Falan de nós, bastante ben (e a selectividade)
Hoxe estiven coas alumnas e o alumno (no meu centro só había un rapaz aprobado, o resto eran mozas) nos exames de selectividade. Bastante ocupado, polo tanto. Só agora tiven tempo de revisar un bo mangado de mensaxes atrasadas dende onte. E entérome de que falan de nós, destas Uvas na solaina noutro espazo virtual significativo deste país: o foro de Arroutadas.
E, ademais, en xeral falan abondo ben de nós, con gabanzas mesmo personalizadas e outras hiperbólicas (Xeración Nós, etc.). Dende aquí un saúdo para os compañeiros de Arroutadas e graciñas a todos, os que nos dedican as boas palabras e mesmo os que nos critican, porque o fan con graza e sen mala intención, de seguro.
Polo demáis, como hai ensinantes escoitando, pola Selectividade bastante ben. Os primeiros exames non foron difíciles en xeral: nin o de Lingua e Liter. española nin o de Lingua e Liter. Galega nin o de Historia nin o de Filosofía. Ata o de inglés, que ten fama todos os anos de ser máis complexo, este ano non era demasiado difícil, segundo din, sobre todo un texto que falaba de Agatha Christie. En Lingua española caiulles un anaco de La fundación de Buero Vallejo, libro de lectura obrigada, e outra opción cun interesante artigo de Javier Cercas en El País Semanal sobre educación, o papel da memoria ou o tema da disciplina e a "autoridade" intelectual na educación: moi na liña do que aquí temos falado. En Lingua Galega un texto breve de Xabier Quiroga e na outra opción un texto xornalístico de Victorino Pérez Prieto arredor da eutanasia. En Historia, textos sobre a guerra civil ou, na outra opción, sobre o movemento obreiro e a industrialización.
Os rapaces, por suposto moi nervosos. Non estamos xa no tempo das reválidas nin dos grandes exames de ingreso doutrora e iso lévaos a darlle unha dimensión excesiva a este evento: é a primeira vez que os examinan fóra do seu instituto e profesores que non coñecen. Pero xa saben que logo aproban o 94 por cento ou algo así.
En fin, lembro na miña memoria recente os días da miña selectividade en Compostela, cando a primeira (ou segunda?) convocatoria. Que ben o pasamos a panda ourensá: Bieito, Xan, Roi, etc. !! Por certo, ERGA convocara daquela un amago de boicot ás probas, pero non houbo valor e todo quedou en nada.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
65 comentarios:
Co de comer non se xoga (digo polo boicot). Canto á selectividade, gustaríame -aínda que sen entusiasmo- coñecer os criterios de corrección. Tendo en conta o nivel formativo que lles mandamos, a porcentaxe de aptos e mailos [consecuentes] resultados académicos na universidade, eu son un mar de escepticismo en relación co sistema.
De todos modos, Marcos, que che aproben.
P.D.: nunca din 2º de BAC. Desde o COU, e en virtude de certas experiencias, escapo de aí coma da comida mal preparada.
Mágoa que non dea 2º de BAC: 100% aprobado asegurado.
Pero cóntenos esas "certas experiencias", que andamos faltos de chicha ultimamente.
A min onte contáronme algunhas de alta política, pero non son reproducibles por iso do decoro e a bonhomía da que fala Valcárcel en Arroutada.
Eu de sempre fun contrario á selectividade. Non participei, nin participo neses exames. E, desde logo, estou moi lonxe, como lin hoxe nos xornais, de velo coma un rito de iniciación. Entre outras cousas, por que non sei que carallo fai un rito de iniciación a estas alturas da película. Con ese nivel de aprobados e probablemente cun nivel de corrección de notas ínfimo, a quen beneficia este alboroto?
Non sigo. Que me perdo.
