Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
21 sept 2009
Estatuto ou non estatuto? ANTÓN LOSADA
Galicia Hoxe, 20.09.2009
Disque o BNG quere arrincar a temporada outono/inverno co debate estatutario. E falta facía que así fose. Ningún dos argumentos escoitados até o de agora para non abordar xa a reforma vale un patacón. A crise non é escusa, a non ser que os nosos políticos recoñezan publicamemte que non saben facer dúas cousas á vez. E o da sentenza do Estatut tampouco vale porque isto non é Catalunya e porque canto pase co seu non debera limitar o noso. Máis que atrasalo, estes mesmos argumentos aconsellan pórse co traballo. Canto antes reforcemos a nosa posición como país, máis oportunidades teremos para afrontar con máis recursos o que veña.
19 sept 2009
Todos queren ser Stieg Larsson J. MIGUEL GIRÁLDEZ Galicia Hoxe, 19.09.2009
No metro, no autobús, nos avións, a xente leva un libro de Stieg Larsson. Non o leva por levar, senón para ler. Os libros de Stieg Larsson son gordísimos, teñen moito volume, co que xustifican o seu nome. E, con todo, o tamaño (que seguramente importa) non impediu o seu éxito. Hoxe fanse novelas longas e microrrelatos. Tamén se fan novelas medias, pero menos. Está de moda o grande ou o pequeno, non o mediano. Talvez cremos que o mediano é mediocre (ou medio ocre). Os microrrelatos non se poden ler no metro, porque se acaban axiña. Dúranche o que vai de Gran Vía a Tribunal. E iso con sorte. Pero Stieg Larsson dá varias voltas ao metro de Madrid, e ao de Londres, que ten moito mérito. Agora que se inventaron uns dispositivos para ler, iso que chaman o libro electrónico, resulta que descubrimos que á xente non lle importa levar un libro gordísimo nas mans. Iso só pode facerse porque che gusta, non por aparentar. O persoal non levaría na man A raíña do palacio das correntes de aire para ir á moda, como se pode levar a roupa de marca. Bo, á mellor si. Se cadra tamén hai libros que marcan estilo na rúa. Iso pasou en tempos, con O vixía no centeo, por exemplo. Pero hoxe en día sorprenderíame que a xente comprase un Larsson, non sei, como se compra un Armani, ou un Vuitton. Para estar moderniño. Ademais, levar un libro como simple pose, ademais de que neste caso sería incómodo polo tamaño, ten os seus perigos. É máis perigoso levar un libro ca un bolso. Porque o bolso non ten capítulos, nin personaxes. Nin trama (normalmente). Pero se levas A moza que soñaba cun misto e un bidón de gasolina alguén no autobús, no tren, no avión, no súper, na propia rúa, pódeche preguntar polos personaxes, por aquela maldita escena, e así. Así que convén non levar un libro como complemento, non sei, como levar unha gravata. Unha gravata non ten capítulos, aínda que ten nó. Iso si. O que non sei é se ten desenlace. No entanto, o éxito de Larsson parece real. A xente le o libro de verdade, a triloxía enteira, e dunha sentada (salvo os que o len de pé, pola rúa, algo que en España se estila menos). Hai toda unha revolución ao redor deste asunto. Este verán había motísimo Larsson na praia. Tamén estaba o Marca, é certo, e outros xornais, pero despois estaba Larsson. O parasol, a toalla e Larsson. Levar un libro tan groso á praia tamén é raro, pero nada, o persoal non se rende. Talvez a culpa é outra vez da moda, e a xente leva un libro de Larsson á praia como pode levar un pareo. A xente non se deixa ver cun Cervantes, cun Shakespeare, pero si cun Larsson. Pode que haxa lectores que se deixen levar pola moda, de feito, pola moda literaria, que seguramente existe, pero algúns aman a Larsson de verdade, e iso consólame moito. Eu, en cambio, son un dos poucos seres humanos que non leu nin unha liña de Stieg Larsson. E síntome raro. Sinto coma un extraterrestre. Como se levase roupa pasada de moda. Coma se levara posto un Shakespeare. Que o fago ás veces. Un Hamlet é como un abrigo de visón. Pezas clásicas, pero nada que ver co negro cru que propón Larsson para a temporada. Talvez Larsson sexa para a literatura o que Zara para a moda: algo que pon todo o mundo. Iso si: Stieg Larsson xoga con vantaxe. Está morto. Din que os mortos se mitifican mellor. Escribiu as tres novelas compulsivamente, pola noite, entre tabaco e café, coma un clásico do xénero. Un día, o 9 de novembro de 2004, o ascensor da revista Expo, na que traballaba, estaba avariado, e decidiu subir os sete pisos polas escaleiras e, ó chegar arriba, morreu dun infarto. Xa ven: toda unha trama negra en apenas unhas liñas. A vida ás veces elixe o microrrelato. E a morte.
16 sept 2009
(Foto: Paco Vilabarros)
'Representan o sentir xeral dos académicos' Ramón Villares asume as críticas da RAG a Feixóo
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, asegurou asumir as críticas do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, sobre as decisións en materia lingüística da actual Xunta, xa que 'representa o sentir xeral dos académicos'.
A Nosa Terra, 16.09.2009
Durante a presentación dun seminario lingüístico na sede do CCG en Santiago, Villares subscribiu, en calidade de membro da RAG, as declaracións de Barreiro e considerou que a "controversia política" ao redor do idioma "non é positiva" para o galego. "Son membro da Academia, xa que logo, todo o que di o presidente representa o sentir en xeral dos académicos. Asumo o que di o meu presidente, como presidente da Academia", afirmou. A pesar diso, situou dita opinión á marxe do seu cargo como presidente do CCG xa que, malia confiar en que o resto de membros "asume o que di o presidente do Consello", trátase "dunha expresión distinta, doutra dinámica e outras competencias" ás da RAG. "É o 'fair play' necesario nas institucións", sinalou. Así mesmo, recordou que un dos mandatos fundacionais do propio CCG "é preservar os valores culturais do pobo galego" -entre eles o idioma-, polo que avogou por desenvolver seminarios e iniciativas "que permitirán seguir nesta mesma dirección". "Analizar con repouso e con firmeza a situación das linguas e nomeadamente do galego", concluíu.
