23 may 2006

SEGUE O RUXE-RUXE: O DEBATE DE FALEMOS GALEGO.
Segue o debate nacido neste blog sobre o Galego En Positivo. Se hai uns días era Víctor Freixanes o que manifestaba a súa opinión, hoxe súmase, co mesmo entusiasmo e un fermoso artigo literario, Alfredo Conde dende a súa columna diaria en "El Correo Gallego" (sección "Os outros días").

Falemos e salvemos o galego (Alfredo Conde)
¿Fermosa é toda a nosa fala, palabra a palabra? Eo. Palabra por palabra. Palabra. Sucede que algúns aínda non o saben. Aínda están a tempo. Palabra.
Alá polas miñas terras de nación, alá por Ourense a Dourada, que tal a amosa o sol cando a baña no outono. No outono, cando a xente vai apañando uvas que poden dar chegado ata o nadal. Daquela, seino ben, pois no bico do cangallo deitabamoslle unha gotiña de cera derretida que algo debía axudar a elo, ou tal criamos; no outono, dicialles, pendurabanse os acios de uvas nas solainas de xeito que o dourado sol e mailos ventos que baixaban dos montes máis solemnes e rotundos, máis míticos e hoxe máis amados lle deran vida. E dabanlla. Dabanlla mentres a vida declinaba. Éralles o outono. Sol e vento a acariñar, dourandoas, facéndoas de ouro, as uvas na solaina. Bagos de uva coma ouro, ou coma bagoas. ¡Deus que fermosura! Así as palabras. E daban chegado ó nadal, á festa da luz que nace e se renova, vaia se daban.
Por Ourense a Dourada din que se a política non deu acabado co galego, a política tampouco non o vai salvar. Din que somos nós, a sociedade civil, os que temos a palabra. E a cera, diría eu. A xalea real. Mesmo a solaina. Tamén temos as gañas. Teñen razón. Non son as subvencións, nen esta nosa cultura suntuaria e de ilusorias pompas de xabón, quen van salvar a nosa fala.
O galego é de todos e salvarase entre todos ou non se salvará. Non é deste ou daquel, daqueles ou destes, deste partido político ou desta concepción do mundo. É de todos. Privilexio de ninguén en exclusiva, patrimonio común e sabiamente compartido. O galego non é un arma arreboladiza, un arma política ou partidaria, senón un fermoso intrumento de comunicación, o noso e peculiar, e enxebre instrumento de comunicación que non está enfrontado con ningún outro, que non exclue ningún outro e levamos no corazón como se fose unha bandeira. Unha fala nunca é nemiga doutra fala. Son os homes quen as veces se nemistan.
Tal din por Ourense a Dourada, onde se douran as palabras na solaina. Ogallá que o dito se espalle como auga que alague e que fecunde. Benvida a ilusión, benvida a luz neste mes polar ós que nos han dicir do outono. Falemos galego. Ten as palabras tan fermosas coma os bagos de uva dourados polo sol do outono e qué fermosa é a paisaxe contemplada dende a solaina solaz e serena deste tempo que por fin se anuncia sosegado. Palabra.
ac@alfredoconde.com

Entre liñas, a cultura escrita
(Andoliña martes 23 maio)
Hai unhas semanas clausurábase, no campus ourensán, a mostra ‘Entre liñas’, interesante reflexión sobre os pousos da cultura do libro. Froito dese mesmo pulo, a Universidade de Vigo editou o libro Entre liñas. Unha ollada á historia da cultura escrita en Galicia, coordenado por Pablo Sánchez Ferro. El mesmo salienta no limiar o carácter serodio da cultura escrita: seis milenios dende a cultura Uruk do Próximo Oriente, fronte a noventa mil anos da especie humana.

Este volume vén ser un bocexo da historia da cultura escrita en Galiza, un oco aínda por encher na nosa produción historiográfica. Colaboran nel os profesores Susana Reboreda, Beatriz Vaquero, Ofelia Rey Castelao e Xosé R. Barreiro Fernández. A viaxe que propón é de certo apaixonante: dende as epigrafías romanas ata a literatura clandestina do noso país a finais do século XVIII. Sublíñase a importancia da vía relixiosa na romanización, tal como quedou reflectido nas inscricións relixiosas e funerarias. Abórdase o esplendor cultural do século IV d.C. (S. Reboreda) e tamén un mapa moi detallado das dotacións educativas das cidades galegas na Idade Moderna (B.Vaquero). E algunhas cousas máis das que seguiremos a falar (Imaxe: Pontormo, detalle da Anunciación, 1527).

