24 ene 2007

Libro de Estilo I [Gramática visual] . Consellos para escribir nun blog (do obradoiro de Hernán Casciari)
Os títulos non levan puntos (como na prensa)
Non se debe abusar das maiúsculas nin das negriñas
O importante é o golpe de vista do lector
Parágrafos breves e divididos a dobre espazo. De cinco a sete liñas. Nunca máis altos que anchos. Hai que evitar parágrafos bloque (dobre enter para dividir cada parágrafo).
O punto e aparte ten unha función visual ademais de gramatical
Hai que evitar as liñas de máis de 70 carácteres incluídos os espazos.
(extraído de www.llamaloperiodismo.blogspot.com, 9 febreiro 2006)






Morreu o mestre

Estamos ante unha situación nunca vista ó longo da historia: Estados Unidos non se limita a exportar a súa cultura, senón que ademais saca diso pingües beneficios, inferiores só ós que dá a industria armamentista. "Globalización" adoita identificarse coa aspiración a facerse con mercados onde colocar produtos propios. Polo xeral pénsase en automóbiles e alimentos, esquecendo estoutro aspecto fundamental: a globalización permite á cultura norteamericana acceder a moitos mercados locais. Xa o plan Marshall contiña un artigo que sancionaba a presenza en Europa da industria estadounidense de entretemento. Jerzy Jedlicki definiu con moito acerto este estado de cousas ó chamar ó mundo provincia de Norteamérica.

(...) A globalización non é global porque abrangue case exclusivamente o Norte, onde se concentra o 81 por cento da inversión estranxeira.

Ryszard Kapuscinski, El mundo de hoy, Anagrama, 2004.

O estudo onde escribo está ateigado de libros: semella que se multiplican por si mesmos e soben polos anaqueis das paredes como edras de primavera. Perto do portátil que estou a usar hai varios títulos de Ryszard Kapuscinski: están aí dende hai anos, sempre ó alcance da man. Debémoslle moito a persoas que non coñecemos nin coñeceremos nunca: algunhas porque viviron noutras épocas e só nos deixaron os seus libros. Desa liñaxe era este xenial reporteiro polaco, premio Príncipe de Asturias de Comunicación e nome imprescindible para entender o noso mundo. Limos os seus libros co pulo xuvenil co que os mozos se achegan ás novelas de aventuras: “Ébano”, “El Sha”, “El mundo de hoy”, etc., escritos cun estilo impecable, transparente. Rematarei esta nota e volverei ós seus libros: seguro que encontrarei neles algunha idea nova que subliñar. E por iso doulle as grazas.

Algunhas referencias posibles na rede:
Ideas sobre o bon periodismo
Testemuña do século XX (na Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano, 2000)
Reflicten os media a realidade do mundo?
Un artigo de Ignacio Ramonet

Na rede "galega" e na prensa falan do mestre, entre outros: Brétemas, Cabrafanada, Dpaso, Miguel Anxo Fernán-Vello.


Suso de Toro en Ourense

Teño escoitado moitas veces a Suso de Toro en privado, en grupos de pequenos amigos, e unhas cantas en actos culturais e presentacións de libros. (Temos un historial común en moitas cousas, que quizais conte algún día: coincidimos na Facultade, non coincidimos na militancia inicial, si anos despois noutras lerias políticas, e noutras aventuras profesionais, ata nunhas oposicións de galego). Pero, das veces que lle oín falar, poucas veces estivo tan brillante como o martes no Liceo ourensán, a onde acudiu a falar da “Literatura e a Memoria”. Asistiron 130 persoas, o que non está nada mal (hai anos presenteille un libro a Suso, supoño que el se lembra, en acto organizado pola Federación de Libreiros e estabamos os dous e tres amigos, Benito Losada e o matrimonio Maruxa Guitián e Arturo Pardavila, amigos de Suso: nin sequera foran os convocantes do acto!!).

