COMPRENDERÁS QUÉ SIGNIFICAN AS ITACAS...
(Discurso no IES A Carballeira, 25 maio)
Nos catro ou cinco últimos anos facemos no meu Instituto a tradicional ceremonia de despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. Na mesma hai espazo para discursos dos alumnos/as, do director e dos profesores que lles imparten clase: ata agora tocoume a min sempre e aceptei gustoso. Transcribo agora aquí o que onte mesmo dei lectura e que agradou bastante ós meus compañeiros: quizais non sexa o discurso convencional para a ocasión, tomeime o encargo con bastante liberdade. Como é longo, vai en portada só o inicio: se lles gusta, o resto está accesible nos comentarios.
Onte pola tarde estiven a ver, nese aparato tan marabilloso como prostituído que chamamos televisión, un documental sobre a natureza nos tempos da conquista do Oeste. Nunha das súas primeiras imaxes contemplamos un xigantesco bisonte americano, tombado no chan, a bafexar con toda a súa forza como se estivese asistindo a un dos momentos cruciais do seu existir. E así era, pero non era a súa agonía, senón o nacemento da vida: aos poucos segundos viamos caer daquela tonelada de músculos e peles unha bolsa chea de sangue da que, case de inmediato, saía unha forma viscosa pero recoñecible que, ao pouco, tentaba xa poñerse de pé e empezar a súa andaina polas grandes chairas norteamericanas. Así se inicia a vida, de certo, e non é moi diferente o xeito de nacer de calquera dos bichos que nos movemos por riba do planeta, máis ou menos racionais...
Aínda que, cómpre matizar. Un bisontiño, unha cría dun cervo, un bebé león pode xa, en canto ve alborexar a inmensa luz do sol, poñerse de pé e gozar de certa autonomía por si mesmo. Moitas especies en poucas semanas abandonan mesmo o ubre da nai e dedícanse de inmediato á loita na eterna, cíclica, constante, conquista pola vida. Os seres humanos do noso tempo nacemos rodeados de lámpadas, batas brancas, tecnoloxía avanzada, aparatos de medición de todo tipo: nada debe fallar. Pero facémolo así, porque somos inmensamente febles, sen dúbida, cando nacemos, máis inseguros, máis incertos, máis vulnerables, que a maioría dos nosos compañeiros do mundo animal. E iso tamén debe querer dicir algo: iniciamos unha viaxe, pero non será en solitario. Será unha viaxe acompañada desde os comezos, na que sempre teremos alguén sobre quen reclamar un apoio, un brazo solidario, unha palabra de alento. Vivir, para a especie humana, é inevitablemente un Convivir. Non pagaría a pena se así non fose: ao “último home vivo”, así se titulaba unha vella película de ciencia-ficción apocalíptica, só lle quedaría suicidarse para burlar a anguria do sensentido.
Nacemos, pois, non por propia vontade, pero si cun roteiro camiñado antes por outros, se queredes cun certo destino se a palabra non vos parece moi pretensiosa. O psiquiatra Víctor Frankl, que coñeceu os infernos de Auschwitz e Dachau, dicía que, como no xadrez, na vida non existe a xogada perfecta: “non deberíamos buscar un sentido abstracto á vida, pois cada un ten nela a súa propia misión que cumprir; cada un debe levar a cabo un cometido concreto. Xa que logo nin pode ser reemprazado na súa función, nin a súa vida pode repetirse; a súa tarefa é única como única é a súa oportunidade para instrumentala”. Debería, pois, defenderse unha auténtica biodiversidade (ese concepto que de seguro ben vos explicou Emilia Otero) a favor das persoas; como dicía o gran Antonio Machado, por boca de Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén, porque, por moito que valla un home (ou unha muller, podemos engadir), nunca terá valor máis alto que ser un home”, isto é, un ser único, irrepetible, dotado da vontade para facer o máis marabilloso ou o máis execrable. Por iso é tan importante saber cara onde imos: “quen ten algo por qué vivir é capaz de soportar calquera cómo”, de novo en palabras de Víctor Frankl.
(Segue... ... )
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 11 horas
19 comentarios:
CONTINUACIÓN DO DISCURSO ...
