8 nov 2010

LIBROS QUE MARCAN UNHA VIDA
Marcos Valcárcel

Como todos os nenos da miña época, a miña vida como lector empezou cos tebeos: Hazañas Bélicas, Zarpa de Acero, Truenos e Jabatos. O meu preferido era Crispín.
Ó mesmo tempo empecei a ler os libros de Mitoloxía e desde estes pasei ós clásicos gregos e latinos como A Ilíada, A Odisea, Virxilio, Sófocles, Aristófanes.
O volume que máis me marcou foi A Divina Comedia de Dante, porque me ofrecía unha ordenación do mundo material e espiritual. Devorei as poesías de Quevedo e o teatro de Shakespeare.
Con todo o entusiasmo romántico namoreime de Carlota no Werther de Goethe e pasei medo con Drácula, Frankestein, o Doutor Jekyll e Mr. Hyde, e cos relatos de Lovecraft.
Despois veu a novela negra, a ciencia ficción e a literatura de viaxes e aventura.
A miña xeración leu moita narrativa sudamericana: Gabriel García Márquez, Julio Cortázar, José Donoso, Manuel Puig, Ernesto Sábato, Borges, Carpentier, etc.
Sempre tiven entre os meus favoritos a Mario Vargas Llosa e novelas como La ciudad y los perros e La fiesta del Chivo son obras mestras imprescindibles.
Tamén eu agasallei a unha moza, cando tiña 16 anos, cun exemplar de Los versos del capitán, de Pablo Neruda, na fermosa edición de Losada de Buenos Aires. A poesía non é de quen a escribe, senón de quen a necesita, dicía Mássimo Ruppola na película El cartero y Pablo Neruda.
Ata hai uns meses todas as noites ía para a cama cun libro de poesía nas mans. Os meus gustos son eclécticos: a lírica arábigo andaluza, os haikus xaponeses, os románticos ingleses e alemáns, Cavafis, Gioconda Belli, Walt Whitman, etc.
Nas letras españolas, nomes da Xeración do 27 e dos 50 como Alberti, García Lorca, Aleixandre, Cernuda, Gil de Biedma, os Goytisolo, Ángel González, Jose Angel Valente, Antonio Gamoneda, Francisco Brines, José Hierro, etc. En catalán, Salvador Espriu, e Salvat-Papasseit. E os portugueses Antero de Quental, Fernando Pessoa, Florbela Espanca e Miguel Torga.
Hai milleiros de libros na miña biblioteca. Uns, ordenados por seccións como Literatura Norteamericana, desde Steinbeck ata Nabokov e Auster. Outros están colocados por certas afinidades, por exemplo os de Torrente Ballester e dona Emilia Pardo Bazán están ó carón de Julio Camba e de Fernández Flórez.
Centos deles poderían ser recomendados. Entre os que máis me impactaron están Crimen y castigo, de Dostoyevsky (gañei un concurso da Coca-Cola cunha entrevista ficticia co escritor ruso); as Cartas dos nenos da escola de Barbiana, que me descubriron o carácter de clase da escola tradicional; O caderno gris, de Josep Pla, ou Una pena en observación, de C.S. Lewis, unha fonda esculca sobre a dor ante a perda dun ser querido.
Na Literatura Galega descubrín os mestres do Rexurdimento ós catorce anos e despois as marabillas da nosa poesía trobadoresca. Para min son imprescindibles toda a xeración Nós, Blanco Amor, Cunqueiro, Avilés de Taramancos, Manuel Antonio, Pimentel, Antón Tovar, Celso E. Ferreiro, Manuel Maria , Luz Pozo, Novoneira e Fiz Vergara Vilariño.
E libros como Un país de palabras e Deus sentado nun sillón azul, de Carlos Casares; Arraianos e Estirpe, de Méndez Ferrín; Os libros arden mal, de Manuel Rivas; e outros de Víctor Freixanes, Darío Xoán Cabana, Bieito Iglesias, Agustin Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Ramiro Fonte, Olga Novo, Rei Ballesteros, X. C. Caneiro, Luís González Tosar, Miro Villar, Modesto Fraga, Claudio Rodríguez Fer, Afonso Pexegueiro, Suso de Toro, Xosé Miranda, Miguel Anxo Fernán Vello, María do Cebreiro, Anxo Angueira e poñamos xa un etc.
Na estantería de ensaio figuran autores de cabeceira como Eduardo Galeano, Octavio Paz, Umberto Eco, Norberto Bobbio, Kapuscinski, Rafael Argullol, e Carlos Gurméndez. Para os amantes da Historia, recomendo a Historia de Galicia, de Ramón Villares, o estudio sobre o BNG de Xosé R. Quintana e a autobiografía de Eric Hobswan. Xa non puiden ler Posguerra, do que teño moi boas referencias: ó seu autor, Tony Judt, enfermo de ELA e falecido hai uns días, vai dedicado este texto.

