"Gallego" na Real Academia Española PAN POR PAN domingo 17 decembro No ano 1959 a Real Academia Galega, presidida entón por
Sebastián Martínez Risco, levou unha proposta diante da Real Academia Española solicitando que se suprimise do dicionario español a acepción da palabra “gallego” como “mozo de cuerda”.
Camilo José Cela, que xa era académico da RAE, apoiou a proposta e ademais propuxo pola súa banda que se sustituíse a acepción de “gallego” como dialecto por “gallego” como lingua. As propostas foron aceptadas, pero Cela só tivo na RAE o apoio de
Wenceslao Fernández Flórez (había máis galegos na institución). Cela escribiulle despois a
Celso Emilio e a
Fernández del Riego protestando porque en
“Vieiros” de México se informaba do cambio da Academia sen facer mención do seu papel decisivo ó respecto, do que estaba moi orgulloso: a carta está editada no libro de artigos de Cela “Retorno a Iria Flavia”, publicado nestes días.
P.S.: a reseña sobre ese cambio saiu no número 1 de
Vieiros, asinada por F.D.G. (
Florencio Delgado Gurriarán).
(Ilustra esta nota un debuxo de
Antón Patiño, sacado da revista
Luzes de Galiza, n.2, 1986).
2 comentarios:
Na edición de 1989 do Diccionario manual e ilustrado de la lengua española. Cuarta edición revisada.
Madrid . Espasa-Calpe. 1989, avalado pola RAE, non sei se por erro, figura de novo a acepción de "mozo de cuerda".
Outra curiosidade: ata o ano 1989 non aparece o termo "galleguismo" coa acepción de "Amor a Galicia y a las cosas gallegas".
Grazas polas súas aportacións, Arume, como sempre moi útiles.
Publicar un comentario