22 may 2006


MÁXIMAS, AFORISMOS, UNHA LECTORA
(La Región 22 maio 06)
La Rochefoucauld. François de la Rochefaucauld foi un dos grandes moralistas da súa época. Pertencía a unha vella estirpe da nobreza francesa e viviu nos tempos de Richelieu e Luis XIV. Das súas “Máximas”, que tiveron a súa primeira edición en París en 1665 (viu cinco edicións do libro en vida), dicía Nietzsche que as prefería a “todos os libros xuntos de todos os filósofos alemáns”. Velaí algunhas que falan da intelixencia, das paixóns e da bondade:
A maior intelixencia consiste en coñecer detalladamente o valor das cousas.
É unha gran intelixencia saber ocultar a súa intelixencia.
As mentes estreitas adoitan condenar todo o que estea máis aló do seu alcance.
Un home de enxeño veríase a miúdo moi embarazado sen a compaña dos necios.
Do mesmo xeito que o que distingue as mentes despexadas é dar a entender en poucas palabras moitas cousas, pola contra os babecos teñen o don de falar moito e non dicir nada.
A paixón a miúdo converte en tolo ao máis sensato dos homes, e a miúdo tamén fai sensatos aos máis atolados.
Ninguén merece ser eloxiado pola súa bondade se non ten a enerxía suficiente para ser malo; calquera outra bondade non é a miúdo máis que preguiza ou impotencia da vontade.
Agustina Bessa-Luís. Da gran escritora portuguesa e dos seus “Aforismos” (Lisboa, 1988), escollemos seis pequenas xoias:
“Tudo acaba, até o sol, até os nomes que damos a Deus”.
Todo home que morre é un deus cercado de poderes que tivo e non gozou, porque temeu a súa divindade.
A vellez é o desapego que xa se alia á morte. É pois a liberdade.
Cando morre un home, morre un actor.
Algún día a sombra do home terá máis realidade que o propio home.
Tan pouco se medra, entre a infancia e a morte!
A lectora de novelas. No ano 1853, un gran pintor romántico belga, precursor do Simbolismo, Antoine Wiertz pinta “A lectora de novelas” (na imaxe), que se conserva no Musée Wiertz de Bruxelas. Unha muller deitada na cama, totalmente espida, concentrada na lectura dunha novela. Na beira do leito a man dun diaño vai depositando novos libros para corromper a súa alma: esa era a concepción que daquela tiña a Igrexa católica sobre o efecto pernicioso das novelas románticas da época. Por certo, pódese distinguir o autor dos libros corruptores: o gran Alexandre Dumas, tan de moda naquela época. O cadro é un prodixio de concepción e de feitura: quizais na súa intención ata fose moralista, pero Wiertz trata a modelo con tal sensualidade que o efecto que produce no espectador é xusto o contrario.

21 may 2006



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1922, O ANO DO "MÁIS ALÁ"
Como todos os domingos, dende o pasado mes de xaneiro, sigo co meu percorrido polo século XX na nosa historia cultural, no xornal galicia hoxe. Este domingo a cita é co ano 1922 e eiquí deixo a ligazón: foi o ano do manifesto Máis Alá de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro (fago algunhas referencias breves sobre a súa recepción na prensa galeguista en en La Zarpa). Tamén cando empezaron a saír os magníficos volumes de narrativa breve da colección Céltiga: Xaime Quintanilla, Gonzalo López Abente, Castelao, Eladio Rodríguez González, etc. Iniciábase unha etapa de auténtico esplendor das Letras Galegas que duraría xa ata 1936. E o momento do nacemento en Vigo do xornal Galicia, aquel espléndido xornal liberal e galeguista. Tamén foi o ano en que naceron, entre moitos outros, Luz Pozo Garza, Tomás Barros e María Casares.

ARRAIANOS
Pan por Pan domingo 21 maio
Hai xa anos que naceu Arraianos, asociación “que se ergue como unha cornamenta épica de vaca cachena sobre os planaltos desa fronteira que se debruza entre Galiza e Portugal” e que inmortalizou a estirpe ferriniana nun dos seus mellores libros, co mesmo nome. Dese pulo sae a revista “Arraianos” que chega nesta primavera ao número 5 con colaboracións de Riveiro Coello, Viale Moutinho, Xurxo Sierra Veloso, Domínguez Alberte, Fran Alonso, Ramón Nicolás, etc. Tamén deste cronista que aquí asina (que esculca na presenza de Curros na prensa de Celanova). Nesta entrega hai valiosos traballos, entre outros, sobre as máscaras de inverno nesa zona (por José R. Cruz), sobre os signos lapidarios da Torre de Vilanova (Mascareñas Alonso) ou mesmo unha peculiar lectura dos relatos de Ferrín polos psiquiatras David Simón e Emilio González. Velaí unha das revistas comarcais máis dignas do país. (En www.arraianos.com figuran os sumarios dos cinco números anteriores da revista).