Non, chicha ningunha: queime pola evidencia, ano tras ano renovada, de que a un agraciado con cinco suspensos durante todo o ano, ao final lle vaia tocando a lotaría, décimo a décimo, e quede o Xosé Manuel na tesitura de botar outro queixo na alforxa ou mandalo para setembro (ou repetir curso) só coa materia que un imparte. Circunstancia, a última, á que o, digamos, instruendo en cuestión se ten feito máis ca acredor e que máis dunha vez un servidor ten determinado.
Podendo ser, paso. En relación comigo, nunca diga iso do cen por cen no meu centro, AP-C; sen dúbida nin disensión, catrocentos alumnos conduciríano a vde. directamente a Castro (Conxo ou Toén noutras versións).
Pois eu son partidario dunha selectividade en serio, non desta pantomima que hai agora.
Mais para iso habería que... Non sigo, que me perdo ben perdido.
Iso mesmo que di González téñollo escoitado a bastantes profesores.
E o máis gracioso do asunto é que ese agraciado con cinco suspensos durante todo o ano, logo vai e, seguramente, aproba tamén a selectividade. Claro que, despois, quedará embarrancado no primeiro curso da carreira que escolla.
Non, vostedes son uns parceiros c.: fan largar a un e despois calan coma petos. Pois de perdido, ao medio da Fraga Vella: un dos obxectivos confesos da universidade é procurar a excelencia, ¿ou non? Pois iso.
A selectividade é unha carallada (aproban case todos, e aínda que aproben levan as notas infladas). Logo chegan á universidade e tamén van aprobando. Os únicos que "fracasan" nos estudos son os que deixan a carreira e se poñen a traballar. Por iso dá a impresión de que a universidade é moi esixente. O carallo vintenove.
Non llo digan a ninguén, pero o sistema de educación está baseado na hipocrisía. Case ninguén estuda o que quere, e aínda os que o fan o único que pensan é en encontrar un traballo que lles dea pasta. O que vale é ir pasando. Se a iso lle engadimos que hai moi pouca preocupación pola cultura, teremos unha imaxe máis cabal do que está a pasar.
Logo, cando teñen que poñerse a traballar, é cando se dan esnafran coa realidade. Non están preparados... Claro, home, claro... Pero tranquilos: para iso inventaron os "másters". Máis desenbolso económico. Pero tranquilos outra vez: xa irán pasando...
AP-C, encontra un de todo; ou encontraba cando eu andaba no COU: non infrecuentemente, o alumno obtiña en Literatura Galega nota que un estimaba ben correspondente ás capacidades demostradas; pero despois igual en Matemáticas tiña un sete, e como chegando ao 3'9 global xa facía media co expediente, e non expediente non faltaban materias que inflaban ata máis do 6... pondere, sume e divida.
Por veces, pola contra, a evidencia impoñíase. Ao non dicir nomes, entendo que non vai contra a ética referirme a un caso.
Das últimas veces que din COU. Alumna chegada ata ese curso por eses misterios insondables que a vida proporciona: os libros, sen dúbida, abríaos e líaos, pero onde non hai, non hai. A alumna, logo, chega ao COU, chega a setembro, parece imposible, pero van caendo unha por unha: suficiente, suficiente...; digamos polo medio que a nai era turrona, coñecedora e traballara ao profesorado con sabenza adaptada a cada caso: no meu, o comentario foi "a nena non vai ir á selectividade", cousa que obviamente non lle crin en ningún momento, nin que fose a primeira vez. En fin, González dálle para adiante, nun esforzo enorme quitando mentes da magnitude da ignorancia e focalizar na vontade da rapaza; dígolles que foi, practicamente, pór en colapso transitorio o noventa e cinco por cen do cerebro e concentrarse nunha única idea, que nin o un por cen ocuparía.
Xaora, a nai matriculou a nena na selectividade e a nota global non acadou o dous. Segundo, por outra banda, supoño que o claustro enteiro xa prevía.
Nin outra vez, se podo evitalo.
Concordo con vostede, González.