Cun breve esquema dun folio diante, desenvolveu un discurso moi ben articulado sobre as relacións entre a literatura e a historia. É difícil resumila e non o vou facer (por sorte a charla quedou gravada), só podo destacar agora algunhas notas que foi deitando aquí e alá, como estas (as expresións non son literais, espero que o espírito do contido si) :
“A infancia e a adolescencia son o tesouro do que se alimentan todos os escritores. No mundo moderno os escritores ampliaron as súas formas de coñecer a realidade, a través do poder dos medios de comunicación. Pero narrar esixe vivir previamente, empatizar con aquilo que se está a contar.
A vida é cíclica. Os nenos traballan coa imaxinación e os adultos queren traballar coa razón. Pero ó cabo os vellos volven á imaxinación e á memoria. Somos seres de imaxinación e non de razón. Funcionamos co piloto automático, como cando conducimos, e a mente traballa soia pola súa banda. Só unha pequena parte do tempo do día (unha hora?) conducímonos dende a razón.
A novela da guerra civil estana a contar os netos. Cada xeración debe cumprir o seu papel. A dos nosos pais abondo fixo con sobrevivir e criarnos a nós, darnos de comer, educarnos, prepararnos. Na literatura, os que se achegaron á guerra civil, como Casares ou Fernández Ferreiro, naceron máis perto do horror e deron conta do que coñecían, cumpriron o seu papel. Nós debemos educar ós nosos non no medo, que se transmitiu xeneticamente na xeración dos nosos pais, senón aprendendo a vivir e a ser libres.
Os escritores que hoxe escribimos sobre a memoria queremos recuperar o que nos foi ocultado, sacar á luz os cadáveres da historia. Somos como os que buscan e levantan os mortos das fosas comúns para darlle un enterro digno. Nós facemos o mesmo coas palabras.
Nunca tanto odio, na historia de España, se concentrou nunca soia persoa, como neste momento contra Zapatero. Nin sequera Felipe González foi sometido a un acoso semellante”


Tamén houbo, como era de temer, a intervención do reaccionario local omnipresente, que todo fachendoso se puxo a defender a Sección Femenina, dicindo que fixera cousas boas. O Suso saíu ben tamén deste reto, respondéndolle algo así: “Home, cando a fame e a miseria é extrema, se alguén che dá un pratiño de caldo, pois, logo, se eres un neno orfo (quizais por culpa da guerra), pois quedas agradecido, claro”.

A cea-tertulia posterior, ata as 12,30 da noite (case todos traballamos ó día seguinte), estivo chea de confidencias e interesantes intercambios de información (asistían Segis Bobillo, Xoán Fonseca e J.Luis Troitiña, do Liceo; o arquitecto Emilio Fonseca e a súa dona Concha, inspectora de educación; o profesor da Universidade Romaní, eu n irmán de Suso que é un médico de moito prestixio na cidade de Ourense (foi, ademais, médico do meu pai e do meu avó).
Houbo lembranzas dos tempos do Prestige e Nunca Máis, interese de Suso por saber qué pasa en Ourense (“os ourensáns estades asolagados baixo un mar de sometemento, sodes un caso particular no país”) e sobre a situación política hoxe en Galicia (poderiase resumir naquela cantiga popular de “Todos queremos máis...”). Falouse abondo de Zapatero e das súas formas de gobernar e comunicar a información ós seus achegados e colaboradores. De Rajoy saiu a súa vergoña e ocultamento do seu avó galeguista (do que se publicou recentemente un libro) e dun seu tío, “Choncho R.”, que seica foi un HSN e é outra das tradicións das que vén Mariano.
Contou tamén que Rajoy lle dixo persoalmente a Zapatero, nunca entrevista entre os dous, isto: “A mi no me obliga nadie a hablar en gallego”. E do mundiño literario, cen mil anécdotas, non reproducibles todas; cito só algúns dos nomes que sairon ó longo do faladoiro: Juan Marsé, Fernando Savater, Antonio Elorza, Antonio Muñoz Molina, Luis Alberto de Cuenca, Luis Racionero, Lucía Etxchebarría, Juan Manuel de Prada, Manuel Vázquez Montalbán, Andreu Martín, Bernardo Atxaga, etc.
(A foto do escritor é de Tino Viz e do Arquivo Xerais.
Podedes, ademais, escoitar a conferencia enteira, na páxina do Liceo: http://liceodeourense.com, pulsando no botón Noticias).



Nimbos.

