Mostrando entradas con la etiqueta publicidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta publicidade. Mostrar todas las entradas

4 feb 2009


Hippies.
pan por pan 4-2-09

E logo que lle farían ós creativos da publicidade os hippies? Coinciden nas televisións dous anuncios, non sei se creados pola mesma man. que utilizan o movemento hippie como escusa: un dunha canle privada de TV e outro dunha marca de embutidos. Neste último o fillo rebélase contra o vexetarianismo dos pais e peca contra as raíces comendo unhas rebandas de xamón cocido. A linguaxe publicitaria usa o humor e o rexistro da parodia, pero aquí a caricatura é moi bruta: os hippies parecen parviños ou fumados que só saben mover a cabeza como os canciños decorativos que se levaban antes nos auto móbiles. O movemento hippie ten moitas variables a considerar: o pacifismo, o orientalismo, a música e a poesía, as drogas e a defensa do amor libre, etc. Defendía o hedonismo e rexeitaba o consumismo. Pero agora alguén lembrouse deles para todo o contrario. Serán os danos colaterais da crise.

22 ene 2009


Espartaco - Quintana

Pero, se lles apetece, xa poden ir opinando.
ANDOLIÑA 23-1-09
É unha das escenas inmortais da historia do cine, na maxistral Espartaco, de Stanley Kubrick. Nunha paisaxe montesía repousan os escravos vencidos e encadeados. O xeneral romano quere saber quen é Espartaco, o líder da revolta. Tony Curtis, pesaroso, mira cara a Kirk Douglas. Este érguese dicindo Eu son Espartaco. De inmediato fan o mesmo dous compañeiros e logo un cento deles, todos co mesmo berro.
A secuencia tivo éxito en terras galegas. Primeiro inspirando o Vivamos como galegos, de Gadis, e agora co Eu son Anxo Quintana, da precampaña do BNG. Xa se fala do caso nos telexornais españois: o obxectivo de chamar a atención está logrado. O anuncio, con todo, dista de ser perfecto, sobre todo porque os protagonistas son actores galegos habituais na comedia televisiva galega e isto impide manter o ton épico orixinal. Quizais se buscase un rexistro de parodia, pero isto, se sae mal, é perigoso tratándose de publicidade electoral.
O que é certo é que o anuncio provocou o debate, para ben ou para mal. Está nos blogs e nalgúns mesmo se critica o seu suposto carácter mesiánico. O único que sucede é que a publicidade política véndese coas mesmas armas que as lavadoras. Aínda que sexa do BNG.

6 nov 2008


Vixilancia e acoso
andolñiña 6-11-08

Hai debate nos medios e nos faladoiros televisivos sobre esa multiplicación de cámaras de vixilancia nas rúas que aparecen como fungos por todas partes. Invocando o deus supremo da Seguridade, xa nos obrigaron a resignarnos a ser gravados continuamente como sospeitosos delincuentes: o éxito definitivo do Gran Irmán. Que pasará pola cabeza dos vixilantes encargados de espiarnos paso a paso, que nos contemplan nas pantallas como míseras formigas desorientadas?
Oxalá puidésemos estar tranquilos nas nosas casas. Pero nin iso. Aí están os vendedores e comerciais de todo tipo, a importunarnos decotío con seguros, telefonía ou servizos bancarios. Eu xa hai tempo que decidín ser maleducado con esta nova forma de acoso á nosa intimidade e contesto cun simple "Non me interesa" que corta calquera posible diálogo. Porque tamén é mala educación que te chamen da mesma empresa varios días seguidos co pretexto de que son servizos arrendados e cada un deles chama pola súa conta. Hai uns días chamou un comercial dun banco que parecía saber máis da miña economía ca min. E dábame consellos para gastar os cartos, reformando a casa ou cambiando de coche. A min tamén me pareceu outro maleducado.

6 jun 2008


Símbolos e nacionalismo.
O Bloque colorea de azul a súa estrela vermella.

Segundo conta hoxe LVG o BNG de Quintana afronta o cambio máis radical da historia do nacionalismo de esquerdas: eliminar a estrela vermella, símbolo revolucionario utilizado cando menos dende os inicios do 76 (nas orixes da AN-PG). E o dito vai sen ningunha ironía: a polémica está servida. Calquera que saiba o significado que teñen os símbolos entre as bases nacionalistas, pódese decatar do arriscado desta decisión.

18 ene 2008


O que non fixeches.
Pan por Pan venres 18 xaneiro. Imaxe: Courbet, retratado por si mesmo.
Neste mundo acelerado e fragmentario no que vivimos, só quedan son as mensaxes breves, emotivas, precisas. Así funcionan as campañas electorais e a publicidade comercial. Un anuncio de TV presenta un individuo que ten unha avaría no coche e é recollido por un camión con guindastre e logo aparece nun novo lugar. Pregunta onde está e dinlle: “É o lugar das cousas que nunca fixeches”. Logo vanlle presentando: a noiva que non tiveches, a viaxe que non realizaches, a profesión que non tiveches, etc. Ó remate anuncian un automóbil, pero prescindamos diso. O anuncio fai pensar. Podería seguir así: os libros que non liches, a música que non escoitaches, as paisaxes que non coñeciches nin soubeches apreciar, as películas que non viches, os cadros que non pintaches e así ata o infinito. Non, non será por un automóbil que eu sinta nostalxia dos tempos non vividos.

14 oct 2007




Como galegos (épica de supermercado)
Pan por Pan domingo 14 outubro

Arrasa no You Tube, nos blogs e en todas as webs de Internet: o anuncio da cadea Gadis titulado Vivamos como galegos”. Dende logo os publicistas acertaron: eu diría que é o anuncio necesario neste momento. Iso debe explicar que xa houbese máis de 170.00 descargas na rede dunha simple mensaxe en principio comercial. O anuncio subliña todos os xeitos de ser máis positivos do galego (relativismo, comidas e festas, sociabilidade común, etc.) e mesmo se permite unha gran arenga épica final estilo “Braveheart”. Remarca a imaxe galega da empresa e despide optimismo por todos os poros: “como aquí en ningún sitio, a xente aínda é amable”; “onde a xente non é fea, é riquiña”, etc. E esa é a función principal da publicidade: vender unha imaxe amable. Neste país, tan necesitado de lecturas en positivo, unha dose de hiperoptimismo tampouco sobra.

Que falen de un...
Pan por Pan 16 outubro

Sigamos coa épica do supermercado, pois así lle chamei no meu blog ó anuncio de Gadis. Moita xente está entusiasmada con esta campaña e seica o vicepresidente da Xunta falou dela esoutro día. Hai, con todo, obxeccións. Algúns lembran que o empresario que está detrás, Tojeiro, é o mesmo da polémica Reganosa e insinúan que estamos ante un lavado de imaxe da empresa. Outros apuntan posibles pegadas doutros anuncios semellantes: son evidentes as coincidencias da segunda parte coa publicidade dunha cervexa arxentina (Schneider), por non falar do espírito próximo doutro spot canadiano. A arenga a cabalo do heroe, inspirada en Braveheart, ten tamén antecedentes no Espartaco de Kubrick: Kirk Douglas dirixíndose ó seu exército de escravos. En calquera caso, os publicistas conseguiron un éxito indiscutible: aquilo de “Que falen de nós, aínda que sexa ben”.