Mais para iso... (eu tamén me tiro á "percina") habería que botar á rúa ao 50% do profesorado (desde o de infantil até os cátedros universitarios, pasando polos de secundaria e polos axudantes, asociados e titulares de universidade) e tamén ao 50% do alumnado (de 3º da ESO ao universitario). E, de paso, montar unha patrulla de vixilancia da actitude e responsabilidade dos pais verbo dos seus fillos. Ademais, habería que deixar sen traballo a milleiros de pedagogos, psicopedagogos e demais expertos do ministerio e da consellería. E a moitos políticos, e a ...
Daquela, qué sería de todos nós...
Esta ben que a rosa sexa sen porqué pero ... ¿Para que que serviría esa selectividade "en serio" que se propón? Por que o fin e o cabo do que se trata é de como serve os obxectivos do sistema de educacións superior ¿ou non? ¿E cales son estes obxectivos na sociedade actual e na que ven? Parece claro que dependera das Universidades, a selectividade actual desaparecería.
Realmente pódese defender que, por exemplo, o obxectivo das 7 escolas/facultades de estudios empresariais que existen en Galicia é procurar a excelencia ¿De que excelencia estamos a falar? ¿Da para tanto o tecido socioeconómico do pais?
¿Para que sirve e para que debería de servir a selectividade? (aparte de para seleccionar os que "entren" en, por exemplo, en "RRPP", Periodismo, Enfermería ou Medicina ou... (por certo,e curioso que ninguén asuma nin esixa responsabilidades polo custo social que se ten derivado da falta absoluta de planificación e de miopía no proceso de entrada nesta facultade).
Para cando desaparecerá Buero Vallejo do programa de lecturas de Literatura?
Cantos de vostedes están convidados ao acto cultural do ano: a inauguración do FNAC en Coruña, praza de Lugo?
A min se non me poñen limusina que me veña buscar á porta, e se non me pagan un hotel de cinco estrelas e restaurante ad hoc, pois non lles penso ir á inauguración. Que un aínda se cotiza!
E logo a vostede, Arume, que lle fixo o insoportable de Buero?
FNAC na Coruña? Sorte para as editoras catalanas, que van poder vender libro en castelán a treu.
Que bonito o FNAC... Que modelno.
Por certo, noraboa ao sr González polos piropos que lle mandan os arroutados. Xunto co director deste blo, é o único que pon aquí unhas pingas de seriedade, calidade e afabilidade. Si señor. Outramente, quero desmentir desde aquí que haxa que pasar unhas oposicións para participar neste foro (un bo exemplo son eu), que sexamos místicos, que sexamos isolinos (algúns temos un corazonciño lusófago), e tamén desmentir as afirmacións que nos vinculan a unha nova "Xeración Nös". Lamentablemente, hai entre nós (con minúscula) seres falcatrueiros e riseiros de todo que están moi por riba diso, pero pero podémos-lle-lo perdoar porque tampouco son mala xente.
Dixen.
Buero ten o seu mérito, innegable. Pero a súa inclusión estelar no programa de Literartura española de 2º de Bacharelato e a súa continuada relevancia nas probas de Selectividade é moi debedora, ao meu ver, dunha concepción desfasada, exclusivamente literaria, do teatro, ese feito artístico estraño e total, a medio camiño entre a poesía, a performance e o circo. O teatro debería estudarse en Historia da Arte, non en Lingua e Literatura. Non nego que os textos dramáticos teñan valor de seu, pero non ten moito sentido e é un anacronismo reducir o teatro a iso.
Non sexa tan modesto, señor Marcel. Que vostede tamén é serio, ten calidade e, sobre todo, é moi, pero moi afable.
Dixen tamén.
O ten complicado, Sr leituga, para estudarse en historia da arte terá que pelexar ó teatro coa cociña, eu voto pola segunda.
Menos mal que lle deron o Premio Príncipe de Asturias das Artes a Bob Dylan e non a Ferran Adriá, como eu temía.
¿Enterouse, Arume? Isto hai que celebralo.