27 oct 2010

MENSAXE ÓS COMPAÑEIROS DO I.E.S. DA CARBALLEIRA


Marcos Valcárcel


Acepto compracido o voso convite para participar cun breve texto na exposición sobre o mundo do libro.

Ademais síntome moi honrado coa iniciativade bautizar co meu nome a biblioteca do centro, onde pasei moitas horas agradables cos meus alumnos ou en solitario.

A Carballeira son 25 anos da miña vida e segue viva nos meus recordos e nos soños. Entre todos logramos un modelo educativo participativo e dinámico moi próximo ós mellores ideais pedagóxicos.

Unha aperta a todos os colegas e un bico ás compañeiras de Humanidades.

15 oct 2010




A ÉPICA DO FÚTBOL
Marcos Valcárcel

Se me visen hoxe os alumnos, quizais non me coñecesen. Primeiro, polo aspecto quixotesco que agora gasto, lonxe do perfil orondo doutros tempos. En segundo lugar, polo fútbol. Non me gustaba o fútbol, nunca vira un partido nin sequera xoguei de neno. Iso convertíame nun alieníxena para os rapaces. Ademais sorprendíame a fascinación por este deporte de escritores como Eduardo Galeano, Juan Cruz e Carlos Casares.
Hai uns meses, atraído polo fenómeno Leo Messi, vin algúns partidos do Barcelona. Despois viñeron os Mundiais e xa me engancharon. Entendín entón a épica do fútbol como unha forma pacífica e ritualizada de modernización das vellas loitas tribais.
O fútbol ten unha vantaxe que o fai moi humano: o principio de incertidume, que fai posible que un equipo menor como Escocia llo poña difícil á actual campiona do mundo.

(Para Carlos Varela, compañeiro en tantas andainas, en lembranza dos nosos paseos en bici.
Para Iñaqui e Juan, seareiros do Real Madrid, e eu do Barcelona por aquilo da dialéctica.)

21 sept 2010

HOMENAXE A BÓVEDA
Marcos Valcárcel

Ourense, 17 de Agosto do 2010

Pensei que debía estar alí. E, con moito esforzo, alí estiven.

A concelleira de Cultura tivo a deferencia de repetir a ofrenda floral para Benito Losada e para min, que chegamos tarde confundidos polos xornais. De certo foi o Club Cultural Alexandre Boveda quen comenzou a recuperar nos anos 90 a memoria ourensá do martir galeguista.