Tense dito que os poetas son dalgún xeito os videntes dunha realidade que o resto dos mortais non percibimos coa mesma claridade. E ás veces semella que iso é certo: velaí o coñecido poema de Xosé María Díaz Castro, “Penélope”, que retrata unha Galicia estantía, parada no tempo, en busca dunha esperanza que nunca chega: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se esperguiza./ Aran os bois e chove”. Hoxe xa non hai bois na Galicia rural, pero o espírito do poema non anda moi lonxe do que moitos sentimos nestes días: Galicia Penélope seguirá a agardar. Precisamente nestes días Galaxia ofrece unha nova reedición de “Nimbos” (1961), ese excepcional poemario de Díaz Castro. Cada páxina, cada poema, cada verso, gardan no seu seo unha sorpresa que nos cega: “A lus do mundo é a que arde nunha bágoa”.
(Pan por Pan, 24 xaneiro. Ilustra o texto un retrato do poeta e unha imaxe de Frieidrich)

23 ene 2007

pan e coitelo
Galiza, rexión europea do mundo occidental
El Correo Gallego 23.01.2007, de XOSÉ MANUEL SARILLE


Totalmente de acordo co artigo de Sarille hoxe no Correo. Este é o remate:
Definir Galiza a estas alturas como rexión histórica do mundo occidental é unha trangallada que nin nacionalidade histórica é. Esta ocorrencia, talvez buscada ou talvez non, ten como utilidade principal devolver a idea de Galiza aos tempos anteriores á democracia, nos que legalmente só existían as rexións.
Pouco galeguismo é este, que responde exclusivamente ás ordes enviadas desde a xefatura madrileña. Botamos de menos a Fernández Albor, os discursos nos que falaba da nación galega e a súa asistencia ás manifestacións na que se reivindicaba o deber de coñecer o galego. E lembramos a Cuíña, que nunha visita a un partido nacionalista se confesou ao borde mesmo da autodeterminación.

LITERATURA E MEMORIA
XVII ENCONTROS LITERARIOS DO LICEO DE OURENSE

Martes, 23 xaneiro (20,15 h.), SUSO DE TORO, “Memoria e Literatura”
Venres, 26 xaneiro, BENJAMÍN PRADO, “La Literatura es lo contrario del olvido”
Martes, 30 xaneiro, JOSE M. CABALLERO BONALD, “La novela de la memoria”.

Todas as conferencias terán lugar no Salón Nobre do Liceo Ourensán.
Patrocinan os actos a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares.
Organización: Marcos Valcárcel, director da sección de Literatura do Liceo, e José Luís Troitiña.

Inicia hoxe o Liceo os seus Encontros Literarios, xa na súa XVII edición e co patrocinio da Deputación e da Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares. De feito foi o propio Carlos Casares o gran promotor e mantedor do seu espírito dende que se iniciaron, aló por 1990. Nos últimos anos escollemos un tema monográfico e ningún tan de actualidade como o que nos convoca nesta ocasión: “A Memoria e a Literatura”. Sobre iso disertarán Suso de Toro (hoxe), Benjamín Prado e José Manuel Caballero Bonald. Os tres teñen obra recente que xira arredor da Memoria. Ou das memorias, porque unha cousa é a memoria dos historiadores (construída e investigada), outra diferente a memoria dos escritores e aínda outra a das persoas comúns, a de cada individuo. O que é seguro é que, destas tres voces, aprenderemos moitas cousas.
(La Región, 23 xaneiro)

22 ene 2007

Unha voz crítica

Carlos París pasou esoutro día polo Foro do Faro de Vigo, presentado por Ferrín. Hoxe o xornal trae unha interesante entrevista con el : unha páxina católica de dereitas (non lle vou facer propaganda co seu nome) pide mandar cartas de protesta porque Carlos París dixo na súa charla que o Papa Wojtyla cometera un crime contra a Humanidade rexeitando o aborto e o preservativo.
Entrevista: "Manteño unha postura crítica fronte á transición española".




Un escultor que sempre me gustou

Albino Mallo publica hoxe en El Correo Gallego unha entrevista con el.