Eu, por de pronto, escribo estas liñas mentres escoito un fabuloso disco dylaniano. O "Live 1975", que fai o volume 5 de "The bootleg series". Un directo da mellor época da "The Rolling Thunder Review". Neste preciso momento escoito unha extraordinaria versión de "It´s all over now, baby blue". E agora empeza "Love minus zero".
Que premio borbón nin que gaitas...
Premio Nobel, pero xa, de literatura e de todo para Zimmerman.
E outros tres póstumos, do que queiran, para os señores Lennon, Harrison e Buddy Holly. Este último, especialmente, por demostrar que é posible ter lentes e parecer "nerd" e ao mesmo tempo ser un xenio do rocanrol.
(E unha medalla castelado, o teu fiel amigo, para todos os escritores galegos non premiados)
Especialmente para un bestseller que se queixaba estes días atrás na imprensa colonial.
Leituga1 dixo:
"(...) O teatro, ese feito artístico estraño e total, a medio camiño entre a poesía, a performance e o circo. O teatro debería estudarse en Historia da Arte, non en Lingua e Literatura. Non nego que os textos dramáticos teñan valor de seu, pero non ten moito sentido e é un anacronismo reducir o teatro a iso."
Eu digo:
Acaba vostede de enviar a Shakespeare e a Oscar Wilde á Tate Gallery e ao incerto (madia leva!) señor Hamlet ao Circo dos muchachos.
Dame sempre moita curiosidade este asunto das selectividades porque vivo nun país onde a educacion publica foi, non so un valor en si mesmo, senón unha oportunidade de ascenso social para millóns de emigrantes (e arxentinos, dende logo). Ainda que cuestionada, desmantelada polas políticas neoliberales e atacada, hoxendía a universidade publica maiormente recebe a todos os que queiran estudar, sen probas nin selectividades. Hai, dende logo, un mecanismo de transición que é un ano de clases con asignaturas xerais (no caso da Universidade de Bos Aires, por exemplo) e outras estratexias noutras. Pero ninguén paga un peso (nunca!) nos seis anos de estudos e quen ten a vontade e a paciencia (máis do segundo que do primeiro) remata a carreira.
9 da mañá. Saio para os exames de Selectividade. Con antelación, deixo a Andoliña de mañá feita, máis tarde non poderei. Anuncio xa aquí que leva no remate unha pequeniña homenaxe ó sr. González (mañá colgareina aquí, claro).
Hoxe estou sensible e proclamo que este blog está cojonudo. Acabo de ler todo o que vostedes colgaron despois da medianoite e non me queda máis remedio que escribilo. Sinto o que poida haber de autoestima. Pero qué carallo. A estas alturas, con remilgos!
Boeno señor valcárcel.Se é vostede a metade de bó profesor do que falan os seus alumnos,entón apróbanlhe todos...
Knock knock knockin´ on University´s door...
O troll ágrafo
Lin en Arroutada que este blog é demasiado masculino, e que cando entra unha muller non se lle fai caso. Non sei que pensarán vostedes desta acusación...
Home non é unha acusación, é unha opinión, sempre están vostedes un pouco á defensiva.
O blog, en efecto, é moi masculino, non sabería dicir un porque específico que non sexa o de outro reflexo social, non creo polo tanto que haxa un motivo derivado do porpio blog, pero os números cantan, tertulianos habituales deste blog todos homes, posteadores deste blog nun 90% homes, é o que hai!
Ah, por certo tamén arroutadas é terriblemente masculino.
Xa que troll ágrafo non dirixía a min as súas queixas, vou retomar o apodo inicial parcialmente e a partires de agora serei
A Trolla Ácrata
cando ande vaga : ATA
Tería a bondade o señor Marcel de explicarnos qué quere dicir exactamente co de "prensa colonial"?
Polo que leo en Arroutadas: por se fose necesario, declaro que de ningunha maneira ignoro e non comento o que escriben mulleres; de feito, diversos nomes aquí presentes non sei a que sexo corresponde. O comentario igual non leva boa intención, pero se cadra é plausible o de aparentarmos orfeón ou peña gastronómica masculina.