20 may 2006


Segue o debate FALEMOS GALEGO: EN POSITIVO
Naceu neste blog e está tomando forma e cobrando apoios: un proxecto a favor da nosa lingua en positivo, sumando e non restando. Un proxecto que funcione como Laboratorio de Ideas a favor da lingua galega e que sume colectivos, sectores, persoas, hoxe arredados do galego, pero non hostís á lingua. Unha estratexia que deseñe formas de tender pontes e de abrir fiestras. Nesa liña vai tamén o artigo de Víctor Freixanes hoxe en La Voz de Galicia (sección "Vento nas Velas": o pasado mércores falamos destes temas con el e con outras persoas (Ferro Ruibal, Carlos Varela, etc.) e só podo dicir polo de agora que moita xente está esperando un aceno neste sentido. Velaí o artigo de Freixanes:

Emitir en positivo
ERRA de cheo o Partido Socialista de Cataluña con esa campaña a prol do novo Estatuto de Autonomía dirixida contra o Partido Popular. Refírome a esa campaña na que o PSC pide o voto favorable no referendo do próximo 18 de xuño argumentando que dese xeito os votantes derrotarán decididamente ao PP (sen facer referencia ningunha a Esquerra Republicana, por certo), porque o PP disque está contra Cataluña. Nos manuais de estilo da comunicación hai unha lei que advirte contra os que titulan en negativo. Titular en negativo significa sempre restar, nunca sumar. Ás veces é inevitable, certo. Pero sempre que se poida (e en política moito máis) o discurso debe ser o contrario. A sociedade necesita vento a favor para navegar, nunca en contra. ¿Non hai argumentos para salientar os méritos da causa que defendemos? ¿Tan fráxiles son que necesitamos descualificar, arredar, asustar ás audiencias coa ameaza dos que pensan ou defenden unha posición distinta da nosa? ¡Contra Franco viviamos mellor!, aínda sentimos dicir a algunha xente. Son os desesperados, ou os desesperanzados, ou os derrotados. ¡Claro que non viviamos mellor contra Franco! Contra Franco non viviamos. Só dende a simplificación, sen intelixencia, se pode soster semellante afirmación. A democracia esixe propostas, ilusión, proxectos de futuro, trabes e armaduras para levantar a casa, non petardos para derrubala. Ninguén se apunta á destrución, nin á catástrofe, nin aos funerais (por moi ben diagnosticados que estean), nin ás derrotas. ¿Lémbranse dos «profetas do non»? Durante moito tempo o nacionalismo e a esquerda (tamén o nacionalismo galego) construíu o seu discurso á contra: non ás celulosas, non á autoestrada, non ás centrais nucleares, non aos encoros... A maioría desas campañas (non todas) estaban xustificadas, tiñan razón de ser naquel momento, pero a sociedade percibíaas sempre en negativo, e en negativo non se constrúe nada. Agardábamos outra cousa dos cataláns do PSC, francamente. Todo o contrario do manifesto que me chega estes días a través do correo electrónico a prol da lingua galega, asinado polos amigos Alfonso Monxardín e Marcos Valcarcel, dende Ourense. Con humor, con imaxinación e afouteza, di máis ou menos así: «Traballemos polo galego e comámonos a beixos». A lingua é un espazo de todos, un espazo para unir e sumar, non para restar nin arredar aos que non a falan (aínda) ou pensan diferente ca nós. O académico Ferro Ruibal falaba o pasado 17 de maio en Sada dos «falantes pasivos», esas persoas que, aínda estando en condicións de falar o idioma, polas razóns que sexan, moitas delas profundamente enraizadas no ADN dos comportamentos (instalados na xenética do fracaso, a inseguridade e o medo), non a falan, resístense a incorporarse ao pulo común do seu uso normal e normalizado. Houbo un tempo que a táctica de algúns consistía en denuncialos ou descualificalos, como se non fosen galegos. Ferro Ruibal propón, e moitos sumámonos decididamente a esa proposta, a táctica da comprensión e do afecto: xa virán, deámoslles tempo, pero sobre todo deámoslles probas e argumentos para que veñan a ese territorio que nos une e no que nos recoñecemos, o universo das palabras herdadas dos avós, transmitidas felizmente e sen complexos aos fillos e aos netos. ¡Falemos galego e comámonos a bicos! Gústame a invitación. Non necesitamos estar contra ninguén. Temos argumentos abondo para defender a causa que nos convoca. Os cataláns do PSC equivócanse. O futuro só se constrúe dende a ilusión dos proxectos compartidos.