Retirar o galego da “controversia” Neste sentido, instou aos axentes políticos e ás institucións autonómicas e locais a "facer un esforzo" para, "na medida do posíbel", retirar do debate "cortoplazista" da política "un valor comunicacional, pero tamén de identidade, tan importante como é a lingua". "Nin eu, nin os aquí presentes, serán capaces de retiralo, terán que ser os actores políticos e os partidos", aclarou. "Eu non son quen para dicirlle aos políticos o que teñen que facer". Finalmente, sobre a posibilidade de realizar unha declaración en defensa da lingua desde o CCG, afirmou que, "se hai que facela, se fará, pero non será o presidente, será o plenario quen terá que facela", concluíu.
15 sept 2009
As razóns da Academia
Víctor Freixanes
La Voz de Galicia, 13/09/2009
As institucións non son adornos, aínda que algúns quixeran que o fosen, nin santos que se sacan de cando en vez en procesión. As institucións teñen unha razón de ser. Afírmanse na medida en que responden á misión para a que foron creadas. A Real Academia Galega (RAG), instituída hai máis de cen anos baixo a presidencia de Manuel Murguía, naceu como unha iniciativa da sociedade civil (non oficial) para a defensa e a afirmación da lingua galega. Tamén da cultura galega. O novo marco político da autonomía, que se configura a partir do ano 1981, considera a RAG como o referente primeiro do idioma: para estudalo, para difundir o seu uso social e para velar polo seu tratamento institucional e político (non só para ratificar as súas normas ortográficas). A saúde da lingua é unha das preocupacións primeiras e institucionais da RAG. ¿Como permanecer á marxe do que está sucedendo? Non é certo que a RAG se posicione respecto dunha ou doutra estratexia política a prol do idioma: é a situación xeral do galego o que a preocupa e obriga. ¿Acaso debería ficar calada? Cos recursos que ten, que non son moitos (e esta é outra cuestión), ten a obriga institucional de pronunciarse. Velaí o documento que o pasado 9 de maio demos a coñecer os académicos: Unha lingua para todos , chamando a atención da sociedade, e moi especificamente das forzas políticas que nos representan (non exclusivamente o Goberno), sobre as circunstancias concretas en que nos atopamos. O lector interesado pode consultalo na web da institución. Trátase de marcar uns principios básicos de dignificación e convivencia e, ao mesmo tempo, de establecer o que podería ser unha folla de ruta para saír do atranco en que estamos metidos. En ningún momento se fala nin dos causantes nin das razóns de por qué nos metemos neste rebumbio (aínda que poderiamos facelo). Trátase de buscar saídas e de ofrecerse como espazo posible para axudar a resolver un problema que non atinxe exclusivamente ao partido gobernante, repito, senón ao conxunto das forzas políticas e, en xeral, ao conxunto da sociedade. Primeiro punto: a cuestión lingüística debe afastarse da liorta partidaria. Segundo punto: a potenciación e uso do idioma galego non é incompatible co coñecemento e utilidade doutros idiomas (o multilingüismo é unha riqueza das sociedades contemporáneas desenvolvidas). Terceiro: o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, debe ser a referencia básica para calquera política que se pretenda. Cuarto punto: a cooficialidade simétrica dentro da Constitución Española, cooficialidade que debería recoñecer igualdade de dereitos para o castelán e o galego, e que precisa dunha política compensatoria de apoio á parte máis feble, é «a única forma de acadar a igualdade social». Cun parágrafo final que contextualiza a intervención dos académicos: «Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade».
Brindo por ti, temón do meu Ribeiro espírito do Miño, flor dourada do Avia, saiba do Arnoia sosegada, vagalume dos vales rebuldeiro…
Gloria a ti, sagra sangue da alta gloria ambrosia dos deuses amatoria, cálido caldo armónico e vital…
10 sept 2009
Virtual, meu amor. Pensar, amar e sufrir nos tempos das novas tecnoloxías
Ana Bande Bande
Quen de entre nós non querería disfrutar da vida en parella conservando todas as vantaxes que dá a vida en solitario? A web social (Facebook, MySpace, Second Life, etc.) ven ofrecernos exactamente isto. Sentírmonos próximos e —o que é máis importante— seren recoñecidos sen perder o noso sentimento de independencia. Eu podo comprometerme ou liberarme cun sinxelo clic, encontrar doadamente novos interlocutores e ata resucitar os mortos. Mália todo, as novas tecnoloxías non nos procuran acougo. Porque se por unha banda agochan as pexas da separación física, pola outra fánnos dubidar da dispoñibilidade dos nosos interlocutores. Por iso seguimos reclamando as mesmas respostas unha e outra vez: Onde estás, que fas, estás só/a? Do mesmo modo que o faciamos co teléfono. Con este tipo de observacións tan sinxelas, Serge Tisseron fai un repaso á incidencia das NTICs no xeito de nos relacionar (Virtuel, mon amour. Penser, aimer, souffrir, à la l´ère des nouvelles technologies, París, Albin Michel, 2008).
A súa lectura non achega moita novidade a quen estea afeito a un emprego crítico das redes sociais, mais trátase dunha reflexión imprescindible para comprender un cambio tan drástico na sociedade coma calquera dos que obrigaron a procurar un novo nome para designar unha etapa histórica diferente. O autor, pola súa condición de terapeuta, pode partillar unha morea de casos reais que ilustran situacións nas que, cun mínimo de humildade, podemos ollármonos a nós mesmos, ou veren representadas situacións relacionadas con esta "explosión do virtual" que se repiten ao noso redor. Non se trata dunha visión pesimista, todo o contrario, o autor defende o uso positivo dos espazos virtuais para enriquecer as nosas relacións reais.