Dá vergoña dicilo, pero que non quede: veñan, mulleres! Non lles parece?
Xa hai tempo creo que fixen aquí algún comentarios no sentido dalgunha das intelixentes críticas que nos fan.
Une autre fois:
1) este blogue necesita novos participantes. Que tomen a iniciativa outros e non tanto nós. Cómpre animar aos novos e aos que visitan chez Valcárcel moi de cando en vez.
2) a acusación de que parece que contamos con escasas participantes é certa. Non se automarxinen (creo que aí radica unha parte do problema). Aquí fálase de moitos temas, así que sempre atoparan un de interese.
Por certo, benvida ATA (recoñezo que me gusta máis "ATA" que "A Trolla Ágrafa").
Eu, desde logo, sempre fixen gala da miña parte femenina que é bastante máis evidente ca masculina, pero tampouco me fixeron moito caso.
Xa sabedes que unha persoa (home ou muller) ten tanto máis desarrollada a súa "parte femenina" canto máis sensible sexa ós olores (entre outras cousas).
Como,de momento,os blogs non teñen "olor",non son tan atractivos para as mulleres...
O "Bill Gates" que invente o sistema de transmisión de olores por internet revolucionará o mundo femenino global...
Por certo,por se non o leron xa,recoméndolles un análisis moi interesante que fai Ernesto Sábato sobre diferencias home-muller nun capítulo de "Hombres y máquinas.Heterodoxia"
O Troll ágrafo
Eu, se fai falta, tamén podo entrar disfrazado de muller. Non me dá traballo ningún. Do tipo que queiran, ademais: lercha posmoderna, lesbi radical, mestra nacionalista, filósofa con perspectiva de xénero, jóvena socialista, ama de casa con inquedanzas culturais, xornalista retrecheira, poeta independentista das redes escarlatas, perruqueira teleadicta... ¡Gústanme todas!
Unha das cousas en que ó parecer se diferencian os homes das mulheres é na capacidade de visualización espacial.
Non séi se é certo ou non.Pero hai una poetisa galega flamante Licenciada en Geografía e Historia,que nunca soupo entender as proyecións cartográficas:cilíndrica,cónica,etcFOILLE IMPOSIBLE entendelas...
Vostedes conhécena...Os seus versos foron recitados por "Alex Alcalde" na campaña.
Dito sexa sen ánimo de molestala,que ela sempre foi a primeira en rirse de eso...algunha vez conmigo mesmo...
O Troll ágrafo...
Eu pola miña banda tamén reivindico a miña parte feminina. Como se di, a moita honra. Sempre tiven a gala ter boas amigas e pretendo coñecer ese mundo o mellor que podo, dende a miña propia perspectiva, claro (non sempre é doado). Quizais sexa certo que o núcleo dos debates é levado por homes, pero por aquí pasan cando queren blogueiras como Fíos Invisibles, Moralla, Insomniorizar, Valdeorosa, Doniña, etc. Cónstame ademais que o blog é lido por moitas mulleres (algunhas delas amigas, sen apelidos: Maruxa, Helena, Susana, Rita, Mercedes, María, etc.). Quizais son máis reaccias a participar pero isto segue a pasar en tantos planos da vida social, aínda... Pola miña banda, todos os convites que sexan necesarios a que pasen por aquí e nos enriquezan coas súas visións do mundo, a elas e a esas voces novas que tampouco serán nunca rexeitadas: entre todos imos engordando esta bola de neve de comunicación virtual e galega que xa case se alimenta soia. Graciñas a todas e todos.
A min, en troques, resúltame ben difícil travestirme de muller, ao contrario que Leituga 1.
Sen dúbida que é unha grave carencia pola miña banda, dados os "tempos líquidos" que corren.
Tratarei, porén, de facer un esforzo e deixar que saia a miña parte feminina, hoxe por hoxe tan reprimida.