19 sept 2010




O PROFESOR
Marcos Valcárcel


Na casa de Ervedelo, o avó Benxamín presidía a longa mesa do comedor onde collía unha ducia de persoas. Os homes sentabámonos antes mentres as mulleres traían as fontes do cocido. O meu irmán Fiz e máis eu a cada lado do meu avó: el xa se encargaba de enchernos os vasos de viño e os pratos.
Falábase de moitos temas, desde o estado das vides ata as conquistas amorosas de Julio Iglesias. Ás veces o avó contaba as súas aventuras de mocidade en Cuba. Outras veces dicía:
Agora, calade todos que vai falar “O Profesor”, pois así me chamou desde neno.
E entón xurdía o relato: as infidelidades de Zeus, as viaxes de Ulises, as aventuras de Hércules, o terror da Medusa.
( Para Violeta Picouto, que segue este blog desde o Canadá. Para Pilar Meilán, que tamén o fai desde Barcelona. )

9 sept 2010

FUTURO ( EIRE )

Marcos Valcárcel


Xa non penso no futuro. Borrei do meu vocabulario os verbos en futuro. Agora só me queda un presente enchoupado de pasado e melancolía.
O futuro é dos que veñañ detras, tamén dos mozos e das mozas da xeneración de Eire.
E non o van ter fácil. Teño confianza. Eire ten as cualidades necesarias para facer cousas interesantes na vida: personalidade, constancia, intelixencia, mesmo unha certa dose de ambición que lle pode ser útil. So lle falta un pouco de sorte e poderá ser feliz. Oxalá poida lograr o lugar onde desenvolver un traballo creativo, un privilexio que poucos poden gozar.

26 ago 2010

CANDO ESPERTOU...

Marcos Valcárcel


"Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí" : o coñecido microrelato de Augusto Monterroso, co seu final aberto deu lugar a moitas variantes, unha delas con Fraga como protagonista.
Nos meus soños son consciente da miña enfermidade, pero non padezo os seus efectos. Podo andar, nadar,ata voar. Podia soñar que todo isto era un pesadelo, pero sería moito peor: cando espertou, a ELA aínda estaba alí.

24 ago 2010

IN MEMORIAM
DO AMIGO
ALBERTE ROMASANTA


Marcos Valcárcel



ENVEJECER, MORIR, ES EL ÚNICO ARGUMENTO DE LA OBRA

No volveré a ser joven

Que la vida iba en serio
uno lo empieza a comprender más tarde
-como todos los jóvenes, yo vine
a llevarme la vida por delante


Dejar huella quería
y marcharme entre aplausos
-envejecer, morir, eran tan sólo
las dimensiones del teatro


Pero ha pasado el tiempo
y la verdad desagradable asoma:
envejecer, morir
es el único argumento de la obra


Jaime Gil de Biedma, “Poemas póstumos”1968

8 ago 2010










CITAS DE AGASALLO (HUGO)

Marcos Valcárcel

Hugo é un mociño de 11 anos, guapiño e simpático e espelido. É fillo do meu coidador Juan e xa veu varias veces por casa. O vergallo (así me chamaba a min o meu avó Benxamín) ten moi boa memoria: O outro día repetiulle ó seu pai unha cita de Ramón Piñeiro que eu lle dixen no xantar,"Son galego por corazón,español por obriga e europeo por convición".
Gustoume o detalle e agaseino con otra cita de Tolstói, cando recomendaba ós escritores novos:"Se queres comprender o mundo enteiro, describe a túa aldea". Esta frase resume a miña cosmovisión do mundo desde a miña mocidade. Oxalá lle sirva a Hugo algún día.

