Mostrando entradas con la etiqueta TVG. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta TVG. Mostrar todas las entradas

19 feb 2009


Románico
ANDOLIÑA 19-2-09

A segunda cadea de TVE está emitindo polas mañás unha serie documental moi recomendable, Rutas del Románico, conducida polo humorista gráfico Peridis. Tras percorrer nunha xeira anterior boa parte do románico en Castela e León, Peridis segue o seu camiño, lapis e lámina en man, pola montaña palentina, Álava, as grandes colexiatas de Cantabria, a arte tardía de Pontevedra, as pinturas murais das igrexas catalás, o final do Camiño de Santiago, os antigos condados de Sobrarbe e Ribagorza (Aragón) e os grandes mosteiros cistercienses e bieitos de Cataluña.
Unha completa visión do Románico dende a clave artística e monumental, que remata sendo tamén unha crónica da época, do estilo de vida e da historia social e relixiosa nos séculos nos que floreceu esta arte. Un acerto da serie é que non se centra só nas grandes catedrais e colexiatas, senón que ademais esculca nas igrexiñas do románico rural.
Tamén un modelo do documental sobre patrimonio a imitar polo audiovisual galego e a Televisión de Galicia: para cando unha serie semellante sobre o Románico galego, que se deteña tamén con agarimo nas pequenas ermidas e capelas que enchen a Galicia rural?

5 sept 2008


"BONANZA"
(e 2).
Andoliña
venres 5 setembro.

Unhas liñas máis sobre "Bonanza", a serie máis vista nos 60 nos Estados Unidos, con millóns de seguidores en todo o mundo. O pai da idea foi o produtor David Dortort que lle propuxo á NBC unha fórmula televisiva en clave western, mesturando os rexistros cómico e dramático. Á fronte da historia Ben Cartwright, o patriarca viúvo tres veces, e os seus fillos de varias nais: o racional e cerebral Adan, o sentimental Hoss e o pequeno e impulsivo Joe: de nenos queriamos sobre todo ó xigantón Hoss, tan inmenso como candoroso; cando morreu en 1972 Dan Blocker, o actor que o interpretaba, a serie sufriu unha fonda crise.
Cales foron as razóns do éxito da historia do rancho A Ponderosa, que marcou a historia da TV entre 1959 e 1973? Foron varias. A construción deses catro personaxes tan diversos, que ofrecían visións plurais da vida e do mundo. Tamén un certo alegato progresista: os bos dos Cartwright sempre en defensa do Ben, contra o racismo ou o maltratamento ás mulleres. Por exemplo, vimos un episodio en que Joe lle abría todo un mundo novo a unha moza xordomuda, aprendéndolle a lingua de signos. E a utilización atinada das paisaxes, como no western clásico, cunha expresa apelación preecolóxica ó respecto á natureza.

4 sept 2008


BONANZA. Andoliña xoves 4 setembro
Poucas vivencias teñen a forza de impregnar a memoria como algunhas da nosa infancia. Asocio eu a volta do colexio cun engaiolante bolo de pan que contiña no seu interior unha onza ben grosa de Chocolates Chaparro, que ademais estaban moi preto da miña casa. Gustábanme tanto que lle daba á onza para abaixo para que durase máis o pracer saboroso. E como melodía de fondo, unha musiquiña ben atractiva e un mapa ardendo polas beiras mentres asomaban o bo de Ben Cartwright, o patriarca viúvo da Ponderosa, e os seus tres fillos.
Falo de "Bonanza", marca e símbolo da miña xeración. Neste verán puiden ver algúns capítulos, en horario matutino da TVG, con certo temor: co arrepío de asomarme ó pasado e encontrar decepción onde houbo felicidade. Pero non sucedeu tal. O paso do tempo non foi quen de estragar o mito. Con tramas sinxelas, pero ben articuladas; sen grandes medios, e con personaxes poida que tópicos pero ben construídos; cun espírito que cando menos bebe nas fontes do western clásico. Con xeito, co resultado final dun produto moi agradable.
Sobrevive "Bonanza" na TVG e nas webs de fans de internet. O gran Robert Altman dirixiu moitos episodios: non me sorprende.