Non podemos negar que a comunidade virtual é, para moitos, tanto ou máis importante que a familia ou os colegas de traballo ou do instituto, e algúns ata “casan virtualmente” sen necesidade de se ver nin de se tocar, pois o corpo físico deixa de ser a referencia para o reencontro. Os psicólogos atenden casos de depresión por abandonos “virtuais” e hai numerosos síntomas do perdidos que podemos sentírmonos neste contraditoria realidade virtual que nos arrastra. Lembrades aquela curiosa noticia dunha muller que pedira o divorcio ao descubrir a relación do seu home cunha guapa avatar de Second Life e que, ademais, contrarara un avogado na propia plataforma virtual?
6 sept 2009
O asasinato de Laura XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA Galicia Hoxe, 06.09.2009
Unha vez máis, un asasino machista matou unha muller na Galiza. De se confirmar a certeza da confesión do seu antigo mozo, estariamos diante dun asasino que pensou que a vida de Laura non se podía de- senvolver se non era vencellada á súa propia. Que pensou que, por ser Laura da súa propiedade, había matala se quería excluílo por sempre da súa vida. Como en tantas outras ocasións, de se confirmar esta tan probábel autoría, un home matou a muller que compartiu a súa vida cando ela decidiu romper con el e comezar unha vida distinta. Para os violentos machistas, o único xeito que teñen as mulleres de garantir a súa vida ou integridade física é renunciar ao exercicio da súa liberdade. En calquera caso, esta morte terríbel amosou a gravísima inconveniencia de retirar as denuncias baseadas en feitos delituosos reais por meras conveniencias persoais, veciñais, profesionais ou familiares. Un violento machista é un delincuente que cómpre pechar no cárcere ou afastar efectivamente para prever a violencia na denunciante, na súa contorna e mesmo noutras posíbeis e futuras vítimas femininas. Tamén vimos a serenidade na manifestación de dor e de solidariedade coa familia da veciñanza e amizades de Laura. Un comportamento solidario e maduro, propio de sociedades democráticas avanzadas que se abstivo desas apelacións á pena de morte ou á vinganza que temos visto tantas veces noutros países e territorios do Estado. Por unha vez, os galegos demostramos unha madurez moral e cidadá que non sempre se dá nos momentos posteriores a un asasinato. Alén das especialidades da prevención e represión de lacras como a violencia machista ou a pederastia, convén mirar máis polas vítimas. Cómpre irlles recoñecendo ás vítimas de calquera crime violento os mesmos dereitos a respecto das vítimas do terrorismo. E nomeadamente ás vítimas da violencia machista, que se ten revelado tan cualitativamente asasina como a ETA, só que nunha cantidade moi superior. Dereitos para facilitar a resocialización, a reinserción laboral e educativa e mais a terapia psicolóxica para estas vítimas do crime.
5 sept 2009
CAIXAS GALEGAS
Fontes de máxima solvencia do sector financeiro consultadas por LD dan por feita a futura fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. A operación estaría avalada pola Xunta para manter, por riba de todo, a "galleguidad" das caixas da comunidade que goberna Alberto Núñez Feijóo.
En cambio, dende as entidades negan a operación.
Segundo estas mesmas fontes, a entidade CG está a barallar diferentes opcións
En calquera caso, fontes do sector dan por pechada a futura fusión que permitiría ao Goberno rexional de Feijóo manter a "galleguidad" das caixas de aforro galegas fronte a posibles operacións que chegan dende Madrid (Caixa Madrid) ou da Comunidade Valenciana (CAM ou Bancaja).
Isto non casa ,se miramos ven..... Segue no aire a idea do PP, e Feijóo no encrucillada!
A Xunta ten a vontade de anunciar a súa posición respecto dunha posible fusión entre Caixa Galicia e Caixanova «ao seu debido tempo». A intención do Executivo de Núñez Feijoo é agardar ata finais de setembro ou outubro
Amigos de Marcos (A debater)
3 sept 2009
ARUME DOS PIÑEIROS
Cabezas Pensantes.Vanessa Lodeiro
Concordan as análises críticas das pezas dramáticas do século XVII español en afirmar o profundo reaccionarismo de todas elas, sobre a base innegable de que todas conclúen co trunfo do estatus social e político dominante e co castigo da subversión ou da rebeldía de calquera signo. Esta afirmación pode valer, con todos os matices que agora non veñen ao caso (mesmo coa negación da mesma), para obras de contido político, estea ou non encuberto ou agochado con metáforas e traslacións oportunas. Pero para as comedias lixeiras (as de capa e espada ou de enredo), esa consideración aínda resulta menos sólida, xa que o que busca o espectador non é ningunha mensaxe sobre a inviolable constitución do réxime social senón a participación durante unhas horas nun conflicto (do que pode aventurar o final) que interesa nos seus propios termos. De feito, ben mirado, o nudo principal dunha obra de teatro do século XVII, aínda que remate de acordo con certas premisas sociais e, sobre todo, con certas expectativas poéticas que admitimos baixo o nome de happy end, amosa un mundo descomposto, repleto de fendas e tachas, que anuncia, se non hai remedio (e sempre hai porque existe o deus ex maquina das comedias), ruína. A xente acode ao teatro para ver ese conficto, para asistir ás leas entre os protagonistas. Quere que a resolución do problema quede para o último momento. Mesmo despreza ese final, porque no fondo resulta esperable. O poeta, se quere trunfo, éxito, fama, precisa enardecer e alimentar a polémica. Se non o fai, corre o risco de ver marchar pola porta aos seus queridos espectadores. Debe manter a tensión dramática, despois de urdila co artificio que a experiencia lle permite e co engado de enredos ou falsas identidades.