27 jul 2010

ROSEBUD 4º parte

Marcos Valcárcel

Tocoume o servizo militar nas Andalucías, no ano do Tejero, coincidindo cos amigos Federico Cocho de Juan e Eduardo Núñez. Destinado en Capitanía de Sevilla, en Auditoría, alí puiden ver a cara máis tráxica da cuestión: os soldados da UDS nos calabozos por negarse a cear, suicidios en Ceuta e Melilla, etc.
De volta a Ourense, casei con MARIA no verán de 1983.
Chamáronme para facer unhas substitucións de profesor de galego en Santiago e A Coruña. Preparei as oposicións e presenteime en Lugo, acobillado na casa de Sarille. Eu dubidaba das miñas posibilidades, pero saquei o número 1 do meu grupo.
Días de felicidade.
Para empezar, no meu traballo como ensinante que sempre me gustou, agás no de corrixir exames, e que me permitiu seguir en contacto coa mocidade.
Días felices. No Padre Feijoo e no cineclubismo galego con Pepe Paz, Segismundo Bobillo, Carrión, César Silva, Llorente e o godardiano Aian.
Felicidade en Fisterra. Un camareiro moi noviño fálanos con entusiasmo de Neruda e de Miguel Hernández: el tamén era poeta, Modesto Fraga, amigo incondicional desde aquela. Modesto e Palmira, os amigos do Lestón, Miro Villar e Alexandre Nerium, excelentes poetas.
Nese tempo percórremos boa parte de España e Portugal. Visitamos un cento de pobos históricos e cidades, recuncando nas que máis nos gustaron: Salamanca, Xixón, Donostia, Barcelona, Coimbra, Nazaré e Lisboa. E a marabilla dos Lagos de Sanabria, tan preto de Galicia.
No ano 1982 estiven na Coruña na refundación do BNG, cando integrou a Beiras e a moitos pesegos. Eu estaba como independente, pero o responsable do grupo de Ourense non nos convocou nunca.
Dous anos despois afilieime ó PSG-EG atraído polo nacionalismo sensato de Camilo Nogueira. Estiven na executiva e fun secretario político de Ourense durante varios anos. O PSG-EG foi a estrutura política máis democrática que eu coñecín, cunha alta talla intelectual (Manolo Barreiro, irmáns Facal, etc.)

7 jul 2010




AMANECER

MARCOS VALCARCEL


Eire trouxo unha nova fornada de películas: A taberna do irlandés, de John Ford, varios western e Amencer, de 1927, de F.W. Murnau. Esta é unha das miñas preferidas desde que a vin por primeira vez, hai trinta anos nos cursos de cine de Angel Hueso. E velaí tedes o Marcos chorando como unha madalena diante da pantalla.

25 jun 2010

ARGUMENTARIO

Marcos Valcárcel



Eu falo con moita xente, non só co señor Apicultor. E moitos cidadáns, a maioría progresistas, fan un balance crítico da xestión municipal do BNG en Ourense.
Este balance podería resumirse así:
1º- Problemas de liderado e falta de integración do grupo municipal.
2º- Política de imaxe sen resultados visibles: termalismo, por exemplo.
3º- Abuso da presenza mediática ata extremos impúdicos ( inauguración dunha rotonda ).
4º- Esquecemento de reivindicacións históricas do nacionalismo: bibliotecas nos barrios, centros de mocidade, museo da cidade, etc.
5º-Grandes meteduras de zoco: caso dos paneis publicitarios.

Os futuros candidatos deberían preparar un argumentario para responder a estas e outras cuestións.Por suposto houbo concelleiros e concelleiras que fixeron un bo traballo na Casa do Concello, pero quizais non son os que máis saian nos medios.

19 jun 2010

ROSEBUD 3ª parte
Marcos Valcárcel


De Santiago trouxen moitos e bos amigos, esa magnifica xeración ERGA, moi ben catalogada por Xosé Miranda, e xentes que despois terían protagonismo cultural como Suso de Toro, Luís González Tosar, Carme Blanco, Quico Cadaval, Damián Villalaín e Claudio Rodríguez Fer.
Traballei neses anos nas Asociacións Culturais Auriense, O Galo e O Eixo, nesta ultima cun gran equipo formado por Daniel Cancelas, Merche Penoucos e Antón Baamonde, entre outros.
Ó mesmo tempo podiamos asistir a interesantes concertos ( Fausto, Sergio Godinho, Alain Stivell, etc ) e ademais ver o mellor teatro que se facía no Estado ( Dagoll Dagom, Els Comediants ).
Dende 1979 a miña vida ten outro fío conductor: MARÍA.
Amor, paixón e compañeirismo foron e son as tres columnas da nosa relación. Rosalía era escéptica sobre o papel da muller nos “amores puros” ( amor paixón ). Para convivir trinta anos é preciso algo máis: tenrura, empatía, comprensión. MARÍA tiña esas virtudes e tamén a da paciencia cun home hiperactivo que sempre tiña algún acto cultural ó que asistir. Agora, para compensar, tenme na casa todo o día.

