20 may 2007




Linguas cruzadas.

Pan por Pan 20 maio. (O debuxo é da surrealista checa Toyen (Marie Cermínova), Praga 1902-París, 1980).

A TVG emitiu onte o documental “Linguas cruzadas”, de María Yáñez e Mónica Ares, que fai unha esculca nos comportamentos sociolingüísticos da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial (os nacidos despois de 1980). O interesante deste traballo é que lle dá a palabra ós propios protagonistas: mozos estudantes de Chantada, A Coruña, Santiago, Bueu, que falan das súas actitudes cara o galego. Dende o apoio total á indiferenza. E aboian todos os prexuízos de sempre: o galego como lingua rural, un idioma só de nacionalistas, etc. O documental só retrata a realidade: despois de 27 anos de autonomía e democracia, as cousas están difíciles para o galego. Hai mozos e mozas concienciados ou que o falan de seu, sen problemas: eles poden facer moito aínda. Veremos qué pasa na seguinte xeración...

1 comentario:

Anónimo dijo...

Non imos negar que o galego avanzou moito en todo este tempo pero ás claras está que non foi suficiente. Chega con darse unha volta polas cafeterías arredor do campus para comprobar como a maioría dos mozos e mozas que foron xa escolarizados en galego só empregan o castelán para falar entre eles. Razón: non sinten necesidade de empregalo. Foi unha lingua que na cal estudiaron pero agora que xa non hai "obriga" pódese abandoar sen problema. A eso engádese que socialmente, ao contrario do catalán, non é unha lingua que aporte prestixio e progreso social senón que aos ollos de moitos aínda está amarrada ao mundo da aldea e a todo o que eso supón. No outro extremo temos aos que o falades e escribides correctamente, seguindo unha normativa (cambiante) a que non todos damos chegado. Iso fai que en certos contextos un ande con pés de chumbo polo medo a cometer erros algo que co castelán non acontece aínda que preguntes aquilo de "¿Y luego?".