Visita a ValdeorrasPasei onte, sábado, toda a xornada nas terras de Valdeorras. Fun aló coa miña muller, María, e a miña filla Eire. Convidáranos uns bos amigos do Barco: Remedios Gacio e Manolo Docampo (Lolo). E alí, para saborear un excelente cordeiro e os doces preparados pola nai de Remedios, esperábanos tamén Gustavo Docampo e Maribel, irmáns da outra parella (son dous irmáns casados con dúas irmás á súa vez). Lolo foi o responsábel do BNG na zona moito tempo: de feito un dos que montou o Bloque no lugar co meu cuñado, o poeta Millán Picouto, que tamén nos acompañou onte e que viviu alí tres anos, como profesor no Lauro Olmo. Agora dedícase ao mundo do viño e ensinounos de vagar a súa adega, de onde sae o magnífico viño ecolóxico que xa está a producir: Bacelos de Biobra. Só levan tres ou catro anos nisto pero xa son pioneiros en Galiza na produción de viño ecolóxico e teñen un magnífico viño que xa se comercializa en Ourense e noutras cidades do país. E, ademais, coa plena seguridade de que é o producto máis sano e menos contaminado do mercado gastronómico. Descendente de carpinteiros, o Lolo fixo el case soíño moitas das obras de restauración da adega, sobre unha casa familiar, e creou alí un recuncho encantador, nunha paisaxe tan fermosa como relaxante e acolledora: a adega está no núcleo de Biobra, concello de Rubiá, enclavado no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tivemos tempo para falar de case todo o humano e o divino e ata para escoitar un espontáneo recital en ruso: tomou café connosco unha profesora ucraína, que lles dá clases de ruso ás fillas de Remedios e Lolo, e gorentounos lendo uns textos en ruso e ata cantando unha canción moi coñecida do seu folclore.
2 comentarios:
Pois nada, se fan tan bo viño ecolóxico e son tan boa xente, haberá que mercalo e probalo.
Pode vostede pedirlles aos bodegueiros información máis precisa sobre os lugares concretos onde se vende, prezo, e cousas así.
Se é un bo viño, haberá que apoialo, digo eu.
Son moi boa xente, dende logo. Polo que eu sei serve para restaurantes e algunhas tendas especializadas, en Ourense dúas tendas de alimentos biolóxicos, unha delas na Avda. Habana. (E o seu enderezo comercial é, por se a alguén lle interesa: manueldocampo@valdeorras.com). Saúde.
Publicar un comentario