15 jun 2010

A LOITA POLOS DESPOXOS
Marcos Valcárcel


Segundo me contan, a UPG logrou encabezar seis das sete candidaturas do BLOQUE nas listas das grandes cidades galegas.
O BNG vive horas baixas. A xente do común non entende nada, mareada pola sopa de siglas interna.
É a loita polos despoxos, como di o meu amigo Apicultor.
Imos camiño de repetir os resultados de 1979 cando sentaron na Casa do Concello Norberto Tabarés e Milagros Freán.
P.S. Tiña razón o XDC cando falaba das mociñas guapiñas do Pavillón: entre outras nadadoras estaban Leonor López Carrera, Remedios Anta e Cristina Huete e a súa irmá.

10 jun 2010

ROSEBUD 2ª PARTE
Marcos Valcárcel

En Compostela todos os soños eran posibles. Había tempo para todo: para a esmorga e para a loita política, e para as aulas e para a formación cultural.
Cheguei alí dous meses despois da morte do ditador, compartindo pensión con Bieito Iglesias e Bieito AlonsoO Roi”.
O curso 75-76 foi moi axitado. Os peches de Fonseca, as manifestacións, asembleas de distrito, as pintadas con Sarille detrás da estación de autobuses, etc.
Comandos de cinco estudantes saltabamos de súpeto nas rúas, atravesando os coches a man, e faciamos manifestacións por sorpresa,sen que aparecesen os grises.
Tamén levamos os nosos paos. En Carballo tivemos que coller a Bieito Iglesias do chan coas muletas. Noutra ocasión caín en Praterías cunha montaña de xente por riba miña e rompín o pantalón e perdín un zapato: esta historia cóntaa Bieito Iglesias nunha novela.
Desde aquela cheiraba os grises a dous quilómetros de distancia, a miña moza lucense daquela época Pilar Meilán dicía sentirse segura cando a collía da man diante dos grises.
Militei durante 30 anos no nacionalismo de esquerda. Primeiro en ERGA, ANPG e UPG. En ERGA reforzamos o núcleo inicial con Xulio GaiosoO Lobito”, Xosé Manuel Sarille e Xulio Cuba; en pouco tempo eramos vinte ERGAS na Facultade de Historia.
Na ANPG estiven na direción local, con Cuqui Fraguela e o avogado Pedro Trepat. E traballei coa Fronte Cultural.
Os Sábados había unhas xuntanzas do F.C. onde acudían Manuel María, Felipe Senén, Cesáreo Iglesias, Xosé Lois Vázquez. Eran uns encontros pouco operativos pero deliciosos: o barbas de Monforte contaba historias marabillosas e o Felipe Senén puña o carro de diapositivas e dábanos leccións maxistrais sobre arte e patrimonio.
Na UPG estiven na célula cultural con Margarita Ledo, Pepe Barro e varios xornalistas hoxe profesores na Facultade de Xornalismo.
Deixei a UPG tres anos despois “por motivos persoais”: en realidade cando lin a Lenin descubrín que non era leninista e ademais nunca entendín iso do centralismo democrático. Para algúns era un militante “culturalista” e isto era despectivo para eles. Tamén tivemos unha xornada, un día e unha noite, gratuíta no calabozo de Raxoi, por vender “Terra e Tempo”, voceiro da UPG aínda ilegal en 1977.