CINCO PREGUNTAS, ALGUNHAS RESPOSTAS
(La Región, 22 xaneiro. Imaxe: "O ollo inocente", Mark Tansey, 1981).
1. Por que o Partido Popular de Galicia bloqueou sine die a reforma do Estatuto galego? Iso foi o que sucedeu, sen dúbida. Para achegarse ós populares, no preámbulo proposto por Touriño nin sequera constaba o concepto expreso de nación para Galicia: só unha alusión á vixente Lei de Símbolos “que recolle a formulación do sentimento galeguista (...) falando do fogar e da nación común dos galegos”. O Bloque cedeu máis do que podía conforme ós seus principios e ó seu electorado. Os socialistas fixeron todo o posible para chegar ó consenso. Pero os populares mantiveron as súas posicións férreas, máis pechados que nunca: dito doutro xeito, coas posturas que mantivo Núñez Feijoo sería imposible poñer en marcha a Reforma Democrática no ano 77 e o mesmo Estatuto que se votou no ano 80.
2. Pódese planear unha reforma do Estatuto que, en vez de ir cara adiante, vaia cara atrás? A consigna do PPG era nidia: que non se mova nada e, se algo se move, que sexa en sentido retroactivo; de feito, a proposta popular tiña mesmo algúns riscos inmobilistas co propio espírito autonómico de hoxe e negábase na práctica a recoñecer a Lei de Símbolos aprobada por todos os grupos no Parlamento Galego.
3. Ulo o ata agora chamado sector galeguista do PP galego? Debería pensarse que ante tal aldraxe, non menor que a se quixo consolidar en 1977, sequera os sectores galeguistas do partido de Núñez Feijoo amosarían o seu descontento. Pero non: agora non se pechan nun piso a reflexionar. Silencio. O único en reaccionar, o defenestrado Cacharro Pardo, ponse máis papista que o Papa: para xustificar o desatino, acusa ós socialistas de venderse ó separatismo.
4. Por que os populares, tanto en Galicia como en España, prefiren manter distancias infranqueables co conxunto dos partidos? Primeiro, porque non están habituados a facer oposición, o seu é gobernar. Segundo, porque no fondo non aceptan que non sexan eles os que gobernan: sexa polo 11-M, sexa polo pacto socialista-nacionalista na Xunta, séntense aínda os vencedores en ambas eleccións e optan por deslexitimar na práctica os gobernos centrais e autonómico. Sobrarían razóns para facer unha boa oposición, en Madrid como en Compostela (ambos gobernos cometen erros abondo), pero non se trata diso.
5. Por que o PP mantén esa política de obstrucionismo que, en calquera outro contexto político, por exemplo en Cataluña, significaría a súa desaparición case total do mapa político? Quizais porque os seus estrategas pensan que tal comportamento non lles vai significar un elevado custe electoral no seu celeiro habitual de votos. Oxalá se equivoquen. Pero ó mellor ata no se equivocan ...

21 ene 2007

Queren afogar ó Isolino... ?

Dende o sábado pasado o Isolino, do Xaquín Marín, anda máis afogado: quitáronlle a mitade do espazo. A min paréceme moi mal e xa mandei unha carta de protesta na web de La Voz de Galicia (cart.director@lavoz.es). Por que non facedes todos os lectores/as o mesmo? Quizais logremos algo entre todos. E cando menos que quede claro o noso disgusto.

Dende Ourense mando a miña máis enérxica protesta pola nova diminución de espazo da sección "O lecer de Isolino", de Xaquín Marín, un dos grandes do humorismo galego. Xa se lle reduciu noutra ocasión dunha viñeta de tres corpos a outra de dúas, que agora quedan nun só corpo. Paréceme inxusto para a calidade do autor e os seus moitos lectores/as. Saúdos cordiais.



























Sen comentarios...