Viva o eterno feminino!
Fíxense o que din de nosoutros en Arroutada:
Os de "As uvas na solaina" son a personificación do fetichismo coa "cultura" e do narcisismo autocontemplativo. Escriben para sentir que pertencen ao clube dos "elixidos" (aínda que incorran frecuentemente nun certo pelotillerismo) e para dicirse a si mesmos !pero qué sensibles, socialdemócratas, educados e cultos somos!
E digo eu: e el será certo?
(A ver que opina Marcel Swann sobre este particular)
Ás veces para afirmarse un ten que negar. Eu nego ser todas esas cousas. Tampouco son místico, e non escribo libros de cultura galega nin os edito nin os vendo. Tampouco participei noutros foros antes deste nin canda este, nin me enredo en dourarlle a pílula a catro habituées (nin espero que ma doren a min), non embargantes os comentarios positivos que dou cando considero se merecen.
E nego, especialmente, que isto sexa un contubernio piñeirán ou piñeirista. Se o é, xa me poden borrar.
E vosté, sr Anónimo (?), político (!), cultural :-) , que nos conta? Lerchee, lerchee. Signifíquese, mozalbete.
Aínda que o Sr a.p.-c solo invitou a participar ao Sr Swann, darei a miña opinión: Sen dubida é certo ( o da personificación do fetichismo coa "cultura" e do narcisismo auto contemplativo, gusto por escoitarse ou louvanza mutua...) pero non teñen porque avergonzarse, cada un é como é, por certo, non muden agora,quedaría moi mal.
Vostede malinterpretoume, amigo Gurú.
Eu non son quen para invitar e, menos aínda, para des-invitar a ninguén.
Daquela, é obvio que calquera que así o desexe pode opinar do que estime conveniente.
Decátese, ademais, que eu fixen a interpelación en plural: ergo ía para todos, xaora.
Por outra banda, pois qué quere que lle conte, amigo Marcel.
Vostede sabe tan ben coma min que cada un é cada quen, e que, xa que logo, fai como lle peta e ten as motivacións que lle saian de dentro.
Penso, a maiores, que o narcisismo conleva unha certa dose de exhibicionismo. Daquela, estar agochado nun nick é, en esencia, a-narcisista.
Polo que a min respecta, non me considero místico, nin sequera mistérico, e menos histérico.
Tan só alguén que se move por algo moi simple que, colixo eu, é notoria simpleza: a parola e a "disertación" gratis (e ás veces tamén atrabiliaria), sen pretender carreira nin fama.
Dito noutros termos: a marabilla antieconómica de perder o tempo sen contratempos.
No que si que está trabucado, amigo Swann, é que isto non é un contubernio piñeirista. Pareceme mentira que alguén tan espelido coma vostede aínda non se dese conta.
(É brincadeira, home, é brincadeira: non se nos alarme).
Estou de acrodo con A.P-C en que aquí pouco narcisismo hai, con ou sen "nick". Nin rendibilidade "simbólica" hai.
Eu, que son un máis aquí, si me permito convidar a que participe máis xente. Supoño que polos temas que tratamos debemos parecer un pouco "carrozas", pero aquí colle todoquisque. Cada un pode aportar no eido que máis controle, e non hai medo de meter a zoca.
Hai seis meses este blog estaba na cola dos de maior impacto no Blogaliza/Blogomillo. Agora xa estamos no posto 11 e subindo. Isto logrouse polo traballo de todos.
Está ben comunicarse por medio dos blogs porque nin os xornais en papel con versión electrónica (que obedecen a intereses económicos e/ou subvencións) nin outros coma Vieiros permiten este tipo de interacción e participación, por moitas seccións de "cultura" que teñan.
Estase a escribir (e a ler!) máis en galego (e sobre cultura galega) en trinta ou corenta blogs que en todas as revistas literarias/culturais que se editan en Galicia. E todo sen subvencións, sen comités de redacción, e sen recibir un can.