2 jun 2010



FELICIDADE
Marcos Valcárcel

Gardo unha viva lembranza dunhas vacacións en Monfragüe (Cáceres), nunha contorna natural fascinante. Unha tarde estivemos os tres sós na piscina do cámping. A miña filla, de sete anos, non saíu da auga e xogamos dúas horas cunha pelota amarela.
Iso era a felicidade pero quizais entón non o sabia. Son feliz agora ó rememorar aquelo, agora que lle teño medo á felicidade.


COIDADORES
Marcos Valcárcel

Debo á amabilidade do meu coidador Juan A. Quintana a trascrición destes textos, cun esforzo impagable. Excelente profesional, foi el quen me alentou a volver á escribir n´As uvas na solaina.
Emocionoume ler a mensaxe de Iñaki, un dos meus primeiros coidadores. Aínda rimos cos seus chistes todos os días.
Con Juan turnase Manuel Dios, todo bo humor e optimismo, que ademais é sobriño de Camilo Dios o guerrilleiro de Sandiás a quen teño a honra de coñecer.
Todos eles moi boa xente. As miñas grazas máis sinceras.

29 may 2010

Ante as innumerábeis mostras de afecto e solidariedade con Marcos, dentro e fóra do blog, de seguido van ir unha serie de tres textos a modo de lembranzas que este preparou ao longo dos pasados meses.

ROSEBUD
I Parte

por MARCOS VALCÁRCEL

Os nenos xogaban coas canicas de cores no parque de San Lázaro. As veces collian as bicicletas e ían ata Alongos (os pais non o sabían), dando conta dalgunha cerdeira que asomaba o camiño.
No colexio o neno estudaba con facilidade e ampliaba os seus libros con datos sacados das enciclopedias. Anos de descubertas. O primeiro bico adolescente nun portal. Fortes conviccións relixiosas, con don Digno e o movemento xuvenil Junior. Pouco despois, o meu primeiro traballo "político” foi buzonear un manifesto contra monseñor Temiño de Cristiáns polo Socialismo.
Gustábanme os tebeos: Zarpa de Acero, Hazañas Bélicas, Capitán Trueno e O Jabato. Ós catorce anos lin A Odisea, A Ilíada, A Divina Comedia, o teatro de Shakespeare.
En música pasamos de Adamo e Roberto Carlos a Bob Dylan e Paco Ibáñez. Nos guateques arrasaba Simon e Garfunkel e fomos ver a unha discoteca a Patxi Andion.
Vivín o meu persoal “arredor de si” nos quince anos: as misas en galego no Santo Cristo, a Coral de Ruada, a imaxe de don Ramón Otero Pedrayo cruzando a Praza do Ferro, os cursos da Auriense, a chegada ó instituto e a personalidade fascinante de Bieito Iglesias. Ás sete da mañá entrenaba a natación no Pavillón e abríase unha xornada chea de posibilidades.

24 may 2010

Un lóstrego

por Marcos Valcárcel

Ourense, 24 de maio de 2010

Aproveito a amabilidade do amigo Juan, un dos meus coidadores, para enviar estas liñas a todos os amigos e amigas.
Son de agradecemento a todas as entidades que nos últimos tempos me dedicaron o seu apoio ou recoñecemento, como o Pen Clube de Galicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Editores Galegos e o Liceo de Ourense.
Grazas a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a miña candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta de Galicia por concederme a medalla Castelao.
Grazas tamén á Fundación Curros Enríquez, ao Congreso Manuel Luís Acuña, á Fundación Carlos Casares, ao grupo Sarabela e aos medios de comunicación.
Grazas aos meus compañeiros do Instituto da Carballeira, os mellores do mundo. Grazas aos amigos que organizaron a homenaxe do 2008 e o libro Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade, con máis de duascentas colaboracións de escritores e artistas. Os amigos foron un diamante en bruto e un apoio constante: Benito Losada, Afonso Monxardín, Eduardo Núñez, César Ansias, Moncho Quintana, Xosé Luís Troitiña, Xoán Fonseca, Pepe Trebolle, Xulio Outomuro, Millán Picouto, e as súas donas.
Grazas ao meu irmán Fiz e a Ánxela polas xornadas fresqueiras ao pé dos carballos da súa casa no Pereiro.
E, por suposto, a María e a Eire: por todo.
Aproveito para despedir voces amigas, destacadas na nosa historia cultural: Anselmo López Morais, Manuel de Dios, Begoña Muñoz, Javier Randulfe e Perfecto Estévez.
“A vida, un lóstrego entre dúas escuridades”, escribiu o poeta Vicente Aleixandre. Até o labrego que vive nunha aldea na montaña deixa ese lóstegro entre os seus seres amados.
Escoito a cantante brasileira María Bethânia e encontro este verso:”Navigar é preciso; viver nao é preciso”.
Navigar, descubrir a vida en cada minuto, deixar as fiestras abertas e reconciliarse coa TERRA.