E non estou a falar agora do voso futuro profesional, que é unha páxina en branco aínda do libro da vosa vida, na que vós desexamos os meirandes éxitos. Máis importante que iso é saber que paga a pena facer esa viaxe, que o navegante nunca se rende nin ten medo das treboadas nin das sereas homéricas nin dos demos nacidos nas cabezas medoñentas dos homes. Moitos de vós pasastes moitos anos neste casa educativa, toda a vosa ESO e Bacharelato, abeirastes a este porto e fostes recibidos con ledicia, con entusiasmo mesmo, ilusionados todos no proxecto de viaxe que queriades facer, desde aquela, tamén connosco. Nestes anos enchestes a adega do barco de coñecementos, instrumentos, materiais, para soportar a dureza da viaxe, pero a nós, aos docentes, gustaríanos (creo que podo dicir isto tamén en nome dos meus compañeiros) que, ademais deses coñecementos, nestes anos descubrirades tamén que, en calquera esforzo que vós propoñades, saibades que ides ter sempre ao voso carón unha man de apoio, unhas palabras de alento, unha lembranza útil para seguir camiñando.
No futuro iniciaredes novas etapas desa vosa viaxe, diversas e aínda ignoradas. Acumularedes máis coñecementos, máis currículo, máis instrumentos de navegación, pero viaxaredes polo mesmo mar, o océano das descubertas, e esperamos que o fagades co mesmo entusiasmo de sempre, con pulos renovados en cada novo porto, con novas forzas ao dobrar cada un dos cabos do horizonte. Non me gusta dar consellos, pero hoxe farei unha excepción. Para darvos dous. Primeiro, que tedes todo unha vida e un sorprendente mundo de experiencias por diante. Son mentira as biografías abreviadas que vos aparecen nos libros de texto: estudou na escola, no Instituto, na Universidade..., non, non é certo, nunca se deixa de estudar ou cando menos de aprender, como naquel famoso debuxo do Goya xa moi ancián que se autorretrata co lema “Aínda aprendo”.
E un segundo consello: tede tamén en conta que sabedes moito máis do que pensades. Á marxe dos resultados académicos deste curso ou da futura selectividade. Tede a autoestima necesaria para situarvos no mundo. Ninguén o pode saber todo, nin sequera soñar facelo algunha vez. O coñecemento é tamén unha inmensa rede, onde todo está interrelacionado, enfiado por lazos moi sutís, por fortes trazados case inefables... Vós estades habituados a navegar pola rede, por Internet, e a vida e o coñecemento non son moi diferentes nisto dese mundo virtual. Só que na rede hai moita trapallada, xa sabedes, moito barullo que só fai ruído e escurece o horizonte e hai que saber buscar e saber relacionar. Hai que saber buscar. E avanzar cara adiante, con paso firme e seguro... como na vida mesma.
A sociedade deuvos unha formación escolar universal e rigorosa, que é unha conquista aínda moi recente: vós tedes a sorte de nacer no lugar máis privilexiado do mundo, a Europa, en canto a benestar social, pero aínda neste recuncho do mundo as cousas non eran así non hai moito. Por exemplo, nos tempos en que se dicía “pasar máis fame que un mestre de escola” ou nos que Luís Bello visitou ás escolas de Galicia, instaladas en cortello e cheas de lixo e ratas entre os cativos. Por sorte, non é ese o voso mundo xa. Agardemos que sexa aínda moito mellor o dos vosos fillos e netos.
No inicio da “Odisea” Zeus sincérase un momento e confesa o gran absurdo da humanidade: “¡Que desgracia esta! Os mortais sempre culpan aos deuses. Din que é de nós, de onde lles veñen todos os males, cando a verdade é que son eles mesmos os que, coas súas loucuras, atráense infortunios máis alá do seu destino”. E Zeus tiña razón, non lla imos negar aos deuses: somos nós os que labramos, día a día, para ben ou para mal, o noso destino e o noso futuro. E por iso tampouco queremos ser cómplices dos que escriben liñas de barbarie na historia do mundo co sangue dos inocentes, co silencio dos dominados, coa ignorancia dos desposuídos. Os culpables do horror desatado polo mundo camiñan á nosa beira, ás veces entre grandes aplausos. Nós sabémolo, non busquedes nos deuses as razóns dos desvaríos que só somos quen de causar os humanos.