23 jul 2008


Abelardo Pérez Gabriel,
Ánimo e adiante...!!

Moitos o coñecerán pola TVG e o seu papel de cacique en Libro de Familia. O domingo o FARO daba a coñecer que está a enfrontarse co seu guión máis difícil.
Encontreime onte con el, en zona de médicos, e falamos un pouco. Pouco porque nunca sabes qué dicir nestes casos, ademais de darlle unha aperta. A situación é moi difícil, iso si puiden comprobalo.
Aproveito esta solaina, que é casa tamén de tantos ourensáns e galegos/as, para mandarlle unha nova aperta a Abelardo e unha mensaxe de ánimo, que lle fai falla, seguro.

14 jun 2008

Derradeiro Terras de Acolá
HOxe, sábado 14/6 EMITESE POLA TVG AS 16.00 HORAS O DERRADEIRO CAPITULO DA SERIE “TERRAS DE ACOLÁ” , RESUME DOS 12 EMITIDOS E DEDICADO AS RELACIONS GALEGO-LUSÓFONAS, POR NOME “IRMANDADE ATLÁNTICA”. A TODOS/AS QUE AMOSACHEDES INTERESE, APOIO E ANIMO POR ESTE TRABALLO MOITISIMAS GRAZAS E ATA A VINDEIRA (AGARDAMOS PRONTA REPOSICIÓN). COMO RECORDO, VOS ENVIO A FOTO DALGÚNS AMIGOS QUE DEIXEI POR AFRICA. APERTAS
LUIS MENENDEZ

7 jun 2008

Timor Leste, a illa do Sol (en Terras de Acolá)

Recibín unha mensaxe do amigo Luis Menéndez: “Mirade ó de Timor este sábado, ou como nos entendemos en galego no Extremo Oriente, a 22.000 qms..”.
E vin o programa, por suposto, o “Terras de Acolá”, do que xa falamos ben aquí (ver 16 marzo). E, en agradecemento, vai aquí un breve resume do mesmo.
País independente dende o 2002, está na área da cultura portuguesa no mundo. Unha parte da illa pertence a Indonesia.
Terras de arroz, bananais e plantacións de café. Dende o 1515 andou por alí a presenza dos misioneiros e conquistadores portugueses. E hoxe, a tantos miles de quilómetros, segue sendo visible esa pegada lusa: velaí o Menéndez, no programa, entendéndose, en galego, cos habitantes da illa.
A reportaxe salienta tamén a pegada da cultura chinesa e do catolicismo, que os diferenza dos veciños indonesios (o maior país musulmán do mundo). Vemos imaxes dos túneles que furan a illa, feitos polos xaponeses na segunda guerra mundial, onde hoxe xogan os nenos.
A illa foi colonia portuguesa ata 1975. Logo invadiuno o xeneral Suharto coas tropas de Indonesia. En 1999 aprobaban un referendo de autodeterminación: quedaban douscentos mil mortos dese período de 25 anos.
A reportaxe fala ademais do heroe independentista do FRETILIN (Fronte de Liberación de Timor); Xanano Gusmao, e entrevista ó arcebispo Ximenes Belo e o avogado Jose Ramos Horta, actual presidente, os dous premio Nobel da Paz (nas fotos). Este último fala do seu país como unha terra contraditoria, un pobo guerreiro e pacífico á vez. Cunha moi alta diversidade étnica e lingüística: coexisten 16 linguas autóctonas e son oficiais o portugués e o crioulo (tetu): no ensino poténciase a excelencia do portugués co crioulo como complementario.
E algunhas notas de gastronomía, economía e crenzas. Manteñen, xunto co catolicismo, o animismo: nos camiños vense túmulos animistas feitos con caveiras de búfalo. No plano económico, aspiran a vivir do desenvolvemento agropecuario e do petróleo, ata agora explotado por Australia. O deporte nacional é a pelexa de galos, cunha extrema violencia. Unha lenda di que a illa foi creada, como o mundo, por un crocodilo: e ven nas súas montañas a imaxe do réptil deitado.