Creo que esta é a verdadeira estratexia dos grupos que procuran a perda de valor do galego nas institucións, despois de varios anos de acordos unánimes sobre a preferencia e a hexemonía do idioma galego (como lingua propia e lingua a conservar) nos distintos niveis da administración pública. Onde non hai problema algún, o político do PP (avisado e experimentado noutros enredos semellantes) trata de urdir conflicto. Non procura un fin determinado, a pesar das apariencias, non. Entende que o interesante é a polémica, a creación dun estado de ánimo en perpetuo debate. Desatende o final (aínda que necesita presentar unha proposta que sabe de antemán vencida) porque sabe que o que move (como os casos de honra no século XVII, que “mueven con fuerza a toda gente”) é o caso, o enmarañamento (o nudo) do asunto. O desenlace xa se verá: a verdadeira finalidade dunha proposta como a de López-Chaves hoxe* é a de provocar a lea e prolongala ata que o vencimento da peza, alá polas novas eleccións municipais, dea os froitos desexados: o aplauso dos seus por maquinar semellante alboroto. Que diso se trata.
Se lembran, que seguro que si, cando foi aquela cousa do Prestige, os mariñeiros dicían que escoitaban o servizo meteorolóxico e mariño de Portugal pois daba datos máis precisos e certeiros que o servizo español e que se fiaban máis dos portugueses. Así é.
Pois o sábado 22 pasado estaba eu exercitando un dos pasatempos de verán que máis me seducen, ir á libraría Nós de Sanxenxo e comprar prensa portuguesa pois alucinantemente ao longo do ano en Ourense non hai ningún sitio onde se poida encontrar, cando vin unha entrevista que me deu cobiza.
Na contraportada do Jornal de notícias falaba o sr. Jaime Nina, á sazón director do departamento de doenzas infecciosas do Instituto Nacional de Saúde, que é o organismo que entende do tema da Gripe A, por outro nome, AH1N1, na nación do sur. Os ollos claros, suévicos se cadra, a mirada tranquila e directa e o sorriso escéptico que aparecen na foto e as declaracións tranquilizadoras xeraron en min confianza. Bo vento do sur.
El viña, loxicamente, a sacarlle ferro ao tema. Dicía que se deben limitar os diagnósticos só aos cadros clínicos graves e deixar de dar antivirais aos contactos próximos -excepto, claro, grupos de risco- e non obsesionarse coa contención do virus.
Pregúntalle o xornalista que pode acontecer coa fin da prevención. E contesta que a epidemia está a decorrer da forma que se prevía. E aclara textualmente "Esta é uma gripe normal. E de aquí a dois anos, tudo indica que vai ser a gripe sazonal, vai substituír á actual. Aconteceu com a gripe asiática (A H2N2), que fez desaparecer á anterior, que era uma estirpe AH1N1. E, quando veio a gripe de Hong Kong (H3N2), desapareceu a asiática. E a de Hong Kong está activa desde 1968 até agora".
E o xornalista insiste se a suspensión da prevención non vai favorecer unha maior propagación e aclara: "Na fase inicial, fazia todo o sentido tentar evitar a propagação do virus numa perspectiva de contenção. Agora que o virus ja ultrapassou a contenção, sería mosoquismo político e deitar dinheiro fóra, continuar a conte-lo."
Nós, superviventes do Ébola, das vacas tolas, da gripe aviaria, do cambio das tarifas eléctricas, das facturas da telefonía móbil, das ocorrencias políticas de verán, debemos ter fundadas esperanzas en sobrevivir á gripe deste ano que seica vén un pouco adiantada. Así que moita calma, un pouco de cama, algo para baixar a febre, uns agarimos e un libro para cando xa poidamos abrir os ollos. Menos mal que nos queda Portugal. Para tranquilizarnos. Muito obrigado, don Jaime.
É un vídeo en Youtube e non podemos acreditar -supoño que ninguén pode- a súa veracidade. Pero posúe a innegable certeza e a lóxica interna, da coherencia da súa mensaxe
15 ago 2009
Vigo derrota á OTAN Miguel-Anxo Murado
La Voz de Galicia, 15/8/2009
Hai que felicitar á Policía Local de Vigo por esa vitoria militar que conseguiu contra a OTAN. Como saben, a coalición multinacional, que ten unha flotilla de barcos de guerra na ría mal aparcados, quería establecer unha cabeza de praia, literalmente, en Samil, posiblemente coa intención de apoderarse da cidade olívica. Pero os municipais rexeitáronos combatendo ferozmente entre as sombrillas e os balóns de Nivea. Bravo, pois, polos axentes, que se suman así á longa lista de pequenas organizacións de baixo presuposto que conseguiron poñer en fuga á OTAN, ese organismo que naceu para defendernos dun ataque da URSS en Europa e que por iso, loxicamente, está despregado no Congo. A OTAN pediu desculpas polo sucedido (aínda que eu non quedo convencido de que non o volvan intentar) e o alcalde Caballero, obsesionado con xustificar o seu apelido, viña dicir que se un conduce borracho a toda velocidade e logo se desculpa, xa vale e non pasa nada. Ben está sabelo. Tomen nota os vigueses desta xenerosidade edilicia. Pero eu penso que a OTAN, ademais de desculparse, faría ben en aproveitar este novo fracaso para revisar as súas tácticas e obxectivos. Primeiro: a OTAN debería ser máis modesta e non medirse con forzas superiores en experiencia e motivación, como os talibáns afgáns e a policía local viguesa. Segundo: a OTAN tería que valorar o grao de apoio que teñen esas forzas entre a poboación civil. Por exemplo, debería saber que en Samil, no verán, hai miles de bañistas inocentes que, aínda que polo xeral desconfían da policía local a causa das multas, póñense da súa parte tan axiña como algún neno resulta ferido por unha zodiac. Terceiro: hai que revisar os procedementos operacionais. Por exemplo, agora xa sabemos que ir bébedo como un can non mellora a eficacia de combate das tropas. E cuarto e último: a OTAN ten que ter claros os seus obxectivos políticos. A pregunta é: ¿pódese establecer unha democracia moderna pola forza en Afganistán e en Galicia? En Afganistán levan oito anos e aínda non o lograron. ¿Que lles fai pensar que en Galicia ía ser máis fácil? ¿Non sería mellor empezar por medidas pacíficas, como a reforma do voto emigrante? É unha idea que lanzo. Polo que se refire a nós, celebremos este momento de triunfo, a primeira invasión por mar que Galicia repele con éxito desde María Pita. Repitan todos comigo: «Gloria e o honor aos heroes de Samil».
