22 abr 2006


SOBRE OS BISPOS AURIENSES, MEU DEUS!Galería de prelados aurienses
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
(Por se alguén non o viu, Ferrín escribiu este venres sobre os bispos aurienses)
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. Bispo que, na Idade Contemporánea, sempre se asocia co fanatismo, a intolerancia e o autoritarismo, como se a diocese estivese marcada con algún malfado. Pero, sobre todos os pecados destes bispos de Ourense, eu destacaría o de natureza capital que é coñecedido na moral católica co nome de soberbia. Soberbio foi estes días, e un pouco ridículo, o actual bispo de Ourense, Quinteiro Fiúza, ao condenar publicamente á plana maior do PP ourensán por ter celebrado matrimonio civil e de partido entre dous militantes seus, do sexo masculino, ambos, e iso aos poucos meses da colosal manifestación da dereita española en Madrid contra o casamento homosexual. Terá razón o bispo de Ourense, porque, despois de todo, o PP é o partido da Igrexa Católica en España e debe comportarse. No pasado foi o bispo, de Ourense Pedro Quevedo e Quintana, feroz absolutista que pegou portazo nas Cortes de Cádiz para se retirar a Turei (Tourém), territorio portugués da súa diocese, e desde alí proferir os planfletos liberticidas dirixidos a toda a España e no nome da Fe. E o pacífico Ourense da Restauración conmoveuse dúas veces, e tales conmocións atinxiron coas súas ondas de escándalo, toda a España (as Españas, que xa eran dúas) intelectual. Refírome a cando o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo presionou para que o premio sobre a obra do Padre Feijóo non se lle concedese a unha Concepción Arenal contraria doutrinalmente ao dogma e si á observante, carlistona, xovencísima e rica Emilia Pardo Bazán para escándalo da sociedade progresista galega, portuguesa e española e para ledicia (carta de Laverde a Menéndez Pelayo) do clericalismo e da ultramontanidade. Ou cando o mesmo bispo Cesáreo, na década de 1880, pouco despois, desnuncia e fai procesar polo brazo secular a Curros Enríquez, ao tempo que penaba con escomuñón a lectura de Aires da Miña Terra. Debo decer que o episcopado da miña infancia ourensana foi o do doutor Blanco Nájera, persoa autocrática que foi quen de expulsar os Xesuítas (sic) da cidade, de anatemizar a primeira asemblea da ONU, de acosar os protestantes de Couto e da Ponte e de retirarlle os sacramentos aos gobernadores civil e militar por concorreren á "Cea Americana" do Liceo onde, grave pecado, se amosaron escotes e se bailou o fox. Ou sexa que a tensión entre o bispo de Ourense e as autoridades políticas do seu partido non é cousa de hoxe. E lémbranse vostedes de Monseñor Temiño, martelo de cregos galeguistas, aos que empurrou de maus modos á secularización, que foi capaz de prohibir as festas e romarias tradicionais na súa dimensión lúdica e popular? Bispos de Ourense cortados todos por un patrón e que, en cada época, foron temidos e compeliron á descrenza a moitas xeracións de batizados na vella diocese. Eu coidaba que xa racharan o molde pro as declaracións de Monseñor Quinteiro, o único galego de nación nesta galería de rostros antipáticos, devólvennos a realidade de que as pedras do pazo episcopal de Ourense, sexan estas as do vello coma as do que onte albergara o seminario, seguen a agochar a vera faz do fanatismo e da intolerancia.




3 comentarios:

Anónimo dijo...

Nesta ocasión, Ferrín di verdades como "bocas de rifle".

Anónimo dijo...

Esqueceu o Ferrín empezar por aquel bispo Pedro Yañez de Novoa que lle queimou o convento aos franciscanos cando tiñan solar en Cimadevila -Praza do Correxedor-alá por volta de 1293, acto no que mesmo matou a varios frades.
Este bispo é, creo, o inaugurador da liña malas-bestas dentro dos prelados aurienses.
(Despois o Papa condenou ao bispo e houbo que lles facer novo convento aos franciscanos fóra da cidade, ao pé do Montealegre).
É unha historia literaturizable, preciosa.

Anónimo dijo...

Leo con interese o currículo dos inquilinos do bispado de Ourense. Quedei un pouco asustado con este percorrido histórico. Un saúdo.