Marchades cara novos camiños e sodes aínda moi novos. Pero debedes pensar que o tempo é o único asasino impasible de ilusións. Nun fermosísimo poema Constantino Cavafis retrata a un ancián nun vello café, emborcado sobre a mesa, lembrando os días lonxanos da mocidade:
“Sabe que envelleceu moito, sénteo, pode velo. / Sen embargo, o tempo da mocidade, parece/ que foi onte. ¡Qué curto intervalo, qué curto intervalo”.
Antes do que pensades estades, estaremos nós tamén, nese mesmo lugar e posición e debe ser moi triste mirar cara atrás para reprocharse a si mesmo o tempo perdido. Por iso o mesmo Cavafis, nese gran himno de emocións e esperanzas que é o seu poema “Itaca”, escrito en 1911, fainos pedir con el que o camiño sexa longo e rico en aventuras e experiencias, que teñamos que enfrontarnos coas ferase os cíclopes e non temamos a ira de Posidón. Cos seus versos vai tamén a nosa despedida:
“A Itaca tena sempre na memoria.
Chegar aló é a túa meta,
Máis non apresures o regreso.
Mellor que se dilate longos anos
E, na túa vellez, arribes á illa
Con canto teñas gañado no camiño,
Sen esperar que Itaca te enriqueza.
Unha fermosa viaxe deuche Itaca. Sen ela
Non emprenderías o camiño.
Mais, ningunha outra cousa pode darte.
Anque pobre a atopes, non houbo engano.
Rico en saber e en vida como volviches, comprendes
Qué significan as Itacas.”
Moi , moi fermoso o seu discurso. Como colofón permítame que lle adique a vostede o non menos fermoso poema de Gabriel Celaya.
Educar es lo mismo
que poner un motor a una barca...
hay que medir, pesar,equilibrar...
y poner .todo en marcha.
Pero para eso,
uno tiene que llevar en el alma
un poco de marino...
un poco de pirata...
un poco de poeta...
y un kilo y medio de paciencia concentrada.
Pero es consolador soñar
mientras uno trabaja,que ese barco,ese niño
irá muy lejos en el agua.
Soñar que ese navío
llevará nuestra carga de palabras
hacia puertos distantes,hacia islas lejanas.
Soñar que cuando un día
esté durmiendo nuestra propia barca,
en barcos nuevos seguirá nuestra bandera
enarbolada."
Cerimonias como a que orixina o discurso do señor Valcárcel deberían facerse en todos os institutos e colexios públicos. Dalgunha maneira outórganlle un sentido, á vez que lle poñen o ramo, a nove meses de vida que, aínda que eles non o saiban, forn decisivos nas vidas de cada un deses rapaces. Paréceme moito máis interesante e apropiado este modo de facer que esa sucia e demagóxica proposta de Sarkozy de ler a carta do pobre neno asasinado polos nazis.
Eu era moi reacio a este tipo de celebracións, mesmo na universidade, pero despois de asistir a un par delas cambiei de opinión: esa emoción que xurde deses momentos enriquece a vida, os sentimentos das persoas. Pode soar un pouco cursi, pero eso é o que sinto.
Eu tamén fun, de novo, algo escéptico con estes actos... Tan progres eramos na miña xeración, que nin orla fixemos na Facultade.
E agora, desde hai 12 anos que estou no meu IES, vexo a cerimonia final -con conferenciante invitado entre exalumnos (o ano pasado Manolo Outeriño), Gaudeamus, etc.- como algo moi fermoso sobre todo para determinado público. Por exemplo aquelas familias nas que nunca estudiaron e qeu por primeira vez un deles remata o Bacharelato... A emoción das nais e dos pais, é suficiente... para saber que fixemos o noso traballo. Ademais do interclasismo... A min faime especial ilusión ver compartindo os pinchos de tortilla do final aos pais de apelidos sonorosos e con cotización en bolsa textil con aqueloutros socialmente no polo oposto... Pero os rapaces e rapazas todos uns... Esas cousas fanme acreditar con intensidade no ensino público. Debemos potenciar as cerimonias, porque acabar o bacharelato é algo tan importante nas nosas vidas como nós sabemos.
