queremos escoitar os cidadáns.
(Foto do Museo Juan Barjola, Xixón)

1 sept 2006

VIAXANDO CON PURA VÁZQUEZ

Con amplos de saudade hei de evadirme
polos labres, con zume de cantigas.

Pura Vázquez (“Maturidade”)


Un dos montes máis orientais da cordilleira dos Cárpatos e ó que lle chaman Halych. Desde o seu cume divísanse largacías extensións do que foi Galicja, país independente en tempos, primeiro medievais, e logo canda o imperio austrohúngaro. O topónimo polaco de “Galicja” (“Galitzia”, en alemán) veu darlle nome á devandita montaña. Hoxe a antiga Galicja repártese entre terras de Polonia, Eslovaquia e Ucraína. Desde o vértice do Halych, que case fai fronteira tripla (de xeito semellante á nosa Pena Tre-vinca), albíscase nos días claros a gran cidade de Lwov, noutrora capital da Galicja -antes de Cracovia- e máis cara ó sur adivíñase Ternópol, afastado lugar desde o que un día veu a Ourense Halyna Kizlyk, máis coñecida –transcrición do cirílico- como “Gala”, muller que coidou da nosa poetisa Pura Vázquez, recentemente falecida. Gala, que foi alí directora dun colexio, veu buscar a vida ó occidente rico europeo, deixando atrás a súa terra, nai, irmans, o seu home, dúas fillas e trouxo consigo a saudade de todo emigrante.

Coincidencias da vida. Gala mudou Galicja por Galicia. Deixou aquelas terras que tan ben coñecera e cantara a escritora galega Sofía Casanova, casada co filósofo polaco Wicenty Lutowslaski, para agarimarlle os derradeiros anos á outra grande das nosas Letras. Gala puxo traballo e corazón, arrimou o ombreiro, coma unha familiar máis, ao grande labor desenvolvido por Antonio e Maria Teresa, Abelardo e Conchita, sobriños queridísimos de Pura, fillos de Dora, a súa inseparable irmá, que denodadamente estiveron ó seu carón sempre, sobre todo nestes últimos e difíciles tempos, nun labor tan calado coma exemplar, silandeiro, ata os intres finais da súa produtiva e dilatada vida. Da que por sorte puiden aprender moito.

Pura era a “tía-do-meu-tío Antonio”. Algo me tocou, familiarmente falando. Desde cativo convivín momentos inesquecibles con ela e con toda a súa familia. Especialmente lembro aquela tardiña de verán na solaina do Pazo de Trasalba onde me deran merenda con roscón da casa e Cola-Cao, mentres escoitaba conversar as dúas irmáns escritoras co seu gran mestre don Ramón, acompañados de dona Fita. Sería a primeira vez que vía a figura colosal do Patriarca, con acenos de fidalgo e afervoada oratoria, aprezada anos despois nunha memorable conferencia no salón de columnas do Instituto. Pura e Dora enviáronme sempre as súas obras, con cariñosas dedicatorias, presentes nesa proximidade literaria e familiar. Oriolos neneiros, Maturidade, Ronseles, Edras do Vento, Orballa en tempo lento, Se digo Ourense, etc..., todo un universo, un mundo desde a nosa Auria eterna… Outra imaxe infantil vénme desde o Salto do Can, polo tempo das vendimas, onde tiñan casal, horta e algúns bancais de terra que ollaban cara ó sueste ourensán e producían aquelas uvas tintas que pisabamos con algarabía rebulideira. Ou cando apañabamos arandos por Teimende, nos montes de Parada de Sil, cara ás penedías do Canón, onde Dora tivera escola rural. Máis tarde chegaron tempos de viaxes e travesías e, de vez, encontros con elas en Cebreiros e Ourense conversando de comúns denominadores: Venezuela e a emigración (aquela crónica viaxeira “Os Aldán foron a América”), os galegos no cabo do mundo, os mosteiros célticos de Irlanda, as teimas de Compostela, os escritores portugueses, os xornais, a televisión galega, os amigos comúns, a familia…

Con ela marchou algo de nós. Despedímola con tódalas honras, vestida coa bandeira azul e branca, camiñando cara ó Alén, recitando os seus versos, quizais ecoando aínda as súas Aleluias de amor a Galicia, para que endexamais se perda o seu patriótico son coma chegado da noite estrelecida:

¡Ai, o celta berro baril e triunfante,
Que agrúa nos montes, forte e arelante!

¡Ai, vieiros floridos do nativo chan
curutos de toxos, soar de Breogán!

¡Ai, o esgrevio canto, ronsel de harmonía,
corazón galego, alma de Rosalía!


Vai con Deus. Descansa en paz, querida Pura.


Luís Menéndez Villalva.
Compostela 2/8/06.

(Nos primeiros días de agosto, o amigo Luís Menéndez Villalva publicou este artigo nas páxinas de opinión de La Región. Reproducímolo aquí co seu permiso).