Un amigo mándame dende A Coruña estas dúas imaxes. Pois iso, sen comentarios. Comenten vostedes, se queren, que eu quedei un pouco deprimido ó velas ...
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1951, O ANO DOS CADERNOS GRIAL, DA REVISTA POSÍO.ARTE Y LETRAS E DALGÚNS GRANDES LIBROS
(O artigo completo)
Fundada un ano antes, a Editorial Galaxia era moito máis que unha editorial. Como un equipo colectivo en pro da restauración cultural do país, o grupo Galaxia pon en marcha os Cadernos Grial, dos que sairán catro números ata 1952, titulados Presencia de Galicia; Pintura actual en Galicia; Presencia de Curros y Doña Emilia e Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. Por imposición oficial os números eran bilingües pero aínda así foron pechados pola censura, a través do Director Xeral de Prensa, Juan Aparicio, temeroso do que supuña a nova iniciativa na reorganización do galeguismo, mesmo no plano cultural. Neles apareceron ensaios de gran relevo como ‘Significado metafísico da saudade’, de Ramón Piñeiro; ‘Notas encol dos pintores galegos’, de Ánxel Xohán, ‘A estética da fotografía popular’, de Carlos Maside, ou ‘Anotaciones sobre la creación artística’ de Luís Seoane. No conxunto dos cadernos escribiron tamén Alonso Montero, Carballo Calero, José Luis Varela, Sebastián M. Risco, Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade, Fernández del Riego, Xohán Ledo, etc. Do mesmo ano 1951 é o primeiro libro da Editorial Galaxia, Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, aparecido o 16 de abril. Tamén sae en Galaxia, en castelán por razóns administrativas, o Manual de historia de la literatura gallega, de Fernández del Riego.
Tamén en 1951 pechaba a súa andaina a excepcional colección de poesía Benito Soto en Pontevedra, con tres novos títulos: As canciós dise amor que se diz olvido, de Juan Pérez Creus; Follas dun arbre senlleiro, do poeta noiés Manuel Fabeiro Gómez, e Musa alemá, quince poemas alemáns traducidos por Antonio Freijeiro e recreados por Celso Emilio Ferreiro; ademais o de Celanova inicia unha curiosa sección no Faro de Vigo titulada ‘La jaula de los pájaros raros’.
Do mesmo ano é A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero, unha das primeiras novelas relevantes da posguerra que volve sobre o mundo dos pazos e a fidalguía. E nesas datas saen á luz volumes como Penas son cantares, en castelán, de Xosé Conde; Doas de vidro, de Faustino Rey Romero, e tres poemarios en castelán de Pura Vázquez (Madrugada fronda; Desde la niebla; Columpio de luna a sol). Outro libro ben fermoso do 51 é o Cancioneiro da poesía céltica, premiado nese ano nun concurso de traducción convocado por Bibliófilos Galegos e realizado por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, do libro Altkeltische Dichtungen, publicado por Julius Pokorny en Berna en 1944.
(Ademais, lían os seus discursos de ingreso na Real Academia Galega Ramón Villar Ponte, Xoaquín Lorenzo e Xesús Ferro Couselo).
















As máscaras de Cronos

(Na foto, a astuta Rea dálle envolta en panos unha pedra a Cronos, para así poder salvar o seu fillo Zeus).
O pasado xoves presentamos en Ourense, no Liceo, o libro As máscaras de Cronos. Poemas, 1994-2002, (Xerais), de Ramón Caride Ogando. Acompañamos ó autor o editor Manuel Bragado, o escritor e amigo Xerardo Méndez e tamén este cronista. O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaradas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (2002), ademais dalgúns poemas inéditos. Teño a honra de ter participado no xurado que lle concedeu o premio Cidade de Ourense en 1994, ó carón de Fernán Vello e outros amigos. Deixo aquí, para os lectores/as, dous anaquiños de dous dos poemas que máis me gustaron:

O noso único anseio foi arder no teu lume
Morrer facendo o amor como os deuses mesmos
As fírgoas das persianas escoaban
Un sol gastado veciñal de patio
Mais pra nós era a luz da creación
Aquelas madrugadas non había montes mais doces
Que a herba mol dos teus peitos espidos
E a calor da túa vulva era o quentor
Que defendía de novas glaciacións o mundo
Non tiñamos aínda medo das metáforas
Arder era o noso único obxectivo.


O poema do mar que se sulaga
No abismo da realidade e do anseio,
O poema do mar que maza escumas
No espello fuxidío dos teus beizos,
O poema do lar que quenta aos homes
E pon faíscas de luz nas túas pupilas,
O poema do instante que xa non é
E sen ser foi e non voltará nunca,
Hai milleiros de poemas por facer aínda

E non obstante todo está xa dito

20 ene 2007


Faíscas

Que foi daquel rapaz que tocaba a guitarra nas asambleas de Fonseca?