DON RAMÓN: QUERIDÍSIMA MAMACIÑA
(Andoliña sábado 20 maio)
Hai uns días, na súa charla no Liceo de Ourense sobre Otero Pedrayo, Víctor Freixanes anunciou dúas novas editoriais relacionadas co señor de Trasalba. Unha, a publicación das súas cartas con Castelao que está a preparar Alonso Montero e que verán moi cedo a luz: nelas amósase como foi Otero o núcleo activo que transmitiu de vagariño a sorte e saúde do Castelao exiliado, ata a súa morte en xaneiro de 1950, ao conxunto do galeguismo.
E a segunda, a edición, que tardará máis, das cartas que Otero escribiu á súa nai, dende 1905, con 17 anos, ata a morte de dona Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, en 1957 (con case 98 anos). Trátase de máis de mil misivas epistolares que están a catalogar Patrias Arias Cachero e Mónica Pazos Martínez. Houbo días que don Ramón mandou na mesma xornada ata tres cartas á súa nai: un caso singular na historia literaria de fecunda comunicación maternofilial.
A revista “Grial” vén de publicar, no seu último número, algunhas destas cartas, que constitúen unha parte relevante das memorias da súa vida que nunca escribiu (só parcialmente): se se len con atención, mesmo se descobren riscos do seu inconfundíbel estilo.

Dona Segunda República debeu quedar abraiada, supoño
Por aí embaixo anda un post no que anunciaba a miña intervención nun debate sobre a guerra civil e o franquismo en Telemiño. Xa deixei alí unha primeira impresión, pero agora veño de ver o programa gravado enteiro e quero engadir algo. A sensación de disparate é aínda maior que cando eu estaba alí. Aquilo semella que rematou sendo un debate sobre Carrillo, Paracuellos e o ouro de Moscú: quizais o moderador debeu acotar máis o tema ao que falaramos previamente, centrado en Ourense e nas tres etapas (República, guerra e dictadura, desta última non houbo tempo a falar).
E, si, na publicidade seguiu o debate. Carmen Nóvoa, socialista acérrima, quería marcharse e estaba indignada porque Virxilio se meteu con Zapatero e Bono (presumiu de berrarlle ao ministro nun acto público na Catedral de Toledo). Coa súa teoría dos "catro tolos" non oímos de don Virxilio nin sequera unha palabra de arrepentemento da súa militancia falanxista naqueles días. E todos sabemos o papel que tivo Falanxe (á marxe do que el fixera, reciclado logo en Acción Católica) naqueles días: o traballo suxo do exterminio, arredor de mil mortos en Ourense, nun concello que non pasaba dos vinte mil, algúns máis se sumamos Canedo. Os "paseados" ("claudiados" en Ourense) aínda están sen contar rigorosamente.
Quizais conveña a emisión destes programas para que saibamos como é a realidade, que non é o que nós percibimos nos nosos círculos máis estreitos e ideoloxizados ou ilustrados: hai moito pensamento franquista aínda vivo e non só nestes "supervivientes de Falange". Non é tamén curioso que as chamadas exteriores fosen en apoio dos pro-golpistas? A Amador coñézoo hai tempo das cousas da cidade, pero non sábía que era tan reaccionario.
E o Virxilio, por se alguén non o sabe, é irmán dos escritores Julio e José Luís López Cid, debe ser a ovella negra (ideolóxica) da familia. Pareceume tamén indignante a súa utilización de persoas republicanas xa mortas, como Alberto Vilanova, para xustificarse, ou mesmo de comunistas como Clemente Jiménez para atacar a Carrillo. Ao seu irmán José Luís López Cid sempre lle quixen ben e sempre me tratou moi ben e mesmo me presentou nunha ocasión a Valente traballando na Biblioteca da Deputación Provincial. Que pensaría deste seu irmán "exaltado"?
Pola miña banda, aínda que tiven pouco tempo para falar (sen ser maleducado), dixen o esencial que quería dicir. Sobre todo, quedei satisfeito da miña intervención final con estes dous reclamos:
(1) Concello de Ourense (grupo de goberno) retire xa as últimas pegadas do franquismo na cidade: eses nomes golpistas de "Coronel Ceano", "Capitán Eloy", etc.
(2) Seguimos a agardar un aceno de perdón e arrepentimento polo papel da Igrexa (institución) bautizando como "Cruzada" e asistindo a esta barbarie no bando gañador. Nin sequera unha palabra en nome dos católicos masacrados: entre outros, A. Bóveda, Camilo Díaz Baliño, o nacionalista catalán Carrasco Formiguera, etc.