Andoliña 1 setembro
Volta a un país esquilmado
Estiven case todo o mes de agosto fóra de Galicia e seguín a crise dos incendios dende a prensa española. Pero a catástrofe que xa anunciaban os xornais foráneos quedou curta comparada coa realidade: o día dez o meu avión aterraba en Vigo sobre o espectáculo dunha chea de lumes aparentemente incontrolados. O propio avión semellaba cheirar a cinzas e dende logo si o facía o automóbil de camiño cara a Ourense: aló foi peor, era o día en que unha rede mesta de lumes arrasaba todos os montes da contorna urbana arredor do Pino e Santa Cruz de Arrabaldo. Eu era só un espectador da desfeita, pero á mesma hora centos de veciños loitaban desesperados contra as lapas.
Hoxe, tras ler moitas opinións sobre os lumes de agosto, estou coma todos: confundido. Hoxe dicíame un amigo que temos a marca de freakees pirómanos, velaí as semblanzas dos detidos publicadas nos xornais. Somos un país de tolos? Outros falaron de tramas para explicar os milleiros de focos en zonas periurbanas. Pero o certo é que ningún responsable político pode facer estas acusacións sen as probas diante. Case sería consolador dar cunha man oculta que deseñase o horror: precisamos dunha explicación deste xeito de suicidio colectivo.
(Imaxe: O paxaro narcisista, de Juan Barjola, Museo Barjola, Xixón)


Regreso
Cumprindo co prometido, aquí estamos de novo. Estivemos por Mallorca (o de Mallorca encantoulle á miña filla, pero non é o meu estilo vacacional: para unha vez vale, por aquilo de velo e ver as babecadas que fan os ingleses, por alí case non hai outra cousa) e por terras asturianas, entre Luarca e Xixón. Moito repouso, menos quilómetros de coche que outros anos, bos xantares, paisaxe e natureza, algúns libros e (non o podo evitar) a lectura da prensa, sexa local, ou "El País", para min case imprescindible (magníficas as contras de M.Vicent os domingos e algúns dos relatos familiares que publicaba cada día, gardeinos todos, coma sempre). Nos días próximos irei subindo algunhas fotos, sacadas pola miña filla ou por min mesmo, do Museo de Arte Contemporánea de Mallorca e do Museo Barjola en Xixón. (Para empezar, esta imaxe do Museo Barjola coa miña muller, María, e a miña filla, Eire, en primeiro plano).

2 ago 2006

Friedrich Overbeck
Foi un dos grandes pintores alemáns do século XIX, do movemento nazareno; velaí a súa "Germania e Italia", 1828, que onte non dei pendurado no blog. Hai unha boa mostra da súa obra na rede, como de tantos artistas menos coñecidos do gran público.
Vacacións
Como todos os anos, no mes de agosto non publico nos xornais. É a hora do lecer e do repouso total. Se todo vai ben estarei lonxe do ordenador case todo o mes, así que tamén "As uvas na solaina" se tomarán un descansiño. Verémonos de novo o 1 de setembro e graciñas a todos/as por estaren do outro lado.
(Imaxe: Cabalos de Neptuno, de Walter Crane, 1892)

1 ago 2006

AMOR, SERENIDADE, O LIBRO
(La Región 31 xullo)
Despidamos este caloroso mes de xullo con algunhas citas e aforismos daqueles seres sabios que merecen ser lembrados porque nos enriquecen dende o pasado e nos axudan a construír o futuro.
Amor. Abundan, pero non me gustan, as citas fáciles nin chocalleiras sobre o amor: son inxustas, porque realmente é unha das grandes forzas que move o mundo (este mundo cheo de vítimas inocentes, como os nenos da cidade libanesa de Qana). O amor é a poesía dos sentidos, como dicía Balzac, e tamén o milagre da civilización, en palabras de Stendhal. Cervantes xa nos falou do seu pulo todopoderoso: “O amor xunta os cetros cos caxatos, a grandeza coa baixeza, fai posíbel o imposíbel, iguala diferentes estados e vén ser tan poderoso como a morte”. Unha realidade tan presente nas nosas vidas e ao tempo tan difícil de definir: “O milagre do amor humano é que, sobre un instinto moi simple, o desexo constrúe o edificio dos sentimentos máis complexos e máis delicados”. Ou, dito en linguaxe máis popular, “O amor é eso... que vaian esperarte á saída”, como dicía a prostituta protagonista de “Princesas”, a película de Fernando León de Aranoa.
Serenidade. Epicteto foi un filósofo da antigüidade que que naceu escravo en Hierápolis, Frixia, nas terras da extrema oriental do Imperio Romano. Dicía que “para ben ou para mal, a vida e a natureza réxense por leis que non podemos cambiar. Canto antes o aceptemos, máis tranquilos estaremos”. Por iso tense dito que algunhas das súas ideas están próximas á psicoloxía contemporánea e mesmo aos libros de autoaxuda de tanto éxito popular: “A túa vontade non ten por qué verse afectada por nngún incidente, a non ser que ti o permitas. Lémbrao cada vez que che ocorra algo”. A min gústame, sobre todo, na súa reivindicación continua da serenidade, na apelación a non preocuparse por cousas que non teñen relevancia ou que tampouco teñen remedio: “O sinal máis claro dunha vida superior é a serenidade. O progreso moral ten como resultado liberarse da confusión interior. Podes deixar de preocuparte por isto e por aquilo.”
O libro. Poucas cousas tan perfectas construíu o ser humano como ese artefacto que chamamos libro. Dicíao así Paul Valéry en “As dúas virtudes dun libro”: “Un libro é materialmente perfecto cando é grato de ler e gustoso de meditar; e cando en fin o paso da lectura á contemplación e o seu recíproco son fáciles e corresponden a cambios insensíbeis de acomodación visual. Estancos brancos e negros sérvense mutuamente de repouso, o ollo circula sen esforzo nos seus dominios ben dispostos, aprecia o conxunto e os detalles, e séntese en condicións ideais de funcionamento. En resume, un bo libro é ante todo unha perfecta máquina de ler, as súas condicións son definíbeis con bastante exactitude polas leis e métodos da óptica fisiolóxica; e ao mesmo tempo un obxecto de arte, unha cousa, pero coa súa personalidade, unha que leva marcas dun pensamento particular, que suxire o nobre propósito dunha orde afortunada e voluntaria”.
(Imaxe: “Germania e Italia”, de Friedrich Overbeck).