O blog estame a servir para facer novos amigos e amigas, para aprender moito dos contertulios que aquí acoden a cotío ou de cando en vez e mesmo para remexer o faiado toldado da memoria.
Hai uns días Xosé M. González lembraba os anos de Compostela e o seu traballo naquela Nova Canción Galega. Ben, pois, veume á memoria esta anécdota que aquí incorporo para compartir entre todos.
Setembro de 1975. Chegan a Compostela catro rapaces de Ourense, procedentes do Instituto Masculino, con moitas gañas de coñecer o mundo e descubrir novas realidades: son eles Bieito Iglesias (hoxe escritor), Benito Alonso “Roi” (hoxe historiador), Xoán Guerra (futuro sindicalista) e este cronista. Viñamos xuntos do mesmo COU, un ano polémico: as celulosas en Ourense, primeiras manifestacións importantes da pretransición, profesores comprometidos coa democracia e co galeguismo, etc. Tres deles (Xoán Guerra foi a excepción, que fixo pedagoxía), aínda que tiñan vocación de filólogos (e tal lles recomendara nunha ocasión Francisco Rodríguez, que nos impartía cursos de lingua e literatura galega na Auriense), acabaron de historiadores: a razón de tal decisión foi o engado dunha profesora noviña, creo que leonesa, que acababa de saír da Facultade e nos deixaba compartir unhas clases magníficas: debate continuo sobre a historia e a realidade, que se os Irmandiños, que se os Reis Católicos, que se Castelao, etc. (Na mesma clase andaban daquela o Manuel Guede, xa teatreiro entón; Francisco García, futuro alcalde nacionalista de Allariz, e Carballude, o latinista e escritor de literatura xuvenil, que facía o COU en Ourense, residindo no Colexio Menor).
Ben, pois chegan os catro mozos a Compostela e asentan nunha pensión perto da Praza da Universidade e das Facultades de Historia e Filoloxía. Viñan eses mozos dun COU comprometido e habituados xa ás liortas políticas: mesmo se plantexara un boicot ás probas de selectividade, que despois non foi aló (por medo, máis que por outra cousa). Varios deles xa militaban no nacionalismo, en ERGA, e os outros ían de compañeiros de viaxe, facendo o mesmo que os xa militantes, mesmo repartindo polos pupitres o “Terra e Tempo” ou redactando cartas de solidariedade con Paco Rodríguez, desterrado a Cádiz (debeu ser o meu primeiro labor político, sen contar outros alleos ó Instituto, estes na onda de CPS, Cristiáns pra o Socialismo).
Xa en Compostela os mozos se dedicaron a vivir, sobre todo os primeiros meses: bastantes horas de festa, roteiros cotiáns polos viños, noites coas amigas ata altas horas no Barra China, etc. Digamos que se tomaran un descanso no seu activismo político: había tantas cousas novas que atender...! Morre Franco e empezan de novo as movidas políticas. As asembleas universitarias adoitaban facerse aínda nos locais de Fonseca, onde estaba Pedagoxía e, debaixo, Económicas (os mozos eran tan aplicados que, ademais das súas clases de Historia, ían a esta Facultade a escoitar algunhas clases dun tal Beiras, Estrutura Económica creo, e dun tal Suevos, entre outros. E ata tomaban apuntamentos).
Un día, nunha desas asembleas escoitamos falar a un rapaz, creo que era baixiño e tirando a forte de contextura. E escoitámolo recitar, sen tatexar o máis mínimo, o poema “Lingua proletaria do meu pobo...”, enteiriño e ata o remate. A cousa ía do debate do galego e cómpre lembrar que daquela nas asembleas só falaban nese idioma os nacionalistas (logo moitos outros se sumarían ó carro, das diferentes esquerdas). Saímos de Fonseca e dime o Bieito: “Este mozo é de ERGA, seguro”, así, sen dúbidas.
Aquel poema debeu espertar as nosas conciencias algo durmidas e, ós poucos días, non sei moi ben cómo, o Bieito xa contactará coa organización (na Facultade “os vellos e xefes” eran o “Lobito”, Xulio Gaioso, e Sarille, de Lugo, acompañados do santo de Xulio Cuba). E ás poucas semanas os catro mozos estaban xa militando de novo en ERGA, na AN-PG que empezaba a saír á luz e moi logo na UPG. Daquel mozo que recitou o poema só lembro, se non estou errado, que se chamaba Daniel. Logo vímolo moitas máis veces, nos peches de estudantes de Fonseca, tamén tocando a guitarra e cantando as cancións habituais daquela (Celso Emilio, Manuel María, etc.). Non o vin máis e non volvín saber del. Que sería daquel mozo que recitaba “Lingua proletaria do meu pobo...”?