19 may 2006


Do ensino nos Estados Unidos (Frank McCourt)
(Pan por Pan venres 19 maio)
“Fai falla moito valor e moitas gañas para poñerse diante de 175 adolescentes cada mañá”, afirma o escritor Frank McCourt, premio Pulitzer por “As cinzas de Ánxela”. A súa última novela titúlase “O Profesor” e di que resume os seus 30 anos de experiencia nas aulas. Do ensino di que é “a profesión máis difícil de todas”, critica os baixos soldos dos docentes e a masificación de alumnos e engade que é “a única profesión que non está dirixida polos que a practican”. Arremete contra os burócratas do ensino e afirma que para ser un bo profesor é preciso “ter paixón polo que se está a facer, amar o traballo”. Tamén engade que un profesor debe procurar que os alumnos teñan dúbidas, non certezas. E, ademais, dicir a verdade “porque aos mozos engánaos todo o mundo, a Igrexa, os pais, os políticos...”. McCourt daba clases nos Estados Unidos. Isto non ten nada que ver co noso mundo, ou si?
(Imaxe: a Palas Atenea de Parmigianino)

18 may 2006


FRANCISCO CASTIÑEIRA, PREMIO OURENSE DE CONTOS 2006 CASA DAXUVENTUDE
(Nota informativa do xurado)

Francisco Castiñeira Romar, coruñés de 29 anos, acadou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade que na súa 23ª edición, convocaron a Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar, como contribución á festa do Día das Letras Galegas. Pola obra "Inventario de nubes" recibirá 750 euros, ademais de vela publicada. Dela di o autor: "está estructurada en dez partes, cada unha delas cun tipo de nube como eixo, que lle valen ao atormentado protagonista-narrador como fío para tecer a súa historia en primeira persoa. Foi pensada para intercalar cada unha destas dez partes (dez nubes) polo medio doutra escolma de relatos que xa teño redactado e da que ando na procura de editora"

Tamén se publicarán os catro accésit, que recaeron en Beatriz Lorenzo, de Ourense, polo conto "Laranxas amargas"; Mario Otero Iglesias, do Corgo, Lugo, polo conto "Mathematica"; Miguel Segador López, de Ourense, pola obra "Orfeo Alleado" e Alba Cid, tamén de Ourense, polo conto "Un acordeón para a nostalxia" —este último, dentro do apartado de menores de 18 anos—. Cada un dos catro recibirá 200 euros de premio.

Ao concurso presentáronse trinta e nove contos de trinta e cinco autores proce­dentes de toda Galicia. O Xurado estivo composto por Serafín Alonso, Raquel Feijoo, Marco Valerio Lama, Nieves Pérez, Mª Xesús Sarmiento e Benito Losada, como secretario sen voto.

A entrega do premio farase o 3 de xuño, na próxima Feira do Libro, que terá lugar en Ourense.
Ourense, 17 de maio de 2006
(Francisco Castiñeira Romar. "Nacín en Suíza en 1977 e vivín sempre na Coruña, ata que hai dous anos me trasladei a Oviedo. No literario adiqueime ata o de agora ó relato curto, acadando varios premios. Din publicado un libro de relatos co título de " Seica chove" (Baía Edicións, 2002). Á parte, teño un blog-bitácora na internet, á que estades convidados: http://www.ningures.blogspot.com/, onde podedes atopar máis información".)

Da historia do premio (M.Valcárcel)
A Casa da Xuventude de Ourense e a Agrupación de Libreiros patrocinan cada ano o Concurso de Contos para a Mocidade, unha interesante plataforma de lanzamento de novos narradores que conta xa entre os seus gañadores con autores xa tan consagrados como Xosé Carlos Caneiro e Antón Riveiro-Coello, entre outros. En concreto, os gañadores foron, desde 1984 e ata o 2005, por esta orde cronolóxica: Xosé Carlos Caneiro; Anxos García Sumay; Xosé M. Paramos Neira; Afonso Vázquez-Monxardín; Alexandre Sánchez Vidal; Pedro Gonzalves, Pablo José Hermida; Xosé Lois G. Sende; Ánxeles Alfaya; Eva Moreira Fontán; Ánxeles Alfaya; Antón Riveiro Coello; Ana Cristina López; Marisé Suárez Leal; Xonxa Fernández; Martiño Maseda; Eva Moreda Rodríguez; Marta Pérez Martín; Xosé Díaz Díaz; Pablo Piñón Dacal, Iván García Campos, Ignacio Mascuñán Freijanes.
Desde 1991 edítanse os contos premiados en pequenos volumes, coordenados por Benito Losada e Henrique Torreiro, que recollen o relato gañador e varios accésits. Cada libro inclúe ademais un dato de interese sociolóxico como é a relación completa de participantes coa súa ubicación xeográfica (por exemplo, 56 mozos e mozas de Galicia, Euskadi, Alemaña, Londres e Suiza fixérono no ano 2000). Entre eles figuran tamén nomes xa coñecidos no mundo literario como Rafa Villar, Estevo Creus, Emma Pedreira, Pablo Vázquez Pereira, Marco Lama del Corral, Raúl e Lois Pérez Diéguez, etc.
(Imaxe: Alice, 1915, de Modigliani)