13 ago 2009
Cando?
CRAIG PATTERSON
Galicia Hoxe, 13.08.2009
Cando se van decatar os cidadáns galegos de que un ensino impartido maioritariamente en galego non representaría unha ameaza para a capacidade dos seus fillos de dominar o castelán, nin ningunha manobra para impoñer un estado monolingüe na Galiza? Erran os estudos sociolinguísticos imparciais ao afirmar que un sistema educativo en galego achegaría máis vantaxes ca desvantaxes a nivel pedagóxico, en especial ao fomentar a capacidade do alumno para aprender mellor? E se fose unha ferramenta útil para a promoción e protección da lingua galega, tan terrible sería? O galego é tanto a lingua ameazada coma a chave dun ensino galego superior. Ningún goberno nin ningún atentado contra o idioma vai mudar esa realidade. Os mandatos son longos, pero non tanto como os procesos históricos.
Cando se vai deixar de falar desas e daqueloutras normas lingüísticas, cando hai asuntos ben máis importantes por tratar? Por que non declaramos unha moratoria de 20 anos sobre estes debates, baseados máis ca nada en personalidades intelectuais e políticas, e dedicamos esa enerxía a eidos máis urxentes?
Cando vai poder contar Galicia cunha televisión que promova a variedade do galego oral, que se afaste dun galego importado dende Madrid e que coloque en cargos de autoridade persoas de distintas ideoloxías políticas? Cando van poder os xornalistas galegofalantes agardar que os artigos que entregan en galego non sexan censurados nin se transformen alquimicamente en castelán?
Cando se vai dar de conta a sociedade galega de que ao seu presidente lle interesa máis chegar a ser ministro de Fomento en Madrid có benestar a longo prazo dos intereses galegos? No mellor dos casos, as afirmacións recentes do señor Feijóo sobre a españolidade de Castelao representan unha lamentable ignorancia. No peor, unha falta escandalosa de respecto pola intelixencia da sociedade galega. E que foi o que empurrou a Castelao ao separatismo en contra da súa vontade federalista e ibérica? A imposición lingüística, cultural e política en Galiza doutros intereses sobre os intereses orgánicos e chaves da nación galega.
Cando vai haber un presidente norteamericano de raza negra, capaz de superar o herdo terrible dos anos Bush e de unir unha nación dividida?
Cando?
6 ago 2009
A portada norte
Afonso Vázquez-Monxardín
Temos unha catedral impresionante. Fermosa. Orixinal. Dinámica. As portadas norte e sur, o Pórtico do Paraíso, o ciborio, a claustra nova, o retablo de Cornelius, a éxtase barroca do Santo Cristo Ese románico transición gótico que foi mudando desde a tripe ábsida á xirola actual Certamente por moi próxima que a teñamos non debemos deixar de admirala e mimala. Así, fixemos desde sempre e o 3 de xuño de 1931, grazas á sensibilidade republicana polas cousas da arte, foi declarada ‘monumento nacional’.
Só os máis vellos do lugar lembran xa o vello coro no centro da nave maior (foi removido en 1937 e trasladada a sillería á capela do Santo Cristo e ao pé do altar maior). Pero moitos recordamos a última grande intervención, a construción da escaleira da fachada oeste, a da Praza de San Martiño, cousa que foi alá polo ano do noso señor de 1972.
Sabemos tamén que a nosa catedral ten pinta de castelo. Sobre todo desde que lle liberaran e refixeran as ameas da súa fachada sur. Estas e os torreóns danlle unha aparencia compacta e case civil. Así, tamén é coñecido que foi lugar de ‘encastelamento’, de acobillo, de refuxio nas liortas nobiliares e cidadáns da fin da idade media. Nunha destas, a portada norte sufriu o indecible. Foi no enfrontamento entre o Conde de Lemos e o de Benavente en 1471, tal e como nos conta na súa fermosa e recomendable web de visita virtual elaborada polo Bispado de Ourense.
Ben. Pois témola abandonada. Tamén a portada norte está abandonada. Hai moitos anos, contra 1963, fíxose un tratamento moi bruto consistente nun baño de cera quente para impermeabilizar a pedra. Por iso -máis que polo lume dos combates Lemos-Benavente- é polo que ten ese ton escuro. Pero a humidade seguiu subindo por ósmose polo interior e a pedra foi amolecendo e arestora está esconchando. Se un ve as fotos de hai uns anos e observa a realidade actual das dúas figuras das columnas, colle medo.
É imprescindible unha actuación decidida para que non se esfarele de todo. E se cadra valorar a reposición ¿por que non? dos fustes decorados das dúas arquivoltas na parte oeste ou as cabezas que faltan xa de vello. E limpar o tímpano que hai por riba da fachada, na escena do descendemento da cruz que ao redor do pobre Cristo hai, digámolo finamente, vinte centímetros de ‘guano’ e todo tipo de obxectos-lixo enganchados nas puntas escorre-pombas.