Até que punto moita xente nova se está metendo no mundo galego grazas aos blogs e Internet? A día de hoxe, a pesar da escasa penetración de Internet en Galicia, estase facendo cultura galega nos blogs, algo que aínda non entenderon os politicos (señora conselleira, sabe vostede que os blogs en galego existen ou está moi preocupada por rematar a Cidade da Cultura para enteirarse?). E tamén se está a crear opinión pública.
Concordo con Marcel.
En efecto, a grandísima maioría dos que por aquí pululamos coma se fósemos bacterias perdidas no proceloso océano da rede, non lle tiramos rendibilidade ningunha a nosa participación.
A simbólica, como ben apunta Marcel, é a rendibilidade central no eido cultural (que logo adoita levar aparellada outras "rendibilidades" máis materiais). Aquí, penso, non hai nada diso: dilapidamos gratuita e gustosamente o noso tempo.
Quizais sexa este un dos motivos polos que "prominentes figuras da cultura galega" (digámolo así, entre aspas) só se limiten, se cadra con implícita displicencia, a botarlle unha ollada ao blog, pero apenas a participar con asiduidade. Non lles é rendible perder uns minutos en pensar e teclear unha idea ou unha opinión, acostumadas como están a cobrar uns euriños cada vez que escriben ou din algo ou, cando menos, a saír nas fotos.
Nosoutros, en troques, non teremos dúas residencias nin piano de cola (é un dicir!), e non saimos nas fotos por isto, pero pasámolo ben sen corsés. E iso non ten prezo, amigos.
Non sei se confesalo. Pero, amigo APC, teñolle que dicir que eu cobro por isto. Eu son un galáctico dos blós. A mín contratoume o amigo Valcárcel e ademáis para construir varias persoaxes, todas elas convenientemente urdidas. Cobro por caracteres, incluidos espazos. Saír non saio nas fotos, porque o contrato, anual, non contempla semellante exhibición de belleza. Para o ano que ven haberá que negociar. Estou contento, pero a miña muller está moi contenta en Los Angeles de San Rafael e non sei se poderei seguir. En fin. Teño que deixalos por un momento que teño que facer uns cantos anónimos.
Confesión por confesión, amigo Arume, eu tamén teño que dicirlle que posúo máis dunha residencia e un piano... aínda que non sexa como o de Mari Cruz Soriano. Iso si, se non saio nas fotos é por prudencia.
Como muller, como Arroutada e como lectora frecuente deste blog síntome aludida polas reivindicacións de mais presencia feminina nas tertulias.
O problema é que Marcel Swann se me adiantou nas dúas ideas que podería aportar sobre este post, no seu primeiro comentario no que expón a súa visión da universidade, e no último no que di que estes foros virtuais son a mellor ferramenta para a supervivencia da lingua.
Benvida, Lourixe, dun que tamén le alá. Xa ve que chegou cando estabamos a facer a declaración pública de bens. Canto a min, recoñezo que son un heterónimo do Arume, con foto e todo.
Eu tamén me alegro de que a sempre positiva e aguda Lourixe (dígoo porque tamén a teño lido en Arroutada) teña a ben agasallarnos coa súa doce e intelixente compaña, que compensa con creces tanto arrecendo a Geniol como se estila por aquí.
Unha namorada de Andrade (supoño que o arquitecto barroco) non pode máis que ser benvida.
Reciba un cordial saúdo (ía dicir aperta, mais non me atrevo a tanto).
É un pracer´, Lourixe, vela tamém por aquí.
A diferencia de APC, permítame un biquiño...
Sexa benvida.
Claro, sendo Anónimo calquera se atreve...
Benvida, Lourixe. Participe cando queira e do que queira. O director d'As Uvas adoita sacar temas interesantes e variados, así a nós o único que nos queda é rematar a xogada.
Ou moito m'engano ou estes últimos días tivemos máis visitantes blogueiras do habitual. Adiante!