LUGRÍS NO PARAÍSO DOS PATRIOTAS
(Andoliña xoves 18 maio)
Foi don Xesús Ferro Ruibal quen obrou o milagre, na xuntanza da Real Academia Galega en O Castro, de achegarnos a voz de Lugrís Freire nun seu texto apócrifo. Por el soubemos que aló nos outros mundos saben avaliar ben o que significa o pulo e a vontade de construír un país, o esforzo por abrir todas as fiestras e tender todas as pontes, o alento por facer da cultura de noso a cerna das nosas vidas. O espírito de Lugrís estivo, vaia que si, no emocionado discurso do Suso Ferro e ninguén dubidaba naquel anfiteatro cheo de magna ilustración e corazón galeguistas que o labor dos grandes precursores como Lugrís non foi inútil. Xosé Luís Axeitos presentounos ao sadense como un pioneiro tamén na creación dos espazos da memoria, dende os Mártires de Carral ata a película “Maruxa” na nosa lingua, e Xosé Neira Vilas lembrou a descuberta da galeguidade do noso autor nas terras cubanas, onde consolidou aquela emoción pola Terra que sentira dende mozo.
Pechou o presidente da Academia e reclamou todos os dereitos que a nosa lingua ten, con toda a solemnidade necesaria. Mesmo deixou un consello agarimoso, feliz, para as nais galegas: eduquen, por favor, aos seus fillos no noso idioma. Así sexa.

17 may 2006



Unha viñeta xenial de Xosé Lois, O Carrabouxo
Hai días que está verdadeiramente xenial e hoxe foi un deles: velaí a viñeta de "O Carrabouxo" en La Región neste 17 de maio. Xa que aquí tamén se falou de linguas, de bicos e de beixos...

En defensa do Día das Letras
(Andoliña mércores 17 maio)
Todos os anos por estas datas xorden voces críticas co Día das Letras Galegas que advirten do seu carácter ritual e necrolóxico ou que afirman que só serve para facer exequias, etc, etc. Pois non estou de acordo. A invención do Día das Letras foi unha feliz iniciativa que serviu en 1963, da man de Del Riego, Ferro Couselo e Gómez Román, para restaurar a memoria negada deste país. A través dun escritor.
Pero lembrar un escritor ou unha escritora é tamén lembrar de xeito conxunto a súa xeración e o seu tempo histórico: neste 2006, esa honrosa Cova Céltica e os tempos esquecidos da Solidaridad Gallega, nos que militou Lugrís Freire, iniciando tantas cousas, con todos os seus pulos e a súa férrea vontade. E coa recuperación de Blanco Amor, Luís Seoane, Blanco Torres, Lorenzo Varela, Dieste, etc. iniciouse o rescate dos anos republicanos, das vítimas da guerra incivil e dos tempos do exilio: labor ben meritorio, sen dúbida.
Outra cousa sería pensar que o 17 de Maio vaia ser a panacea de todos os males da cultura e do idiomas galegos. Iso non, claro. Semella demasiado inxenuo, aínda se o fan persoas ilustradas e sagaces, pensar que nun día se poden arranxar tantas cousas...
Noraboa por ese Día das Letras Galegas en Suecia.
Nestes días hai actos sobre as Letras Galegas en varias cidades do mundo. Velaí en Suecia. Ou en Buenos Aires onde falará Torre de Babel no Centro Galego. De moitas delas enterámonos polos blogues. Mágoa que ningún xornal noso cubra estas informacións cunha reportaxe ampla.

16 may 2006

Falemos galego e comámonos a beixos
(Na liña do debate aberto neste blog, o pasado 11 de maio, o amigo Afonso Vázquez-Monxardín publica hoxe, no xornal Galicia Hoxe, este magnífico artigo que creo que podería servir de manifesto para todos os que estamos a reflexionar sobre un novo discurso e unha nova estratexia en favor do galego).