Caderno de notas

No pasado nadal os amigos de Xerais (graciñas, Manolo e Celia)
mandáronme como agasallo un fermoso caderno de notas, coa portada que vedes aquí ó carón. Estiven dándolle voltas varios días para pensar en que ía empregalo. Hoxe encontrei a solución, xa o vedes: por qué non un espazo para anotar posibles ideas e novas que subir ó blog. Pois para iso quedará...
Beiras dálle tamén ‘leña’ a Feijóo polo triste crac do Estatuto
A nova completa en Galicia Hoxe

O nacionalista acusa os populares de ser a “sucursal ianqui de Bush en España” e culpa a Feijóo O actual responsable de Acción Política da nova Executiva do BNG e presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, responsabilizou onte o PPdeG do fracaso da reforma estatutaria por seguir a "estratexia de Madrid" e subliñou que o voceiro nacional da súa formación e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, "non baixou os calzóns" durante as negociacións que tiveron lugar na reunión de líderes políticos do pasado mércores. (...)
Neste sentido, criticou a postura mantida polo PPdeG, ó que culpou de "non defender" a Galicia e de poñerse a disposición da "estratexia" do PP de Madrid. "Un partido", dixo, "que é a sucursal ianqui de George W. Bush –o presidente de Estados Unidos– en España e en Europa".
Así, subliñou que a dirección popular, tanto na comunidade de Galicia coma en Madrid, é a "plataforma de lanzamento" da estratexia da "ultraglobalización belicista" de Bush, "o obxectivo da cal pasa por destruír as distintas culturas e pobos". Desta forma, dixo non entender como o presidente de PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, se negou a que o futuro texto autonómico "afirme legalmente" a súa identidade como pobo e se converta nun "suxeito activo de dereito político".

Arco de Triunfo (Lewis Milestone, 1948)

Un cirurxián asutríaco, o doutor Ravis (Charles Boyer), encóntrase no París de 1938 sen identificación nin documentos, un sen papeis que diríamos hoxe, deportado cada pouco do país para volver entrar ilegalmente. Por casualidade coñece a Joan Madou (Ingrid Bergman), unha modesta actriz á que salva do suicidio ofrecéndolle apoio e buscándolle hotel, para logo namorarse ámbolos dous perdidamente.
Nese París de rúas molladas, onde chove sempre, pero os cafés están cheos de xente e de ledicia aínda (ata que comeza a ocupación), o doutor Ravis refúxiase tamén do seu pasado: torturado pola Gestapo, séntese culpable da morte por torturas da súa antiga compañeira. Nese refuxio axúdao un amigo fiel, Boris Morosov (Louis Calhern), que traballa como porteiro dun local ruso. Por suposto, o pasado aparece na figura do antigo militar torturador, nun dos mellores papeis de “malo malísimo” de Charles Laughton.

É unha película amarga, dura, sobre a vulnerabilidade da condición humana. Nada hollywoodiense. E sen final feliz. Catro anos antes a mesma parella fixera a tamén maxistral Luz de gas (ou Luz que agoniza, G.Cukor, 1944), tan oscarizada, e amarga tamén pero doutro xeito.

A película está chea de referencias a España e á nosa guerra civil, vista con simpatía polo lado republicano. Nunha escena importante o doutor Ravis e o seu amigo Boris Morosov están xogando ó xadrez no seu hotel e na habitación do lado hai unha gran festa celebrando o Alzamiento do 18 de Julio: escóitase, ben alto, cantar o “Cara al sol…”. Petan na porta varias veces e chegan varios militares españois, franquistas e falanxistas, para que se sumen á festa e brinden con champán por eles. Pero os dous refuxiados néganse con diversas desculpas, nun momento dado teñen que botalos de malas maneiras da porta. Nun momento dado o doutor Ravis di algo así: “Serán parvos. Están celebrando unha guerra na que están matando ós seus propios compatriotas”.
Difícil condenar unha guerra e o belicismo franquista con tan poucas palabras e tan perfectas.

























Hitchcock e as artes plásticas
Esculcando no tema das mulleres na obra de Hitchcock, encontro na rede un magnífico artigo do escritor Juan Pedro Quiñonero (“Babel”) sobre a exposición que hai uns anos se fixo no Centro Pompidou arredor das “coincidencias fatais” entre o cineasta e o mundo da arte. Esa mostra demostrou a inmensa cultura artística do mestre do suspense, tan presente nas súas películas: un bico dos protagonistas en “Vértixe” podería estar inspirado no “Dúo” de Magritte; os “Paxaros negros” de Brake terían que ver cos que aterrorizaban a Tippi Hedren e a casa de “Psicose” estar inspirada na “Montaña do faro” de Edward Hopper. A Kim Novak de “Vértixe” prolonga visualmente a Prosperina de Dante Gabriel Rossetti: o xenio admiraba os prerrafaelistas. E tamén aparecen “coincidencias fatais” coa obra de Edgar Allan Poe, Kafka, Oscar Wilde ou Lovecraft: un xenio, sen dúbida, o gordo inglés.