Portada norte e Capela de San Xoán, habémosvos pór na lista con San Francisco, Banco de España, e cárcere vello, para cando veña de novo a Ilustración. Se é que algo queda daquela.(La Región:04-08-2009)
3 ago 2009
Os bárbaros
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 03.08.2009
Lembrarán vostedes o emblemático e en certa maneira enigmático poema de Constantino Kavafis "A esperar polos bárbaros", obxecto de múltiples disquisicións e lecturas. E permítanme agora que eu, para lle dar sentido ao que realmente quero expresar, parta da interpretación que da metáfora kavafiana realizou o Premio Nobel de Literatura J. M. Coetzee: toda unha parábola, como ben entende Enrique Gutiérrez Ordorika, sobre unha civilización cega e despótica que exhibe constantemente a súa cruel impudicia sen que sexa percibida polos seus tristes súbditos. O caso é que os bárbaros, no seu sentido máis negativo -non no sentido da "liberación" kavafiana-, xa están entre nós. Sempre estiveron aquí. Eu teño comentado nalgunha ocasión que, mentres presidía a Xunta de Galicia Manuel Fraga Iribarne, os "bárbaros" autóctonos sempre se mostraron caladiños, de cabeza baixa e a viviren un certo estado de hibernación. Mais agora, amosando o seu perfil máis recoñecíbel, toman xa a iniciativa e a súa desvergoña e impudor brillan coma nunca, e acaso só os "tristes súbditos" semellen non percibir tal cousa. Vaia un exemplo. Un señor, que é doutor en Teoloxía Moral e profesor de Bioética, afirma que os galegos valoramos, e moito, o galego, como valoramos -engade- a torre de Hércules, o pazo de Fonseca ou as cantigas de Alfonso X, como un elemento do noso pasado, digno de ser coñecido e aprezado, "pero nada más". E despois sentencia que, estándomos como estamos nunha época de globalización, todo o que sexa reforzar a comunicación entre os seres humanos é correcto e todo o que supoña seguir mantendo reinos de taifas é incorrecto. O idioma galego é para este señor "un elemento do noso pasado", digno de ser coñecido e aprezado -concede o magnánimo doutor en Teoloxía Moral-, "pero nada más". E nese "nada más" está a condena a morte do idioma propio de Galicia, pasando por riba da mesma legalidade e desprezando a humanidade inmensa -literatura galega contemporánea incluída- que o noso idioma é quen de lle ofrecer ao mundo.
2 ago 2009
Ortega contra Cardenal
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR
El Correo Gallego, 02.08.2009
Coñecín a Ernesto Cardenal en setembro de 2002, en Tromso, Noruega, preto do Ártico. O autor da Oración por Marilyn Monroe era un dos convidados especiais a un congreso no que o vento, a friaxe, o lazo e mailo carambelo protagonizaron tanto coma poetas, novelistas, dramaturgos e demais literatos alí reunidos. Viña de vello a miña curiosidade por un home rebordante de paixón, fiel ao Evanxeos e a Karl Marx, como tantas veces el ten dito. Quizais por iso, cando o vin baixar dun autobús, aterecido, tremelicando de frío, vestido a penas cunha camisiña -a típica cotona nica-, calzado con sandalias, a cabeleira branca saíndolle da pucha metida até os ollos, semelloume un espírito despistado recén chegado do alén. Alí, en Tromso, merquei o seu irónico libro de memorias Vida perdida, que fun debullando mentres seguía ao crego revolucionario por recitais e intervencións públicas. Souben así que nacera rico pola casa, que vivira a bohemia de mozo e que participara na revolución do 54 contra Somoza. Tras aquel fracaso ingresou en Gethsemani (Kentucky, EE.UU) nunha comunidade de trapenses contemplativos. Ordenado cura con 40 anos, estableceuse na illas Solentiname onde fundou un grupo cristián vencellado ao FSLN. Co triunfo sandinista chega a súa etapa de ministro de Cultura, até que en 1987 forzárono a pechar o ministerio por falla de orzamento. Cardenal foi quen de aturar, de xeonllos e ante os ollos do mundo, a mala hostia do pontífice da cristiandade que, rubio de xenreira, arremetía contra a Teoría da Liberación. Agora, con 83 anos, suspendido ad divinis, o escritor está sendo perseguido por Daniel Ortega e a súa muller, Rosario Murillo, sátrapas do poder no país dos lindos lagos, o que chora de dor. Non só van contra Cardenal, a ofensiva exténdese a outros significados escritores sandinistas como Sergio Ramírez e Carlos Fernández Chamorro. Incrible, pero certo.
31 jul 2009
Moitos parabéns!!!
O escritor Manuel Rivas entra na Real Academia Galega
O autor d'Os libros arden mal substitúe a Camilo Gonsar na institución
Xornal.com, 31/07/2009
O escritor Manuel Rivas foi nomeado hoxe membro electo da Real Academia Galega, e ocupará a vacante producida polo falecemento en novembro de 2008 do académico numerario Camilo González Suárez-Chairos, máis coñecido como Camilo Gonsar, segundo informou esta institución nun comunicado.
Rivas, nacido na Coruña en 1957, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e traballou como colaborador para diferentes medios.
A súa faceta de escritor foi galardoada cos premios Torrente Ballester de Narrativa en 1995, o Premio Nacional de Narrativa en 1996 ou o Premio da Crítica Española en 1998.
29 jul 2009
Monxardín:Reflexións da súa viaxe a Xerusalén
Cans e piscinas Afonso Vázquez-Monxardín 28-07-2009:”La Región”
Os viaxeiros modernos antes de marchar a un lugar descoñecido procuramos dar unha volta por alí desde o aire co google earth ou mellor a vista de paxaro, se é que a hai, co bing.com/maps, por iso de ir tomando contacto.
Eu claro, fíxen o propio antes de marchar a Xerusalem e decateime, en primeiro lugar, que a definición de Israel non é a mesma que a de Galicia. Seguramente por cuestión de seguridade ou seguranza que me gusta moito esta segunda e vella palabra, os perfís da realidade física están máis esvaídos. Ou sexa, as cousas de alí non se ven tan claras. Se cadra é simplemente así a constatación da realidade. A realidade é bastante difusa.
Dietética identitaria Falar fálolles moito de comer pero é cousa que fago tamén todos os días. E como acabo de chegar de terras estrañas, unha das primeiras cousas que se fai é comparar. Que se vai alá máis calor, que se a vida é máis barata, que se a xente viste así ou asado, que se comen disto ou destoutro. Estes días lembreime de Estrabón. Saben vostedes coma min que o grego cando describía os galegos do seu tempo -ou do tempo de Posidonio de quen el apaña a información- dicía que eramos un pobo bárbaro sobre todo por razóns culinarias: bebiamos cervexa no canto de viño, comiamos fariña de belotas, usabamos manteiga en vez de aceite e ao sentarmos na mesa faciámolo xerarquicamente en vez de todos mesturados como corresponde co democrático acto do xantar. A cervexa na cultura mediterráneo-atlántica existe desde os faraóns de Exipto. As clases máis desfavorecidas de Grecia ou Roma gozaban co seu uso e tiñan o viño por máis refinado, elegante e caro. Tal que hoxe. A ver quen ousa pedir unha mariscada con cervexa.