No ano 1966, hai corenta anos xa, o médico ourensán Carlos Guitián, mandou imprimir uns autoadhesivos para pegar nos cristais dos coches con intención de os repartir entre os amigos que puñan, simplemente, "Falemos Galego". Renacía un soño de ilusión e esperanza compartida.
Corenta anos despois, o galego segue vivo entre nós como vehículo de expresión maioritario no país e no medio dun mundo tan diferente como inimaxinable naquel momento.
Algúns daqueles soños empezaron a virarse en realidades -o galego no ensino, nos medios de comunicacións, con estatuto de lingua oficial na Terra...- pero outros temores sentidos daquela, tamén seguen entre nós, sobre todo a redución do seu uso na mocidade e a dificultade para a conquista de determinados ambientes das cidades.
E aquel movemento de esperanza e ilusión foi declinando a medida que Galicia se ía organizando política e administrativamente.
Moitos compoñentes da nova sociedade civil, plural e libre, pensaron que agora o tema do idioma, da supervivencia e futuro dese vehículo de comunicación e identidade, xa non era cousa deles.
Para iso estaban as novas institucións, a Xunta, o Parlamento, a Televisión, os partidos políticos e mesmo os profesores de Lingua e Literatura Galega nos colexios a se preocuparen polo asunto. Os ensinantes viron así, inxustamente, sobredimensionado o seu papel como se a "salvación" da lingua dependese deles.
E entrementres, a sociedade civil, a xente do común, arrefriou o seu amor, moitas veces influídos tamén, porque os que máis se debían interesar no idioma, non acababan de pórse de acordo, e porque este camiño que se ía construíndo sen planos e a medida que se avanzaba, moitas veces pasaba por esgrevios terreos de minifundio.
As pelexas ortográficas, as pelexas toponímicas, a utilización da lingua como arma política arreboladiza duns con outros, fixo sentir a moitos que a cousa non era tan doada, e que non pagaba a pena o esforzo.
Que aínda que se seguise falando en galego, que aínda que agora houbese televisión, escola, radio..., a inexorabilidade do fado íanos conducir á de- saparición.
Pero non é así.
Recuperemos a esperanza. Sempre que hai unha botella medio baleira, é que está tamén medio chea. E se queremos que a xente beba nese viño maduro, debemos falar máis do que queda, e menos do que xa foi. O galego é unha das 300 linguas de máis dun millón de falantes nun mundo de 7000 linguas. O galego non vai desaparecer.
Non o pode facer unha lingua de escola, política, ciencia, ensino... unha lingua moi amada e nunha situación oficial.
O tema, non menos importante, claro, é cal será o futuro uso. ¿Ritual e identitario -como o irlandés- ou como medio de relación universal entre todos nós, ou só entre algúns?
A lingua é túa. É del. A lingua é dela. A lingua é o cemento que une a nación. E a lingua será o que a nación queira. Os galegos, desde os Reis Católicos a Franco, ignoraron as políticas asimilistas, por iso seguimos falando galego.
A política non deu matado o galego e a política, agora, tampouco o dará salvado, por moito que faga, que moito ten que facer.
Porque a lingua é túa e é dela. A lingua é del. E a lingua será o que a nación queira, e eu quero que a nación queira que a lingua viva viva e non que reine morta.
A cousa vai contigo. Aí, nesa lingua privada túa, do amor e do desamor, do riso e da bágoa, do neno e da moza, non mandas máis ca ti. E iso é cousa só túa. Non balas, beixos precisamos. Falemos galego e comámonos a beixos.

Con Franco ou contra Franco
Para os que vivan na comarca de Ourense, esta información: hoxe ás 22 horas, en directo en Telemiño, un debate sobre Franco e o franquismo.
Da banda favorábel (!!!!) a Franco: Amador Rego, xubilado; Virxilio López, exprofesor e excombatente do bando franquista; e Juan Manuel Álvarez, exalcalde e testemuña da guerra dende o bando gañador.
Da banda contraria: Carmen R. Nóvoa, socialista; Alfonso Pazos, avogado, e este cronista, como historiador.
A ver qué pasa!!!
(Imaxe: O asasino, de Luís Seoane).

Non se deixa xubilar
(Pan por Pan martes 16 maio)
Algúns tiveron moita presa en xubilalo, pero a cousa non vai por aí. Xosé Manuel Beiras segue sendo un referente social e cultural sen discusión. Hai un ano recibía o Pedrón de Ouro, entre outros recoñecementos. Nestes días pronunciou unha conferencia en Ferrol, seguida dunha cea-homenaxe. Publica todos os domingos un artigo de temática política no xornal “Galicia Hoxe” (abondo escéptico coa política galega de hoxe). Vai recibir, no remate deste mes, o título de “Galego Egrexio”, concedido en Vigo pola Fundación Premios da Crítica (honra que mereceron nomes como Filgueira Valverde, Torres Queiruga ou Alonso Montero). Creo que vai ser tamén o mantedor da entrega de premios Lousada Diéguez en Boborás. Todo iso sen citar a súa presenza no Foro Social Mundial e noutras actividades políticas apartidarias. Que Xosé Manuel Beiras non se deixa xubilar, vaia!

