3 jun 2007

Galicia borrosa

M. Swan citou nun post recente o libro de Santiago Lamas, "Galicia Borrosa" (Publicacións do Seminario de Estudos Galegos, 2004) e con ese motivo recupero dúas vellas andoliñas que lle dediquei (10 xuño e 16 xullo 2005) a este autor ourensán, ademais amigo desta casa.
Da Galiza borrosa e sen memoria
Levo días a ler un magnífico libro que fala das identidades e dos nacionalismos, das memorias –soñadas, inventadas, reconstruídas- e dos lugares da memoria, da retranca e da ironía, da saudade e das paisaxes do noso “patriotismo vexetal”, etc. Podería titularse, en lingua coloquial, “¿Como somos os galegos?”, así, mantendo os interrogantes, pero titúlase “Galicia borrosa”, o seu autor é o sabio e psiquiatra Santiago Lamas e sacouno á rúa Ediciós do Castro na serie de Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
O volume está cheo de descubertas e suxerencias: por exemplo, fálase tamén desa teima nosa, nos últimos tempos, de reiventar festas históricas e feiras medievais. Pode semellar unha teima moi galega, pero non: a única festa radicalmente galega sería o Día das Letras Galegas, a única sen connotacións extragalegas, di Lamas; en realidade estoutras celebracións son copia do modelo norteamericano de festexos dun pasado sen heroes nin datas, poñendo en escena unha suposta Idade Dourada. A diferencia nosa co pobo norteamericano é que nós si temos Historia, por trasfegada que ela sexa. E tamén datas propias e lugares da memoria a reivindicar… ¿Que sucede logo?
GALIZA VERSUS XAPÓN
Hai anos un pintor xaponés, que visitaba Galiza, afirmaba nunha entrevista que en todas as súas viaxes nunca vira lugar tan próximo a Xapón como a nosa Terra. Pensei eu daquela nalgúns elementos da nosa paisaxe, como o cultivo en sucalcos, pero, malia iso, vía a súa declaración como pura retórica. Pero quizais non. Xa falei aquí noutras ocasións da nosa peculiar proximidade ao mundo poético dos “haikus” que engaiolaron a autores como Novoneyra, Helena Villar ou Consuelo García Devesa. E hai outros fíos que nos comunican …
Na súa “Galicia borrosa”, Santiago Lamas recolle estudos antropolóxicos sobre o país de Oriente Extremo que falan de cousas que os galegos entendemos ben: velaí esa “reticencia verbal” (a cultura xaponesa aconsella non dicir claramente o que un quere), que aboia no mesmo mar da nosa ironía e a retranca. Amigos meus que viviron en Xapón volveron de aló falando marabillas dalgúns dos seus costumes como o amor á Terra e ás árbores de onde derivou a arte dos bonsais. O noso panteísmo semella máis esquecido. A Fisterra occidental e a Fisterra oriental: Galiza versus Xapón. Tamén hai diferencias, por suposto: disque o Xapón é unha illa. E non o será tamén a Galiza?

18 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

A verdade é que podían facer unha feira barroca ou neoclásica, por variar un pouco. Ou prehistórica, aínda que destas tamén hai bastantes: sen mirarmos para ninguén. Unha feira manierista ou prerromántica ou unha feira finisecular. Para vender rosquillas, amuletos ou viño quente (do país) que importancia pode ter?

Anónimo dijo...

Apúntome a unha feira barroca ou, no seu defecto, neoclásica.

Anónimo dijo...

O ano pasado coincidín cun tipo en Caminha que era profesinal da montaxe de festas típicas e históricas. Valenciano el. Engalanaba cidades con teas e lazos. Viña de Teruel. Facía Camiña, logo non sei cal, logo Baiona, logo... Todas o mesmo rollo. Todas a esencia da raíz... a importancia do medieval...
Mellor unha festa dos "locos veinte", aínda que nós daquela pouco rañabamos.

Anónimo dijo...

e porque non festas do futuro?
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

É que o medievo e o románico visten máis que o barroco ou o neoclásico. Ben claro que o vía don Ramón Outeiro Pedrallo [así é como se debe escribir]. E o gótico... iso é a bomba. Que pouco góticos somos os galegos... Cómo nos gusta comer.
Que non daríamos en Galicia por facer un intercambio: por un lote de horribles retablos barrocos, un gótico (xa non pido dos románicos, que están moi andados).
E logo non habería que correr a gorrazos ao Casas Novoa por esa defeita do Obradoiro! E o da Azibechería é que non ten perdón...

Anónimo dijo...

Este asunto que quita aquí Marcel Swann é digno de debate longo e prolongado: o efecto visual(unha redundancia) do barroco en Galicia. Eu tamén son dos que empregan a fachada do Obradoiro como exemplo de barbaridade arquitectónica que co tempo acaba por ser incorporada ao catálogo de obras excelsas.

Anónimo dijo...

Pois a min, qué queren que lles diga, a praza do Obradoiro, no seu conxunto, paréceme estupenda.

Anónimo dijo...

O libro de Santiago Lamas pareceume moi interesante. Tanto que lle regalei unha copia a un familiar.
Supoño que hai algúns traballos anteriores a este que tocan os mesmos temas (Sabell, Chao Rego e Rof Carballo), pero gustaríame saber doutros. Sei que un profesor da USC, Juan Luis Pinto, traballa sobre mitos, relixiosidade, dó e loito, etc., en Galicia.

Anónimo dijo...

Je voulais dir Juan Luis Pintos. Vel-eiquí a súa páxina con algúns traballos:
http://www.usc.es/cpoliticas/course/view.php?id=10

Anónimo dijo...

Máis cómodo así:

Textos de Juan Luis Pintos

Anónimo dijo...

Juan Luis Pintos traballa sobre os imaxinarios sociais. É un bó coñecedor de Luhman, de feito foi alumno del. Persoa afabel e disposto sempre ao diálogo entusiasta sobre o coñecemento.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Permítame, amigo Jimmy, un chiste fácil e pedestre:

-Pois se traballa con "imaxinarios" moito traballo non ha de ter... Se aínda traballase con "reais".

Anónimo dijo...

Suso de Toro falando de si mesmo e da súa última novela:

Amólalles verdadeiramente que unha novelística de moita ambición veña da literatura galega; non hai escritores españois neste momento que fagan desafíos literarios desa envergadura.

Anónimo dijo...

Eu non sei que escritores españois le Suso de Toro. Este si que traballa con "imaxinarios"...

Xabier dijo...

Mágoa que pouco deu de sí o tema deste post sobre as identidades e o nacionalismo.

Anónimo dijo...

Eu tamén me apunto: un novo "post" sobre identidades e nacinoalismo.

Anónimo dijo...

Nese post sobre identidades e nacionalismo haberia moito que rañar. Pois adiante. Por certo, Juan Luis PIntos é sen dúbida persoa afábel e simpática, pero pouco traballadora e máis afeito á parola que ao quefacer sistemático. E o dos imaxinarios sociais non é invento seu. Pero fóra diso, escarállase un nas súas aulas. Canto a Suso de Toro, dicir que mellor que escriba ficción.

Marcos Valcárcel López dijo...

POST SOBRE IDENTIDADES E NACIONALISMO: Ante tantas peticións acumuladas, comunícolles que nestes días, en canto poida, abriremos nesta casa un Foro de debate sobre Identidades e Nacionalismo. Vaian preparando os seus argumentos...