Un amigo meu díxome onte que a ver se deixamos de ...(aquí puxo esa frase que todos asociamos á pulp fiction) e nos poñemos a discutir. Que está ben que sexamos moi educados, que nos queiramos moito, que eso xa o sabe, e que lle deamos á diatriba e o debate. El dixo que gustaba moitísimo do blog, pero que últimamente andabamos un pouco repunantes. E foi verdade que mo dixo: non invento á persoaxe: é XG e adoita ser bó xuíz e ten moi bo criterio para estas cousas. Eu digo tal e como mo dixo.
Saúdos a XG. e que non deixe de debuxar, que ten unha man grandiosa para as belas artes. Ten razón que ás veces semella que nos deixamos levar polo teatro e os diálogos florentinos, pero eso é parte da salsa da casa. E así tamén nos imos coñecendo un pouco entre todos, pola lingua e a escrita, que é a única arma que aquí nos define.
Teño que recoñecer que a miña amada muller foi quen disparou primeiro e quen lle deu pé co de Pulp Fiction: XG fixo extensa crítica, entre loubanzas miles, que eu agradezo moi profundamente. COma sempre.
Pois dígalle ao seu amigo da miña parte que o repunante é el. Era o que faltaba: que nos dictasen o que debemos e non debemos facer! Dito en castelán: ¡Habrase visto tal atrevimiento!
Agora que, ben pensado, podiamos montar un blog de pago: quen quiera discusión e debate que o pague. Que con tanto canto aos emprendedores, imos quedar nós, unha vez máis, de parvos.
Tamén podiamos, subíndonos ao carro das novas tecnoloxías & bla bla bla, pedir unha subvencionciña á Consellería esa de Innovación..., etc., etc. Que eu quero un piano como o de Mari Cruz Soriano!
Que cando nos inclúan no Inventario, quero que o meu piano à la Mari Cruz Soriano loza ben no salón do ángulo escuro.
Será "do salón, no ángulo escuro", non? (Desculpen a temeridade desta novata que ousa corrixir a un veterano, despois da cálida benvida que se me deu nesta santa tasca).
O das subvencións non é mala idea, daría para unha cuchipanda virtual da magnitude das que Vicepresidencia ofrece á terceira idade, un pequeno adianto para os que nos falta moito para a xubilación (se é que as segue habendo para daquela).
É así como vostede di, srta. Lourixe, pero tiven que adaptalo para que tivese sentido a miña frase: boh, quedariame moito mellor "no ángulo escuro do salón". E corrixa todo o que vostede queira, que habemos aceptar encantados.
¿Lourixe por aquí? ¿A señorita Lourixe do foro de Arroutadas? ¡Que alegría! Algunha vez boteille un par de piropos e algún benintencionado (je,je) "tejo" cando andaba por alá. Unha extraordinaria conversadora e unha das persoas máis boas, intelixentes, simpáticas e aplomadas que coñecín na miña vida virtual. Doulle cen mil benvidas.
Señor leituga one: aquí non tiramos os "tejos" a ninguén; aquí vimos a tirárnolos trastos.
Vaia, señor Marcel, non sabía eu da súa afección á máis estrita moralidade católica, apóstólica e romana, que censura todo pecado relacionado co sexo, ben sexa de palabra, obra ou omisión.
Deixe, ho, deixe disfrutar á xente, por deus llo pido, non nos sexa tan severo.
Aquí non se vén a chatear, perillán. E tampouco a lucir modelito, nin a saír nas a-fotos. Que pensa que é isto? Unha publireportaxe de poetas? Un festival de poesía financiado polo Ministerio de Cultura?
Teña compaixón, Marcel, non nos sexa así, home, reláxese un chisquiño. Que de momento ninguén se puxo a chatear nin a tirarlle os "tejos" a ninguén. A amabilidade e o sentido do humor son a mellor receta para combatir o cancro da acritude que, infelizmente, tanto abunda nos tempos de hoxe.
Publicar un comentario