15 may 2006


FALEMOS GALEGO
(La Región 15 maio 2006)
Unha xeración intermedia. Entre o galeguismo de preguerra e os novos grupos do tardofranquismo houbo unha xeración intermedia ás veces esquecida, a que se move na década que vai entre 1965 (a Auriense fúndase en 1967) e 1975. Quero hoxe relembrala nalgúns dos seus nomes: Carlos Guitián, Xosé Lino Vázquez-Monxardín, Salvador Rey, Eustaquio Puga, “Anxo”, Antón da Ponte, Nemesio Barxa, Antón Romasanta, etc. Era tamén a xeración do meu pai. Eles fixeron as primeiras pegatinas de “Falemos Galego” e corrixiron os primeiros topónimos castelanizados no noso país. Estaban arredor dos máis vellos, que viviran a guerra dalgún xeito, moitos aínda mozos (Otero e Ferro Couselo, Leuter e Bieito Fernández, Xoaquín Lorenzo e “Ben-Cho-Shey”, Luís Taboada). Impulsaron a Auriense, a misa galega do Santo Cristo e a Coral de Ruada (daquela con Manolo de Dios). Promoveron a Festa da Árbore e a presenza do galego nos xornais, se facía falla mandando cartas ao director a cotío. Ou protestando contra o xandasbolismo, a burla dos galegos que se facía no cine e na TV: teño nas mans unha carta dos anos 60 nesa liña, asinada por María Asunción Montero, a muller de Carlos Guitián.
Moitos deles participaron tamén nas grandes andainas culturais dos anos 60: con Antón Tovar, con Celso Emilio, con Blanco Amor, tamén no Ateneo e no Liceo ou nas asociacións culturais nacidas nas vilas. E nos primeiros recitais e concertos do que se había chamar Voces Ceibes. Eran anos intermedios: sobrevivían os rescaldos do galeguismo dos mellores, velaí Galaxia e o mundo cultural na súa contorna, pero aínda non chegara o novo nacionalismo de esquerda que dende 1972 se instala nesas plataformas e imprime outra dirección política. Foi unha xeración intermedia: das que abriron fiestras e crearon pontes co pasado e co futuro. Como a “Cova Céltica” na que militou Lugrís Freire moito antes das Irmandades e da Xeración Nós.
Andrés Mazaira. Leva varias semanas de despedida e véselle feliz. Mazaira, dende o seu posto de vicerrector na Universidade, derrubou muros. Non só aquel muro ignominioso que escondía as facultades dos ollos da xente do común. Sobre todo os muros mentais, máis difíciles de derrubar sempre. Mazaira puxo á Universidade de Vigo, no campus de Ourense, en contacto estreito coa sociedade: cos grupos empresariais, co mundo da prensa, co Parque Tecnolóxico e cos motores económicos, cos sindicatos, cos núcleos culturais da cidade, etc. Ninguén pode discutir isto. A Universidade creou novas infraestruturas (esa magnífica e modélica Biblioteca Universitaria) e tamén un novo discurso: unha Universidade ao servizo da xente e do progreso ourensán. Quédalle moito por aportar a Mazaira na nosa sociedade, é un home de ideas e de acción, e deses non hai demasiados.
(Na foto, entrega do Pedrón de Ouro a Xoaquín Lorenzo na Romaría do Viso, acompañado por Gustavo Valencia e Xosé L. Vázquez-Monxardín).

14 may 2006


Dous artigos sobre as Letras Galegas
Na prensa de hoxe, dous artigos de interese sobre o Día das Letras Galegas. Manuel Bragado reflexiona sobre a relación da lingua coas novas tecnoloxías e Internet e reclama Máis internet e máis galego. Pola súa banda, Víctor Freixanes lembra tempos máis difíciles para a causa do galego, pero que tiñan a súa épica para rememorar, e pon en cuestión, unha vez máis, o carácter festivo que Manuel Fraga lle outorgou a esta data dende a Xunta, quizais con boas intencións, pero con pésimos resultados. (Ilustración: un xenial debuxo de Castelao no Diario 1921)

LLUÍS LLACH, UN UNIVERSO DE SENSACIÓNS
(Pan por Pan domingo 14 maio)
Dúas horas é pouco tempo, pero pode chegar para asomarse a todo un universo de sensacións se quen nos acompaña é Lluís Llach cos seus músicos. O mesmo Llach que durante tantos anos fixo connosco o camiño –Viatge a Itaca, Campanades a morts-, presente agora en todos os seus rexistros. O mundo íntimo que reivindica o fascinante do ser humano, capaz de crear amor e tenrura: “Geografía”, “Un núvol blanc”, “Tinc un clavell per tu”, “Maremar”, “Temps i temps”, “Sempre queda un fil”, “Verges 50”, “Tendresa”. Pero tamén o berro de protesta, sarcástico, escéptico, desenganado: “A poc a poc”, “Tossudament alçats”, “El dia”. E a lembranza da República: non un exercicio de nostalxia, si un proxecto de fúturo. O Llach que evoca a memoria de Puig Antich e do amigo poeta Miquel Martí i Pol e os ecos reveladores de Barbara, Léo Ferré, Jacques Brel, Georges Brassens ou Edith Piaf, aquela xeración, si, irrepetíbel.