6 may 2006


OS LECTORES, ESPECIE A EXTINGUIR
(Andoliña sábdo 6 maio)
“Os lectores somos un grupo antropolóxico que está a extinguirse”: así nos define o sociólogo Vicente Verdú, tal cousa dixo hai un par de semanas na cidade de Vigo. Aparellados ás baleas e a outras especies en extinción e ás linguas minorizadas con dificultades de supervivencia ou aos propios perigos que sobre a natureza e o medio ambiente seguen a pousar a súa espada de Damocles: por certo, xa non se usa tanto aquel argumento que pintaba como utópicos apocalípticos aos ecoloxistas, por algo será. Os lectores seica entramos nese paquete: as especies en extinción que desaparecerán algún día, quizais moito antes do que pensamos, como lles pasou noutrora aos dinosauros.
Todos os días lemos declaracións semellantes. Tamén os xornais en papel van morrer, como din algúns agoireiros? (por certo, parabéns a El País, un gran diario europeo, no seu 30 aniversario). Quizais morran os xornais e os libros e tantas linguas... Pero nada cambia. Algúns seguiremos a ler e non só iso: a falar e escribir sobre a literatura, a tentar convencer aos mozos de que se deixen seducir polo engado dos libros, a organizar actos culturais arredor dos escritores e os libros… Máis dun xa nos mira con aceno compasivo: ¡Pobres toliños!
(Imaxe: Pier Paolo Pasolini, Autorretratto, 1947, Gab. Scient. Lett. G.P. Viesseux, Firenze

1 comentario:

Anónimo dijo...

Pois non. O lector non está a morrer. Nin moito menos. A nosa voz interior, a voz que le, está máis viva do que endexamais o estivo. Ó millor nen sequera vai morrer o soporte papel, o libro; quero dicir, como nós o entendemos. Se iso sucede, se o libro se vai, porque se van os bosques,algo vira substituilo. Acaso unha pantalliña, unha pantallíña que levar no peto que nos permita ler o que queiramos no lugar no que se nos antolle, ese soporte de certo que non só non ha morrer, senón que aínda está a nacer. Verémolo. Iso espero.
Sucede que nunca se editou tanto, tan profusamente, mesmo de tan difuso e confuso xeito, que nunca houbo tantas editoriais e que,as crises de crecemento, son situacións propias da adolescencia,dalgo que se abre ó mundo, a un novo mundo. E producen desorientación. Desorientados.Aí é como estamos.
¿Cantos libros en galego se editaba hai vintecinco anos? ¿Cántos están d emáis, se é que os libros poden chegar estar de máis, que ás veces si? ¿Sábese que hai dous meillóns e medio de libros durmindo o inxusto sono dos xustos nos almacens da xunto? Dous millóns e medio de libros a mil pesetas libros son dous mil cincoentos millóns de pesetas que, adicados á potenciación real dunha política lingüistica poderían cundir o inimaxinable.
Por iso, se nos esquecemos do contido da caixa de Callón e aceptamos o simbolismo que significa poderemos aceptar a súa acción de millor grado, por terciar no que falou nestes días de aí atrás nos que andei ausente.
En fin, ánimo e a seguir.