Engado: contemplar os ollos de felicidade de tanta xente, orgullosos dos/as seus/súas fillos/as (fago esta exhibición de barras porque no meu caso son case todas mulleres e o neutral "o" fáiseme demasiado masculino) ou familiares, e das/dos estudantes que acaban abrazados durante horas ata que o/a último/a chega, despois dunha troula inesquecible, a súa casa é un agasallo que dura toda a vida. Eu confésoo abertamente: na última chorei, chorei, chorei. De emoción e de ledicia: escribindo aínda asoma algunha bágoa.
Para nós, que vemos pasar esas cerimonias, é ademáis o momento de máxima satisfacción e de lexítimo orgullo polo noso traballo. Algo desto tamén merecemos. Digo eu. Non sei.
Graciñas polas súas gabanzas, Doniña, e polo poema con que me agasalla que, de seguro, utilizarei en calquera ocasión axeitada.
A min tamén me sucedeu o mesmo que a Arume e Avmf e quizais a Leituga: non cría neste tipo de actos ata que me tocou participar (e organizar) os do Instituto. É certo todo o que din e dende logo teñen un sentido profundo para os alumnos e as súas familias (e para os profesores). E son dunha xeración marcada por un radicalismo claro contra estas cousas: a miña promoción foi a primeira que se negou a facer a orla na Facultade. Por certo, creo que nos equivocamos: hoxe ata me gustaría non exhibir a orla, pero si ter a foto dos compañeiros daquela andaina.
Pois xa sabe, señor Leituga 1, vostede que é socialista fale coa conselleira.
Quizais todo o mundo se contentase, non como pasa con iso dos horarios que ten revolucionado a todo o profesorado de primaria e parte de sencundaria.
Tamén comezou a "estilarse" (que palabra sacada do pasado!) celebrar os vintecinco anos de cou ou de remate de carreira. Tamén era eu contrario a estas celebracións, como case todos os da miña xeneración e aledañas, pero ou é a nostalxia ou quizáis (eu penso niso non sei se estarei trabucado), ou é a normalidade democrática e social (a ritualización dunha sociedade civilizada), o certo é que son ben emotivas e reforzan uns vencellos sentimentais moi necesarios. Sen desprezar catarses e cousas polo estilo que tamén están ben. Eu recordo que na de COU estiven todo o día (máis ben a noite) repetíndolle o nome a un meu amigo que había moito tempo que non vía sen contarnos nada das nosas vidas. Non falamos de nada, pero estabamos contentos de vernos. Nada máis. E nada menos.
É día de reflexión, pero o asunto dos horarios é o único asunto que interesa a todo o profesorado, sexa de primaria, de secundaria ou de universidade. Neste último caso, as únicas xuntas de centro que consiguen certo quorum son aquelas nas que se debate precisamente o tema. Triste, pero certo: para moitos, ademáis, é a súa única preocupación.
Eu, desde logo, animo á conselleira a que non deixe esa teima, por suposto razonada xunto con outras moitas consensuadas cos sindicatos. Pero que estea alterado o profesorado por esa cuestión a mín alédame. Que quere que lles diga.
Seica andamos nunha idade moi mala, porque hai unha semana participei nun destes actos e tamén me emocionei. Antes non me pasaba tal.
A miña promoción universitaria si fixo orla. Pero eu, por suposto, pasei de ir á sesión fotográfica. Aínda hoxe non recollín o título. Non é que me arrepinta -para nada- daquelas mostras de radicalismo xuvenil, pois eu sempre digo que o único importante é, se se pode, non facerlle mal a ninguén gratuítamente nin engadirlle ao mundo máis pena da que xa ten. Pero agora, xa máis vello, concordo co que din vostedes sobre o valor de certos ritos e cerimonias. E vénseme á cabeza o artigo de Sarille sobre os tanatorios, no que se pon de manifesto a necesidade de artellar rituais laicos de despedida que os ateose os descridos aínda non soubemos inventar.