Con motivo do corenta cabodano da chegada do home á Lúa (a muller aínda non chegou) os medios de comunicación interrogan a persoas famosas querendo saber como viviron aquel acontecemento. Eu non son así tan famoso como para que me poñan no presenteiro cando chegan estas efemérides, pero contareilles de calquera maneira a lembranza que gardo do evento. Non souben nada da alunizaxe ata o día seguinte por carecer a miña casa na altura de radio ou televisor. Sospeito que algo parecido lle sucedeu á mor parte da humanidade asentada en Asia, África, Illas de Oceanía ou certas partes de América Latina. Se os astronautas trepasen o chan lunar en hora menos intempestiva, tería seguido a fazaña na radio do Perfeuto en paz estea, muiñeiro e veciño conectado ás ondas mentres moía centeo na pedra albeira ou mesmo con noite, cando aproveitaba para picar as moas e escoitar de paso Ustedes son formidables. O rapazolo que eu era facía moita vida no muíño entreténdome con esas audicións, co pan e o millo que entraba pola moxega e saía moído pouco despois, cos pósters que adornaban as paredes (da selección española que lle gañara a Rusia ou dun Ajax de Ámsterdam que logo faría historia con Cruiff). Cando á mañá seguinte me informei da proeza, un fito na carreira espacial, compartillei o meu entusiasmo coa avoa Josefa e esta enfriou a miña excitación coa súa incredulidade. Non cría en Deus, para canto máis nos americanos. Díxome que a Lúa levaba aí no ceo desde sempre e ninguén poría o pé xamais no satélite. Coñecinlle que interpretaba o simple intento de alunizar como unha profanación e a conquista do espazo como cousa de aluados. Axiña cantarían Los Tres Sudamericanos La luna, la Luna ya está en el bote e a xente esquecería que había que trasfegar o viño e sementar o fruto coa lúa vella.
22 jul 2009
Aló, Presidente!!! Aló
ANXO TARRÍO VARELA Galicia Hoxe, 22.07.2009
"Non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos". Estas palabras emitidas por Arturo Casas no seu blog (landoas.blogaliza.org) o día 19 de xullo referidas ás que Núñez Feijóo pronunciara o día nove, parécenme dunha seriedade hermenéutica que ben merece algunha glosa nesta modesta columna a fin de que a súa improbábel lectura oriente a quen lea a consulta en liña da minuciosa disección que o profesor Casas fai das palabras do Presidente dende os presupostos teóricos, entre outros, da Análise do Discurso. Xa no seu día me chamara a atención o titular con que Galicia Hoxe saía en portada o día dez deste mes sobre a citada intervención que a véspera fixera o Presidente da Xunta de Galicia nun acto tan sinalado como o da conmemoración do 25º aniversario da creación do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí pode lerse: "Feijóo espeta diante do CCG que Galicia non está no monte Medulio". Hai neste magnífico titular dúas palabras nas que non sei se o lector do xornal reparou pero que resumen á perfección a estrutura discursiva de fondo sobre a que está elaborado o texto que prepararon os colaboradores do señor Presidente. Por unha banda, está a forma verbal en presente histórico (nunca tan negativamente oportuno): espeta, do verbo espetar, que en todas as súas acepcións ten os mesmos significados tanto en galego coma en castelán, pero que neste contexto vale por "Dicir ou facer algo dun xeito brusco ou violento; chantar" (Gran Diccionario Xerais da Lingua). A cortesía impediu que os redactores do titular non fixesen do CCG complemento indirecto da oración, cousa doada de perpetrar variándolle levemente algunhas cousas, como introducir nela o pronome enclítico "lle" (non proclítico, Presidente), despois do verbo principal, e pouco máis. E foi oportuna esta redacción porque Núñez Feijóo fíxo de todos os galegos os destinatarios do aviso que, efectivamente, nos espetou en primeira instancia diante CCG, que é unha das sinécdoques representativas do ser total do noso País. E ese aviso, que constitúe de seu, á parte dun insulto á intelixencia, unha obviedade xa ben superada hai moito tempo, non é outro que o que reza o complemento directo: "Galicia non está no monte Medulio". E velaí a outra palabra (mítica) que eu quería salientar: Medulio. Unha palabra que, na intención de quen lle elaborou o discurso ao Presidente e, xa que logo, do Presidente mesmo, vale tanto como dicir "durmida", "aló no pasado remoto", "resistencia aos cambios", "anacronismo", "fóra de actualidade", "pechazón autista", en definitiva, todo aquilo que o PP dá por sentado que nos define, incluído moi especialmente o empeño en non querermos desaparecer como Nación diluídos nun concepto trangalleiro, aqueloutrado e doente do Estado Español nin renunciar á nosa lingua a favor do castelán. Pero mellor conecten con landoas.blogaliza.org, que non está no aló, senón no acó dos tempos.
EMILIO DEL RIO. DIÁLOGO SOBRE ROMA Y LOS ROMANOS
-
El escritor, profesor y comunicador, uno de los grandes expertos del mundo
latino, presentaba en Martes de libros, de Fundación Ibercaja, su libro ‘*Pequ...
Saturei
-
Saturei, é dicir, dende que deixei s miña "última gran considerada
parella". A única gran parella porque durou anos de máis e tan tóxico foi
todo, antes e ...
Silvia Nanclares, Nunca voló tan alto tu televisor
-
Buenos días, amigas. Después de cuatro años sin escribir aquí es un enorme
placer estar vivas y poder dar pasos atrás para reiniciar algunos sistemas
qu...
Cambio e acción
-
A vida é un tren en marcha e, en cada estación, agóchase un intre
irrepetible. Algúns pasaxeiros soben á primeira oportunidade, con présa,
sen reparar nos ...
Cinema no Fórum: Outros horizontes
-
*Outros horizontes*
Poucos eran os afeccionados occidentais que sabían algo do cinema xaponés
alá por 1951, cando *Rashomon* de Akira Kurosawa obtivo o Le...