Nota dos Amigos de Marcos:
O coidador foi apañando palabra a palabra, letra a letra nos casos de dúbida, para escribir este texto nas longas noites desta primavera. Con el péchase definitivamente o vizoso ciclo d´As Uvas na Solaina. Moitas grazas a todos e todas.

18 may 2010


AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

CAMIÑO DO VAO(Galicia Hoxe:18-05-20010)

¿Galego no Senado?

Pois si señores. É importante que se oia galego no Senado. E nas Cortes Xerais. Pois como lugares de concentración do poder ritual, é interesante, xusto e equilibrador que se escoiten neses dignos foros as linguas todas de España. ¿De acordo? Pois logo imos co desacordo, porque debemos responder á cuestión clave de quen o debe falar, cando, como e por que. Se vostede parte dunha posición maximalista dirá, case enfadado, que calquera senador debe ter dereito de falar sempre que queira na lingua que considere oportuna. Ben, pois eu non lle comparto esa idea, como non comparto a da oficialidade de todas as linguas de Europa nas institucións europeas. E a razón é semellante.

As linguas teñen un dobre valor, de identidade e como vehículo de comunicación. Un ten unha lingua de identidade, natural ou escollida, mamada ou adoptada, e despois, seguramente, outras que lle serven como vehículos de comunicación en distintos foros. Os que lean estas letras terán como linguas de identidades persoais ou galego ou castelán e como lingua de comunicación principal alternativa, a outra. E como o mundo xira, outras máis nas que le, navega, ou viaxa. Así pois, debemos esforzarnos en facer respectar os valores simbólicos das nosas "outras" linguas de España e influír para que nos actos protocolarios, nos que fale a comunidade galega por voz do seu mandatario máximo, este use a lingua galega. Como sinal de identidade colectiva. E algo parecido para o Parlamento europeo. Os tratados da Unión, determinados documentos, todos os recoñecementos simbólicos que queiran a todas as linguas, claro. Pero non, claro, un galimatías de 30 ou 40 linguas oficiais simétricas. Un pouco de sentido común.

No Senado, a lingua de traballo deberá ser, creo, miren que cousas, a koiné común, o castelán. Porque creo que o noso deber, o deber desde as "outras linguas" é traballar para cambiar todas as connotacións negativas da diversidade. Nin o galego é lingua de pailáns e nacionalistas galegos, nin debemos deixar que o castelán sexa lingua de pailáns nacionalistas españois. Nin ofensas á nosa, nin desprezar as vantaxes de contar co castelán no noso repertorio.

Eu non quero tradutores para os meus deputados e senadores en Madrid nin en Bruxelas. Pídolles, como votante, que saiban falar, ler e escribir, castelán, e, cando menos no caso europeo, tamén inglés e francés. Se na praza de Santa Ana piden as cervexas sen recorrer ao tradutor, non vexo por que dentro da cámara teñen que escenificar unha artificiosidade irreal. O importante é que os símbolos sexan respectados e valorados. Ou sexa o uso ritual do galego en Madrid, por exemplo, ou o que representa a Estatua da Liberdade ou o Panteón de galegos ilustres. Pero non debemos tratar de converter os leóns das Cortes en animais de circo.