19 ene 2007

Galiza no diván (Miguel A. Fernán Vello, Galicia Hoxe 19 xaneiro)

Síntoo moito. Teño algún amigo no Partido Galeguista e coñezo a outros dirixentes (algúns estiveron integrados na última etapa de Unidade Galega, cando o PSG-EG se fundiu con outros grupos). Pero non todo vale en política. Díxoo hoxe moi ben na súa entrega diaria Fernán Vello (e o candidato de Ourense é outro que tal baila: un expulsado do PSOE que acaba de despertarse galeguista, por non falar doutros temas. Ah! E graciñas a Manuel Rivas polas súas gabanzas de hoxe en El País e a Insomniorizar pola súa atención cos meus recunchos en La Región. Aí vai o artigo de Fernán Vello:

Publicaba Antón Avilés de Taramancos no ano 1989 un pequeno ensaio titulado Galiza no diván, que agora vexo traducido e publicado en castelán, xunto con outros textos, por Edicións Laiovento, dentro da colección Endovelia e baixo o título de Obra viva. Di o escritor noiés que Galiza é un país desarticulado mental e fisicamente e que cando se dá esa condición o habitual é que ninguén se sinta identificado consigo mesmo e que caia nun exilio interior e íntimo, e chegue mesmo a odiar a súa orixe por ser quen é e polas circunstancias que atravesa. E engade: "De aí veñen o disfrace, o aparentar e o habitar nun escenario permanente onde se representa e se vive outra historia e se renega, finalmente, de todo aquilo que leva consigo un sinal ou un símbolo da patria perdida, ou da que se quere perder". Saberán vostedes, porque a noticia saltou á prensa hai xa varios días, que un chamado Partido Galeguista presenta na cidade da Coruña un candidato que usa decote o castelán en actos públicos do Partido e utiliza tamén decote na publicidade política o topónimo da cidade de María Casares na súa versión non oficial, ou sexa, La Coruña. O candidato "galeguista" –asesor no seu día do alcalde vigués Manuel Pérez– non enrubesce até obter nas meixelas a cor do tomate maduro, todo o contrario. El enche de ar o peito e segue a prostituír, profanar, desdourar e deshonrar a memoria do Partido Galeguista histórico de Castelao e mesmo deste chamado Partido Galeguista actual, que, así e todo –leo nos seus Estatutos–, fala dun "inequívoco e irrenunciable compromiso coa realidade nacional de Galiza en tódalas súas expresións" e mesmo asume, "como lexitimamente propia, a herdanza das Irmandades da Fala". ¿Entenden vostedes a fonda coherencia, responsabilidade e sentido do ridículo do candidato "galeguista"? "Non vos riades, porque o conto é triste", escribe Castelao nun dos seus breves relatos. E, mentres, este país contraditorio, tantas veces mudo e lento no seu devalar colectivo, "non sabe, non contesta".










Misoxinia no cine.


A muller fatal, as mulleres perversas, as mulleres castradoras, damas diabólicas: o cine está cheo de exemplos nos que a perversidade ten nome feminino. A historia comezou con “Amencer” (1927) de Murnau, unha das películas máis fermosas que vin nunca: unha parella, home e muller, viven felices no campo ata que chega á dama da cidade e provoca as paixóns do home e o desexo por este de asasinar á súa dona no medio dun lago. A película ten final feliz, pero o camiño xa estaba aberto. Veu logo Marlene Dietrich e “O anxo azul” (1930) de Sternberg: aquí o pobre Professor Unrat é só un moneco en mans da paixón feminina. Son películas dos anos 30 cando unhas poucas mulleres erguían a súa voz. Cos 60 chegou o feminismo e a liberación sexual, pero aínda quedaban perversas por chegar como a Sharon Stone de “Instinto básico” (1992): que inseguro se sente aínda o home!
(Na imaxe, un dos primeiros carteis de Sunrise (Amencer), de Murnau)