Traduttora, traditora
-
A tradución é un mal necesario: necesario pero un mal, ao cabo. Que non
daría eu por ler a Soseki en xaponés ou a Shakespeare en inglés! Neste
último cas...
ARDEN OS SANTOS DA PONTE
-
As nosas vidas son paralelas,pero non tanxentes. Tan lonxe. Acordei cedo,
por volta da sete e, co sol en timidez aínda. Deiteime no sofá, cos
personaxes do...
A orde dos recursos SI afecta o resultado
-
Nin o meu cerebro nin a plataforma da UNED somos espazos euclídeos. Non se
cumplen as propiedades conmutativa nin asociativa.
Da nada absoluta hai una seman...
A CHORIMA, A FLOR DAS NOSAS LETRAS
-
Chega o Día das Letras Galegas e montaranse, coma sempre, as
correspondentes aparencias de celebración. Prebostes de todo pelo asistirán
(pola mañá) a un a...
MS GLOW Acne Cream Salep
-
*MS GLOW Acne Cream SalepRp55.000*
Acne Cream Salep MS GLOW
mengandung bahan aktif yg dapat mengobati segala jenis jerawat. Serta
kandungan
niacin...
LIÑARES: PAZO NIQUELADO
-
Pazos de propiedade privada en perceptible auxe (Faramello), en declive
lento (Rivadulla) ou en abandono decidido (Quintela). Tamén pazos de
titularidad...
BREXiT
-
* 10 DOWNING STREET LONDON THE PRIME MINISTER 29 de Marzo de 2017* O 23 de
xuño do pasado ano, o pobo do Reino Unido votou a favor da saída da Unión
Europ...
-
*SURPRESA!*
Desenganem-se que sou muito mais liberal do que socialista, mas sou sujeito
a esse interessante anátema de que agora tudo o que não pertence ...
Dúas maneiras de ver o de Grecia
-
Hoxe pode un facer dúas cousas: ler o artigo de *Julio Llamazares*
publicado en *El País* co título de *Amor a Grecia,* ou o de *Xosé Luis
Barreiro Rivas* ...
Juneau Salmon Fishing
-
First, you should avoid doing this. In addition to this, you need an extra
step. If the juneau salmon fishing it came in. In other words, desperation.
It...
Commits To Idaho
-
Jeannot's mining operations played an important agricultural center with
lots of jokes that surround Idaho and Idahoans, you will have more time to
time,...
Berlín, cidade inabarcable
-
Xa non me satisfacen as viaxes se antes non atopo a forma de achegarme á
historia do lugar, á súa fisonomía intelectual, ás súas entrañas. No mes de
feb...
Brétemas inicia unha nova etapa
-
Dende hoxe estamos aquí: bretemas.com Expresamos a nosa maior gratitude ao
equipo de Blogaliza que nos acolleu durante catro anos con extraordinaria
xenero...
DEREITOS OU PRIVILEXIOS?
-
A instalación na tribuna pública do asunto das axudas que veñen percibindo
dende hai case dúas décadas os funcionarios do Concello de Ourense e das
cales ...
-
Pasamento de
MARCOS VALCÁRCEL
No día de hoxe, contra o mediodía, faleceu o amigo Marcos Valcárcel López,
despois dunha longa enfermidade.
Quen desexe darll...
Sinais de vida
-
Isto é unha despedida e tamén é un saúdo. Xa non haberá máis días
estranhos, e se miran cun pouco de atención notarán que empeza a haber
sinais de vida. Al...
Fusion:" GAYOSO" indefinidamente!
-
PRESENZA INDEFINIDA
Durante a súa intervención na conferencia, o Fiscal Xeral do Estado,
Cándido Conde Pumpido --que foi presentado por Gayoso--, se refer...
Desmentido
-
Sergio Vega, Shaka, afamado cantante de* narcocorridos*, acudiu aos medios
de comunicación para desmentir a súa morte. O *narcoterror* ten no punto de
mira...
De Toro
-
Nunca fun demasiado fan deste escritor. Gustáronme moito Polaroid, Land
Rover e (sobre todo) Tic-Tac. Non sei dicir que me pareceu exactamente
Calzados Lol...
Mudanza
-
En breve será redirixida á nova versión do blogue en blogaliza, onde
agardamos poder retomar as xornadas deste porto. Actualicen todo o que
teñan que actua...
por un soño
-
Un día, case sen querer, puxen esta foto neste blog, nada intuía que sería
o último que escribiría neste blog que me acompañou uns cantos anos.
Fun a vi...
Brétemas muda a blogaliza
-
Despois de catro anos con blogger estás brétemas mudan para a comunidade de
blogaliza. A partir de hoxe estamos aquí, onde iniciamos con enorme ilusión
as ...
Paisaxe con figura
-
(21º da serie "Épica apócrifa")Traballara moito toda a vida. Sempre o
mesmo. O ciclo estacional da labranza ano tras ano. Recomezar o rematado
unha e outra...
Cuestionario Proust
-
Un cuestionario mándame un amigo
que na miña vida me vin en tal aperto...
Pois si, convídame a facer un cuestionario Proust e, aínda que parece
doado, a mi...
9, 8, 7...
-
Moitos de vós xa sabedes de que vai isto. Xeración Web, o proxecto no que
levamos embarcados diversa xentiña (poucos, pero majiños) dende hai algún
tempo,...
Alfalfa e omega
-
*Coa excepción de Nietzsche, os lingüistas e os psicólogos non fixeron
moito por exploraren o xénero ubícuo e ensarilhado da mentira**. Apenas
contamos cun...
Pechamos por traslado
-
333 entradas despois.
PECHAMOS POR TRASLADO
Dende agora, se aínda lle quedan gañas de ler as cousas que a un lle dá por
escribir, terá que facelo en
http://...
The made whole temple of joy
-
You accept my dream dreaming of an all-knowing waterfall.
I seethe ecstatically, ecstatically.
Did I so recently drift, soundlessly?
The sky longing for a...