22 abr 2006


Darío Xohán Cabana na Academia
ANDOLIÑA sábado 22 abril
Foi en 1969 cando un poeta lugués aínda novo se deu a coñecer como tal: Darío Xohán Cabana (Terra Chá, 1952). Cumpridos cincuenta anos, agrupou toda a súa poesía nese longo período no volume Vinte cadernos (Poemas 1969-2002), un balance dun total de trece libros da súa lírica ata esa data.

Como narrador, ademais de gañar unha chea de premios, foi quen de crear obras moi populares como Galván en Saor ou Fortunato de Trasmundi ou auténticas pezas mestras da nosa narrativa como O cervo na torre e Morte de rei que tiveron o favor da crítica, aínda que a súa recepción polo público fose menos agasalleira do desexábel. Polo camiño, Darío Xohán Cabana foi construíndo unha forte personalidade como escritor e unha voz de seu que brilla hoxe con forza no noso sistema literario.
Hoxe ingresa na Real Academia Galega cun de seguro excepcional discurso e a lembranza dos seus mestres Xosé María Álvarez Blázquez, Manuel María e Méndez Ferrín, que responderá as súas palabras. A Academia está de noraboa e tamén todos os galegos e sobre todo a nosa lingua, ese tesouro que Darío soubo atesourar e enriquecer como fixeron os clásicos das nosas letras noutrora.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Sen ningún xénero de dúbidas, Darío Xohán Cabana merece este e moitos outros recoñecementos.
Súmome os parabéns que estes días está a recibir o autor.