¿¿¿¿¿ ????????

El Pleno del Senado aprobó la toma en consideración de la propuesta de reforma del Reglamento del Senado para que, además del castellano, se puedan usar en la Cámara Alta el gallego, el catalán y el euskera. La senadora socialista Leire Pajín defendió el debate sobre el uso de las lenguas oficiales en el Senado porque “forma parte de manera natural” de la realidad social española. En su intervención, invitó al Partido Popular, que votó en contra junto a UPN, a sumarse a este debate “para abordar con consenso el uso de nuestras diferentes lenguas”.Pajín se dirigió al Pleno del Senado en cuatro lenguas oficiales: castellano, euskera, valenciano y gallego. Cuando habló en gallego, señaló: “Unha lingua con identidade propia, exportada en outros tempos a outras terras, protexida na distancia”.Además, se vivió un tenso debate entre el senador gallego Manuel Fraga y el senador del Bloque Nacionalista Galego Xosé Manuel Pérez Bouza, en el que el primero defendió su galleguismo pese al voto en contra de su partido


15 may 2010

Límites ó enriquecemento
MIGUEL SUÁREZ ABEL
El Correo Gallego, 15.05.2010

OS MERCADOS, O FMI, os analistas, os bancarios e os altos poderes das finanzas, sabedores de que as masas han soportar duros axustes para buscar solucións á crise, encárganse con eficacia probada de convencernos de que non queda outra. Así, utilizando os medios de persuasión de masas, van adestrando a poboación para que acepte con resignada paciencia as medidas.
Que non se debe vivir por enriba das posibilidades, farfallar e presumir é discurso que sempre desprezaron os ambiciosos e feras das finanzas, por considerar que a riqueza, o benestar e o progreso están de lado da iniciativa, do endebedamento e dos arriscados, nunca dos apoucados e pusilánimes que viven ó día, gardando os talentos baixo unha maceta. Foron sempre eles os que presumiron de que os avances tecnolóxicos, o progreso e a mellora das condicións de vida eran debidos ós entregados á creación de riqueza, con independencia de que se queimase o planeta, se explotase ós traballadores ou caesen no intento determinados principios éticos. Unha razón instrumental poderosa apuxaba deles contra os que antepoñían igualdade, repartición e vida máis sobria. Defenden contra vento e marea os beneficios das diferenzas e o premio para os máis espelidos. A clave do desprezo ó control político e do Estado estivo sempre espetada nun axioma incontestable: o benestar xira derredor dos emprendedores, dos excelentes ó servizo dun mercado libre e autónomo, capaz de dirixir a actividade económica . Por iso, como estímulo e recompensa, ha de haber diferenzas e clases nas que os privilexiados poidan exhibir con orgullo a colleita do seu esforzo. Enriquecerse, polo tanto, é imprescindible para que unha sociedade avance. Naquela na que se tronza esta liberdade e ambición tras da riqueza, imponse a desleixo, a mediocridade e a derruba de todo dinamismo económico e mesmo ético.
Con non ser de todo errado o discurso, hai un elemento vicioso de raíz: ignorar que o enriquecemento debería ter límites. Cando non os ten, imponse un desprezo cheo de cego orgullo entre a clase dirixente que remata por alimentar a xustificación de que só premendo nos débiles se pode seguir avanzando. E se o abismo aparece como consecuencia da dinámica por eles avivada, a solución só a ve o privilexiado mantendo os seus privilexios, xamais diminuíndo as súas ganancias. De aí que o acordo sexa unánime: o Estado ha de axudalos se están en apuros e os débiles deben aforrar para que eles, sen perder do seu, poidan seguir tirando deste sistema. A quen se lle ocorra que o axuste debería recaer sobre os que se enriqueceron, de inmediato é tachado de ignorante.