Alégrame constatar que o señor Arume tamén é proclive ás bágoas nas inxenuas, sinxelas e importantísimas cerimonias escolares. A min pásame o mesmo e ata hoxe pensaba con preocupación que había de ser cousa dun reblandecemento cerebral ocasionado polos anos.
Sempre que participei nun acto de fin de carreira pensei que eran fundamentalmente un acto de reivindicación e orgullo familiar, moi especialmente daquelas familias nas que por vez primeira un dos seus membros acadaban unha titulación universitaria (coincido con avmf e sempre me resultou moi especial ver a súa emoción ó conseguir ese logro colectivo….).
Pero agora vexo que, anos depois, tamén serven para unir sentimentalmente os membros dunha xeración, incluso polo mero feito de non facer eses actos … non se laien… aínda están a tempo, si queren algo sinxelo podemos arranxar as fotos da orla para o despacho ou o salón, pero si prefiren podemos intentar montar un acto de graduación en toda regra, seguro que a USC non terá problemas en deixarlles o paraninfo e que presida o acto o Excmo. Mgfco Reitor, pola miña parte, ofrézome a conseguirlles as bandas e un coro e seguro que algún presidente da deputación financiaría o viño correspondente (e si se poñen, tamén a paparota..), non faltarán persoas para facer intervencións de alta calidade, nin xornais nos que quede rexistrada a boa nova da reconversión….
Ademais de demostrar a capacidade que ten, moitas veces, a diferencia entre xeracións para diferenciar e marcar profundamente ós seres humanos, os comentarios lidos nesta entrada, así como no do remate de estudos de bacharelato da filla do Sr Valcárcel, son un claro exemplo de como “a experiencia vital dun individuo é tamén unha experiencia colectiva”, e un pracer lerlles pero dáme a impresión de que son demasiado novos aínda para deixarse levar tanto pola nostalxia (ou pode que non...)
(aínda que espero que ninguén se teña molestado, en calquera caso pido xa escusas preventivas… unha aperta a todos...)
Imos ver qué contestarían a este debate varios personaxes-tipo.
(E disimulen o pouco elaborado dos retratos, a improvisación é o que ten)
NEOMARXISTA RADICAL ANTICAPITALISTA
Estas cirimonias que vostedes tanto loan, non son máis que unha coartada bonita, de postal cor de rosa, para a reprodución ampliada do Capital e supón un canto acrítico ao capitalismo máis salvaxe e neoliberal, ao tempo que manten á nosa mocidade na ignorancia e no escurantismo.
Esas cirimonias establecen unha idea falsa de “igualdade social” nunha sociedade que é profundamente desigual e segmentada. Os fillos dos ricos xunto cos fillos dos pobres, proclama entusiasmado un dos intervintes: Qué gran loa ao interclasismo e ao conformismo.
O que se furta aos nosos estudantes é que, despois da festiva cirimonia, “vuelve el rico a su riqueza, vuelve el pobre a su pobreza, y el señor cura a sus misas”, como dicía aquela vella canción de Serrat.
Neste sentido, non é nada casual que ningún de vostedes faga mención algunha á situación futura da gran maioría deses estudantes: despois de pasar por unha universidade mercantilizada, na que só se ensina a competir consonte a súa función de Aparello Ideolóxico do Estado e do Capital, o que lles espera é un traballo en precario, uns pseudocontratos leoninos e mal pagados, unha falta de perspectiva de futuro, en suma.
Non todo é de cor de rosa, señores, e o que vostedes propoñen é unha mixtificación da realidade e, obxectivamente, adormecer ao noso estudantado para coutar calquera posibilidade de rebelión contra o Capital e a Mundialización.
FILÓSOFO COMUNITARISTA À LA McINTYRE
Nas modernas sociedades actuais están desaparecendo os elos básicos que as mantiñan unidas.
O sentido de comunidade, de pertenza, a noción chave de formar parte todos dun mesmo proxecto que se sufinca no pasado e que se orienta cara o futuro, desaparecen ante a prédica de valores depredadores carentes do máis mínimo sentido da solidariedade e da compaixón.
