Tecendo fíos invisibles con palabras...
(Foto: EBA en Mar del Plata, Arxentina, 1927)
Hai uns meses recibín un convite de Fíos Invisibles para subliñar as obras máis representativas da literatura galega para un grupo de novos lectores, que ata entón descoñecían ese mundo. Envieille a miña proposta razoada e aberta a calquera tipo de debates. Agora a encantadora tecedora de Fíos Invisibles infórmame de que ese grupo de lectores/as está en marcha e mesmo de que chegaron aló novas do Roteiro de A Esmorga, do que xa temos falado aquí. E dos libros que están a ler agora e no futuro inmediato. Como mostra do seu entusiasmo e intelixencia, transcribo aquí os seus correos de onte (co seu permiso) como mostra de que a cultura galega está plenamente viva alí onde hai unha alma ilusionada capaz de afrontar todas as dificultades:
21 setembro (4,47 pm)
Ola Marcos!
levo dende o sábado pasado con gañas, pero sen tempo, de contarche unha pequena historia. Ese día, pola tarde, xuntámonos os integrantes das tertulias literarias en galego no Café Tortoni como facemos unha vez ao mes. A novela desa xornada era O bosque das antas, de Francisco Fernandez Naval e, como non podía ser doutro xeito, Ourense e o Miño levaron o seu tempo e dedicación. Había lembranzas e referencias que xurdían dos homes e mulleres alí reunidos, cando pediu a palabra María Rosa Iglesias, unha compostelá que emigrou cos pais aos 5 anos e que chegaba nestes días dunha viaxe de dous meses por Galiza. Eses retornos, aínda sen ser os primeiros, merecen un traballo que algunha vez chegará. Este ven ao fío porque María Rosa contou ilusionada e agradecida que a cidade de Ourense tivera uns carteis nos que se lembraba a Eduardo Blanco Amor. Deume moito orgullo e ledicia falar do Roteiro Blanco Amor (eses eran os carteis que vira a nosa compañeira, sen coñecer o traballo completo no que se engarzaban) e falar dos seus ideólogos. O noso percorrido deste ano non inclúe novelas ou contos de EBA porque o asunto é a nova narrativa galega (co matiz que iso de "nova" pode ter aquí). Pero xa chegará o tempo para voltar ao maxistral don Eduardo. Mentres, o roteiro foi unha bonita descuberta e tamén estiveches presente no material de axuda que compendiamos para colaborar coa lectura da novela de Fernandez Naval. Maneiras da presenza ao lonxe.
Apertas moitas, Débora Campos
21 setembro (5,25 pm)
Benquerida amiga:
Sempre quedo sorprendido da túa cordialidade e do entusiasmo coa nosa cultura. Canto me alegra que o Roteiro Blanco Amor empece a ser coñecido, mesmo en Buenos Aires. Noraboa por todo o que facedes por aló con tanta ilusión e intelixencia.
Unha aperta, Marcos Valcárcel
P.S.: permitiríasme reproducir no blog, se che parece pertinente, parte da túa carta, precisamente para informar dese voso traballo?
21 setembro (8,45 pm)
Graciñas Marcos pola túa agarimosa resposta e nin falta fai que me preguntes: sempre é unha honra que nos teñas presentes. En verdade, mais có meu entusiasmo é merecente de subliñar o esforzo e compromiso deses lectores que dedican tempo e sobre todo enerxía para percorrer novelas non sempre doadas (para outubro analizaremos Pensa nao, de Anxo Angueira e no mes de setembro foi No ventre do silencio, de Ferrín). Por riba, fano nunha lingua que non empregan a cotío (moitos direi que nunha lingua na que nunca antes liran). Tanto Andrea Cobas coma min -aínda a risco de ser algo pretensiosas- sentímonos plenamente orgullosas de ter aberto ese recuncho de cultura galega no Tortoni. E como todos son fíos invisibles que achegan o aquí e o alí, xa ves que en poucos meses e por azar, chegou ata aquí a nova do Roteiro Blanco Amor, traído na alma dunha galega lectora, que pouco sabía do asunto pero que nese momento non necesitaba saber máis. Como refire hoxe Manuel Rivas no xornal El País, dalgunha maneira estamos arxentinos e galegos conectados aínda cando pensamos que non o estamos. E engado eu, por sorte! Apertas moitas e coma sempre (e nunca vai ser abondo dito) grazas transatlánticas!Débora
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 1 semana
7 comentarios:
Alégrame moito ademais saber que os libros que cita Débora estaban na miña relación de recomendacións: O bosque das antas (Fdez. Naval), Pensa nao (Anxo Angueira) e No ventre do silencio (Méndez Ferrín).
Imos ter que facer unha quedada blogueira no Tortoni: esto non pode quedar así.
Pois non che está nada mal o Tortoni.Hasta de pode escribir no libro de visitas.Bonito o bandoneón que soa ó principio.Vou buscar na rede algo de Astor Piazzola,pra escoitar namentras...
TORTONI
Francamente, se len e comentan "No ventre do silencio" e non son falantes habituais, o seu mérito e entusiasmo deben ser grandes. Gustaríame, por outra banda, seleccionar como cita "Canto me alegra que o Roteiro Blanco Amor empece a ser coñecido, mesmo en Buenos Aires", e comentalo.
Supoño que os da idea do Roteiro Blanco Amor deben andar polo blog, incluso posiblemente Marcos sexa un, ou o único promotor. Ben, pois desde hai camiño de dez anos, e no meu instituto, primeiro os alumnos de "Literatura Galega" de COU e despois os de "Literatura Galega do Século XX", en 2º de Bac, case todos os cursos realizaron unha visita a día completo, pola mañá ao Pazo de Trasalba e pola tarde ao Roteiro d' "A Esmorga". Puxera eu en marcha esa actividade e agora é case tradición.
Sabelo supoño que tamén será motivo de satisfacción.
Está moi ben esa idea -e non digamos xa en Buenos Aires e con libros galegos- de ter un grupiño de amigos que se reunen a comentar un libro mentres toman un café nun local tan acolledor e con tanta tradición como o Tortoni.
ROTEIRO BLANCO AMOR: Para XMG. Moito me alegra o que di vostede do Roteiro. A idea naceu no Clube Cultural Alexandre Bóveda e Afonso Monxardín máis eu encargámonos da redacción do folleto e da planificación xeral. Benito Losada encargouse da intendencia e falou co artista Manolo Figueiras, que colaborou desinteresadamente, como moita xente máis. O concello tamén apoiou dende o principio e no primeiro Roteiro ata asistiu don José Luís Baltar (débolles unha gran anécdota sobre isto: non me esquecerei). Dende aquela o Roteiro ten vida propia e hai centos de visitas: colexios, grupos de turistas, o Liceo agora todos os anos, etc. O ano pasado fixémolo cun grupo de profesores italianos convidados en Auria.
Eu teño ido con moitos institutos da man de profesores amigos (da Coruña, Compostela...). Por suposto encantaríame acompañalo a vostede,XMG, e ós seus alumnos nalgunha ocasión: só ten que avisar cuns 15 días de antelación.
Non imparto agora esa materia, pero o ofrecemento será puntualmente posto en coñecemento dos directamente implicados. Sería boa estragar tal posibilidade.
Publicar un comentario