31 mar 2008




Noticia de dúas mulleres (Fotos LVG)
Parabéns a dúas mulleres. Unha, Margarita Ledo, pola súa entrada como numeraria na Real Academia Galega, representando dalgún xeito ó sector audiovisual do país.
A outra, Belén Regueira, porque estrea programa con nenos na TVG. E é unha moza espilida, simpática e intelixente, que seguro ten unha longa carreira por diante no mundo da comunicación:
Fun unha nena bastante obediente». Desde os tempos de «Chambo» pasaron máis de dez anos; agora tócalle lidar cos pequerrechos galegos que están cheos ata arriba de sentido común.

13 mar 2008

axenda
Terras de Acolá, o programa que dirixe Luis Menéndez, hoxe no Paraninfo do Otero Pedrayo

20 may 2007




Linguas cruzadas.

Pan por Pan 20 maio. (O debuxo é da surrealista checa Toyen (Marie Cermínova), Praga 1902-París, 1980).

A TVG emitiu onte o documental “Linguas cruzadas”, de María Yáñez e Mónica Ares, que fai unha esculca nos comportamentos sociolingüísticos da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial (os nacidos despois de 1980). O interesante deste traballo é que lle dá a palabra ós propios protagonistas: mozos estudantes de Chantada, A Coruña, Santiago, Bueu, que falan das súas actitudes cara o galego. Dende o apoio total á indiferenza. E aboian todos os prexuízos de sempre: o galego como lingua rural, un idioma só de nacionalistas, etc. O documental só retrata a realidade: despois de 27 anos de autonomía e democracia, as cousas están difíciles para o galego. Hai mozos e mozas concienciados ou que o falan de seu, sen problemas: eles poden facer moito aínda. Veremos qué pasa na seguinte xeración...

5 may 2007


Non lle damos ben á música pop... ("Nós, os desafinados")

Segundo opina hoxe o amigo Henrique Alvarellos, os galegos non lle damos ben á música pop: velaí o seu simpático artigo de hoxe en Galicia Hoxe.

(...) Mais polo son das estrelas do sábado noite destas últimas semanas pasou unha bandada tal de foraxidos dos sons, dos tons, do estilo, que un perde algo de respecto pola presunta vea artística do noso pobo, que é un astro nos agudos da gaita, no esquecido acordeón, no canto e no baile popular... Pero niso que lle chaman pop, a selección do sábado noite está tan lonxe, tan lonxe, do que a mesma tele nos amosa noutras latitudes, que semella ás veces -e doe dicilo- que estamos sentados diante dun programa de humor, e non nun musical.

4 may 2007


Humor: as ausencias da TYG.

(Pan por Pan 4 maio. Fotografía de H. Ritts)

Somos terra de grandes humoristas, de Castelao a Julio Camba, de Fernández Flórez a Cunqueiro. Lembra Celestino Fernández de la Vega que hai quen encontrou humor na obra do Padre Sarmiento ou do ilustrado Francisco Sánchez. E temos grandes humoristas gráficos (velaí o Carrabouxo, por exemplo). Pero creo que nos falta algo. A cotío chéganme vídeos da televisión vasca, sobre a realidade política e social de Euskadi, moitos para escachar coa risa. Na tele catalana teñen “Polònia” e “Minoria absoluta”, dous programas con prestixio no xénero satírico. Non hai ese tipo de sátira na TV galega. E non teño nada contra os Tonechos. E ata me caen simpáticas as garotas de Ribeira. Pero existen moitos tipos de humor. E falta ese rexistro na pantalla galega: un humor culto, satírico, provocador, etc. Hai artistas que o farían de marabilla. Non estamos aínda maduros para iso?

3 feb 2007

DOCUMENTO.- Críticas á volta de ‘Superpiñeiro’
Acabanos de chegar unha carta que a sección sindical da CIG na CRTVG lle remitiu a Antón Losada na que critican a volta de ‘Superpiñeiro’ á TVG… (Recollido en Galicia Confidencial)

E logo os sindicatos están tan aburridos para poñerse a facer de comisarios políticos da programación da TVG?