A anomia e o individualismo amoral son consecuencia da perda destes referentes sociais e culturais que abocan ás nosas sociedades cara un futuro incerto, sen calor, nas que todo vale con tal de sobrevivir.
Por iso apoio estusiasmado a recuperación destas vedrañas cerimonias que nunca se deberon perder e que unha idea perniciosa do que era a paideia fixo que desaparecesen dos nosos institutos.
Nestes actos de fin de curso, represéntanse solemnemente os sólidos valores da amizade, da familia unida, o sentimento de comuñón de intereses alumnos-profesores-pais, que son os alicerces básicos dunha idea de comunidade que hai que recuperar. Quizais non todo estea perdido.
PROFESOR COA SÍNDROME DO QUEIMADO
Era o que faltaba: despois de ter que aturar a alumnos que che fixeron a vida imposible, que se chotearon do teu labor, que pretendían aprobar co mínimo esforzo, teño agora que poñer cara bonita e mesmo emocionarme?
Si, agora estou vendo a aquel cabroncete que tanto me puteou, e tamén vexo alí aos seus pais todos contentos, pero que durante o curso viñeron protestar ante o director porque seica eu lles esixía moito e porque lles daba unhas notas moi baixas, e que iso traumatizaba ao seu fillo e impedía que tivesen a nota de corte necesaria para facer teleco.
Canta hipocresia! Isto está cheo de docentes que na sala de profesores non facían máis que queixarse da actitude dos alumnos, mesmo está aquela profesora de inglés que chegaba moitas veces chorando por mor do acoso ao que era sometida polos alumnos. E o director está todo ufano, claro, así calquera: palabras bonitas pero nunca foi capaz de expedientar a ese par de cacos e futuros delincuentes que seguro que esta noite collerán unha boa chea e queimarán un par de contenedores.
Moi agudo, señor APC, no seu retrato-tipo de personaxes ideolóxicas nesa ceremonia. Pero remate a faena: identíficase vostede con algún dos tres estereotipos?
Sr. Descrido, "Aceptamos pulpo": quero dicir que si, que hai moito de nostalxia nalgúns dos post destes días, pero estou a descubrir que o blog é un sistema ideal para curar as nostalxias e mesmo compartilas cos meus compañeiros/as de xeración, que nin sequera chegamos ós 50 anos, pois somos aínda novos (tamén é certo). Pero o que aforramos en consultas de psicoanálise comentando todo isto aquí, non é un bo negocio para nós mesmos?
Efectivamente, APC -en función neomarxista radical- estes son actos interclasistas nunha sociedade socialmente desigual... pero meu amigo ¿que sería mellor, colexios separados, públicos pobres, privados ricos? Non. As contradicións sociais non as van solucionar os nenos dos institutos... (é máis non creo qeu teñan nunca solucións defnitivas nin radiciais) e se anos despois se encontran fronte a fronte negociando un convenio, tanto mellor. Algo común humanamente terán para empezar a achegar posturas... Eu que sei. Vostede ben sabe qeu son un inxenuo e un romántico...
Se cadra é unha loa ao interclarismo, pero en absoluto ao conformismo. Polo menos así o entendo eu.
Que despois de rematar van encontrarse fóra cun mundo cabrón no que os xefes nas empresas non son os amables directivos dos institutos, e que non vai haber medidas de reforzo, apoio, etc. para que todos cheguen aos cumes persoais posibles, tamén llo dicimos. Ben clariño... e como é lóxico, non nos cren moito... de momento. Tardarán un tempo en verlle as orellas ao lobo. Pero éche o que hai, o mundo é así.
Eu, como don Vicente, amigo Valcárcel, digo que "as cousas son asegún". Ou tamén, postos en plan etnografía espiritual, que "Deus é bo pero o Demo non é malo".
Amigo Etxe, e a min que me di? Non confunda autor con personaxes.
Esquecín dicir que o Gaudeamus é unha cantiga que pon os pelos de punta. Eu non podo chegar ao semper sint in flore. Boto a chorada. Semper.
Está feito todo un manancial, amigo Arume.
Publicar un comentario