Para os que aínda non a viron: pecha mañá, na Casa das Artes de Vigo, a mostra de Tamara de Lempicka. Este cadro, "A túnica rosa" (1927, colecc. privada, C. Hirsch, Nova York), é para min un dos mellores da mostra.
Tamara consegue crear entre o anxelical e o demoníaco; conxuga estes dous aspectos, a enorme sensualidade e o misticismo, e iso dálle unha forza incríble ós seus cadros. Tamén me chamou moito a forza das súas mulleres que son ó mesmo tempo poderosas e sensuais. Simplemente, encontrei unha artista única. (Alain Blondel, experto na obra de Tamara de L. e galerista, Faro Vigo 13 xullo).
Remata a exposición monográfica dedicada a Tamara de Lempicka que a Fundación Caixagalicia ofreceu en Vigo. Eu puiden vela hai uns días e paga a pena, dende logo, aínda que produce unha sensación un pouco contraditoria: na miña opinión, hai grandes obras ó carón de bocexos e cadros de moita menor entidade. O público respondeu positivamente, quizais polo “glamour” desta pintora que xogou coas formas da “art decó” pero tamén se deixou influír polo cubismo, o surrealismo ou o manierismo. Sorprende a grande pegada dos mestres da arte do outro tempo, do Renacemento a Ingres, e abraia tamén nos grandes formatos da artista polaca a extrema proximidade que se establece entre a pintura relixosa e unha sensualidade barroca e desbordante: un certo alento místico que fai de Lempicka unha artista oportuna neste mundo tecnificado e globalizado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario